Síndrome do niño baleiro

Cando os fillos voan da casa

A emancipación dos fillos provoca nalgúns pais sentimentos de tristura, soidade e baleiro
1 Novembro de 2010
Img salud listado 705

Cando os fillos voan da casa

É lei de vida: un día os fillos independízanse e deixan o fogar familiar. Os pais que dedicaron todas as súas enerxías a coidar deles teñen maior tendencia a padecer a síndrome do niño baleiro, un problema que se pode previr e superar con diferentes estratexias que recomendan os psicólogos. Os sentimentos de soidade, tristura e baleiro que orixina non duran para sempre de se seguiren os consellos dos profesionais.

Antes de dar á luz, as mulleres pasan longas horas poñendo en orde o seu fogar para acoller o seu futuro bebé. Esta obsesión por arranxar o seu contorno así que se vai achegando o parto coñécese como a síndrome do niño e responde aos nervios e ao desexo da nai de controlar a chegada do cativo. Anos máis tarde, esa etapa ilusionante da vida cédelle o paso á situación inversa, marcada pola nostalxia. Cando os fillos xa están criados e deciden emanciparse, as nais e mais os pais poden sufrir a síndrome do niño baleiro.

Este sentimento de malestar e soidade nace nos pais cando un ou máis fillos liscan da casa, xa sexa para iren estudar á universidade ou para se emanciparen. Afecta a quen ten fillos ou outras persoas ao seu cargo, como os titores de menores, pero, sobre todo, ás nais. As persoas que o padecen adoitan ser dependentes, dedicáronlles toda a súa vida aos fillos (como as amas de casa) e vense a si mesmas sen obxectivo, obriga ou utilidade ningunha así que os fillos abandonan o fogar; teñen poucas afeccións e, por norma xeral, non traballan fóra da casa.

Os síntomas

Os sentimentos que afloran nos afectados son varios: séntense sós, tristes, inútiles, angustiados e con certo nivel de ansiedade. Poden chegar a padecer trastornos do sono, como insomnio ou frecuentes espertares nocturnos. A súa autoestima pódese ver afectada e nalgúns casos desenvolven síntomas asociados á depresión, como a fatiga ou a falta de concentración. Aínda que os principais sinais son psicolóxicos, tamén poden experimentar algún tipo de somatización, como dores de estómago, dificultades na dixestión ou dores de costas.

Esta síndrome pódese sumar a outros problemas diferentes que se agravan entre si. Do mesmo xeito que acontece coa depresión, que adoita empeorar cando falece un familiar querido ou cando se perde un traballo, este trastorno agrávase se coincide coa menopausa da nai, polos importantes cambios hormonais que leva consigo, ou ben coa xubilación, polos cambios que implica nunha estruturación do tempo e a perda de compañeiros.

Afecta máis canto maior é a sensación de soidade, o que implica que a permanencia dun fillo ou máis no fogar familiar pode aliviar algo os síntomas. Agora ben, estes non son máis acusados se marchan máis fillos e menos se queda algún na casa, senón que dependen do vínculo e da dedicación que os pais tiveran con cada un deles. Pode que eses lazos e entrega foran moi estreitos con só un deles. Nese caso, aínda que queden un ou máis fillos na casa, a persoa pode padecer os mesmos síntomas se o que marcha é o que se protexera máis. En cambio, os que foron máis independentes durante anos, non deixan tras si tantos síntomas da síndrome.

Ideas para previla

Pódese evitar a dor que xera a ausencia dos fillos? Algúns estudos recentes suxiren que a calidade da relación paterno-filial é crucial e que desenvolver e manter unha boa relación entre pais e fillos axuda a previr o problema, porque a transición (tras a marcha dos fillos) é máis boa de levar psicoloxicamente para os pais.

Outros expertos aconsellan tamén que os pais se preparen para esa nova etapa vital mentres os fillos aínda vivan no fogar familiar. Esta preparación consiste en ampliar a súa rede social ou o número de persoas que un ten ao seu arredor (por exemplo, apuntándose a cursos) e mais a calidade das súas relacións (visitar máis a miúdo as amizades, asistir a festas, aniversarios ou vodas).

Tamén aumentar o número de actividades de lecer e afeccións contribúe a previr a síndrome. Aqueles pais que practican deportes ou que están unidos a algunha asociación cultural fan que a súa vida teña un significado máis, alén do coidado dos fillos, o que lles axudaría a estar máis preparados para a súa marcha.

Como axuda o psicólogo?

Algunhas depresións asociadas á síndrome do niño baleiro poden ser graves. O médico de cabeceira é quen lle debe aconsellar ao paciente, segundo a gravidade da situación, se debe visitar o psicólogo. Por norma xeral, non se precisa un gran número de sesións de terapia, aínda que nalgúns casos é posible que se necesite medicación antidepresiva se o estado emocional está moi decaído. A boa nova é que é moi pouco probable que esta síndrome se arrastre para sempre, se se traballa ben, cunha correcta orientación psicolóxica e se o paciente segue as instrucións da psicoterapia.

O papel do psicólogo ante esta síndrome consiste en modificar as crenzas e pensamentos equivocados dos afectados (a sensación de inutilidade, de que a vida perdeu todo o sentido ou de que non poderán aprender novas cousas nin ocupar o seu tempo libre) e mais en axudalos a encarreirar a nova etapa vital, sen fillos ao seu cargo, mediante algúns cambios. Velaquí algunhas das propostas:

  • Ocupar o tempo que antes se dedicaba aos fillos en actividades de lecer e tempo libre que resulten agradables, como viaxes, afeccións, deporte, labores útiles para a casa ou o desenvolvemento persoal e profesional.
  • Reavivar a vida de parella e aproveitar esa soidade para recuperar a intimidade e o diálogo que se cadra non se podía ter cando os fillos estaban aínda na casa.
  • Ver o problema como unha liberación e oportunidade para facer cousas que non puideran facer.
  • Aceptar a nova situación. O psicólogo tamén axuda a que o paciente vexa esta transición como unha nova etapa: a relación cos fillos muda, non acaba.
  • Aceptar que a perda é positiva. Dende a visión do psicólogo é importante que os fillos e mais os pais comprendan que a perda é positiva. Para iso, cómpre fomentar pensamentos do tipo: “se están listos para marchar, daquela fixemos un bo traballo”.
  • Concederse tempo para adaptarse á nova situación e respectalo. Non é aconsellable desfacer axiña o cuarto do fillo que marchou se produce unha gran dor. Hai que valorar se os pais o manteñen para as visitas ou se o conservan como “un santuario” para recordar ao fillo que se independizou e anhelar e chorar o seu regreso. Neste segundo caso, os pais deberán traballar por e para a aceptación da marcha do fillo.

Fonte: Fernando Pena. Psicólogo colexiado número 8211 do Colexio Oficial de Psicólogos de Valencia (http://www.miconsulta.es)