Aforro enerxético

Electricidade: menos vatios e máis conciencia

Os consumidores poden asumir uns doados consellos para reduciren a súa factura eléctrica e concienciarse do grave impacto ambiental que ten o gasto de enerxía
1 Marzo de 2011
Img eco domestica

Electricidade: menos vatios e máis conciencia

O prezo da tarifa eléctrica subiu un 10% con respecto ao 2010 e non será a última vez que aumente. Os consumidores poden reducir a súa factura cuns cantos consellos para gastaren menos enerxía. O peto agradecerao, e tamén o medio natural.

En primeiro lugar, débese asumir unha máxima que parece moi obvia pero que non o é: o xeito máis (eco)lóxica de aforrar enerxía é non consumila ou, polo menos, facelo de maneira sensata. Non é estraño ver cuartos coas luces acesas sen ninguén dentro, ou estar en camiseta no inverno ou con xersei no verán polo uso esaxerado da calefacción e do aire acondicionado.

Os electrodomésticos producen o maior gasto nos fogares españois: poden supor ata o 65% da factura eléctrica. Agora ben, non todos gastan igual. Os frigoríficos e conxeladores requiren case o 19% da electricidade consumida, segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Por iso, é recomendable ter un do tamaño apropiado, e coas etiquetas de eficiencia enerxética máis aforradoras, as de tipo A ou superior.

Se un consumidor substitúe un frigorífico de clase C por outra etiquetaxe como A+, o aforro estimado na nova factura eléctrica será de 3,72 euros ao mes (44,64 euros ao ano). No caso dunha lavadora será de dous euros, dun lavalouza de 2,42 euros, e dunha secadora de 4,61 euros.

Os electrodomésticos máis eficientes son máis caros, pero son un investimento que se amortiza en menos de catro anos. Despois da súa vida media (dez anos), acádase un aforro dun 74,7% do consumo eléctrico total con respecto ao consumo dun electrodoméstico non eficiente. As administracións adoitan ofrecer Plans Renove con axudas para subvencionar a compra destes aparellos menos desbaldidores.

Para reducir o consumo enerxético, por exemplo do frigorífico, pódese situar nun lugar fresco e ventilado, manter limpa a súa parte traseira ou desconxelar antes de que a capa de xeo alcance tres milímetros de espesor. Abrilo o menos posible e cambiar as gomas das súas portas se non pechan ben, evitar introducir alimentos quentes, desconxelar os alimentos no frigorífico para obter ganancias gratuítas de frío e manter a temperatura do frigorífico entre 3 ºC e 5 ºC e o conxelador entre -18 ºC e -15 ºC son algúns consellos fundamentais para reducir a cantidade de enerxía que consume un frigorífico.

Chupópteros de enerxía

  • Televisor: Tras o frigorífico, o televisor é o electrodoméstico que máis enerxía consume. Os televisores planos, que cada ano se usan máis, son uns grandes “vampiros enerxéticos”: en modo “stand by” “chupan” enerxía as 24 horas do día, aínda que estean apagados, e isto equivale ata o 15% do seu gasto en funcionamento. Por iso, ao igual que para o resto de pequenos e de grandes aparellos electrónicos, cun uso que se triplicou nos fogares nas últimas tres décadas, os consumidores deben seguir os mesmos consellos: elixir os máis eficientes, evitar o stand by ou apagalos se non se van usar.
  • Ordenador: No tocante aos ordenadores, pódese facer un uso máis ecolóxico deles: apagar o monitor se non se vai usar en máis de 20 minutos e todo o PC se é que non se vai empregar máis de dúas horas. As novas tecnoloxías poden axudar a gastar menos electricidade, como os contadores intelixentes, que informan polo miúdo do consumo eléctrico en tempo real.
  • Lavadora: A lavadora é o seguinte na listaxe dos que máis consumen. Entre o 80% e o 90% da electricidade destínana a quentar a auga. Amais de utilizar os modelos máis eficiente, é mellor recorrer aos programas en frío ou de menor temperatura posible, que adoitan ser os máis apropiados para a maioría das coadas. Outros consellos importantes son aproveitar ao máximo a súa capacidade ou, cando menos, usar programas de media carga, centrifugar e secar a roupa ao sol para evitar a secadora, usar descalcificantes e manter limpo o filtro. En caso de ter unha secadora, que sexa tamén das máis eficientes, utilizala só cando non quede outro remedio, aproveitar ao máximo a súa capacidade e cos programas máis axeitados.
  • Lavalouza: O lavalouza é outro electrodoméstico cada vez máis habitual nos fogares españois: unha cuarta parte dispón dun. Aínda que require o 2% do gasto eléctrico, é máis económico que lavar os pratos a man con auga quente, sempre que se sigan os mesmos consellos ca coas lavadoras.
  • Cociña: O cociñado de alimentos tamén leva unha boa parte da enerxía, a xeito de electricidade ou de gas natural (11%). Para reducir o seu consumo, pódese cociñar con recipientes que teñan o fondo maior ca o lume, tapar as potas, utilizar fornos de clase A e abrir a súa porta o xusto preciso, usar a pota exprés, de se usaren placas eléctricas, desconectalas uns minutos antes da cocción, e se a cociña é a gas, reducir o lume ao ferver o alimento.
  • Pequenos electrodomésticos: Os pequenos electrodomésticos que producen calor (o ferro de pasar, a torradora ou o secador do pelo) dan lugar a consumos importantes. Convén reducir no posible o seu uso e aproveitalos ao máximo. No tocante a aparellos como abrelatas, espremedores ou teléfonos, pódense utilizar os manuais sen electricidade para lograr a mesma función. Así e todo, algúns destes aparellos son recomendables. Un microondas aforra tempo e entre un 60% e 70% de enerxía fronte a un forno convencional. E unha maquiniña eléctrica é mellor ca as de usar e guindar no que atinxe ao uso de auga quente e residuos.

Iluminación e climatización

A iluminación representa entre a cuarta e a quinta parte do consumo eléctrico nunha vivenda, aínda que pode supor ata a metade do recibo se non se usa ben. Un bo xeito de reducir este gasto é utilizar sempre que se poida a luz natural, pintar de cores claras as paredes e mais os teitos, apagar as luces se non se utilizan, manter limpas as tulipas e lámpadas ou instalar sistemas economizadores de enerxía.

Aínda que máis caras, as lámpadas de baixo consumo aforran ata un 80% de enerxía e duran oito veces máis, de aí que se amorticen ben: un modelo de 11-15 W pode aforrar ao longo da súa vida uns 68 euros e evitar a emisión de case media tonelada de CO2, un dos principais gases involucrados no cambio climático.

Os radiadores eléctricos non son unha boa idea polo seu enorme gasto. E aínda que se utilicen outros sistemas máis económicos, como as bombas de calor, o seu uso debe ser responsable. Unha vivenda a 20 ºC ofrece confort abondo, e os dormitorios poden estar a entre tres e cinco graos menos. Por cada grao que se baixa o termóstato, afórrase entre un un e un tres por cento na factura. Tampouco cómpre ter a calefacción todo o día acesa, e moito menos de noite: cunhas poucas horas, e sempre tras ventilar a casa e pechar as ventás, abonda.

No tocante ao aire acondicionado, o seu uso racional pode supor importantes aforros e reducir o seu impacto ambiental. Convén non o usar nas horas de máis calor, senón a primeira hora da mañá, pechar as ventás ou cortinas para evitar perdas e non o deixar en modo “sleep” ou “stand by”.

As vivendas cun boa orientación, cun bo illamento nas paredes, teitos e ventás (pódense solicitar axudas públicas), con tecnoloxías de aforro ou sistemas de enerxías renovables melloran a súa climatización e reducen a factura eléctrica e o impacto ambiental.

Os gastos ocultos da electricidade

Concienciarse do impacto que supón a electricidade pode contribuír a frear o seu gasto e o seu dano ambiental. O consumo enerxético en España é máis do dobre ca en 1975, malia a súa gran dependencia de petróleo e gas externo. Por iso, o seu impacto no cambio climático tamén medrou: é un dos países que máis se afastou do seu compromiso co Protocolo de Kyoto, ao superar a cantidade asumida de emisións de gases de efecto invernadoiro nun 25%.

Segundo datos de Rede Eléctrica de España (REE), no 2010 só o 33% da demanda anual de electricidade na Península Ibérica se cubriu co denominado réxime especial, que inclúe as renovables. O resto cubriuse nun 23% con plantas de ciclo combinado, que utilizan na súa maioría gas e algunhas tamén fuel, un 21% con enerxía nuclear, un 14% con enerxía hidráulica, un 8% con carbón, e un 1% con fuel/gas.

Por iso, os consumidores españois utilizan unha electricidade baseada en boa parte en combustibles fósiles e nucleares. A factura eléctrica reflicte o custo de producir estes combustibles. Non obstante, non inclúe os denominados “gastos externalizados”, o custo do seu efecto no ambiente e na saúde, como a contaminación, os danos á terra pola minería, as enfermidades laborais, o cambio climático ou a chuvia ácida. Ao final, a sociedade no seu conxunto paga por eles e non os percibe como efecto do consumo enerxético. Segundo o estudo “Impactos Ambientais da Produción de Electricidade”, auspiciado por varios gobernos autonómicos e entidades como a Asociación de Produtores de Enerxía Renovables (APPA), o dano sobre o contorno das enerxías convencionais é 31 veces superior ao das renovables.

En España, ademais, os cartos que pagan os consumidores nas súas facturas eléctricas non cobre os custos de xeración que as empresas enerxéticas aseguran ter. As tarifas, reguladas polo Estado, non subiron acordes ao aumento da inflación e das materias primas. As facturas non sufriron fortes alzas a custa de xerar dende o 2002 un déficit tarifario. Segundo Heikki Mesa, experto en enerxía, é como unha hipoteca que os consumidores deberán pagar nos vindeiros anos sen pedirlles nada a cambio ás compañías eléctricas. As cifras que se barallan oscilan entre 16.000 e 20.000 millóns de euros.