Juan Velarde Fuertes, doutor en Económicas, catedrático e conselleiro do Tribunal de Contas

"A dependencia do petróleo hoxe é menor ca nos anos 70"

1 Novembro de 2004
Img entrevista listado 307

Os medios de comunicación xeneralistas destinan cada vez máis páxinas e espazo a difundir novas sobre economía. A que se debe este interese?

Desde hai moitos anos, os venres pola tarde merco as flores da semana para a miña casa nun posto da rúa Lista. A dona escoita Radio Intereconomía, e un día non puiden deixar de asombrarme e preguntarlle por que tiña sintonizado aquilo. Respondeume que era unha emisora moi interesante porque a axudaba a manexar os seus aforros. Para min, este é un exemplo de que a cultura económica española aumentou. Antes, a información limitábase a cubrir o que acontecía na bolsa. Que hoxe en día a cidadanía atenda á actualidade económica con interese denota un cambio, sen dúbida positivo, pois axuda a que a xente actúe máis racionalmente.

Raciocinio que se bota de menos no tema da vivenda. Nos últimos anos edificouse máis ca nunca en España e, así e todo, a vivenda é máis cara e de difícil acceso. Que é o que falla?

A oferta ofrece prezos caros e a demanda acéptaos. Ó meu xuízo, isto acontece como consecuencia dunha desacertada decisión do Tribunal Constitucional, que considerou inconstitucional a Lei do solo de 1992 reformada en 1997. Esta lei consideraba que a regulación do solo era competencia do Estado e abría a posibilidade de edificar en calquera solo que non estivese protexido por motivos culturais, ambientais, cívicos, etc. O Alto Tribunal non o entendeu así e determinou que o solo fose regulado e controlado polas Autonomías e polos Concellos. Estes deciden restrinxir a oferta e liberar só aquel solo que queren que sexa urbanizable e ademais sinalan como, quen e canto pode ser construído. Isto encarece a oferta.

E que pasa despois coa demanda?

Esta restrición de solo coincide cunha demanda condicionada por tres cuestións. A primeira é que o solo se merca a prazos porque os tipos de xuro son moi baixos: “endebédome porque podo facelo, dado que os créditos son baratos, e xa irei pagando ós poucos”. A segunda cuestión refírese ó número de demandantes, que medrou nos últimos anos, e non só pola emancipación da xente nova: non podemos ignorar os inmigrantes, que ó primeiro o pasan mal, pero cando consolidan a súa situación económica tamén desexan unha casa en propiedade. E, en terceiro lugar, cómpre estimar a importancia que en España teñen as zonas costeiras. Amais de lle serviren ó veraneante para gozalas, estase consolidando o chamado “fenómeno Florida”. As vivendas consideradas como segunda residencia comezan a ser a primeira en uso para moitas parellas vellas de toda Europa, que queren pasar os últimos anos da súa vida nunha zona costeira. En definitiva, a demanda de vivenda seguirase producindo.

Esquivarase, daquela, a chamada burbulla inmobiliaria?

Moitas veces úsanse mal os termos ou esaxérase a realidade. A primeira burbulla financeira, acuñada como tal, produciuse no comercio dos Mares do Sur… hai xa varias decenas de anos. Daquela a xente investiu en valores para especular e houbo un momento en que aquilo que se vendía e mercaba era só a avaricia de gañar máis có outro. Para chegar a falar con propiedade dunha burbulla inmobiliaria hai que chegar ó límite, como aconteceu no Xapón hai escasos anos, cando o valor da superficie do palacio imperial de Toquio pasou a valer tanto coma todo o terreo de California. Mentres non se chegue a isto, non hai burbulla.

A xente é agora máis rica ou estáselle facendo crer que o é?

A xente ten máis cartos e máis poder económico, e tamén máis cultura e máis preparación. Nestes momentos, en España achegámonos ó poder adquisitivo dos primeiros países da Comunidade Europea, pero o que é máis importante, a distribución da riqueza, segundo o publicado no último informe do Banco Mundial, equipáranos á francesa e estamos mellor cós ingleses. Este dato é alentador.

Canto lle debe a creación de riqueza á tecnoloxía?

Moito. Se ollamos a nosa historia nos últimos vinte séculos, decatámonos de que na actualidade vivimos nunha situación radicalmente nova. Á sociedade de ata o século XIX poderiámola chamar case Neolítica. Poucas diferenzas había entre o habitante romano coetáneo de Xulio César e o francés de Napoleón. De feito, as batallas de ambos os militares e a súa maneira de entender a guerra é moi semellante. A primeira revolución industrial cambia o mundo de xeito radical. Despois, a revolución tecnolóxica dálle outra xiro. E agora, a revolución das telecomunicacións provoca, usando un termo matemático, un desenvolvemento exponencial. E segue acelerándose.

Agora ben, esta rapidez comporta unha vulnerabilidade tremenda. Bush confunde deflación e devaluación e causa unha forte caída do ien de xeito inmediato. As variantes económicas son tan fráxiles?

Os movementos financeiros son instantáneos. Isto é así como consecuencia da caída do Muro de Berlín, que envolve o mundo na tranquilidade, rebaixa aranceis, consolida a Unión Europea e permite a existencia dun só patrón financeiro, o Fondo Monetario Internacional. En definitiva, prodúcese o fenómeno da globalización. Por iso os políticos deben ser moi prudentes.

Fala do Muro de Berlín, pero agora é o 11 de setembro de 2001 o que parece marcar a historia. Tamén en economía está esa data sinalada en vermello?

Si, porque aparece unha situación nova no marco internacional motivada polas aspiracións do mundo islámico por estenderse. Lembremos que a guerra fría -na que se cadra non houbo batallas, pero que desde logo foi unha guerra- declarouse sinxelamente por un artigo asinado cun X (hoxe sabemos que foi o Departamento de Estado). Tralo ataque terrorista en Nova York atopámonos de novo nunha situación de conflito na que hai dúas partes.

Motivou isto a guerra de Iraq ou foron as razóns económicas?

En Iraq había un ditador nacional socialista árabe, Sadam Hussein, que se considerou perigoso para a extensión do fundamentalismo musulmán. Había intereses económicos, sempre os hai, pero coido que hoxe é aínda demasiado cedo para concluír, e sempre é máis prudente deixar que a historia xulgue esta guerra.

Falando de prudencia, incorrer en déficit público neste momento é positivo, ou recoméndase o axuste orzamentario? Ata que punto é errado saltarse a disciplina orzamentaria?

/imgs/20041101/entrevista01.jpgNon só é imprescindible o axuste, senón que eu recomendo o superávit. España é un dos países que ten un maior déficit exterior, da orde do 3% do PIB, que non se pode manter indefinidamente. Para arranxar esta situación temos dous instrumentos: bloquear ou baixar os salarios, algo impensable; ter superávit no sector público para poder pagar. Polo tanto, segundo o meu criterio, non temos moita marxe, gústenos ou non.

O primeiro ministro da India, Nehru, dixo que no seu país “eran tan pobres que non se podían dar o luxo de non facer ciencia”. España é tan rica que non a precisa?

Para España a investigación é fundamental, pero o investimento pasa por unha modificación educativa de base. Cando Hobbes, alá no século XVII, investigou o florecemento da industria téxtil de Manchester, chega á conclusión de que a saúde dese comercio é debida a que en Inglaterra se estuda ben Filosofía, o que produce bos matemáticos, o que permitirá que algúns sexan bos astrónomos que, á súa vez, investigarán como mellorar a navegación para que esta sexa segura e, así, garantir que os barcos cheguen a bo porto coa súa mercadoría, antes e mellor cós dos seus competidores. Sen dúbida, o investimento en educación é o mellor investimento económico. E esta, na miña opinión, debería ser máis esixente do que é actualmente. Os nenos e nenas están na escola para aprender.

Polo tanto, para fuxir da tiranía do petróleo, deberiamos ler máis a Platón?

A situación que vivimos agora non é idílica, pero nada ten que ver coa situación vivida nos anos 78 e 79. As súas consecuencias non son tan terribles, pois a dependencia da economía do petróleo é menor ca daquela. Os hidrocarburos son claves para os transportes e para a agricultura, pero non para a electricidade, por exemplo. Polo tanto, a repercusión do prezo do cru non está moi clara, pois cambiou a dependencia enerxética.

O que si está claro é que a incursión da muller no mundo laboral provoca unha revolución no sistema económico que aínda hoxe non está normalizado

Un emigrante noruegués nos Estados Unidos, Veble, que se converteu nun economista moi influínte no goberno, cóntanos como a muller sempre tivo unha función clave na sociedade, pero relegada a aquilo que o home quería. O varón reservaba para el o traballo, chamémoslle divertido ou creativo: a caza, a guerra, a política. A muller ocupábase da agricultura, da economía doméstica, dos labores rutineiros. Chega un momento en que é a propia muller a que, grazas ó feminismo, comeza a esixir outro status na sociedade, unha sociedade que, por certo, precisa de maior man de obra.

Explica isto que as mulleres cobren menos ou que practicamente non aparezan nos cadros directivos?

Os gráficos que estudan a incorporación da muller española ó mundo laboral amosan claramente como hai 50 anos a muller comezaba antes a traballar e, por conseguinte, o facía cun nivel menor de preparación. Como consecuencia do matrimonio, a curva feminina caía radicalmente, mentres que a masculina avanzaba paulatinamente. A muller volvíase incorporar ó ámbito do traballo cando os fillos medraran, pero loxicamente cunha desvantaxe de preparación e de méritos con respecto a quen fora o seu colega masculino. Hoxe, a incorporación é paralela e, aínda que a curva feminina se mantén por baixo da masculina, xa non se produce un corte. Con todo, o mundo empresarial segue pensando que a muller tende a atender a súa familia máis có varón, polo que lle ofrece menos seguridade, o seu traballo é menos valorado e, xa que logo, peor pagado. Agora ben, coido que esa situación, a medio prazo, cambiará, pois a muller se viu obrigada a demostrar a súa capacidade máis alá do esixible e deixou patente a súa valía.

Non obstante, tamén o sistema nos conduce, segundo moitos indicios, a un mundo onde o traballo vai ser cada día menos importante na vida dunha persoa, e o lecer vaino substituír como valor. O sistema poderá aturalo?

De feito, este cambio prognosticouno Keynes nunha conferencia que pronunciou en 1930 na Residencia de Estudantes de Madrid. Afirmou daquela que, salvo grandes catástrofes ou guerras, a mediados do século XXI o conxunto da produción dos países occidentais que tivesen políticas económicas equilibradas ía ser tan espectacular que multitude de problemas económicos de carencia desaparecerían, e en consecuencia xurdiría un novo: o uso do tempo de lecer. En 1999, Fogel, premio Nobel de Economía, publicou un artigo sobre o cumprimento dunha tese, segundo a cal un reducido número de horas de traballo ían lograr artigos en beneficio da calidade de vida, e a preocupación por traballar ía ser substituída pola preocupación por saber xestionar o lecer, sobre todo na idade da xubilación, etapa cada vez máis longa. En relación con isto, atrévome a vaticinar unha cousa: en poucos anos vai estar socialmente moi mal visto que alguén non lle dedique parte do seu tempo de xeito voluntario e gratuíto á sociedade.

Albiscamos un novo Estado de Benestar, está o actual esgotado?

Algo que cómpre termos presente é que o Estado de Benestar actual se concibe e desenvolve hai máis de 50 anos, cunhas variantes que sufriron un cambio radical. Por exemplo, a esperanza de vida ou o desenvolvemento da ciencia médica. Estamos na alborada da medicina rexenerativa e non cabe dúbida de que esta vai ser a medicina do futuro, pero os seus beneficios estarán restrinxidos a uns poucos, a aqueles que os poidan costear, que non será o Estado, que ata agora igualou as clases sociais grazas á atención médica. Entón… como se mantén o Estado de Benestar sen saúde universal? Probablemente, haberá que reconverter o Estado do Benestar. Será máis caro para cada contribuínte, diminuirá o tempo de xubilación… en definitiva, cambiará o sistema actual.

Será posible garantir o sistema público de pensións? Que lle parece que un Goberno publicite a necesidade de que os seus cidadáns fagan un plan privado de pensións?

É, sen dúbida, un anticipo de cambios. De calquera maneira, sérveme a pregunta para alertar de algo que eu coido que é preocupante. Cando se comeza a falar da eutanasia con tanta lixeireza, convén que se reflexione un chisco antes de defendela, pois os vellos deixaremos de ser útiles e seremos moi custosos. E todos, se temos sorte, seremos vellos, inútiles e custosos.

Pero… quen dirixirá o mundo? As grandes empresas ou os consumidores?

A comezos dos anos 80 axuntáronse no hotel Plaza de Nova York os 7 países máis ricos do mundo e acordaron o cambio da cotización do dólar. Agora, iso sería imposible, pois é o conxunto quen está mandando: consumidores, inversores, traballadores…