Estudar nas vacacións

No verán: repaso e descanso

As vacacións do verán son un bo momento para combinar lecer e estudos co fin de non perder os hábitos adquiridos durante o curso
1 Xullo de 2011
Img eco domestica listado 469

No verán: repaso e descanso

Despois de todo un curso académico no que os escolares se someten a horarios fixos e pautas estritas, a chegada das vacacións de verán concíbense como o mellor momento para romper a rutina e aproveitar o tempo en actividades que non sexan estritamente académicas. Agora ben, os educadores advirten de que non todo debe ser lecer e entretemento. Mestres e especialistas en educación recomendan que durante este período se manteñan algunhas pautas de traballo e de estudo imprescindibles para que os estudantes non perdan o hábito adquirido durante o curso e se reincorporen ás aulas en setembro sen excesiva dificultade.

Nalgúns casos trátase só de repasar os coñecementos impartidos durante o curso con outros materiais escolares deseñados de xeito específico para este fin, tales como os cadernos de verán. Noutros, o estudante, por indicación do docente, debe afianzar unha materia específica ou unha competencia curricular determinada de xeito que poida afrontar o vindeiro ano académico sen problemas dende o principio. En ambas as dúas situacións, dedicar parte do tempo das vacacións a manter o aprendido durante o curso é fundamental para asentar os coñecementos.

Organizar o tempo

O máis apropiado é manter un equilibrio entre descanso, lecer e traballo. Todos os compoñentes na súa xusta medida.

Para conseguilo, o recomendable é destinar a primeira parte do verán a “desconectar” con outras actividades lúdicas e que o último mes se inicien as pautas de estudo adaptadas á idade e necesidades de cada alumno. A un estudante dos primeiros cursos de Primaria abondaralle con dedicar 10 minutos de traballo ao día, mentres que un de Secundaria pode necesitar ata unha hora e media cada xornada.

No tocante ao mellor momento do día para dedicarlle ao estudo, o máis idóneo é estudar durante as mañás, antes de comezar calquera actividade. Os máis dos nenos dan traballado sós, aínda que os pais revisen despois o traballo realizado ou lles expliquen calquera dúbida que poida xurdir. E é que para os expertos, o papel principal dos proxenitores se centra en organizar o tempo dos fillos e establecer uns horarios. Non se trata de sentar con eles a facer as tarefas, pero si de comprobar que estas se realizaron e de traballar na súa corrección.

O abc para triunfar no verán cos estudos
  • O titor é a figura que mellor coñece a traxectoria académica do alumno, ante calquera dúbida non hai que esquecer pedirlle asesoramento sobre os tempos de dedicación o estudo e os aspectos curriculares fundamentais que o escolar debe repasar durante as vacacións.
  • Se o alumno o require, pódese recorrer á axuda especializada dun profesor particular ou dunha academia que facilite a tarefa de estudo e controle a correcta evolución da aprendizaxe.
  • Non sobrecargar o escolar, un bo equilibro entre descanso, lecer e traballo é a mellor pauta para que encare as actividades académicas do verán cunha actitude positiva.
  • Interesarse polo progreso do estudante, demostrar satisfacción cando acade logros significativos é o mellor xeito de motivalo.
  • Complementar as actividades escolares con recursos didácticos interactivos e experiencias prácticas que lle acheguen un compoñente lúdico e ameno ao estudo.
  • Se son varios os irmáns que deben estudar durante as vacacións é importante que todos o fagan nun mesmo horario, deste xeito evítanse distraccións entre eles e ou que algún se sinta frustrado por non participar nalgunha actividade mentres traballa.

Materiais en papel e na Rede

A elección dos libros para estudar no verán non é, en xeral, un labor exclusivo dos pais; o máis frecuente é que os propios docentes lles entreguen aos alumnos ao finalizar o curso un listado cos cadernos ou materiais recomendados para estes meses estivais, que adoita coincidir coa editorial dos libros de texto cos que xa traballaron durante o ano académico. Ademais, as pautas pedagóxicas, os sistemas de lectoescritura e a formulación dos enunciados son tamén equivalentes, así evítanse confusións e facilítaselles a tarefa de corrección aos pais.

Se non se reciben recomendacións do centro, os especialistas aconsellan guiarse por este criterio. En caso de non estar dispoñible, hai que atender sobre todo á adecuación dos materiais á idade do alumno e ás necesidades específicas de aprendizaxe que se detectaron durante o curso. Se en concreto un alumno tivo problemas coas operacións matemáticas, cómpre insistir durante o verán nun caderno especial para esta materia e se o problema está na lectoescritura, o mellor será traballar con cadernos de caligrafía ou con materiais de lectura complementarios.

Cadernos de verán

‘Repasa con Kika superbruja’, ‘Papapapú, caderno de vacacións’ ou ‘Supervacacions’ son algúns dos suxestivos títulos dos máis de 300 cadernos de verán que propoñen este ano as editoriais pertencentes á Asociación nacional de Editores de libros e material de ensino (ANELE). Os prezos oscilan entre 6 e 14 euros, en función da editorial, aínda que hai algúns que teñen un prezo máis elevado (entre 15 e 18 euros) porque inclúen complementos como libros de lectura e outros soportes multimedia.

Os contidos varían en función da etapa educativa do alumno. En Infantil, as propostas teñen un carácter máis lúdico e divertido e trabállanse os aspectos básicos, como grafomotricidade, formas ou plástica mediante fichas similares ás utilizadas na escola. En Primaria a oferta diversifícase con cadernos que abranguen todas as materias desta etapa e cadernos específicos para unha materia que o estudante deba reforzar. En ambos os dous casos o material inclúe un anexo coas solucións que facilitan a corrección dos exercicios. En Secundaria as propostas das editoriais limítanse ao repaso de materias concretas.

Cadernos de traballo

Outra das opcións recomendada por moitos docentes para o verán son os cadernos de traballo, que axudan a repasar un contido ou competencia curricular específica na que o alumno ten certa dificultade. A oferta é moi ampla, o catálogo da Asociación Nacional de Editores de Libros e Material de Ensino (ANELE) recolle para este ano máis de 6.000 títulos deste tipo de material para todas as etapas educativas, dende Infantil ata o Bacharelato, aínda que máis do 50% está destinado a estudantes de Primaria. O prezo destes cadernos é menor ca os de verán, dende 4 euros ata 9 euros máximo.

Caligrafía, ortografía, cálculo ou fórmulas son algúns de aspectos prioritarios que se traballan con estes cadernos, entre os que destacan os xa clásicos cadernos Rubio, dos que o ano pasado se venderon máis de 4.250.000 exemplares. Esta editorial, despois de máis de 50 anos no mercado, ofrécelles agora aos seus usuarios a posibilidade de imprimir os seus cadernos a través da súa tenda on line (www.tienda.rubio.net) por un prezo inferior (0,80 euros).

Repasar na Web

Máis económico e máis entretido e, para moitos, máis motivador é a utilización durante o verán dos numerosos recursos educativos on line dispoñibles en Internet. Pódense combinar co traballo dos cadernos e materiais físicos e propor un horario e tempo de conexión supervisado polos maiores que lle permitirá ao estudante manter un mesmo hábito de estudo durante o período estival. É importante que os proxenitores comproben o rendemento e aproveitamento do escolar cando utiliza os soportes dixitais e lle axuden a solucionar as posibles dúbidas que poden xurdir.

Hai distintos portais xeneralistas que abordan cunha compoñente lúdica os contidos curriculares das diferentes etapas educativas: