O meu fillo non come

A obsesión de moitos pais pola comida e a insistencia para que os nenos coman cantidades desproporcionadas son os motivos principais desta situación
1 Decembro de 2011
Img alimentacion

O meu fillo non come

“Tanto me ten se é neno ou nena, o único que quero é que coma”. Este é o desexo de moitos pais que esperan o seu segundo fillo e que xa non saben que facer para que o primeiro coma. E non se trata dun caso illado. Esta inquedanza, compartida por tantas familias, responde as máis das veces a unha preocupación esaxerada dos pais e nais. Os cambios que vive o neno na súa curta vida inflúen de xeito determinante na súa conduta, e estes reflíctense tamén no seu comportamento coa comida. O cambio que experimenta o menor cando pasa de tomar o peito ou de tomar o biberón a comer sólido, o inicio da gardería, quedar a comer no comedor, a volta á escola logo das longas vacacións, o nacemento dun irmán pequeno… Son situacións que alteran os nenos e que de maneira natural manifestan tamén coa comida. En moitos casos, o problema de que un neno san sinta certa inapetencia ou non coma abondo responde aos malos costumes dos pais ou dos coidadores da súa alimentación, xa que pretenden que os nenos coman cantidades de comida equivalentes ás dun adulto.

De verdade que o neno non come?

A diferenza entre un neno que realmente non come e un neno que parece que non come é que o primeiro perde peso e o segundo non. Non obstante, ante a dúbida e a preocupación, o pediatra debe descartar calquera enfermidade mediante unha revisión exhaustiva. A continuación, enuméranse as solucións ás situacións máis comúns e que máis preocupan aos pais:

  • Come na escola pero non na casa (ou pouco e con moito esforzo). Alén do vínculo emocional e do interese por ser o centro de atención que ten o neno na casa con respecto ao comedor escolar, seguro que hai algo máis que distingue estes ambientes. No comedor da escola os nenos da mesma idade comen todos xuntos e sen distraccións; non hai tele, non hai xoguetes. A hora da comida dedícase ao que é: o momento de comer. Despois de comer, xoga, pero non mentres se come. Tampouco hai opción de elixir outro prato se o que se serviu non gusta ou non apetece: déixase un tempo concreto para que o neno coma (só ou con apoio) o prato que toca no menú día. Pasado ese tempo, comera máis ou menos, deberá comer o segundo prato. No comedor escolar tampouco hai posibilidade de tomar a sobremesa que a un máis lle gusta. Na casa, pola contra, é máis doado que os nenos consigan os seus caprichos porque os pais, tíos e avós ceden ás súas insistentes (e mesmo molestas) peticións. A clave está en analizar as distintas situacións que se dán en ambos os dous ambientes, copiar o que funciona na escola para levalo á práctica na casa, ser perseverantes, non ceder nin conceder caprichos e ter a confianza de que os cambios van funcionar.
  • Come na casa pero non na escola. É distinta a situación, pero igual o consello; analizar as situacións que funcionan na casa e valorar a posibilidade de repetilas na escola. Aínda que esta práctica non sempre é posible, xa que o comedor se rexe por unhas normas determinadas. Neste caso, unha boa idea é concederlle ao neno unha maior liberdade e independencia á hora de facer as cousas. Débese admitir, sen reproches, que o neno manche a roupa ou as mangas se come só. Non pasa nada, a roupa lávase, aínda que se lle debe educar para que sexa coidadoso mentres come.
  • Case non come en ningures. Se o neno está san, pero é inapetente, o problema do seu comportamento negativo pode ser consecuencia de que a relación entre os pais e a alimentación sexa mala. Na seguinte táboa recóllense algúns dos erros que cometen os pais e que deben mellorar para que a conduta do neno cambie.
  • Come sempre ben, na casa, na escola… O consello non é outro que seguir como ata agora e non se preocupar de se o neno come menos durante un ou dous días, ou en determinados momentos (merenda, cea…). Os nenos, igual ca os adultos, non teñen o mesmo apetito todos os días. Permitámoslle que non sempre coma igual de ben! Non vaiamos cometer o erro de obrigalo a comer cando realmente non quere.

Por que non queren comer moitos nenos?

En moitas ocasións, o problema da conduta negativa dos nenos téñeno os pais por seren moi insistentes, ofrecer comida a calquera hora, obsesionarse con que o coma todo, servir unha cantidade esaxerada de comida para a súa idade, ou ceder aos seus caprichos e darlles o que máis lles gusta sempre ante a mínima protesta…

Os pediatras subliñan que a única esperanza de cambio cando un neno se aferra a non comer está en que cambien os pais. Un neno que non come ten que perder moito peso para que haxa un risco real de enfermidade. Se o neno está san, ten vitalidade, dorme, xoga e ri, aínda que pareza que come pouco, está a comer o que o seu corpo lle pide. Non máis.

Que facer para mellorar

  • Non quere comer con culler: O desenvolvemento de cada neno é distinto, e se o primeiro fillo comezou a comer con culler as papas e os purés con 4 ou 5 meses, non significa que o seguinte fillo o faga do mesmo xeito. Ás veces confúndese a paciencia (argallar como facer para que o neno coma de culler cando aínda non quere) coa insistencia. Convén respectar o desenvolvemento de cada neno para evitar situacións incómodas, como que o neno chore sempre mentres come, que bote fóra a comida ou que aprenda a vomitala.
  • Demasiadas proteínas: Os nenos pequenos deben comer en prato pequeno, de xeito que caiba no prato unha cantidade de comida proporcional ás súas necesidades. Unha porción saudable de carne son 100-120 gramos, cantidade xusta para unha persoa adulta e para un adolescente, pero demasiada para un neno pequeno. Tanta proteína non é necesaria nin sa. Polo tanto non é un bo hábito saciar o neno con proteínas sen que antes comera verduras ou cereais, como tampouco o é que os nenos coman proteína animal sempre, para xantar e mais para cear. As cifras de sobrepeso e obesidade infantil duplicáronse nos últimos 10 anos, e cada vez son máis as persoas novas con hipercolesterolemia ou triglicéridos altos.
  • Demasiado leite e lácteos: Moitos adultos serían incapaces, e con toda a razón, de comer a cantidade esaxerada de lácteos que toman moitos nenos. Medio litro de leite ao día ou os seus equivalentes en iogures e queixos suaves é máis ca abonda. Se come máis, é lóxico que non lle caiba moita máis comida no estómago.
  • Máis froita da que toma un adulto: Darlle a un neno pequeno dúas ou tres pezas de froita batidas para merendar é esaxerado, desproporcionado. Convén ofrecerlle ao neno unha cantidade de comida proporcional ao seu tamaño, e en particular ao volume do seu estómago.
  • Racións e pratos de maiores para os menores: Nun xantar familiar o neno comeza por comer un bo anaco de pan porque é un día especial, e come máis tarde do normal. Comeza o xantar: petiscamos chourizo e queixo (o neno come), unhas croquetas (o neno come varias), primeiro prato (un prato de verdura que o neno come)… Con todo o que o neno comeu xa, preténdese que coma a paella, que probe o guiso de polo ou que tome a froita de sobremesa? Son moitas as ocasións nas que se lle ofrece ao menor unha cantidade de comida similar á dun adulto.
  • Todo o día comendo: Se un neno cun ano comía moi ben e de xeito abundante, cando cumpra dous non ten que comer o dobre, aínda que pareza un razoamento lóxico. O máis probable é que despois do ano, o neno coma menos, porque o seu crecemento non é tan esaxerado e polo tanto os seus requirimentos son menores e, de xeito natural, o seu corpo pídelle menos.

Malas prácticas

  • Pais moi insistentes: A sobreprotección de moitos proxenitores é mala conselleira da educación infantil e da educación alimentaria. Angustiarse e insistir en que o neno coma un alimento que se resiste a comer, o único que provoca é maior rexeitamento por parte do pequeno. O círculo vicioso comezou.
  • Odiosas e “temidas” comparacións: As comparacións ridiculizan os nenos, polo que non é san usalas co obxectivo de que coma máis e mellor. Cada neno ten unhas necesidades concretas, un apetito particular e un gusto diferente polos alimentos que convén ter en conta e hai que respectar.
  • Obrigar a comer todo e comidas que o neno aborrece. O san é xusto o contrario: non obrigar a comer se amosa rexeitamento e non obrigar a comer comidas que o neno aborrece. O idóneo é servirlle a cantidade que sabemos que comerá con seguridade e agardar a que pida máis se quedou con fame. Convén deixar un tempo prudencial entre un prato e outro e pasar ao seguinte, comera ou non comera todo, incluída a sobremesa, pero sen chantaxealo coa sobremesa ou con doces ou bagatelas.
  • Chantaxe emocional: premios e castigos coa comida? “Se comes as espinacas mércoche un xeado”… Os expertos aseguran que usar a comida como premio ou castigo é un erro pedagóxico. Os alimentos que se usan como premio (adoitan ser doces, xeados, chocolates, bagatelas…) ou como castigo (verduras, peixe ou calquera alimento san que o neno non aprecie) tamén supoñen un erro dietético.