Dime como andas e direiche que soleta precisas

As soletas para os pés non só garanten confort, senón que teñen unha influencia determinante na prevención de enfermidades propias da planta do pé
1 Maio de 2011
Img salud

Dime como andas e direiche que soleta precisas

Tapámolos, descoidámolos, sen termos en conta as súas necesidades e levámolos a límites extremos. E mentres eles lévannos de aquí a acolá sen pediren nada a cambio. Son os pés e, en concreto, as plantas dos pés, os piares que sustentan ese edificio chamado corpo humano. Salvo casos extremos, polo xeral non se lles dedica aos pés a atención que merecen, de aí que cada vez un maior número de persoas precisen de soletas para calzado estándar, intermedias ou para pés patolóxicos co fin de corrixir algún problema, previr dores e, por que non, proporcionar máis comodidade. En definitiva, son un tratamento excelente e non invasivo para os nosos pés cansos, doridos e cheos de durezas. Moitas veces abonda con utilizar as do calzado normal para evitar estas molestias. Pero cando non é posible, pódense aliviar con soletas de gama intermedia e, se non desaparecen, cunha soleta terapéutica prescrita por un profesional. Existe, polo tanto, unha soleta para cada pé. Só hai que descubrir o problema podolóxico que se ten para descubrir cal é a máis idónea en cada caso.

Soletas para calzado estándar

Na súa maioría, o calzado inclúe soletas para garantir o confort, algunhas delas son extraíbles e outras están pegadas á pel do zapato. Nestes momentos hai unha ampla gama de soletas que se fabrican con EVAS, látex e poliuretano, entre outros materiais, para grupos específicos, como os usuarios do calzado deportivo, casual, infantil, persoas maiores ou mulleres. De todas elas, as que maior comodidade proporcionan son as anatómicas bio, pois a súa forma axústase á anatomía do pé, composta polo talón, o arco e os ósos metatarsais. Para o calzado deportivo deseñáronse soletas capaces de mellorar o amortecemento dos impactos que se producen ao correr, saltar e caer durante a práctica do deporte. Estas soletas inclúen unha inserción no talón realizada con materiais específicos, que teñen unha maior capacidade de absorción dos impactos.

No caso do calzado infantil, os nenos requiren soletas que melloren a hixiene dos seus pés, con elementos bactericidas e antifungos. Canto máis pequenos son, máis tecido brando ten a planta dos pés e, polo tanto, non fai falta complementar as súas soletas. Ás persoas maiores acontécelles o contrario: o tecido da planta dos pés diminúe e orixínanse presións elevadas ao apoialos, polo que cómpre suplementar as súas soletas con materiais amortecedores, de xeito que as presións da planta do pé se distribúan ben.

Nos últimos anos tamén apareceu unha interesante innovación nas soletas para mulleres mediante os insertos parciais para zapatos de tacón; as plantas colócanse no talón e ata medio pé ou na zona anterior do pé, metatarsal. O obxectivo destas soletas para o calcañar é que o pé non esvare e que a usuaria note maior confort e menor presión ao subir sobre o tacón e na zona dianteira do pé. Melloran a estabilidade, a comodidade e axudan a previr patoloxías comúns, como as talalxias e as metatarsalxias que sofren moitas mulleres a partir dos 65 anos. Estas doenzas caracterízanse por provocar dor crónica na zona do talón e na parte dianteira do pé, respectivamente.

Soletas intermedias

Entre as soletas de calzado normal e as terapéuticas atópanse as soletas intermedias, que se venden en farmacias, supermercados e tendas de artigos de deporte. Adóitase recorrer a elas se os zapatos non levan soletas de acordo ao gusto ou necesidades do usuario, se teñen a sola moi dura ou ante problemas na planta do pé ou no talón. O obxectivo é aliviar as molestias leves dos pés e mellorar o confort. Están elaboradas a base de xel, EVAS, poliuretano ou látex máis sofisticados. O seu prezo oscila entre os 5 e os 20 euros.

Se malia a utilizalas, as molestias do pé persisten, cómpre acudir a un podólogo para recibir asesoramento profesional e descubrir se se sofre algunha patoloxía do pé, xa que esta pode gardar relación con problemas de xeonllos, costas e da estrutura musculoesquelética.

Consellos
  • No caso dun produto non terapéutico, para calzado casual, cómpre reparar especialmente na soleta, xa que esta é un elemento importante para garantir confort e ten unha influencia importante para previr enfermidades da planta do pé e dor.
  • Cómpre prestarlle especial atención á elección de soletas para cativos e maiores.
  • En caso de dúbida e ante unha dor nos pés ou no xeonllo ou nas costas que non mellora co calzado, débese consultar a un podólogo ou profesional médico e recibir o seu asesoramento.
  • As soletas son un tratamento non invasivo e efectivo, que pode ser moi positivo para a saúde dos pés.

Fonte: Juan Carlos González, director do ámbito de indumentaria do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV)

Soletas terapéuticas

As soletas terapéuticas caracterízanse porque a súa finalidade é a de corrixir e darlles solución aos problemas dos pés. Amais das talalxias e metatarsalxias, os problemas máis importantes descríbense a continuación:

Alineamento do pé:

O pé plano destaca porque o arco do pé se atopa anormalmente baixo. En ocasións, o pé plano vai acompañado dunha excesiva rotación do pé con respecto ao nocello que fai que este se incline cara a dentro (pé plano valgo) o que a longo prazo e asociado a outros factores de risco como permanecer durante moitas horas de pé, pode provocar outro problema engadido, a fascite plantar. Por iso, nas persoas co pé plano, as soletas colócanse para elevar o arco e corrixir o aliñamento do pé respecto ao nocello. As soletas deséñanse con maior espesor na parte interna do pé e menor espesor na externa, co fin de corrixir a excesiva inclinación (pronación).

O pé cavo caracterízase polo oposto: o arco do pé é moi alto e, en xeral, vai acompañado dunha excesiva rotación do pé con respecto ao nocello que fai que o pé incline cara a fóra (pé cavo varo). De aí que as soletas se deseñen ao revés ca no pé plano, elevando a zona externa do pé, no canto da interna, para aliñar o nocello, e que se axuste a anatomía da soleta á altura do arco para que a pisada sexa normal. Deste xeito, conséguese que o arco teña un soporte para o peso e que descanse sobre este.

A utilización destas soletas non corrixe a anatomía do pé plano nin do pé cavo, pero si evita os problemas derivados destas formas do pé. Así, o pé plano apoia máis sobre a parte interna e o dedo gordo, onde se forman os xoanetes (Hallux valgus), polo que este tipo de pé tende a acentuar os xoanetes e as durezas na súa parte interna. En cambio, no pé cavo as durezas aparecen na parte externa e o dedo pequeno do pé.

No tocante aos problemas de aliñamento do pé, cómpre ter especial coidado cos nenos, un grupo especialmente sensible. Hai que ter en conta que os nenos nacen con abundante tecido brando nos pés e cos pés planos. Así que van medrando, o tecido graxo vaise perdendo e fórmase o arco. A partir dos tres ou catro anos poden comezar a manifestarse os problemas dos pés, pero non é ata os cinco ou sete anos cando se pode obter un diagnóstico claro. Unha vez que se sospeita que un neno ten un problema nos pés, é aconsellable que o podólogo lle faga unha revisión por ano, sobre todo nos primeiros anos, cando o pé medra máis á présa (a partir dos catorce ou quince retárdase o crecemento), posto que se a soleta lles queda pequena, quedaría mal colocada para a forma anatómica do pé que ten que compensar.

Fascite plantar:

O interior da planta do pé está recuberto pola fascia plantar, unha membrana de tecido (moi parecido a un tendón) que fai que o arco do pé estea en tensión. A fascite plantar é a inflamación da fascia e causa, normalmente, dor no talón ou na zona media da planta do pé. A causa ou agravamento da fascite pode ser debida a un calzado inadecuado ou ao traballo excesivo desta zona (traballos nos que se está moito tempo de pé, deportistas, persoas con sobrepeso, etc.). Os pés planos e a pronación excesiva tamén son factores de risco, xa que poden implicar unha tensión elevada da fascia.

Un dos tratamentos para evitar as molestias da fascite plantar é utilizar unha soleta que soporte o arco do pé para reducir a tensión da fascia e que non tire tanto da zona das insercións nos metatarsianos e no talón.

Hai que ter en conta que os problemas da fascia se tratan con infiltracións e antiinflamatorios. Por iso, no escenario terapéutico actual recorrer ás soletas sempre é un bo remedio, xa que é menos invasivo ca os medicamentos.

O pé diabético:

As persoas diabéticas deben intentar distribuír as presións no pé de xeito que sexan o máis homoxéneas posibles, sen que existan puntos de sobrepresión que poidan producir unha úlcera. Isto significa que nos puntos onde se identifica unha presión excesiva, un podólogo debería actuar e modificar a soleta (mediante a incorporación dun material máis brando ou a realización dun burato). Estas soletas permítenlles aos pacientes diabéticos distribuír ben as presións do pé para evitar as úlceras e fabrícaas un podólogo.

Como se confeccionan as soletas?

As soletas terapéuticas fabrícanse practicamente cos mesmos materiais ca os outros tipos de soletas. A galla de prezos é ampla, xa que vai dende os 80 aos 150 euros, aos que se deben sumar uns 60 euros ou máis da visita que cobra o podólogo. Os podólogos son os profesionais que se encargan de prescribilas e de fabricalas, mentres que os traumatólogos poden prescribilas, pero non as fabrican e as ortopedias teñen capacidade para fabricalas, pero non para prescribilas. Por esta razón, o traumatólogo pode receitar a soleta e logo dirixir o paciente á ortopedia para que a compre, pero o podólogo pode realizar a consulta do pé e confeccionar a soleta. Informa Juan Carlos González, director do ámbito de indumentaria do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV).