Emma Infante, doutora en Bioética e Dereito Animal na Universidade de Barcelona

"A experimentación científica permite o sufrimento inxustificado de animais"

1 Outubro de 2015
Img entrevista listado 1055

É filósofa e enfermeira. Como se converteu en activista dos dereitos dos animais?

Primeiro, por razóns intelectuais. Son incapaz de entender por que se non pertences á especie humana perdes todos os teus dereitos. Como uns seres que o único que non teñen en común connosco é unha pequena porcentaxe de ADN están tan desprotexidos e por que os humanos sacamos moitas veces o peor de nós con eles? A profesión de enfermeira, ademais, enfrontoume a elementos como a vida, a morte e a compaixón. Por último, ser voluntaria na canceira de Barcelona fíxome dar o paso. Comecei a investigar e funme concienciando. Todo aquel que sufra ou que teña a capacidade de sufrir ten que ser protexido.

Os dereitos animais deben ser similares aos dos humanos?

Os dereitos son un invento. Intrinsecamente, nin os animais nin os humanos temos dereitos. Pero se recoñecelos serve para protexer os animais e que se respecte o seu dereito a non sufrir e o seu dereito á vida, entón, adiante.

Os animais son cousas, como di o dereito español? Son bens susceptibles de apropiación e de libre disposición por parte dos seus propietarios?

Os animais son cousas non só para o dereito en España, senón para a maioría dos dereitos do mundo. Por sorte, hai unha corrente animalista que quere acabar con isto e xa está presente en Austria, Alemaña, Suíza, a República Checa, Bulgaria e Francia. Tamén o dereito civil catalán recoñece que os animais non son cousas. O fito foi o artigo 13 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, que explicita que os animais son seres con capacidade de sentir. Isto xa debería marcar a lexislación de todos os países da Unión Europea. Pero os lexisladores non toman nota. Hai que lembrarlles contantemente que, máis alá de que os animais teñan ou non propietario, teñen sentimentos.

A reforma do Código Penal eliminou en 2010 o requisito de asañamento e tipificou os malos tratos animais como delito. É suficiente este cambio?

Por desgraza, non. Para un xuíz non demasiado sensible ás cuestións animalistas aínda hai moitos ocos por onde escapan sentenzas febles, contrarias ao sentido común e á sensibilidade animal crecente da nosa sociedade.

En España, hai 150.000 animais abandonados, segundo o estudo da Fundación Affinity, e máis de 500 denuncias por malos tratos. Como presidenta da asociación Futur Animal, cal é a loita contra os malos tratos animais máis urxente neste país?

O obxectivo que me marquei é a fin dos colares de picos, de afogo e eléctricos. Este é un tipo de malos tratos oculto que sofre un de cada cinco cans en España. A xente utiliza estes colares por pura ignorancia; non só lles xeran moita dor aos cans, senón que tamén producen trastornos de comportamento que poden acabar no abandono e no sacrificio. Pode parecer un obxectivo pouco ambicioso, pero se o conseguimos mellorariamos o benestar de moitos cans en España. En Italia, na República Checa, en Barcelona e en Ceuta xa están prohibidos.

Está vostede a favor de experimentar con animais para fins científicos, de saúde e de avance no tratamento de enfermidades?

A experimentación científica permite o sacrificio e o sufrimento inxustificado de animais, moitas veces sen lograr unha repercusión no benestar de ninguén. O 90 % da experimentación podería ser substituída por modelos nos que os animais non sufran, aínda que isto obrigaría a ciencia a facer un investimento intelectual e económico. Hai un gran distanciamento do científico con respecto a eses seres que están nas súas mans. Se se permitise tomar conciencia de que os animais teñen sentimentos, probablemente se deixaría de investigar.

E é posible o avance da ciencia sen investigación con animais?

Non o expoño en termos de branco ou negro. A ciencia sería mellor ciencia se fose máis coidadosa á hora de introducir animais na experimentación.

Integrar os dereitos dos animais na nosa vida faría máis moderna a nosa sociedade?

Non sei se máis moderna, pero sen dúbida a nosa sociedade sería mellor. Temos que ser compasivos cos animais, cos máis vulnerables. Unha definición de humano que permita os malos tratos animais é unha definición deficiente. Os cans e os gatos que conviven connosco merecen o noso respecto. E, cando o consigan, os humanos gañaremos tamén como especie.