Albert Monteys, director do semanario satírico 'El Jueves'

"A nosa única misión é tomar o pulso á sociedade e caricaturizala"

1 Abril de 2006
Img monteys listado

A medio camiño entre a literatura e a pintura, o cómic está relegado a ser xénero menor. ¿É ese o seu sitio?

O cómic é unha expresión que se pode etiquetar como cultural, artística ou literaria, dependerá de quen queira facelo e con que intencións. Desde as covas de Altamira o home sérvese do debuxo para narrar, os exipcios usaron os símbolos coma linguaxe e os orientais teñen como alfabeto os ideogramas. Non hai dúbida de que é unha ferramenta interesante para contar historias. Ademais, quedou patente o eficaz que é como xénero para os medios de comunicación. A xeración que comeza a dirixir periódicos recoñécese na linguaxe do cómic e concede importancia á capacidade que ten unha viñeta para transmitir unha noticia, unha idea ou unha opinión. Iso permite que se lles asigne un espazo destacado nas páxinas das publicacións, espazo equiparable por veces ao de sinaturas prestixiosas e mesmo co do editorial.

Con todo, moitos téñeno por unha linguaxe infantil.

O encontro do tebeo co público infantil é indubidable, pero tamén é unha linguaxe que cativa o mundo adulto. Quizais porque é quen de ofrecer máis aló dunha primeira lectura e agocha intencionalidades falsamente inocentes. No fondo, coido que todos temos unha infancia á que regresamos. Non é necesario que o digan sisudos psiquiatras para nos decatarmos de que as sensacións máis fortes son as que nos devolven á nenez. E o cómic conecta con ela a través dun vencello afectivo que reconforta.

Tamén se tacha de expresión populista ou subterránea.

/imgs/20060401/img.entrevista.02.jpg En certa medida, o cómic é iso: unha ferramenta da cultura popular que ten a capacidade de contar historias en formato barato. O cine tamén as conta, pero é moi caro. A perda deste sinal de identidade -ser baratos, ser da rúa, ser mordaces, ser vozarrón social e musical…- levouno a sufrir unha crise importante a finais dos anos 90. Centos de revistas, publicacións, fancíns e fotocopias que foran testemuños de primeira liña do que se cocía en moitas ordes da sociedade perderon a súa orientación. Os tebeos convertéronse nun obxecto elitista, só se atopaban publicacións caras distribuídas en circuítos minoritarios. Agora o cómic volve aos quioscos e comeza a recuperar o seu sitio, que é masivo e plural. Non ten que arrastrar o complexo de saber que nunca formará parte dun Museo de Arte ou dun Arquivo Histórico, ese non é o seu lugar.

Na maioría das ocasións as viñetas están vinculadas co humor. Todo pode ser obxecto de burla?

As ganas de brincadeira son directamente proporcionais á seriedade coa que se queren revestir algúns personaxes ou algunha institucións. A non ser as desgrazas persoais, que non teñen graza, mírense como se miren, todo o demais pode ser visto en clave de humor. Ás veces negro ou acedo, ás veces poñéndote de parte da vítima, tomando partido, pero intentando rirte. Ocórreseme a violencia doméstica como exemplo. É un tema de actualidade, que afecta a toda a sociedade e non podemos estar calados. Pero buscamos o sorriso cómplice, non ferinte, e en todo caso respectuoso. Na súa descarga direi que os debuxantes adoitan ser moi conscientes do límite e son eles quen o marcan.

¿Hai temas tabú?

A liberdade de expresión está tan presente na nosa profesión que non se cuestiona. En ‘El Jueves’ tivemos chamadas de atención, poucas, ligadas sobre todo á Igrexa e á Casa Real, pero non nos sentimos amordazados. Coma calquera creador, artista ou comunicador, facemos o que coidamos que temos que facer.

Cómo lograron chegar a 1.500 números, preto de tres décadas ininterrompidas na rúa?

Sinceramente, non o sei. Cando se empezou a publicar ‘El Jueves’ eu non tiña nin 5 anos. Ao mellor seguimos aquí porque non nos facemos esa pregunta. O público percíbenos como independentes, sabe que a nosa opinión é nosa e non está condicionada por intereses externos. Logramos permanecer á marxe dos grandes grupos mediáticos, aínda que non o digo moi alto para que siga sendo así. Cando se encargan enquisas, que algunhas fixemos, descubrimos un lector heteroxéneo. Cómpranos o home de 50 anos de esquerdas, o trintaneiro liberal e o novo inconformista. Coinciden en que lles gusta rirse da realidade, mesmo cando esta non teña ningunha graza. Esa é simplemente a nosa única misión: tomar o pulso á sociedade e caricaturizala.

Cando un lector se achega a un tebeo, en qué debe fixarse máis, nos debuxos ou no texto?

Son dous elementos que se complementan. Conceder maior valor a un ou a outro dependerá da sensibilidade do lector e do seu gusto. Quizais de Mafalda rescate a súa mensaxe e de Mortadelo os disfraces. O que está claro é que ambas as partes deber ter calidade. Un bo debuxo con mal guión non funciona, e o mellor chiste, se se ilustra mal, estrágase. O autor sábeo e, por iso, moitas veces trabállase en parella. Un guionista inspira a un debuxante e viceversa. O seu éxito chegará se conseguen facer partícipe desa simbiose ao lector.

Como se logra esa sinerxía?

No meu caso, cando preparo a páxina que comparto con Manel Fontdevilla (coautor de ‘Para ti, que eres joven?, dúas pranchas semanais que satirizan o comportamento humano), decidimos xuntos a idea, que cada vez nos costa máis porque a nosa creatividade non é infinita, e despois cada un fai a súa tira. En escolas como a americana o traballo é moi autónoma, e quen ilustra faino sobre ideas concibidas por un escritor a quen probablemente nin coñece. Á maioría dos debuxantes o que lles gusta é contar unha historieta, non tanto pola militancia cara a unha expresión artística, senón polo uso do código que coñecen, neste caso o debuxo.

¿Canto de Monteys ten Tato, o personaxe que o lanzou á fama?

Ben, eu logrei rematar a carreira de Belas Artes para contentar os meus pais e a miña moza. Conseguín gañar o xornal facendo o que me gusta. Xa non me rebelisco para asegurarme de que estou en ‘El Jueves’, pero recoñezo que nos meus primeiros tempos chegaba á redacción, soltaba os orixinais e marchaba correndo para evitar escoitar a terrorífica frase de “rapaz, non volvas”. Con Tato teño pouco que ver, a idade quizais. Pero esa vella discusión de se os autores só poden falar daquilo que coñecen está superada. Se non fose así, só os vaqueiros poderían debuxar un western, e non habería ciencia ficción. O sentido común e a curiosidade son a inspiración máis poderosa para a imaxinación.

Tamén haberá un método, cómo conseguen reunir capítulos soltos ou historietas todas as semanas?

Cada personaxe de ‘El Jueves’ ten unha parcela temática. O propósito é intentar non taparse uns aos outros, aínda cando toquen a mesma idea. Os mércores reúnese o consello de dirección, decidimos as portadas. Se non hai consenso, o director, neste caso eu, opta por unha, pero todo o demais, incluído o editorial, resólvese en conxunto. Despois actúase como nunha redacción normal, recibindo orixinais, maquetándoos e enviándoos á impresión, só que a maioría dos autores están nas súas casas.

Ata que punto influíron as novas tecnoloxías na maneira de traballar?

Cambiaron positivamente todo. Nesta publicación, na que os piares fundamentais son debuxantes, é dicir, xentes esencialmente informais, poder recibir un formato definitivo unha historieta en tan só uns segundos, o tempo de descarga do correo, supuxo un paso de xigante. Acúrtanse os prazos de entrega e de posprodución, o que traducido significa que ‘El Jueves? pode estar máis ligado á actualidade.

Os puristas denuncian que na conversión do artesanal ao tecnolóxico se perdeu textura.

Se se refire a que se colorea con ordenador, é certo que as tintas son máis planas, pero séguese debuxando a man e o produto final é igual de satisfactorio. Ademais, a produción fíxose máis ecolóxica. Xa non se usa tanto papel nin tanto produto químico.

Vimos superheroes chegar ao cine. Mesmo Maqui Navaja, un personaxe de ‘El Jueves, tivo o seu momento de gloria na gran pantalla. O futuro é agora a animación?

O caso dos superheroes que chegan á pantalla é a demostración de que unha historia pode ser contada de moi diversas maneiras, e o cómic seguirá sendo fonte de inspiración como o é a literatura ou a realidade máis mundana. Respecto á animación, ten menos que ver coa nosa profesión do que a simple vista podería parecer. A súa maneira de usar o tempo é cinematográfica, e ademais, non se debuxa, deséñase. Son conceptos diferentes.

Agora que se fala tanto do futuro incerto das publicacións en papel, en competencia directa cos medios dixitais, ¿é beneficioso ofrecer contidos en Internet?

No noso caso foino, só que Internet aínda ten que evolucionar moito, e non sabemos que pasará. Polo momento, ao afeccionado do cómic pono en contacto coa produción mundial e con outros ‘rariños’ aos que lles gusta coleccionar exemplares de todo tipo. A nós permítenos manter unha interconexión co lector que é moi frutífera. En certa medida, vivimos da imaxe e, sen dúbida, ter unha web supuxo un valor engadido… e a posibilidade de que nos coñezan no mundo enteiro.

E enténdenos? As peculiaridades locais poden traducidas?

Nós non publicamos noutros idiomas, pero aínda que o concreto non sexa igual, a esencia si que o é. Astérix agocha moita crítica e alguén a perda non fai que desmereza a súa lectura. Sen dúbida os Simpson son unha caricatura dunha cultura moi diferente á nosa, e así e todo o seu éxito parece inesgotable. Aínda coas súas particularidades, ao final, os temas son universais.