Nieves Rey, directora de Comunicación Corporativa e Márketing de Ecoembes

"A reciclaxe non é un negocio, é unha necesidade social"

1 Outubro de 2016
Img entrevista 2 listado 335

Que ocorre cos residuos despois de deixalos no colector?

Os do colector amarelo recólleos o camión do noso concello e lévaos a unha das 94 plantas de tratamento repartidas por toda España. Os do colector azul van a unha papeleira onde se aproveitan (o 80 % do papel prensa ou papel periódico diario comercializado en España vén dese papel reciclado) e o vidro vai ás vidreiras, onde se xeran novos envases. Nestes dous últimos casos, os residuos van directamente aos recicladores. Non fai falta o paso intermedio do amarelo (as plantas de tratamento) para separar os tres tipos de materiais dos envases recuperados: plástico, metal (aluminio e aceiro) e briks.

En que consiste este paso intermedio?

Nestas plantas de tratamento sepáranse os materiais e despois lévanse ao seu reciclador correspondente (hai máis de 250 homologados) para converterse nunha nova materia prima e empezar outra vez o círculo da reciclaxe. Por iso, non me gusta falar de lixo, senón de residuos como recursos que se transforman no que eran ou mesmo en algo mellor. A gran idea que soa agora desde Europa, a economía circular, sinálanos ás empresas e aos gobernos que os residuos xa non teñen que enterrarse.

Como funcionan estas plantas clasificadoras?

É como unha habitación desordenada que hai que ordenar en paquetes. Nestas plantas moitos traballadores encárganse de que o reciclador reciba perfectamente organizados os materiais. Alí hai operarios, técnicos, responsables de calidade, “triadores” ou encargados de separar os materiais etc. Revísanse os materiais por se teñen algunha diminución ou impureza, lávanse e fúndense para que poidan aproveitarse de novo. Nalgunhas plantas faise de forma manual e, a medida que se modernizan, de forma automática.

Cantas persoas traballan na reciclaxe?

Só os que temos contabilizados ao redor do colector amarelo e azul son 9600 empregos directos e uns 42.000 indirectos. Na actualidade, é unha industria moi potente e profesionalizada que creou postos de traballo que antes non existían. Non é coma antes, cando se vía este sector como algo informal. Agora hai xente traballando en innovación para facer materiais biodegradables, sensores nos colectores para saber se están cheos e facer a recollida máis eficiente etc. É un nicho de emprego verde que segue crecendo.

Aprovéitase todo o que se recolle nos colectores?

Si, senón non habería tantos camións pola rúa, tantas plantas de selección e reciclaxe, nin tantos postos de traballo e infraestruturas. Os procesos optimízanse para que, por exemplo, unha planta de reciclaxe de plástico PET recupere incluso os tapóns que non son deste material para xerar outras aplicacións.

Son frecuentes os fallos na recollida dos colectores, como pode ser mesturar nos camións os diferentes residuos?

Non. Pode ocorrer nalgún caso illado, hai moitos camións e medio de millón de colectores. Se nalgún momento algún concello ou algunha contrata non o fai ben, témolo que denunciar entre todos. É a típica escusa de quen non quere reciclar para ocultar a súa mala conciencia, pero non ten sentido porque está todo ben organizado.

Que debemos facer se vemos algo que non se fai ben?

Calquera situación, como colectores desbordados ou insuficientes, camións que non pasan frecuentemente etc., debemos comunicalo ao noso concello, que é normalmente o responsable da recollida. Para iso pódense utilizar as canles clásicas ou mesmo as redes sociais. Ver unha cidade limpa fai que a xente participe máis.

Os críticos coa reciclaxe argumentan que este é un negocio que beneficia unhas empresas e que somos os cidadáns os que lles facemos o traballo.

A reciclaxe serve para todos, tamén para o medio ambiente, e é das mellores cousas que podemos facer para coidar unha cidade. Non é un negocio, é unha necesidade social que serve para conseguir novos materiais, aforrar enerxía, auga, crear postos de traballo etc. Todos queremos unha cidade limpa e a reciclaxe contribúe a iso. Os seus primeiros beneficiarios son os cidadáns.

Que podemos facer os cidadáns para que mellore a reciclaxe?

Crer niso e que se converta nun hábito automático, como cando poñemos o cinto de seguridade no coche. E se o facemos todos avergoñaremos o que non recicle, e conseguiremos que se asuma como un xesto de bo cidadán. Esta conciencia é cada vez maior, nunca antes o medio ambiente importara tanto. Agora o que cómpre é asentalo e seguir empuxando.