Guía de compra: masas preparadas

Masas preparadas, tradición que se renova

O punto forte deste tipo de produto é a súa facilidade de preparación, a pesar de que convén que a súa frecuencia de consumo sexa esporádica
1 Outubro de 2016
Img alimentacion listado 1151

Masas preparadas, tradición que se renova

Son numerosos os expertos que subliñan a conveniencia de volver aos fogóns co fin de levar unha alimentación saudable, razón pola que recomendan dominar dúas ou tres receitas de cada grupo de alimentos para que a nosa programación alimentaria non caia no aburrimento e se adapte ás nosas necesidades e tamén aos nosos gustos.

As masas elaboradas que se comercializan no supermercado axudan a logralo, xa que seguen a tradición e permiten gozar dos sabores familiares de outrora, cun aforro de tempo e enerxía destacable.

As tortas, pasteis, empanadas, quiches, pizzas etc. son o resultado de sumarlle a unha masa, fermentada ou non, máis ou menos doce, un recheo que pode consistir en froitas, verduras, hortalizas, carnes, peixes e queixos, entre outros. O concepto evolucionou a través dos tempos, dada a paralela evolución nos métodos de cocción, de composición das propias masas e de preferencias culturais.

Cultura gastronómica

As receitas, as técnicas de cociña e a presentación dos alimentos difiren en función da cultura e da gastronomía propia de cada rexión. Nas orixes da civilización Mediterránea (antiga Roma, Grecia, Mesopotamia, Exipto e Arabia), a graxa que se usaba nas masas era o aceite de oliva que, combinado con grans moídos, daba como resultado un tipo de masa rudimentario. Por outra banda, as masas para pasteis tal e como se coñecen hoxe en día derivan dos ingredientes que se usaban na Europa medieval (incluíanse graxas como manteiga ou sebo).

Pola súa banda, a orixe das masas recheas de carne con masa a base de fariña e aceite de oliva (tipo empanada) tamén é romana e foi no norte de Europa onde se desenvolveu, ao introducir graxas como a manteiga, que permitía que a masa fose máis manexable, e máis doada de estender co rodete e de levar ao molde.

Tamén está no Mediterráneo a orixe das masas finas e de múltiples capas como a masa fío e a baklava. Os cruzados introduciron estas masas doces na Europa Medieval onde foron rapidamente adoptadas. En concreto, a masa de follado ten as súas orixes no Renacemento (séculos XV e XVI) a consecuencia da evolución das masas semifolladas, como a masa crebada ou brisa.

Masas conxeladas

A primeira referencia que se atopa para as masas conxeladas como produto de consumo data de mediados da década dos 50 nos Estados Unidos. En 1955, patentouse o proceso de elaboración da masa conxelada enrolada para a elaboración de pasteis, tanto doces coma salgados. Neste mercado pódense atopar, aínda a día de hoxe, as masas en lata, xa preformadas, listas para encher, ou ben en sticks ou barras.

Nos mercados do século XXI, podemos atopar todas estas masas, tanto conxeladas coma refrixeradas en bloques rectangulares ou circulares, listas para desenrolar, encher e enfornar, o que as converte nun recurso que nos permite tamén aforrar tempo.

A empanada galega

Respecto dun dos produtos máis representativos da cultura española, como é a empanada galega, pódese dicir que a súa orixe non está clara. Aínda así, debemos remontarnos varios séculos atrás porque moi probablemente esa orixe estea na entrada dos árabes no Al-Ándalus. Estes elaboraban unha especie de empanadillas de trigo recheas con carne de cordeiro, así como outras variedades, tanto doces coma salgadas, que triunfaron na nosa cultura e que se foron difundindo e adaptando a cada zona do país.

Aquelas antigas e primeiras empanadas non eran como as que coñecemos hoxe en día, senón que se asemellaban a pans, tipo fogaza e redondos, talvez xa duros, baleirados da súa faragulla e cun recheo zumarento. É probable que a partir de entón a empanada fose evolucionando. A seguinte etapa na súa evolución foi a de cocer os devanditos pans de maneira tradicional no forno, coa masa crúa e cos recheos típicos de terras galegas, como as xoubas, o polbo, os berberechos, a carne etc.

Tipos de masas

Facer un pan caseiro, un follado de crema ou unha pizza personalizada sempre é un plan apetecible. As masas preparadas poden facilitar moito o traballo, aínda que para iso sexa preciso coñecer as principais características das masas máis comúns:

  • Masas de pizzas. Trátase de masas fermentadas ou levedadas. Son o resultado da concentración do gas carbónico que produce o fermento na masa, orixinado por un fungo. Durante o tempo que están fermentando adoitan aumentar o seu tamaño ata tres veces. O aspecto destas masas acostuma a ser brando. Elabóranse principalmente con fariña de trigo de media forza, auga, aceites vexetais, sal e fermento. Resulta unha masa doada de traballar, nada pegañenta, que queda moi crocante se se fai fina e que sobe se se deixa repousar máis tempo. Cunha panificadora convencional non se tarda máis de 30 minutos en tela lista.
  • Masa de follado. A masa de follado require dun proceso complexo se se fai na casa. Caracterízase polas súas múltiples follas ou capas. Para conseguilas incorpóranse pezas de manteiga entre a masa, que se esmaga, se dobra e se refrixera reiteradamente. Non leva fermento ningún e o aumento de volume adquíreo unha vez que se mete no forno. A calor derrete a graxa entre capa e capa de pasta, cocíñaa, sepáraa imperfectamente e expande ao alto o follado, que queda livián e crocante. A incorporación dun elemento ácido na masa, como pode ser zume de limón ou vinagre, axuda a que a graxa non saia da masa e dálle, ademais, unha mellor textura.
  • Masa crebada. Adoita ser a masa máis utilizada para facer bases de torta doces ou salgadas. Para elaborala necesítase fariña barutada, sal, azucre, manteiga, xemas ou ovos e leite ou auga fría. Require unha manipulación mínima para unir os ingredientes sen homoxeneizalos. Ao utilizar fariñas frouxas, non se incorporan fermentos vivos, pero si po de enfornar ou gasificante.
  • Masa brisa. É moi parecida á crebada tanto no que ten que ver coa elaboración coma cos ingredientes. A única diferenza entre elas é que leva menos ovos e máis manteiga, e ás veces bótaselle leite. A súa elaboración máis común é a empregada nas pastas de té. As masas crebadas, brisa ou sablé son similares en canto a ingredientes e diferéncianse unicamente pola proporción de ovos ou manteiga de cada unha delas. Desde un punto de vista nutricional, apenas hai diferenzas entre estas masas.
  • Masa para empanadas. Para esta masa requírese fariña, sal, fermento de cervexa, azucre, manteiga ou margarina, auga morna e ovos.

Consumo de masas preparadas

O seu lugar na dieta

Os últimos datos de consumo publicados polo propio sector o ano pasado revelan que o mercado de masas conxeladas na canle de gran consumo (pan, bolería, bases de pizza e outros) experimentou unha forte caída en 2015 (perdeu máis de 10 millóns de quilos de venda e economicamente case 17 millóns de euros menos). Estas malas cifras veñen detectándose desde 2013.

Máis concretamente, en canto ás bases para pizza pasaron de venderse 3,9 millóns de quilos a 3,2 (-18 %) e as masas para follado tamén contraeron as súas cifras tanto en volume coma economicamente. Son significativos tamén os descensos do apartado “resto de bases conxeladas”. Con todo, é interesante observar os datos que atinxiron as de bases para pizza sen glute, que conseguiron crecer, aínda que non de maneira tan significativa como para poder incidir na mellora global do sector.

Na actualidade, a opción máis habitual é comprar as masas xa elaboradas. Ao estudar os ingredientes das diversas opcións (pizza, follado, quiche etc.), dámonos conta de que se utilizan ingredientes moi similares entre as distintas marcas.

As masas acostuman a presentar, por esta orde, os seguintes ingredientes (lembremos que a orde dispón a contía do ingrediente no produto): fariña de trigo, auga, graxa vexetal -as máis utilizadas son o aceite de palma, o aceite de xirasol, o aceite de oliva, o aceite de colza ou as margarinas-, sal e fermento. Segundo a marca e a masa, tamén atoparemos zume de limón, alcol e estabilizante E470b.

A maioría das empresas que comercializan masas teñen un compromiso coa estratexia Naves (Estratexia para a nutrición, actividade física e prevención da obesidade) e co seu Código de autorregulación de alimentos dirixidos a menores, así como co código Paos (Prevención da obesidade e a saúde). Estas empresas lograron, entre outras cousas, a reformulación da cantidade de sal utilizado na elaboración de pan sen alterar as súas condicións ou reducir ao máximo as graxas trans en produtos de bolería, panadería e pastelería, mediante o emprego de margarinas con niveis practicamente nulos.

O futuro destes produtos pasa por apostar pola I+D+i, de maneira que estas empresas sigan traballando na mellora dos ingredientes utilizados, a composición nutricional e os procesos tecnolóxicos para elaborar produtos que cumpran coa calidade e coa seguridade alimentaria que requirimos os consumidores.

Os ingredientes das masas, un a un

A seguir, indícase o interese nutricional e tecnolóxico dos ingredientes principais:

Fariña

A lei defínea como o produto finamente triturado obtido de moer gran do trigo (Triticum aestivum ou a mestura deste co Triticum durum na proporción máxima 4:1 ou 80 % e 20 %) maduro, san, seco e industrialmente limpo. Os produtos finalmente triturados doutros cereais deberán engadir ao nome xenérico da fariña o do gran do cal proceden.

En todas estas masas úsanse fariñas refinadas, que se obteñen removendo o salvado e o xerme do gran e moendo unicamente o endospermo (tecido nutricional formado no saco embrionario das plantas con semente). A fariña branca é a máis común na elaboración do pan branco, galletas, pastelería, pastas… Entre os motivos polos cales a industria alimentaria prefire elaborar a fariña refinada e utilizala nos seus produtos destacan a durabilidade, a aparencia e os custos.

  • O xerme é rico en ácidos graxos que se enrancian rapidamente e, ao removelo, a vida útil da fariña aumenta.
  • Ao extraer a parte fibrosa (o xerme e o salvado), obtense unha fariña de gran fino e de cor homoxénea.
  • Obtense unha maior rendibilidade se se vende por separado a fariña refinada, o aceite do xerme e o salvado.

Desde o punto de vista nutricional, a fariña branca é na súa maior parte amidón; é dicir, un carbohidrato alto en calorías, pobre en micronutrientes e sen fibra. Ademais, ao procesar a fariña, o índice glicémico deste alimento aumenta (o índice glicémico mide en que proporción elevan a glicosa no sangue aqueles alimentos que conteñen carbohidratos), de maneira que non se trataría dun alimento plenamente recomendable para a poboación xeral e, en particular, para as persoas con diabetes. Non ocorre o mesmo coas versións 100 % integrais.

Auga

A proporción aproximada neste tipo de masas é de 1:3 (25 % e 75 %) en relación coa cantidade de fariña que se incorpora, aínda que isto é un cálculo estimado. A cantidade final que se engadirá dependerá dunha serie de circunstancias, como o tipo de consistencia que se pretenda conseguir. Así, se engadimos pouca auga, a masa desenvólvese mal no forno, mentres que un exceso fai que a masa resulte pegañenta e que se afrouxe o pan e que quede aplanado.

A auga desempeña un papel fundamental na formación da masa, xa que nela se disolven todos os ingredientes, o que permite a súa total incorporación na fermentación; no sabor e na frescura finais. Tamén hidrata os amidóns, que xunto co glute dan como resultado unha masa plástica e elástica.

Graxas

Utilizar graxas nas masas non é unha norma básica, pero si podemos observar como o pan é moito máis flexible e tenro, co que axudamos a alongar a súa duración unha vez cocido. As graxas poden achegar nutrientes de interese, como por exemplo a vitamina E ou varios tipos de antioxidantes.

As graxas, se son de calidade, tamén son interesantes e saudables. Por iso, cando lle botemos unha ollada á lista de ingredientes, debemos optar polos aceites de oliva e de sementes por encima de calquera outro tipo graxa. A industria da alimentación adoita apostar por graxas neutras sen matices nin gustos, de maneira que non interfiran cos ingredientes protagonistas. Desgraciadamente, estas características están presentes nas graxas menos saudables, como o aceite de palma, que contén ácidos graxos saturados que non benefician a nosa saúde cardiovascular.

O aceite de palma componse dun 40 %-48 % de ácidos graxos saturados (principalmente palmítico), un 37 %-46 % de ácidos graxos monoinstaurados (principalmente oleico) e dun 10 % de ácidos graxos poliinsaturados. Os fabricantes utilizan este tipo de graxas polo seu baixo custo e porque os produtos elaborados con graxas hidroxenadas poden permanecer durante máis tempo nos andeis dos supermercados, xa que estas graxas tardan máis tempo en enranciarse.

Cando nos referimos ás graxas presentes nos alimentos industrializados, podemos atoparnos o aceite de colza, que en España non utiliza practicamente ninguén. O aceite de colza é perfectamente válido e de moito máis interese nutricional ca outros aceites, pero no noso país o aceite non é moi popular.

Fermento

O Saccharomces cerevisiae, o fungo máis común dentro dos fermentos, ten unha importancia crucial en panadería, xa que a fermentación da fariña permite a súa descomposición producindo outros novos; no caso do pan, dióxido de carbono. Este mesmo fermento é o que se utiliza para a produción de cervexa.

Non se sabe de certo cando se utilizou por primeira vez o fermento en panadería, pero pénsase que xa podería usarse no antigo Exipto, onde se creaba unha fermento nai deixando fermentar a fariña e a auga durante longos procesos. En panadería úsase para converter os azucres fermentables da masa en dióxido de carbono, o que fai que o pan se expanda e creza formando burbullas.

O fermento está presente na maioría das masas que se inclúen nesta guía, como a masa de pizza (masas levedadas). Porén, tamén son posibles as masas sen fermento, como a masa de follado.

Sal

Independentemente da súa achega ao sabor do pan ou das masas, este ingrediente desempeña outras funcións de grande importancia na súa elaboración. Actúa como regulador do proceso de fermentación e, simultaneamente, mellora a plasticidade da masa, o que fai aumentar a capacidade de hidratación da fariña e, en consecuencia, o rendemento da panificación. Tamén favorece a coloración e a finura da codia resultante. Ademais, o sal restrinxe a actividade das bacterias produtoras de ácidos e controla a acción do fermento, co que regula o consumo de azucres e dá por iso unha mellor codia. A proporción do sal que se ha agregar será, como máximo, do 2 % sobre a materia seca.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda reducir a inxestión de sodio para reducir a tensión arterial e o risco de enfermidades cardiovasculares, accidentes cerebrovasculares e cardiopatía coronaria nos adultos. A OMS recomenda reducir o consumo de sodio nos adultos a unha cantidade de 2 g/día (ou, o que é o mesmo, 5 g/día de sal común).

Neste punto, convén apuntar que reducir o consumo de sal (concretamente, o consumo de sodio) non é tan sinxelo como quitar o saleiro da mesa, xa que o sodio non só se atopa no sal de mesa, senón tamén de forma natural nunha gran variedade de alimentos, coma o leite, a nata, os ovos, a carne, os vexetais e os mariscos. Tamén se encontra en cantidades moito maiores nos alimentos procesados, como pans e masas, galletas salgadas, carnes procesadas, aperitivos, así como en condimentos como a salsa de soia, a salsa de peixe e as pastillas de caldo.

Análise nutricional, gastronómico e económico

Semáforo nutricional

É posible establecer unha ración saudable destas masas procesadas? Unha ración de masa de pizza ou follada rolda os 60 e os 70 gramos, aínda que algunha marca establece a ración en 42 gramos. No entanto, nunha ración de empanada, a masa que consumimos na nosa porción non estará por debaixo dos 60 ou 80 gramos, practicamente o dobre. Os pasteis de follado de carne, volován, pizza ou empanadas son, de seu, preparacións calóricas. Sen contar co resto de ingredientes que serven de recheo, pódennos achegar entre 160 kcal e 220 kcal. Unha ración cociñada e completa de pizza, quiche ou pastel salgado non será nunca inferior aos 200 ou 250 gramos.

Estas cantidades sempre veñen establecidas para os adultos. Porén, estas preparacións teñen moita aceptación entre os máis pequenos. Se decidimos incorporar receitas con estas masas á nosa planificación alimentaria, debemos ter en conta o resto dos alimentos que incluímos non só na preparación en si, senón nos demais menús da semana. Desta maneira, unha inxestión moi calórica (de alto contido en hidratos de carbono simples e graxas) pódese compensar cunha cea máis lixeira onde os vexetais sexan os protagonistas do prato.

Por tanto, e tendo en conta esta información, a frecuencia de consumo que establecemos para este tipo de masas convén que sexa esporádica, non máis de dúas ou tres ocasións ao mes. O inconveniente é evidente, as receitas tradicionais adoitan ser moi calóricas e mesmo poden resultar indixestas. Para evitalo, podemos escoller recheos saudables e converter o prato final nunha opción máis lixeira, con menos calorías e igualmente agradable ao padal. Por exemplo:

  • Follados con queixo ricotta e espárragos trigueiros.
  • Volován de champiñóns, cenorias e chícharos salteados.
  • Pizza de tomate asado, mozzarella e alfábega.
  • Empanada de espinacas, salmón e ovo duro.

En canto á técnica culinaria, convén ter en conta que é preferible o enfornado á fritura. Así mesmo, ter a curiosidade de entrar na cociña para elaborar un prato máis saudable no que se inclúan estas masas xa preparadas fará que consigamos un mellor resultado e que poidamos apostar por elas en caso de falta de tempo. As pizzas caseiras, quiches, pasteis e tortas gañarán en calidade, sen ningunha dúbida.

En alimentación e nutrición a calidade importa, e moito. Controlar os ingredientes que utilizamos é indispensable para aumentar a calidade nutritiva dos nosos pratos e levar unha alimentación saudable: utilizar aceite de oliva no canto de aceite de palma, manteiga en lugar de margarina ou xamón en lugar dun sucedáneo son pequenas decisións que poden mellorar a nosa alimentación.

Por definición, os pratos precociñados presentan máis hidratos de carbono simples (azucres) ca complexos (integrais), máis proteínas e graxas de baixa calidade (sucedáneos cárnicos, aceite de palma), menos fibra, unha relación moi baixa en vitaminas e minerais (deficientes en vitaminas do grupo B e en minerais coma o calcio e o ferro), ademais dunha cantidade insignificante de antioxidantes. En canto ao sal, aínda que cada vez se limita máis na industria alimentaria, sempre se atopará en maior cantidade ca se a elaboración é na casa.

Suxestións de compra

Que tipo de masa nos convén para cada ocasión? Velaquí algunha suxestión práctica para elixir segundo o tipo de receita e os comensais:


A mellor masa para aperitivos doces.

O follado é unha das masas máis complicadas de elaborar na casa. Comprala feita, xa sexa refrixerada ou conxelada, supón un grande aforro de tempo. Unha vez que está estirada e enfornada, esta masa adquire volume, e fórmanse unhas capas de masa e aire que lle confiren o seu aspecto e textura característicos. Esta masa é apropiada para facer pasteliños ou tortas para encher, como as típicas tortas de follado recheas de crema pasteleira e nata montada. Dúas das receitas máis coñecidas elaboradas con masa de follado son os croissants e as napolitanas.

A mellor para aperitivos salgados.

A masa brisa ou a crebada son idóneas. O seu aspecto é parecido á pasta follada. A diferenza é que, unha vez estirada e enfornada, non colle volume; queda como se fose unha galleta. Trátase dunha base ríxida que se pode utilizar para facer tortaletas individuais ou, no caso de preparalas en moldes máis grandes, é idónea como base de tortas salgadas ou doces.

As mellores masas para diabéticos.

É importante que as persoas con diabetes non se excedan á hora de consumir hidratos de carbono. Por tanto, estas preparacións non deben ser a base do seu día a día. Se se opta por estas masas, o consello é ler detidamente a lista de ingredientes e escoller aquelas que non conteñan azucres engadidos e se, ademais, se poden escoller masas ou preparacións integrais e con graxas de calidade, moito mellor.

As masas para celíacos, sen glute ou con cantidades inferiores a 10 ppm de glute.

Comercialízanse sobre todo masas para pizza. As principais marcas industriais que se dedican especificamente a este sector téñenas á venda. Son un recurso máis ocasional que as masas de fariña de trigo. Os seus ingredientes poden conter azucre engadido, graxas de baixa calidade e moitos máis aditivos que as masas tradicionais de fariña de trigo. Un produto sen glute pode ser un produto altamente procesado e, por tanto, non ten por que ser sinónimo de saudable.

Para persoas con sobrepeso.

Poden ser unha opción válida se o seu consumo é tamén ocasional. A mellor opción son as masas con ingredientes de calidade e con fariñas integrais para que a sensación de saciedade, tras degustar a súa ración, sexa maior. Se se pretende ter unha alimentación lixeira recoméndase que o resto de ingredientes que acompañen a masa sexan vexetais, con salsas simples. Hai que lembrar que a bebida que acompañe estas preparacións debe ser un bo vaso de auga.

Apuntamentos para o aforro

O prezo das masas preparadas varía segundo as marcas, a presentación e o feito de que cubran ou non necesidades dietéticas especiais. O prezo das que non conteñen glute, por exemplo, está por encima da media.

Á hora de facer a compra, convén ter presente que os formatos familiares supoñen un aforro importante. Esta presentación é interesante para as familias máis numerosas ou para as ocasións nas que hai convidados na casa. Se a masa é conxelada, pode ser útil para as familias con menos membros, xa que se pode utilizar unha parte do produto e conservar o resto para outra ocasión.

As masas preparadas, polo seu perfil nutricional, deben ocupar un lugar ocasional na dieta, de modo que o orzamento mensual non é moi elevado. Así e todo, como se pode apreciar a continuación nas distintas cestas que elaboramos, as diferenzas económicas entre unhas eleccións e outras si poden ser moi significativas.

Para elaborar estas cestas comparativas, tivemos en conta dous modelos diferentes de familia e tomamos como referencia a medida de 65 gramos por ración.