Modesto Lomba, deseñador e presidente da Asociación de Creadores de Moda de España

"As avoas aprecian mellor cás mozas un bo patrón na roupa"

1 Xaneiro de 2002
Img entrevista

Estamos en época de rebaixas, ¿como suxire que as afrontemos?

En rebaixas, coma en calquera compra de roupa, convén ollar na etiqueta a composición, a marca e o prezo. Con estes tres datos hai que face-la conta, agora en euros, para calcular qué imos mercar e a qué prezo. Atoparemos boas oportunidades, pero non esquezamos que a calidade se paga. En calquera caso, deberiamos mercar de maneira racional, sen facernos falsas expectativas e buscando o que precisamos.

Vestir é unha necesidade, pero ¿ata que punto a moda se converteu nun mero consumismo e nun símbolo cultural?

A moda fúndese coa cultura e a propia historia explica este vínculo. Pártese da necesidade de cubri-lo corpo, aínda que axiña aparece o concepto estético: fuxir do espido con bo gusto e co obxectivo de agradar ós demais. Na era dos descubrimentos os tecidos pasan a ser esenciais: a ruta da seda e a do liño son dous exemplos. E as fábricas téxtiles convertéronse en símbolos da revolución industrial e da liberación da muller. Pero a revolución definitiva no mundo da moda viviuse a comezos do século pasado, que é cando aparece a figura do deseñador, un profesional abstraído do mundo do corte e a confección e que procede de calquera ámbito. Empézase a distingui-la parte creativa da industrial, xa non son os modistas e xastres os que deciden qué elaboran, porque antes está o labor do deseñador que crea a moda. Pero non confundamos moda con deseño. Se ben a moda é efecto do deseño e provoca novos consumos, o deseño non se limita a xerar novas ideas para ser consumidas, a súa función é menos efémera e máis fonda, xa que nace dunha actitude creadora.

Daquela, ¿que é o que se ve nas pasarelas e para que lle serve a un consumidor contemplar esas glamourosas postas en escena?

As pasarelas son escaparates, é o xeito de comunica-lo que se está facendo no campo da moda, hai que velos como un acto cultural, como unha expresión creativa. Cando subimos a unha pasarela non estamos pensando en vender, para presentar comercialmente as coleccións organizamos outros encontros. Na pasarela expóñense criterios, gustos, personalidade e conceptos.

Nos anos 80, mesmo nos primeiros 90, as pasarelas escandalizaban, os desfiles rompían e as propostas eran transgresoras. Agora, parece que a creatividade é máis conservadora.

Os anos 80 foron moi atrevidos e creativos. Agora, a sociedade é máis conservadora, non quere cambios, busca a tranquilidade. De tódolos xeitos, romper é o labor dos novos deseñadores, teñen que ser eles os que sorprendan.

Precisamente, esa xuventude demanda e non atopa centros de formación, coma os que existen en Italia, para ser un profesional da moda. Vostede suxeriu que se levase á Universidade esta formación específica. ¿Que hai daquilo?

Trátase non tanto de outorgarlle cariz universitario coma de forma-los profesionais a nivel superior. Ademais, e isto descoñécese, a industria da moda ten unha gran capacidade de crecemento e de xerar postos de traballo, só hai que ve-lo caso de Italia e Estados Unidos. O noso país non ten unha engrenaxe industrial básica seria, falo de directivos, xestores, estilistas, xastres, comunicadores… A nosa Asociación promove cursos dirixidos a estes mozos que queren facer da moda a súa profesión.

Na última década, os novos deseñadores defenderon a estética minimalista: o negro, o branco e, ante todo, a contención e a sinxeleza. ¿Este minimalismo é un período efémero ou, pola contra, un movemento artístico xa consolidado?

O minimalismo evolucionará como o fixo o Barroco ou o Romanticismo, porque é un movemento artístico e como tal rematará morrendo, pero non sen antes impregna-la súa filosofía en ámbitos máis alá da moda: o fogar, a música… e mesmo a gastronomía. Pero pasará aínda que non xurda ningunha corrente coa forza suficiente para desprazalo.

Outra característica do final de século é o abaratamento do deseño, a roupa barata pero co valor engadido da moda máis emerxente.

O consumidor sabe cándo está pagando barato e non se engana co falso luxo. O mercado simulou que se poden atopar tecidos de calidade a baixo prezo, pero non é tan certo. Cando mercas unha prenda barata debes ser consciente de que a súa vida útil vai ser curta. O que acontece é que hoxe se lle engadiu imaxe e deseño, e aí queda de manifesto un problema: o deseño non é un copyright que se poida rexistrar.

¿Como lles senta ós creadores a popularización do deseño de elite?

Preocúpanos pouco, porque segue existindo o consumidor que non quere mercar falsificacións nin imitacións. Pero preocúpame que se perda a zona intermedia mentres que sobrevive o barato que é copia e o caro que é orixinal. Ó final é consumo ou alto consumo, a posibilidade de mercar unha litografía de Picasso ou un Picasso; os dous teñen valor, pero a diferencia é abismal. A pregunta que se ten que face-lo consumidor é se lle gustaría ter unha prenda dunha marca de prestixio, e saber se se pode permitir tela.

A calidade, ¿vai unida ós tecidos naturais?

Nós investigamos con novos tecidos, pero a nosa base segue sendo o clásico: as boas las, sedas ou liños.

¿E onde cabe a obsesión de Balenciaga: o patrón?

É a estructura, a raíz de todo o traballo. O deseño dos patróns é un traballo arquitectónico que responde a unha investigación: ónde está a pinza e ónde está o corte, que se une á mestría de manexa-los tecidos clásicos e outorgarlles novos volumes, que xurdan prendas diferentes… Aínda que traballes con novas tecnoloxías, a xastrería segue sendo saber cortar. Precisaríase un máster para forma-la xente nova no coñecemento do que é un bo patrón. Non viviron a época na que o importante era un bo tecido adecuadamente cortado. Cando unha noiva vén ó noso estudio, se está acompañada pola avoa sabemos que a comunicación vai ser máis doada e que o traballo se vai entender.

¿E qué nos di da relación entre moda e anorexia?

É un tema que comeza a estar superado. Asocia-la moda con esta enfermidade xerou un interese morboso dos medios de comunicación, pero os feitos demostraron, e certificárono os médicos, que a anorexia é unha enfermidade demasiado complexa e seria como para atribuí-la súa incidencia ou aparición ó feito de que os deseñadores de moda ofrecesen determinadas imaxes. Non temos tanto poder. O problema da anorexia é grave, e dicirlle a unha nai que a enfermidade da súa filla a provoca que as modelos sexan delgadas non lle fai favor ningún, e non reduce o seu sufrimento.

A moda xa non é só roupa, está en tódolos lados: complementos, decoración, perfumes, útiles domésticos…

É que o deseñador deixou de ser un artesán, e o seu traballo é máis xenérico. Hai deseñadores de moda que proceden da arquitectura, a enxeñería ou a filosofía. É un analista do gusto que remata facendo de todo, porque o deseño chega a todo. A marca dun deseñador pode xerar moitos productos. Eu animo ós empresarios a que se lancen neste terreo, temos moi poucos copyright. O deseño italiano, é iso, deseño en tódolos ámbitos. Debemos face-las nosas propias licencias.