Cristina Peri Rossi, poeta, novelista e ensaísta

"As grandes novelas do século XX escribíronse no cine"

1 Xullo de 2005
Img entrevista listado 355

Deixou Uruguai obrigada pola situación política do país en 1972, e agora hai máis de 30 anos que vive en Barcelona. Pódese volver ó lugar de antes do exilio ou pérdese irremediablemente no camiño?

Volver estritamente nunca se pode volver. Podes volver ó lugar xeográfico, pero non ó tempo, e o que un quere realmente é volver ó tempo que deixou. Hai 30 anos nos que eu non vivín en Uruguai; fisicamente o lugar é o mesmo, pero mudou o tempo, mudei eu. Agora estou ben, non penso en volver. Desde o punto de vista legal, xa non son unha exiliada, pero metaforicamente o exilio é “estar fóra de”, e como non estou de acordo co sistema político no que vivo, nin coa economía na que vivo, nin con moitas cousas do mundo no que vivo, podo dicir que estou exiliada dalgunhas cousas. En xeral, creo que o lugar da escritura é o lugar do exilio, o lugar da observación, do non-integrado; se eu non me integro, podo observar mellor. Para o escritor é un lugar difícil, complicado para vivir, pero é moi fecundo literariamente.

“Un xeito de falar é un xeito de sentir”. Que significa para vostede a lingua, no seu caso española, e con ela o seu acento -uruguaio-, amais de ser o instrumento de traballo?

O acento non o perdo, non o cultivo, pero forma parte de min e da miña identidade. Síntome rara cada vez que falo outra lingua. Fun tradutora de francés moitos anos, pero cando o falo síntome outra persoa. Cando un se exilia ten que haber unha illa na cal mantén a súa identidade, algúns pequenos redutos que teñan que ver co que un foi, para que o exilio non signifique unha esquizofrenia, un corte radical no que un se torna outra persoa.

Moitos considérana a poesía intraducible. Vostede é poeta, e traballou de tradutora. Como ve as traducións dos seus poemas a outros idiomas?

Ás veces pelexei moito cos meus tradutores por atopar a palabra exacta que defina o que eu digo, sen atopala. Con todo, cando se traduce un poema recréase, e non por iso desmerece, aínda que hai casos límites, claro. Pérdese unha parte, sempre se perde a sonoridade, e ás veces pérdese mesmo o ritmo, pero finalmente podemos gozar de grandes poetas que doutro xeito non poderiamos ler na lingua orixinal.

Que cousas lle faltan por contar e non quere deixar de facelo?

Non o pensei ós 20 anos, nin ós 40, pero agora penso en se paga a pena escribir certas cousas terribles que aconteceron, que se escriben para investigar a condición humana e, sobre todo, para comprender os casos límite. Por exemplo, sobre o período da represión en Uruguai e en Arxentina hai historias reais terribles, pero completamente novelescas, que permitirían crear grandes personaxes. Estou pensando seriamente: “Paga a pena o esforzo de poñerme mal, de poñerme en situacións psicolóxicas moi límite?”. Pénsoo a esta idade, porque parece que chega un momento en que a literatura e a vida están en oposición. Non se escribe polos cartos, nin pola sona. Ás veces sosteño que a Literatura é unha rama da Pedagoxía, pois hai no fondo un desexo de servir á Humanidade, de que os horrores retratados non acontezan “nunca máis”, como titulou Sábato a investigación sobre os desaparecidos en Arxentina, pero por desgraza a Historia demostra que todo se repite.

Podería existir un mundo sen literatura? É a literatura algo distinto á vida?

Nunca existiu un mundo sen literatura, pero a maioría da xente pode vivir sen literatura, le moi pouco, chegan a ser ricos, presidentes, xuíces, sen ler…. Agora ben, a xente que a min me interesa, le. Coido que ler enriquece, aínda que nalgúns casos tamén pode facer dano. De todos os xeitos, na actualidade está o cine, e eu penso que as grandes novelas do século XX se escribiron no cine, moito máis ca na literatura. A poesía, así e todo, é diferente, porque non se pode levar ó cine. Se cadra o que pasará no futuro é que exista unha especie de novelística comercial para entretemento, e despois quede a poesía como o territorio da intimidade e o espazo insubstituíble.

Un dos seus poemas di: “Escribo porque olvido / y alguien lee porque no evoca de manera / suficiente”. Establécese unha relación máis directa entre o lector e o escritor de poesía ca entre o lector e o escritor de novela?

O lector de poesía é o mellor lector, porque non quere que lle conten contos. A mesma linguaxe dicho: de “novela” saíu a palabra “novelería”, que é “parvada”, pero de poesía non pode saír nada. Faulkner dicía que calquera persoa de cultura media pode escribir novela. Abonda con colocar unha sucesión de feitos nun libro e tes unha novela. Pero un bo poema… ah, non, iso non o dá feito calquera… O lector de poesía é un soñador, é un melancólico, é un nostálxico dese ser completo que non temos. Nunca somos seres completos, sempre temos un sentimento de falta e é ese lugar onde está a poesía.

Coida que se viven bos tempos para a poesía?

Si, porque iso non ten que ver co número de lectores. E eu reparei en que a xente vai ós recitais de poesía, e que vai escoitar e pecha os ollos…, é como se nas sociedades por sorte máis ateas, o recital cumprise a función dos templos, do relixioso. Esa comunicación directa entre poeta e lector, entre a voz poética e o oínte, é moi necesaria, e por iso defendo que os poetas aceptemos esta función de lectura pública da poesía.

Inténtase que os libros sexan produtos de masas. Tanto importa subir o índice de lectura?, ou é o índice de venda de libros o que interesa?

É un índice de vendas, está claro. Hai unha relación sempre entre o mercado e a escritura. O que hai que intentar é manterse nunha zona de liberdade. O escritor saberá que elixe. A min moitas veces ofrecéronme un premio literario se escribía tal novela de tal xeito, e eu non a escribín. Eu defendo que, polo menos este, é un espazo no que fago o que quero.

Que opina dos críticos?

A función do crítico é moi importante se se orienta ben ó lector. A súa función é orientar cara ós reais valores da literatura. Pero eu pregúntome pola formación deses críticos: de onde saíron?, que estudos teñen? En ningún xornal sae a crítica a unha operación que fixo un médico ou a un señor que fabrica zapatos, e, pola contra, saen críticas ás veces desapiadadas a libros, ou libros moi importantes son pasados por alto, de xeito que non hai que tomar moi en serio ós críticos.

Como merca os libros doutros? Por que?

Como lectora guíome polo cheiro. Se abro un libro ó chou e a frase está ben escrita, mércoo. Se a frase rincha, non. A primeira obriga do escritor é o oído. Ten que ser un músico da lingua. En xeral, agora non leo moitísimo, lin moito na miña vida, pero chega un momento en que elixes, seleccionas. O curioso é que, como teño intereses moi diversos, podo pasar días enteiros lendo sobre as cousas máis heteroxéneas: xadrez, ópera, dinosauros…

Que faría para fomentar a lectura nos adolescentes?

O interese pola lectura ten que ser de orde afectiva e emocional. Xorde cando o mozo ou moza sente que os libros lle falan de algo que os concirne. Non se debe ensinar historicamente a literatura. A literatura ten que ser lúdica. Pódese iniciar ós estudantes con textos cheos de humor. Teñen que entender o que a literatura ten que ver coa vida, pero se comezan co Mío Cid, dificilmente o van entender. Doutra banda, eu poñería unha materia fixa de cine, faríalles ver certas películas, e a partir diso que lesen a novela da película.

Vostede foi profesora e foi invitada en numerosas ocasións a dar conferencias e cursos en varias universidades. Cal debe ser o papel da universidade hoxe en día?

A universidade tal e como está agora borraríaa do mapa. Non funciona, está esclerosada, non hai investigación real e existen demasiadas xerarquías. A universidade que eu desexo, e na que traballei antes do exilio en Uruguai, é unha universidade que ten que ver máis coa idea da paideia (educación) grega. A aprendizaxe ten que ser a través do diálogo e do traballo en común, pero non é o que pasa na universidade española.