En garda contra a farinxite

O paracetamol e mais o ibuprofeno son, xunto cos tradicionais remedios caseiros, como facer gargarexos e as cataplasmas, os remedios máis eficaces para combatela
1 Outubro de 2010
Img salud

En garda contra a farinxite

Cada outono repítese o mesmo ritual: os escotes e mais as tiras danlle paso á chaqueta, os pantalóns curtos aos longos e as sandalias aos zapatos. Pero a chegada do frío non só afecta ao fondo de armario. Coa baixada das temperaturas, as persoas tórnanse máis susceptibles ao arrefriamento das vías aéreas onde os virus que as afectan aniñan con máis facilidade, en especial en ambientes cargados onde se favorece a transmisión de infeccións. É daquela cando todo un clásico das enfermidades fai acto de presenza: a farinxite. Por fortuna, xunto ao convencional tratamento antibiótico, na actualidade hai dispoñibles numerosos produtos que alivian os síntomas, sen esquecer os tradicionais remedios caseiros.

Infeccións víricas ou bacterianas

A farinxite é unha inflamación da farinxe que pode ser de orixe alérxica ou irritativa -causada por unha excesiva sequidade do ambiente por mor da exposición ao aire acondicionado, da calefacción e do fume do tabaco- ou ben de orixe infecciosa. Neste último caso, a farinxite pode ser de dous tipos: vírica -a máis numerosa- e bacteriana -que adoita atacar as amígdalas localizadas na mesma gorxa-. Cada unha precisa cadanseu tratamento.

As infeccións víricas da farinxe predominan nos meses de outubro e novembro. Sandan en poucos días e o seu tratamento consiste en aliviar os síntomas, como a dor de gorxa, a tose, a comechón, a febre, a conxestión nasal e a mucosidade. Os nenos adoitan sufrir entre seis e oito episodios ao ano de rinofarinxite ou de farinxite, nos que a dor da gorxa se manifesta xunto a síntomas nasais, sobre todo nos primeiros dous anos de idade e coincidindo coa asistencia á gardería.

Agora ben, as farinxites causadas por infeccións de orixe bacteriana son máis comúns nos meses de febreiro e marzo (aínda que durante todo o ano coexisten ambos os dous tipos). O xerme culpable máis habitual é o estreptococo que aniña nas amígdalas e, a diferenza das víricas, non se acompañan de síntomas nasais nin de bágoas nos ollos, senón que se caracterizan por unha exudación esbrancuxada nas amígdalas e mais por unha inflamación dos ganglios do pescozo (adenopatías). Estas infeccións combátense con tratamento antibiótico. Afectan, sobre todo, aos nenos a partir dos 2 anos, e déixanse de sufrir a medida que se cumpren anos.

Das pistas ao diagnóstico preciso

Todas esas diferenzas entre as farinxites de tipo vírico e as bacterianas axudan a que os médicos diagnostiquen a súa causa nas consultas para establecer o tratamento axeitado, xa que as infeccións bacterianas cómpre tratalas con antibióticos, pero as víricas non.

Non obstante, para non errar no diagnóstico, tamén se realizan outras probas complementarias. Entre elas figuran os tests rápidos, como o chamado test de detección do antíxeno do estreptococo. Esta proba consiste en tomar unha mostra arredor das amígdalas e comprobar, mediante reactivos, se o estreptococo foi o patóxeno responsable da infección para iniciar un tratamento antibiótico. Tamén é posible illar a bacteria e realizar un cultivo no laboratorio, aínda que o médico só o solicita en casos de farinxite reincidente ou crónica. O principal motivo é que é unha proba cara e que se dilata no tempo (entre catro e cinco días).

Para rematar, en casos moi selectivos tamén se pode realizar unha análise de sangue para detectar a presenza das antiestreptolisinas, anticorpos que demostran que se padeceu unha infección de estreptococo e que aparecen arredor de dúas semanas despois de sufrila. Esta proba é útil para descubrir infeccións estreptocócicas anteriores ou para detectar a febre reumática (pouco común na actualidade), que se caracteriza, entre outros síntomas, pola dor nas articulacións. Para chegar a ese diagnóstico precísanse outras análises complementarias.

Remedios de antes, de agora e de sempre

Ante as infeccións víricas

Recórrese, en xeral, a analxésicos sistémicos (ao tempo ca antitérmicos) para combater a dor e mais a febre. Os expertos en saúde de EROSKI CONSUMER recomendan utilizar o paracetamol, tanto para os nenos como para os adultos, e o ibuprofeno, se non responden ao primeiro. Así e todo, os nenos con problemas de hidratación non deben tomar ibuprofeno, segundo as últimas Guías de Práctica Clínica (GPC) da SING (Scottish Intercollegiate Guidelines Network), publicadas no 2010. Outro remedio a curto prazo é o das pastillas que se disolven na boca. Proporcionan un alivio local na gorxa, razón pola que os médicos se inclinan polos analxésicos sistémicos, aínda que recordan que non sucede nada por utilizar estas pastillas. Algunhas incorporan un anestésico local e mesmo corticoides.

Se hai tose, é posible empregar xaropes antitusivos. Agora ben, cómpre lembrarmos que a tose é un mecanismo de defensa do organismo para expulsar a mucosidade e unicamente é recomendable intentar freala se é moi molesta, persistente e non serve para expulsar secrecións. Os antivirais apenas se utilizan, salvo en enfermos cun estado xeral deficiente: pacientes inmunodeprimidos (coas defensas baixas), enfermos de cancro, diabéticos ou quen se someteu a un transplante.

Ante as infeccións bacterianas

As infeccións bacterianas sempre hai que tratalas con antibióticos. Neste caso, o fármaco de elección é a penicilina, xa que o estreptococo, que é o principal axente causal, responde ben a este tratamento. Non obstante, tamén se pode utilizar a claritromicina e a eritromicina, aínda que só en casos de sospeita de alerxia á penicilina, porque o 40% destoutros antibióticos son resistentes ao estreptococo.

Solucións caseiras e naturais

Estes medicamentos pódense combinar con outros remedios máis caseiros. O mel é probablemente a solución máis tradicional. É efectivo para combater a tose e a dor na gorxa. As cataplasma son outro remedio moi popular. Para a súa elaboración, mestúranse sementes de herbas e auga fría ata obter unha pasta consistente. Quéntase a lume lento e aplícase sobre un pano ou unha gasa tamén quente, nunca directamente sobre a pel. Para combater a farinxite, hai que colocar a cataplasma arredor do pescozo ata que arrefríe.

Os gargarexos con follas de eucalipto e auga quente tamén axudan a frear a infección, a irritación e a inflamación das amígdalas. De feito, consumir ao longo do día caramelos de eucalipto e de mel é outra solución práctica para recompor a gorxa.

Aínda que a tendencia ao uso de herbas medicinais nos últimos tempos é cada vez maior, as guías da SING (Scottish Intercollegiate Guidelines Network) do 2010 desaconsellan o uso da Echinacea púrpura. A esta planta atribúeselle o aumento das defensas do organismo, mais, segundo os resultados dun estudo recente, a Echinacea non reduce nin a intensidade nin a duración dos síntomas das doenzas.

Así e todo, os remedios naturais fronte á dor de garganta son moi demandados nas farmacias. Un exemplo son os sprays de propóleo (ou própole) e de erísimo (saramago). O propóleo é unha substancia que as abellas toman das árbores e que procesan na súa colmea. Atribúenselle propiedades antisépticas e antibióticas. A aplicación destes sprays protexen fronte ás infeccións de gorxa, suavízanas e proporcionan un bo sabor de boca.

Extirpar as amígdalas: só en casos contados

Nos últimos anos, a verdadeira revolución no tratamento da farinxite deuse no campo da cirurxía e non no da farmacoloxía. Tempo atrás a extirpación das amígdalas era unha operación que se realizaba a miúdo. Hoxe, é unha intervención que se reserva para casos moi extremos.

Nestes momentos, é unha opción que se lle propón ás persoas que sofren máis de 7 episodios de amigdalofarinxite de orixe bacteriana nun mesmo ano, 5 episodios en dous anos consecutivos ou 3 en tres anos consecutivos. E segundo a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), a decisión de extraer as anxinas só se toma se existe un compromiso importante para a vía respiratoria, como nos casos de apnea (unha obstrución durante o sono que obstaculiza a respiración).

Este cambio de tendencia explícase logo de analizar os resultados das operacións de amígdalas obxectivamente. A comunidade científica optou por restrinxir ao máximo a súa extirpación ao consideralas un órgano defensivo que serve para que se asenten os linfocitos ou células que nos defenden fronte ás infeccións bacterianas. Outro motivo é que a súa eliminación pode conducir a un aumento do tecido linfocitario, do espesor da gorxa e, en consecuencia, á farinxite crónica e hipertrófica. Ademais, como as amígdalas son procesadores de antíxenos -proteínas que nos axudan a tolerar os alérxenos do medio-, extraelas pode orixinar problemas de alerxias e de tolerancia.

Consellos para tratar unha farinxite:
  1. Aplicar o sentido común para non transmitir a enfermidade. Para iso, hai que evitar compartir obxectos, lavar ben as mans e permanecer illado na casa ata que pasen os seus efectos.
  2. Facer repouso e recorrer ao tratamento analxésico ata que remita a febre.
  3. Beber líquidos para manter unha boa hidratación e evitar a perda de hidratación.
  4. Recorrer a alimentos suaves, de doada dixestión. No caso dos nenos máis pequenos, a dieta débese basear en leite e cereais e, para os adultos, en verduras e peixe á grella. Sempre que sexa posible, cómpre evitar as comidas picantes e os alimentos graxos que empeoran o proceso de dixestión.
  5. Cando a dor de gorxa dificulte a deglutición, é preferible tomar caldos e zumes para nutrirse e hidratrarse.
  6. Tomar mel a miúdo, xa que é un bo antitusivo natural.
  7. Se se fuma, é aconsellable aparcar o tabaco, xa que mingua a capacidade defensiva e espesa as secrecións.
  8. Ante calquera posible síntoma, é aconsellable acudir ao médico e non esixir tratamento antibiótico para a infección. Non sempre é necesario.
  9. Se logo de seguir tratamento antibiótico por unha infección estreptocócica a situación non mellora en tres ou catro días, débese acudir de novo ao médico. É probable de que se trate dunha infección por virus. A que provoca un cadro máis parecido é a mononucleose infecciosa, que orixina a enfermidade do bico.

Fonte: Moisés Robledo, secretario de Información da Sociedade Española de Medicina Xeral (SEMX), e Manuel Praena, da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap).