Problemas eléctricos? Cómpre sermos cautos

Antes de emprender calquera reparación eléctrica no fogar hai que desconectar a corrente. E, ante a menor dúbida, contratar un profesional: vainos a vida niso
1 Marzo de 2010
Img bricolaje listado

Problemas eléctricos? Cómpre sermos cautos

Un día sen coche é posible; un día sen electricidade, non. É máis, a ninguén se lle ocorrería propor un desenchufe xeneralizado, pois sería invocar ao caos e á disfuncionalidade. A nosa dependencia da corrente eléctrica é tal que, ao quedarmos sen ela na casa, non só afloran os nervios, senón que aumenta de xeito exponencial o risco e a posibilidade de cometer imprudencias. Non é para menos: todo funciona con electricidade. É por iso que cando marcha a luz a casa para, é coma se sufrise un ataque. Cando aparece un contratempo, tendemos a subestimar a avaría e poñémonos a manipular a caixa de fusibles, e se con isto non abonda, emprendémola cos enchufes ou con calquera outro elemento do sistema eléctrico que nos esperte sospeitas, todo iso por moito que de electricidade pouco saibamos e por moito que saibamos que coa electricidade non se xoga: velaí están os accidentes, e poden ser graves. Do Informe DADO do Instituto Nacional de Consumo pódese deducir que cada ano se producen en España 8.000 accidentes domésticos relacionados coa electricidade. Non parecen moitos, porque efectivamente non o son: representan só o 0,5% dos accidentes domésticos en España. Pero hai outro dato importante: as exposicións térmicas e eléctricas son a sétima causa de hospitalización en España, segundo a Plataforma pola Revisión das Instalacións Eléctricas (PRIE). En tradución libre á vida cotiá, saibamos que se se trata de manipular un enchufe, de cambiar un interruptor ou de revisar a instalación eléctrica convén seguir unha serie de pautas. O obxectivo, un e sinxelo: evitar accidentes relacionados coa electricidade.

Casas anteriores a 1973, risco eléctrico

Seis de cada dez vivendas españolas, uns 15 millóns de fogares, manteñen instalacións eléctricas realizadas antes de 1973, ano no que se redactou a regulación de seguridade das instalacións eléctricas, antigüidade que se converte ademais en maior risco. Pero non todo acaba aí. As casas construídas antes de 1985 non contan con interruptor diferencial, que corta a subministración cando se detectan fugas á terra. Se non o ten, convén instalalo. Para iso, non serven chapuzas. Precísase un instalador autorizado pola Dirección Xeral de Industria e Enerxía.

Como calcular a potencia que se precisa?

Estímase que hai uns 16 millóns de vivendas que teñen contratada unha potencia insuficiente. E o problema agrávase cando esta situación se dá nunha vivenda das de instalación eléctrica antiga. Endesa e Iberdrola propoñen o uso de simuladores eléctricos dispoñibles nas súas páxinas web. Como referencia, para un uso normal de luz, frigorífico, quentador de auga, aspiradora, ferro de pasar e lavadora, a potencia mínima recomendada é de 4,6 kW (quilovatios). Se se pretende utilizar tamén o lavalouza, o forno eléctrico, a vitrocerámica, a secadora e outros pequenos electrodomésticos, a potencia necesaria dispararíase ata case 7 kW. E se a vivenda dispón de calefacción eléctrica e de sistema de aire acondicionado, requírense polo menos 9 kW. A maioría das vivendas teñen contratada unha potencia de entre 2,5 e 5 kW, e a segunda franxa máis común é a de 5 a 10 kW. Non obstante, cunha potencia inferior a 2,2 kW pódese dispor de luz e usar pequenos electrodomésticos. Así e todo, a norma legal establece que, en novas construcións, a potencia non será inferior a 5,7 kW en cada vivenda, aínda que logo os usuarios a poidan modificar consonte as súas necesidades.

Que non falten enchufes

Poucos enchufes para tanto aparello, interruptores da luz mal situados e escaseza de tomas de televisión son problemas comúns a moitos fogares. Se se vai renovar a instalación, o consello é claro: colocar o maior número posible de puntos de luz, enchufes e tomas de teléfono e de TV; así evitaranse as molestas reformas posteriores, porque está comprobado que case sempre acaban resultando insuficientes. Se o salón mide menos de 10 m2, abonda con instalar un punto de luz, un enchufe, unha toma de calefacción eléctrica e outra de aire acondicionado. Cando a superficie é maior, hai que dobrar o despregamento. Cada dormitorio debe contar con polo menos un punto de luz con interruptor, tres enchufes, unha toma de calefacción e outra, se é que o ten, para o aire acondicionado.

  1. A calefacción pode supor ata o 41% da factura eléctrica do fogar. Paga a pena adoptar medidas para reducir este despropósito de gasto. Anote tres moi simples: afágase a temperaturas un pouco menos quentes na casa, instale xuntas ou burletes nas ventás e nas portas que eviten as fugas, e ao escurecer peche as persianas e corra as cortinas. Pode reducir máis do 30% o seu gasto de calefacción.
  2. Sempre que sexa posible, utilice a luz natural.
  3. Substitúa as lámpadas tradicionais por lámpadas de baixo consumo. Proporcionan a mesma luz, duran oito veces máis e aforran ata un 80% de enerxía.
  4. Nas habitacións que requiren máis luz durante máis tempo (cociñas, soportais) utilice sempre tubos fluorescentes. Duran entre 8 e 10 veces máis ca as lámpadas incandescentes e permiten un aforro de enerxía de ata do 80%.
  5. O acendido das fluorescentes require un maior consumo, polo que debe evitar acendelas e apagalas continuamente: se van permanecer menos de 20 minutos apagadas, é máis económico deixalas acesas.
  6. Se vai cambiar os seus electrodomésticos, merque os que leven etiquetas enerxéticas A+ e A++: permiten aforrar ata un 70% con respecto a un con etiqueta D.
  7. Na cociña, substitúa cando sexa posible o uso do forno polo do microondas: supón un aforro de entre un 60% e un 70%.
  8. Proveite a calor residual da cociña apagando a placa 5 minutos antes de retirar o recipiente. Use recipientes de diámetro lixeiramente maior ao da zona de cocción e con fondo difusor de calor: o aforro na enerxía para cociñar será do 20%.
  9. Elimine a capa de xeo do conxelador; se non o fai gastará ata un 30% máis de enerxía.
  10. Na lavadora e no lavalouzas, sempre que sexa posible, empregue programas de lavado que non esixen temperaturas elevadas: o maior consumo de electricidade da lavadora é quentar a auga. Un lavado a 30 ºC no canto de a 60 ºC reduce o gasto enerxético á metade.

Baño e cociña, extremar as precaucións

Os lugares máis perigosos do fogar en materia de seguridade eléctrica son o baño e mais a cociña, polos curtocircuítos e descargas que se poden sufrir cando as nosas mans ou corpo húmidos entran en contacto cun aparello eléctrico, enchufe ou interruptor. A cociña e mais o baño deben contar con toma de terra, e na cociña os enchufes débense colocar a máis dun metro das billas. Se a nosa cociña conta cun enchufe localizado nese radio de acción debe estar protexido con tapas como as que se empregan para impedir que os nenos xoguen ou metan os dedos no enchufe; así evitarase a entrada de auga no interior do enchufe. Outro aspecto que cómpre vixiar é a distribución das tomas. Hai que determinar cantas e cales son as realmente necesarias. Como mínimo, unha cociña debería ter varias tomas de 10 amperios (A), para conectar o frigorífico e electrodomésticos como o batedor ou a cafeteira, amais de tomas de 16 A para o lavalouzas e para a lavadora, e de 25 A para o microondas, o forno e a cociña eléctrica. No tocante á zona que rodea a bañeira ou ducha, no plano vertical que vai dende a base da bañeira ata unha altura de 2,25 metros non se deben instalar enchufes, interruptores ou aparatos de iluminación. Tampouco se poden colocar interruptores, pero si tomas de corrente de seguridade ou protexidas por diferenciais a un metro da zona que rodea a ducha ou a bañeira.

Evitar sustos

Cando unha descarga eléctrica percorre o corpo humano, prodúcense lesións de diversa gravidade dependendo das circunstancias nas que se desenvolva o accidente. Unha electrocución pódese orixinar por contacto directo, cando por exemplo se toca un punto polo que circula corrente (un enchufe), ou indirecto, se se contacta cun punto polo que non debe circular corrente pero que, por algunha razón, queda en tensión, como un cable que fai contacto cun aparello. A regra de ouro para evitar este tipo de accidentes cando se manipula a corrente ou calquera aparato eléctrico é ter as mans ben secas e non camiñar descalzo ou cos pés húmidos antes de utilizar, enchufar ou desenchufar calquera aparato. Tampouco se deben tocar aparatos conectados á rede cando se permanece dentro da bañeira ou ducha, nin utilizar electrodomésticos preto do vertedoiro. E sempre que se vaia manipular a instalación cómpre cortar a subministración eléctrica e comprobar a ausencia de tensión antes de iniciar calquera traballo. Mesmo cando se pretenda simplemente cambiar unha lámpada, o máis seguro é desconectar o interruptor automático. Os electrodomésticos tamén merecen especial coidado: amais de ler con atención o apartado relativo á potencia nas instrucións, hai que desenchufalos tras cada uso, e non facelo tirando do cordón, senón da caravilla illante. Outra precaución básica é non utilizar aparellos con cables pelados, caravillas rotas ou enchufes deteriorados.

En caso de accidente

Ante un accidente de orixe eléctrica, o primeiro é manter a calma e desconectar sen dilación ningunha o interruptor xeral ou, no seu caso, desenchufar o aparato. Para iso, quen vaia cortar a subministración debe situarse nunha superficie seca e extremar as precaucións, non sexa que se converta en vítima dun novo accidente. Se non chega coa man, pode recorrer ao uso dalgún obxecto seco e non metálico para desconectar a electricidade. Só así que a corrente estea desconectada se pode tocar a vítima, se a hai. O máis apropiado é chamar inmediatamente ao servizo médico e manter o ferido tapado e en postura cómoda ata que chegue o persoal sanitario.