Mariano Chóliz, profesor de Psicoloxía na Universidade de Valencia e asesor de Pais 2.0.

"As aplicacións de control parental poden evitarlles problemas graves aos mozos"

1 Febreiro de 2016
Img entrevista listado 1083

Usar internet pode ser perigoso para os nenos e os adolescentes?

As TIC, con internet e o móbil á cabeza, son extraordinarios e un dos principais desenvolvementos tecnolóxicos da historia da humanidade. Melloran a nosa calidade de vida, favorecen as relacións sociais e son un elemento democratizador que axuda a compartir coñecemento. Con todo, tamén son ferramentas poderosas que, utilizadas dunha forma disfuncional ou malsá, poden chegar a producir o efecto contrario: adicción (que a tecnoloxía non sexa unha ferramenta que utilices ti, senón que goberne as túas accións e sexa ela a que te controle) ou ciberacoso (usar a tecnoloxía para lles facer dano a outras persoas).

Segundo o Barómetro Audiovisual de Andalucía, un de cada tres fogares con menores de 13 anos non lles impón regras nin límites para o uso da rede. Está a favor do control parental do móbil e de internet?

O control (e o autocontrol) son necesarios. Os menores poden ser hábiles no manexo das tecnoloxías, pero de ningún xeito o son do control do seu propio comportamento. A tecnoloxía favorece accións rápidas e consecuencias inmediatas, o que esixe que quen as manexe teña desenvolvidos eses procesos psicolóxicos que, por definición, aínda non se desenvolveron por completo na adolescencia. Velaquí o risco de internet e das tecnoloxías.

Segundo un estudo da consultora BergInsight, en España os pais xa descargaron un millón de aplicacións para vixiar o móbil dos seus fillos, desde localizadores GPS ata aplicacións que permiten coñecer as mensaxes de Whatsapp que envían os rapaces, a quen chaman e que webs ven. Utilizou vostede aplicacións de bloqueo do móbil para controlar as súas fillas? Recoméndaas?

Se eu lle preguntase se é lexítimo ler a correspondencia ou escoitar as súas conversacións telefónicas, probablemente me respondería que é algo que só habería que facer cando sospeitas que ocorre algo máis grave ca ese asalto á súa intimidade. Coas aplicacións de control parental, a cousa é parecida. Que existan é bo porque poden evitar problemas graves. Iso si, hai que utilizalas só cando hai sospeitas razoables de que, a través de internet, alguén está a cometer un atropelo contra a dignidade ou o benestar do menor. E, se é posible, co seu consentimento.

Entón, bloqueo ou educación sobre internet?

O imprescindible é ensinar a usar as tecnoloxías de forma saudable. Espiar non é ningunha opción razoable, excepto con indicios dun mal maior que afecte a seguridade ou os dereitos. Pero as aplicacións de control parental deben existir porque poden ser necesarias.

Porén, máis da metade dos pais non lle dedica máis dunha hora a educar os seus fillos sobre como han de protexer a súa privacidade na rede, tal e como conclúe unha enquisa realizada por Mozilla. Que tres recomendacións daría?

A primeira vai dirixida aos pais, que teñen a responsabilidade de educar os seus fillos, xa que os nenos aínda non teñen desenvolvidas as capacidades de control da súa conduta nin saben o alcance das súas consecuencias. A segunda está dirixida aos menores que, malia que son nativos dixitais, non son programadores informáticos. Esa falsa sensación de mestría no uso das tecnoloxías pode incitar a condutas de risco. E a terceira é que o usuario debe controlar o uso da tecnoloxía, decidir cando usala, para que e canto tempo. Non ao contrario.

Europa aprobou unha reforma de lei de protección de datos que implica que os menores de 16 anos poderían necesitar autorización dos seus pais para acceder ás redes sociais. Que opina?

É excesivo. De feito, a maioría dos menores usan unha rede social antes dos doce anos. O urxente é retirar as cláusulas abusivas das empresas propietarias das redes sociais para poder ter acceso á información persoal e á propiedade dos datos dos usuarios.

Segundo un informe elaborado por MacAfee, o 70 % dos rapaces admite que atopou fórmulas para escapar ao control parental. Que opina?

É normal que os mozos atopen formas para saltar o control parental, se entenden que os estamos espiando ou asaltando a súa intimidade. Se lles fixésemos entender que o control do móbil é necesario para evitar o acoso, pola súa propia seguridade e benestar, e que só se usará en caso necesario, non creo que tivesen moito interese en saltalo.