Domingo Remo, Experto en temas fiscais

"As familias deben consumir, aínda que non a calquera prezo"

1 Setembro de 2013
Img entrevista 2 listado 119

Dende o inicio da crise, repítese unha e outra vez que hai que incentivar o consumo para crecer…, isto é certo ou supón pasarlle a responsabilidade ao consumidor?

O consumo interno, na parte que lles corresponde ás familias, é unha parte moi importante dentro do cálculo do PIB, e os seus nexos coa evolución da economía xeral son directos. Se as empresas non venden, teñen menos traballadores e xérase paro. É lóxico pensar que as familias deben consumir, aínda que non a calquera prezo. Non é viable un ritmo de consumo que se financia con débeda, como pasou en anos anteriores, pero si estou de acordo co consumo razoable que non necesita financiamento externo.

Incentivar o consumo para reactivar a economía, aínda que isto supoña aparcar o aforro, que consecuencias pode ter?

Hai que diferenciar dous tipos de consumo, o que cobre as necesidades básicas fronte ao prescindible. A factura da luz ou a cesta da compra son imprescindibles, pero ir de vacacións non. O aforro debe usarse para sobrevivir se non hai ingresos e, ademais, débese mellorar o gasto con técnicas de aforro adicionais para minguar o menos posible os nosos aforros. O problema a nivel macroeconómico chega cando a taxa global de aforro de todas as familias cae a niveis moi baixos, pois este aforro úsase para lles financiar o crédito ás empresas e ao resto dos sectores. E se as familias non aforran o suficiente, o crédito cae.

Recortes en educación, en sanidade…, en case todos os ámbitos. Din que así se freará a crise, pero non é máis positivo un maior gasto público?

Se analizamos a evolución do gasto público xeral en todos os segmentos, os recortes son meras faragullas, segundo o volume total de gasto comprometido. Pero é certo que hai recortes en partidas que afectan aos servizos públicos, como poden ser a educación ou a sanidade, ou mesmo as prestacións comprometidas, como son os salarios dos empregados públicos ou as pensións. E estes recortes non se destinaron a un aforro real do gasto, pois agora gastamos moito máis no pagamento de xuros de débeda pública ou ben inxectamos diñeiro subtraído dos orzamentos en salvar sectores coma o financeiro.

Falando de gastos, hai expertos que aseguran que os impostos son un mal necesario, que opina vostede disto?

Subir impostos non é un mal necesario, é o erro dos malos xestores que non souberon reconfigurar un sistema tributario máis xusto, con impostos máis baixos para todos e cunha maior recadación nos segmentos de rendas elevadas. Os impostos detraen de xeito directo parte da renda dispoñible dos cidadáns e das empresas e, cada euro que se paga en impostos, é un euro cuxa produtividade pasa ás mans do Estado. Subir todos os impostos é un lastre que carga a renda dispoñible das familias e que xera un maior volume de desemprego.

É unha boa idea afrontar cambios profundos, como a reforma das pensións, en plena crise?

A mellor reforma para o sistema das pensións é lograr unha taxa de paro cero. A nosa Seguridade Social ten problemas para pagar as pensións porque hai unha taxa de paro do 26 % e as pensións páganas os traballadores. Se a taxa fose do 4 %, o debate das pensións sería absurdo en principio.

Como pode convivir o optimismo que tanto se demanda dende as institucións coa realidade dos fogares nos que non hai ningún ingreso?

Un fogar nesa situación é un drama social. Que sorriso pode ter unha familia que non chega a fin de mes ou que está ameazada con ser expulsada da súa vivenda ou con que lle corten as subministracións? Cando unha persoa queda en paro, debe intentar reengancharse ao mercado laboral canto antes, no sector que sexa, na poboación que sexa e en circunstancias que lle permitan xerar algún tipo de ingreso. Hai sectores que necesitan emprego, como poden ser o agrario ou o pesqueiro, temos segmentos e cidades que realizan contratacións e temos que explotar o que sabemos facer e buscar algún oco no mercado. Cada familia ten unha casuística concreta, pero non se debe tirar a toalla.

Ata cando cre que é sostible esta situación?

Unha taxa de paro como a actual, coas súas consecuencias sobre as familias, non é sostible. Se chega o punto en que moita xente o perde todo e non hai alternativas, o sistema actual romperá, con toda a lóxica do mundo.

Hai unha receita contra a crise?

Non creo que haxa unha fórmula máxica para superar a crise, pero o que si hai é un bo paquete de medidas que poderían axudar. É necesario un recorte serio dos gastos públicos non produtivos. Aínda que sexan pouco máis ca simbólicos, deben facerse por dignidade e solidariedade: teléfonos, tablets, vehículos oficiais, pensións vitalicias dos políticos… Ademais, temos unha estrutura de gasto público que entra en demasiadas frontes. Baixo o meu punto de vista, abonda con defensa, xustiza, sanidade, educación e pensións públicas para todos. O resto do gasto público debería paralizarse ou reducirse.