Pensións de xubilación

En canto quedará a miña pensión de xubilación?

Sobe a idade de xubilación aos 67 anos, aínda que os traballadores que cotizaran 38 anos e medio se poderán retirar aos 65 co 100% da prestación
1 Marzo de 2011
Img eco domestica listado 435

En canto quedará a miña pensión de xubilación?

Non cómpre ter unha bóla de cristal diante para concluír dicindo que o futuro se presenta algo máis escuro, sobre todo, chegada a xubilación. A reforma das pensións aprobada recentemente no Consello de Ministros ten un claro obxectivo: reducir claramente as prestacións para este colectivo nos vindeiros exercicios. Dous son, en particular, os puntos clave: a idade legal de xubilación elévase de 65 a 67 anos e amplíase a base de cotización dos 15 aos 25 anos. En liñas xerais, un traballador poderá xubilarse con esta idade cobrando a totalidade da pensión, sempre que cotizara á Seguridade Social un período mínimo de 37 anos. Cambian, polo tanto, as regras do xogo para saber canto se vai cobrar unha vez chegada a etapa do retiro dourado. Previsiblemente e segundo cálculos iniciais, as pensións reduciranse unha media do 20% con respecto á contía actual. As modificacións afectan ao colectivo de traballadores por conta propia e allea, funcionarios, desempregados, estudantes con bolsas que cotizan… En canto quedarán as súas pensións? Como se pode calcular agora a prestación?

As claves

Sen dúbida, para saber como calcular a prestación que se vai obter unha vez abandonado o mercado laboral, convén coñecer os aspectos principais da reforma. A combinación de todas estas variables, coas súas excepcións, dá lugar a unha casuística moi ampla:

Idade: é un dos puntos máis polémicos e que máis debate levantou entre a sociedade: a idade legal de xubilación amplíase dende os 65 aos 67 anos. Neste caso, para que o traballador cobre o 100% terá que cotizar 37 anos, fronte aos 35 que se aplicaban na actualidade. En calquera caso, a reforma contempla certas excepcións: a principal é que todos aqueles traballadores que cotizaran 38,5 anos e medio poderán retirarse aos 65 cobrando o 100% da prestación. Non obstante, o novo proxecto contempla certas excepcións de traballadores que poderán retirarse coa totalidade da pensión antes dos 67 anos. Así se permitirá en empregos de especial dureza ou perigosidade. Minería, pesca, construción, Forzas de Seguridade ou substancias químicas.

Xubilación anticipada: A idade mínima para poder xubilarse pasa dos 61 aos 63 anos. A esta idade sitúase agora o dereito voluntario para xubilarse. Non obstante, neste caso asumirase a rebaixa da prestación. Poderase exercer a xubilación anticipada dende os 61 anos se o traballador é despedido. Nestes casos prodúcese unha redución na contía da prestación do 8% por cada ano de anticipación, salvo que o interesado cotizara 40 anos ou máis, caso en que a redución será do 7% cada ano. Unha das novidades máis importantes e positivas é que ao colectivo de autónomos se lle recoñece por primeira vez o dereito á xubilación anticipada igual e nos mesmos termos ca ao resto de traballadores. Tamén se contempla a xubilación anticipada excepcional para situacións de crise antes dos 61 anos. Para optar a ela débense ter 33 anos cotizados.

Base de cotización: o período de cálculo da pensión amplíase dende os 15 aos 25 anos. Isto implica, basicamente, unha redución na prestación. Na actualidade, para calcular a pensión considerábanse os salarios dos 15 últimos anos cotizados. A partir de agora, tomaranse os 25 últimos exercicios de carreira laboral. A modificación, non obstante, será gradual e porase en marcha en dúas fases. Do 2013 ao 2018 subirá un ano de cotización por cada ano que pase. Deste xeito, no 2018 serán necesarios 20 anos para percibir a pensión mínima. A segunda fase abranguerá do ano 2022 ao 2027. Neste último exercicio xa se tomarán os 25 anos para calcular todas as pensións. En calquera caso, a principal consecuencia desta modificación é que baixará a porcentaxe da prestación que se vai percibir, xa que, tradicionalmente, canto máis se achega o traballador á idade de xubilación máis cobra debido aos complementos salariais, antigüidade, revisións de convenios, etc. Polo xeral, os traballadores acumulan o mellor salario nos últimos anos da súa vida laboral. Se se amplía a galla de cálculo e se incorporan exercicios con bases máis pequenas, loxicamente prodúcese a baixa na pensión.

Cotización mínima: o período mínimo para acceder á prestación contributiva mantense en 15 anos, aínda que con esta cotización só se poderá cobrar o 50% da base reguladora da pensión.

Vida familiar: Entre os aspectos positivos da lei inclúense modificacións relacionadas coa conciliación de vida familiar e laboral. O traballador que teña que deixar o seu posto de traballo para coidar dos fillos terá unha cotización extraordinaria á Seguridade Social de nove meses por descendente ata un período máximo de dous anos.

Estudantes: Os bolseiros gañan dereitos para a súa xubilación. O novo proxecto de lei recoñece como períodos cotizados a participación de estudantes con carreira rematada en programas formativos ou de investigación nas empresas, cun período máximo de dous anos.

Como facer o cálculo?

Con todas estas variables na cabeza, xa se está en disposición de calcular cal pode ser a pensión de xubilación á que se poderá optar. Para podela cobrar, en calquera caso, outro requisito básico é estar afiliado ou en situación de alta asimilada na Seguridade Social.

Coa calculadora na man, o primeiro que hai que saber é que a contía dependerá dos anos cotizados e da base reguladora. Estes dous aspectos permitirán calcular o valor mensual en euros da pensión. Para iso hai que tomar a base de cotización dos dous últimos anos, máis o que se cotizara durante os 23 exercicios anteriores. Hai que contemplar, ademais, a actualización do IPC. Posteriormente, esta cantidade, que é a base de cotización real multiplícase por doce (número de meses que se pagou á Seguridade Social) e divídese por 14 (xa que se contemplan as pagas extras). Este cálculo dará lugar á base reguladora.

O número de anos cotizados é un concepto base á hora do cálculo, xa que en función da súa contía se aplicará unha determinada porcentaxe sobre a base reguladora que será determinante para estipular a pensión. Por exemplo, con 15 anos cotizados aplícase o 50%. Pero para cobrar o 100% cumprirá cotizar 37 anos.

Segundo un estudo sobre a reforma das pensións elaborado pola Universidade de Estremadura e de Valencia e premiado pola Fundación Idade & Vida e VidaCaixa, atrasar dous anos a idade de xubilación, dos 65 aos 67 anos, suporá unha redución da pensión media de entre o 12% e o 15%, en función dos anos de afiliación á Seguridade Social da persoa que se xubile. Pola súa parte, a proposta de elevar o período de cálculo da pensión, reducirá arredor dun 8% o seu importe. Se dos actuais 15 últimos anos de cotización se pasa aos últimos 25 a pensión media, que hoxe supón o 80% do último soldo, será de só o 68%.

Pensións mínimas e máximas

En calquera caso, a reforma (ao igual ca na actualidade) contempla a existencia dunhas pensións mínimas e máximas. Para este exercicio, a pensión mínima para os xubilados con 65 anos con cónxuxe ao seu cargo é de 10.225 euros, o que equivale a 852 euros ao mes. Sen cónxuxe, de 601,4 ao mes. Pola súa banda, o importe máximo para o 2011 é de 2.497,91 euros ao mes.

Exemplos prácticos

Un sinxelo exercicio de comparación permite comprobar que as pensións públicas se reducirán substancialmente cos cambios previstos.

Autónomos: o anteproxecto de lei inclúe un apartado especial dedicado aos autónomos. En particular, expón que se achegará a protección do Réxime Especial de Traballadores Autónomos ao Réxime Xeral e fíxase o obxectivo de que se igualen as condicións de ambos os dous réximes. Os traballadores por conta propia tamén se verán afectados polos cambios no período para o cálculo da pensión, que se fará en función da cotización dos últimos 25 anos e non dos últimos 15, como ata agora. Co réxime actual, é moi frecuente localizar casos de autónomos que elevan voluntariamente a súa base de cotización nos últimos anos para cobrar máis cando se xubilen. Coa nova norma veranse obrigados a pagar máis durante máis tempo. Non obstante, os autónomos poderán seguir xubilándose con 15 anos cotizados. Un sinxelo exemplo: un albanel que traballa por conta propia e que declara uns 16.000 euros anuais, optaría hoxe a unha pensión duns 887 euros ao mes. Cos cambios introducidos (subir de 15 a 25 anos o período de cálculo e elevar a idade de xubilación), pasaría a cobrar uns 715 euros, uns 85 euros menos.

Traballadores por conta allea: Os cambios afectan tamén ao colectivo de traballadores por conta allea. Un funcionario cun soldo medio duns 22.000 euros e que podería aspirar a unha pensión de 1.200 euros verá reducida a súa prestación en máis de 90 euros coas modificacións formuladas.

Estudantes: os estudantes tampouco quedan fóra dos cambios. En principio, favorecerá os bolseiros, xa que o proxecto de lei considera a posibilidade de que as empresas coticen por estes estudantes, o que os favorecerá á hora de calcular a súa pensión. Isto beneficiará, entre outros, aos estudantes MIR, que cotizan dende o comezo da súa carreira.