Cistite: dos antibióticos ás autovacinas

Beber abundante auga e tomar antibióticos son os tratamentos máis comúns para tratar esta infección, aínda que hai hábitos que axudan a evitala, como mexar antes e despois de manter relacións sexuais
1 Xuño de 2011
Img salud

Cistite: dos antibióticos ás autovacinas

Sensación de proído ao mexar, urxencia para facelo, desexo de miccionar aínda que a vexiga estea baleira, dor na rexión pubiana… Velaquí algúns síntomas da cistite ou inflamación da vexiga, unha doenza máis habitual entre mulleres e á que non sempre se lle presta a atención que require. As mulleres novas e os homes vellos son os grupos máis afectados pola cistite ou inflamación da parede da vexiga, un proceso moi doloroso e case sempre orixinado por unha infección de ouriños. Agora ben, o impacto desta afección varía en función do sexo e da idade. A cistite é máis frecuente nas mulleres ca nos homes; o 90% das súas vítimas son féminas e o 10% varóns. Dentro da poboación feminina, aféctalles máis ás mulleres en idade fértil e con relacións sexuais activas e, entre a masculina, aos homes de máis de 60 anos. Moitos destes afectados a miúdo caen no erro de autodiagnosticarse e de automedicarse, un mal hábito que elevou as resistencias aos antibióticos cos que se trata esta enfermidade. Por fortuna, desenvolvéronse outros tratamentos que permiten combatela con éxito, como os comprimidos baseados nunha substancia do arando vermello americano e as autovacinas.

Principais causas

Na actualidade, a cistite é un problema de saúde tan habitual que se considera aceptable que as mulleres en idade fértil, cunha vida sexual activa, a padezan entre unha e dúas veces ao ano. Non obstante, cando se presenta unha terceira vez, trátase dunha cistite de repetición e cómpre identificar o factor que provoca que se desenvolva máis do normal. Nas mulleres adóitase orixinar por unha infección de ouriños, mentres que nos homes se cronifica por unha infección das vías seminais. Pero, por que se desenvolve?

A cistite non se desencadea por unha soa causa, senón que se manifesta cando encaixan todas as pezas (factores) que a favorecen e forman o crebacabezas (afección). Entre esas pezas figura a predisposición individual a sufrir cistite. Hai distintos tipos de vexigas, e segundo sexa esta, a vulnerabilidade fronte a esta doenza pode ser maior. Na vexiga, as bacterias infecciosas van provistas de fimbrias (unha especie de ganchos) e ancóranse á parede deste órgano, en concreto á mucosa que o reviste. Outro factor que favorece o desenvolvemento da cistite nas mulleres é a mala hixiene, por ausencia ou porque esta sexa inadecuada. Despois de defecar é fundamental que as mulleres se limpen de adiante cara a atrás para non contaminar a entrada da uretra con restos fecais. Se iso acontece, os xermes atópanse coa calor dos ouriños almacenados na vexiga, o que constitúe un ambiente perfecto para que se desenvolvan as infeccións de ouriños e a conseguinte inflamación da vexiga ou cistite. Para evitalo, as mulleres deben aprender, dende a nenez, a lavar a súa rexión vulvar de diante cara a atrás, ata chegar ao ano, e non ao revés. Adquirir o hábito de non reter os ouriños é igual de importante: cómpre ir ao inodoro tantas veces como se desexe e en especial antes e despois de manter relacións sexuais.

Para rematar, a terceira peza clave do puzzle é a aparición de xermes que poden causar a infección urinaria que conduce á cistite. Entre os máis típicos figuran a “Escherichia coli” (responsable do 56%-58% de todos os casos) e o “Enterococcus faecalis” (do 11% do total). Estes microbios atópanse no recto, no perineo ou na flora vaxinal. De feito, no 95% dos casos as cistites desencadéanse por unha infección de ouriños, mentres que só o 5% restante se debe a outra causa. Non todas as cistites son infecciosas. Hai persoas que presentan síntomas de cistite, aínda que as súas análises de ouriños non evidencian presenza de bacterias. Padecen molestias ao mexar, sensación de urxencia para facelo e miccionan moitas veces, pero non hai infección; os seus ouriños son estériles. Trátase da chamada cistite intersticial, caracterizada por unha inflamación crónica da parede da vexiga. A súa causa non está aclarada e o seu tratamento é puramente sintomático, xa que non responde ao tratamento antibiótico.

Automedicación e resistencias

Convivir coa cistite é doloroso, incómodo e desagradable. Entre os seus síntomas figuran ter moitas ganas de mexar e sentir proído ao facelo, perder sangue -aínda que pouco- cos ouriños, e mesmo ter febre. Cando se superan os 40 graos de temperatura, a infección é grave e pasouse ao sangue. Por outra banda, está afección dá sensación de inseguridade, sobre todo cando o seu desencadeante principal son as relacións sexuais ou cando se padece varias veces ao ano (cistite de repetición), xa que os afectados saben que van volvela ter, aínda que descoñecen cando.

Non obstante, algunhas persoas que padecen cistite de maneira repetida toman este problema de saúde como se fose un vulgar catarro, cometen o erro de autodiagnosticarse e, o que é peor aínda, de automedicarse. O perigo de “autotratarse” é que aumenta a resistencia aos tratamentos antibióticos que permiten combater a infección. De feito, España figura entre os países de Europa con máis resistencias os antibióticos, segundo denunciaron no 2011 a Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) e mais a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así, máis do 60% das cepas de “Escherichia coli”, principal responsable da cistite, mostra resistencias aos tratamentos con ampicilina e amoxicilina, e entre o 20% e o 30% a un grupo de antibióticos chamado quinolonas, segundo a información do Ministerio de Sanidade destinada a concienciar sobre o uso prudente dos antibióticos. Por iso, o máis responsable é acudir ao médico. El é quen ten a última palabra sobre se cómpre subministrar antibióticos ou non.

Escaleira de tratamentos

Velaquí os pasos terapéuticos que se seguen na actualidade para tratar a cistite:

  • Beber moita auga: os estudos demostran que o feito de beber moita auga pode facer que nalgúns casos desapareza a infección de ouriños causantes da cistite.
  • Antisépticos e antibióticos: noutras moitas ocasións, as cistites non sandan só con auga e precísanse os antisépticos urinarios (que se eliminan polos ouriños) e os antibióticos. Hai uns anos os antibióticos administrábanse en pautas máis longas (de 5 a 7 días), que podían chegar ata os 21 días no caso dos homes, mentres que na actualidade se reduciron a 2 ou 3 días e abonda con tomar o medicamento cada 12 ou 24 horas nese período. Con este réxime terapéutico dánse curado o 90%-95% das infeccións urinarias que provocaron o cadro cistítico. Se transcorridos tres días o tratamento antibiótico non funciona, cómpre acudir de novo ao médico. O máis probable é que se repita o cultivo de ouriños para identificar o xerme causante da infección, co fin de aplicar un antibiótico máis específico.
  • Tratamento supresivo postcoital: nos últimos anos tamén xurdiu a posibilidade de subministrar unha soa dose de tratamento antibiótico. Tómase despois de manter relacións sexuais, por iso se denomina tratamento supresivo postcoital. É un paso terapéutico preventivo, xa que evita que se desencadee a cistite.
  • Comprimidos ou xarope baseados en arandos: o tratamento supresivo postcoital combínase con outro baseado nunha substancia dos arandos vermellos americanos (crawnberrys), que hai que tomar de maneira continua durante varios meses. Non obstante, convén lembrar que o consumo directo destes froitos do bosque non serve para previr a cistite. En cambio, o efectivo é tomar os comprimidos ou xaropes elaborados a partir das proantocianidinas (PAC), un compoñente dos arandos que impide que medren as bacterias. Grazas ás PAC, os ouriños vólvense máis ácidos, e esta acidez axuda a eliminar as bacterias e a reducir o número de infeccións e de cistite de repetición.
  • As autovacinas: outra novidade terapéutica contra as cistites de repetición son as vacinas que se administran por vía oral. Para iso, débese realizar unha análise de ouriños, que se pode efectuar nunha farmacia, co fin de identificar o axente causal da infección que a provoca. Unha vez identificado, desenvólvese unha autovacina específica contra este. Estas autovacinas resolven entre o 80% e o 90% dos casos das cistites de repetición.
  • Medicación intravenosa: en moi poucos casos e moi extremos, cando o resto dos tratamentos non funciona, o último paso terapéutico é recibir medicación intravenosa. Nestes casos, é usual subministrar amikacina, un antibiótico bactericida.
Teño cistite, que fago?
  1. Antes de comezar calquera tratamento hai que acudir a unha farmacia, laboratorio ou centro de saúde para analizar unha mostra de ouriños.
  2. Non é recomendable automedicarse.
  3. Ao se coñecer o resultado da análise, o médico de cabeceira ou o farmacéutico poden recomendar o tratamento inicial.
  4. De non responder ao tratamento inicial ou ante a cistite de repetición, hai que acudir ao urólogo.
  5. Beber abundante auga. En principio calquera tipo, pero as de mineralización débil son as máis adecuadas para aumentar a produción de ouriños (diurese).
  6. Adoptar medidas de hixiene íntima axeitadas.
  7. A hixiene do perineo, en sentido de diante cara a atrás, é un costume moi importante para evitar as infeccións uroxenitais e mais a cistite. É unha rutina que se lles debe inculcar ás mulleres dende a infancia.
  8. A muller debe mexar sempre antes e despois de manter relacións sexuais.

Fonte: José Emilio Batista, coordinador da Unidade de Urodinamia do Centro Médico Teknon e presidente da Asociación Continencia