Guía de compra: galletas para nenos

Galletas para nenos, bocadiños de dozura

Teñen un gran valor enerxético debido ao seu alto contido en hidratos de carbono e graxas, o que fai aconsellable un consumo ocasional e equilibrado
1 Xuño de 2015
Img alimentacion listado 1041

Galletas para nenos, bocadiños de dozura

En España, cada persoa come ao ano cinco quilos de galletas, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Esta cifra aumentou de maneira sostida no últimos sesenta anos, en parte porque o consumo das galletas está arraigado na nosa alimentación desde hai séculos. O seu éxito radica no seu baixo contido de humidade, o que alonga a súa vida útil e diminúe o risco de deterioración por mor de microorganismos. Isto explica por que se consumiron en numerosas viaxes épicas ao longo da historia. As primeiras galletas elaborábanse nun forno quente e logo secábanse nun forno frío, unha técnica coñecida como “dobre enfornado” e que xa non se utiliza na produción moderna.

Ao parecer, a palabra “galleta” provén do termo francés galette, un pastel redondo de pouco espesor. Antano, ademais de ter unha forma redondeada, as galletas eran un alimento de consumo ocasional, mentres que hoxe están presentes a diario en case todos os fogares, haxa nenos ou non, e teñen infinidade de tamaños e formatos. E nisto inflúe, sen dúbida ningunha, o papel da industria alimentaria, que as ofrece a un prezo razoable e en infinidade de presentacións. E é que ata hai uns 50 anos adoitábanse elaborar na casa e, en moitas ocasións, era unha avoa experta a que as facía.

O sector das galletas soubo adaptarse ás novas necesidades do consumidor que cada vez valora máis os formatos cómodos (como as racións individuais en prácticas bolsiñas) e os produtos novos. Un consumidor que, preocupado pola súa saúde, tamén aprecia calquera mellora no perfil nutricional do produto (por exemplo, que conteña menos azucres, graxa ou sal, ou máis fibra, vitaminas e minerais), unha circunstancia que aproveita a industria alimentaria para perfeccionar este alimento e para promovelo con declaracións de saúde, do tipo “valor enerxético reducido” ou “alto contido en fibra”.

De entre a gran variedade de galletas que podemos atopar, as doces dominan as demandas dos consumidores españois con cotas de mercado do 96,3 %. As salgadas ocupan un lugar moito máis modesto. Menor aínda é a cota de mercado das galletas dietéticas. As galletas María son, en todo caso, a referencia máis popular, aínda que lle seguen de preto as torradas, as recheas, as bañadas e cubertas, as de relevo, as salgadas, as variedades, os barquillos e as galletas tipo biscoito. A pesar deste enorme abano de posibilidades, esta guía céntrase nas galletas dirixidas especificamente aos nenos.

E é que ao redor do 10 % das galletas que se poden atopar no mercado son infantís, aínda que as galletas María son as máis populares (de cada 10 galletas que se venden, máis de 3 son deste estilo).

Que cantidade de galletas infantís poden comer os nenos?

O seu lugar na dieta

Son moitas as familias que inclúen as galletas na súa alimentación cotiá. De feito, do total do gasto en alimentación dos fogares españois, a partida de bolería, pastelería, galletas e cereais supón un 3,6 %.

Neste punto, é preciso saber que as galletas, polo seu contido en azucres e graxas, encaixan dentro do grupo de alimentos denominado “bolería”. Así as considera o Ministerio de Sanidade que, na Enquisa nutricional de inxestión dietética española (ENIDE), as incorporou dentro da categoría “bolería”, xunto a outros produtos como pasteis, bolos, chulas ou churros.

As galletas son alimentos de gran valor enerxético debido ao seu alto contido en hidratos de carbono e graxas. Achegan unha media de 450 calorías por cada 100 gramos, polo que son un complemento adecuado de almorzos, xantares ou merendas, pero ha de terse moi en conta a cantidade que se consome. A súa inxestión resulta especialmente adecuada como achega enerxética extra en situacións de desgaste físico que así o requiren.

Cando se escolle entre as versións lixeiras, é importante reparar na orixe das calorías, xa que hai algúns casos nos que se reducen as calorías a expensas da graxa e, porén, mantense a cantidade de azucres. Estes datos son importantes especialmente para quen ten que coidar a achega de graxa ou de azucres na súa dieta, como poden ser os diabéticos ou as persoas con hipercolesterolemia, hipertrigiceridemia, obesidade etc. De calquera xeito, hai que ter en conta que para notar unha diferenza significativa de inxestión de calorías habería que tomar unhas 12 galletas; é dicir, 100 gramos deste alimento, unha cantidade nada aconsellable.

No entanto, hai que lembrar que o consumo excesivo de alimentos cunha alta densidade calórica como son as galletas incrementa o risco de padecer obesidade a longo prazo. Segundo a enquisa Enkid, levada a cabo cunha mostra representativa da poboación infantil de España, as galletas están entre os alimentos que máis calorías, graxas totais, graxas saturadas e azucres lles achegan aos nenos. É máis, nos adultos, as galletas tamén son dos produtos máis consumidos entre horas. Aínda que cada vez é posible atopar máis galletas enriquecidas en nutrientes, hai que lembrar, como sinalou en setembro de 2012 a actual directora xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), que un alimento con moito azucre non é recomendable, aínda que se lle engadisen vitaminas, minerais ou fibra.

Significa isto que as galletas son malas e que hai que esquecerse de comelas? Non, en absoluto. Como sucede con calquera alimento, o seu efecto na saúde dependerá tanto da frecuencia de consumo coma do saudable que sexa o resto da dieta. Non é o mesmo almorzar, merendar e petiscar galletas entre horas ca comelas só no almorzo ou na merenda, para lle deixar espazo á froita fresca noutras tomas. Tampouco é o mesmo comer medio paquete de galletiñas cunha cunca de leite enteiro ca respectar unhas racións comedidas de galletas e acompañalas cun vaso de leite desnatado. E, por suposto, non é o mesmo unha galleta ca outra. A modo de exemplo, as que están cubertas de chocolate terán mais calorías, graxas e azucres que as que non o están.

Por outra banda, o tamaño da ración consumida resulta determinante con respecto ás calorías que nos achegarán as galletas. Se lles prestamos atención aos produtos, moitas marcas de galletas para nenos ofrecen racións individuais con catro galletas de 10 gramos cada unha no seu interior. Sen dúbida, esta ración (de 40 gramos) achegará máis calorías, graxas e azucres que unha unidade de galleta tipo Príncipe.

Equilibrar para alixeirar

Tanto os nenos coma os adultos adoitan tomar galletas no almorzo, no xantar ou na merenda. As galletas non deben desaparecer da dieta, pero é importante coñecer o seu contido e equilibrar a súa inxestión para alixeirar as calorías, os azucres e as graxas da nosa alimentación.

No noso país, os almorzos adoitan ser doces. Ademais de produtos de galletas, tamén se acostuma a incluír bolería e repostería, torradas untadas con marmelada, leite con azucre ou cacao, cereais adozados etc. O obxectivo é introducir pequenos cambios que diminúan a inxestión de calorías, azucres e graxas nesta primeira comida do día. Así, pódense alternar os alimentos máis substanciosos e non elixir sempre as galletas, a bolería ou a marmelada como opción de almorzo. Outros días pódese optar por froita fresca e produtos pouco procesados, como torradas elaboradas con pan do día anterior con aceite.

O mesmo ocorre co xantar ou coa merenda. A galleta non sempre debe ser a primeira opción. Pódese combinar con froita fresca, macedonias ou bocadillos saudables de xamón York ou pavo, de peixe, de queixo fresco, de vexetais etc. Hai un grande abano de posibilidades.

As galletas son adictivas?

Un paquete de exquisitas galletas atráenos excesivamente. Sabemos cando o abrimos, pero nunca cando o imos pechar. Tanto aos adultos coma aos nenos cústanos moito deixar de comer estes saborosos e doces bocados, polo que é moi frecuente que pensemos que son adictivas. Pero en realidade sono?

A resposta é que non, as galletas non son adictivas. Aínda que é certo que nos custa máis deixar de comer cando estamos fronte a alimentos moi apetitosos, non é correcto falar de adicción. Na adicción existe unha excesiva dependencia emocional e física que adoita ir en aumento, algo que non sucede cos alimentos saborosos. É máis correcto falar, segundo sinala o doutor José María Ordovás, de “propensión”; isto é, “de inclinación por natureza, por afección ou por outro motivo, cara a algo en particular”, como o define a RAE.

Análise nutricional de 11 galletas para nenos

Semáforo nutricional

Para realizar unha análise nutricional, incluíronse no semáforo unha variedade de galletas con deseños atractivos para os nenos. O tamaño da ración unificouse a 40 gramos, dado que moitas delas veñen en envases individuais (bolsiña de plástico pechada que lles dá a entender aos adultos que é a ración individual que debe consumir un neno) con 40 gramos de galletas.

Tal e como se pode comprobar, ningún dos produtos seleccionados contén todos os ítems en cor verde. En concreto, as galletas Diver Crusty The Simpsons e Mini Príncipe conteñen unha cifra importante de graxas saturadas, polo que o seu consumo debe reservarse para ocasións especiais.

Neste sentido, a pesar de que as galletas incluídas no semáforo nutricional non supoñen unha preocupación polo seu contido en sal, é importante insistir en que si o son polo seu contido en calorías, azucres e graxas. É algo que convén ter en conta no noso ámbito, no que un de cada tres nenos padece exceso de peso.

Sobre a utilización de personaxes famosos nas galletas, como por exemplo os Simpsons, é importante salientar que o código Paos (Código de autorregulación da publicidade de alimentos dirixida a menores e lanzado en 2005 polo Ministerio de Sanidade para previr a obesidade infantil) sinalou que “a publicidade de alimentos ou bebidas en ningún caso explotará a especial confianza dos menores nos seus pais, nos profesores ou noutras persoas, tales como profesionais de programas infantís ou personaxes

Por que son tan atractivas para os nenos?

As galletas infantís preséntanse nuns envoltorios rechamantes, coloridos, que locen moitas veces personaxes coñecidos polos nenos. É indubidable o efecto que exerce neles o deseño do empaquetado e a publicidade destes produtos, elaborado por expertos en márketing para atraer o seu interese. Pero, ademais, tal e como detallou recentemente a doutora Julie Mennella na revista Physiology & Behavior (en maio de 2015), os nenos senten unha maior preferencia cara aos sabores doces ca os adultos, por iso é polo que as galletas son tan irresistibles para eles.

O efecto dos logotipos

Algunhas galletas dirixidas ao público infantil están aparentemente avaladas por asociacións de pediatras ou médicos. Este elemento, orientado aos adultos, opera do mesmo xeito ca un personaxe de debuxos animados cos nenos; é dicir, exerce un poderoso efecto de reclamo, en especial entre aqueles adultos que se preocupan pola correcta alimentación dos seus pequenos e queren ofrecerlles alimentos saudables. Os pais confían na presenza de logotipos de asociacións acreditadas nos envoltorios dun produto dirixido a nenos, con independencia de que estes teñan ou non un perfil nutricional idóneo para un consumo habitual, algo que os pais non teñen por que saber. Así, sería desexable que as asociacións só permitisen o uso do seu logotipo en produtos cun perfil máis saudable.

Cal compro?

Suxestións de compra

As galletas infantís non presentan grandes diferenzas nutricionais entre si. Algunhas son menos calóricas ca outras ou conteñen menos azucres e graxas, pero o certo é que todas elas son similares na súa composición. As eleccións, por tanto, dependerán moitas veces dos gustos persoais ou estarán suxeitas á economía familiar, máis que a unha diferenza nutricional importante. Unha vez dito isto, si é posible ofrecer algunhas suxestións, a modo de orientación:

A máis apropiada para almorzar ou merendar.

Unha cunca de café con leite, un vaso de leite só ou cun pouco de cacao adoitan presidir a mesa no almorzo e na merenda. As galletas clásicas e sinxelas, tipo María, son as indicadas para mollar no leite. Se facemos un almorzo rápido, para o camiño pódese elixir unha galleta un pouco máis completa que, ademais de hidratos de carbono, achega fibra que con pouca cantidade nos saciará máis (como as que conteñen multicereais e anaquiños de froitos secos). Aínda así, desde o punto de vista nutricional, tras unificar todas as galletas analizadas nun mesmo tamaño de ración (40 gramos), constatouse que non hai grandes diferenzas entre unhas e outras con respecto a nutrientes conflitivos como son os azucres ou as graxas. Por tanto, é importante non considerar as galletas infantís como a principal opción para o almorzo ou para a merenda dos nenos. É mellor diminuír a súa presenza e darlle prioridade á froita fresca.

Para a media mañá.

Unha peza de froita ou unhas tostas con aceite e tomate son mellores opcións que as galletas para un petisco de media mañá. Con todo, se eliximos unhas galletas porque despois comeremos algo lixeiro ou porque estamos de excursión e necesitamos algo práctico e fácil de transportar, decantarémonos polas galletas analizadas máis lixeiras (Tosta Rica, Dibus Mini, Osiños sabor mel). En todo caso, é mellor non levar galletas de chocolate, xa que conteñen demasiadas calorías e azucres (e pódennos quitar as ganas para comer despois) e son difíciles de transportar nos días calorosos porque se desfán con facilidade.

Para facer sobremesas.

Para unha sobremesa eventual, calquera galleta é válida, aínda que convén saber que, entre as analizadas no semáforo nutricional, as menos recomendables son as galletas Diver Crusty The Simpsons e Mini Príncipe. Se imos utilizar galletiñas para elaborar con elas outras sobremesas, a opción máis recomendada e económica son as galletas tipo María. Con elas, pódese elaborar a famosa torta de galletas e cacao. E se queremos facer unha sobremesa máis contundente, e para ocasións especiais, podemos empregar as galletas recheas tipo Oreo para facer con elas a crema de manteiga duns cupcakes.

Para os nenos con diabetes.

Un neno con diabetes pode consumir galletas, aínda que terá que regular a dose de insulina en función da cantidade de azucre consumido. En todo caso, dado que o seu risco cardiovascular está aumentado, é moi recomendable que evite consumir de forma frecuente alimentos cunha baixa calidade nutricional.

Apuntamentos para o aforro

O universo das galletas é tan amplo que elixir a máis adecuada para os máis pequenos non sempre é tarefa doada. Os supermercados e outros establecementos, ofrecen estantes repletos de galletas con diferentes sabores, tamaños e texturas: de chocolate, con froitos secos, de manteiga, de iogur, redondas, cadradas, de cores… Son moitas as variantes de galletas que xurdiron co paso dos anos.

Un quilo de galletas infantís custa entre 3 e 14 euros, unha variedade de prezos bastante ampla se se ten en conta que os ingredientes son parecidos e a composición nutricional dunhas e doutras é bastante similar. Observamos primeiro as marcas:

  • Entre as máis baratas, atopamos as galletas Tosta Rica (Cuétara) e as Tuestis Angry Birds (Gullón), ambas por debaixo dos 3,50 euros o quilo.
  • Non tan económicas, pero por debaixo do prezo medio, están as Dibus Dragons (Gullón), as galletiñas con cereais e chocolate (Eroski) e as Dinosaurus (Artiach), todas por debaixo dos 6,70 euros o quilo.
  • Entre as máis caras están as Mini Osito Lulú (Fontaneda) e os Minidinosaurus con mel (Artiach), ambas custan máis que 10,50 euros o quilo.

Pero, no mundo das galletas -en particular, das infantís-, non todo é cuestión de marca. Tamén inflúe moito o personaxe, o deseño e o tamaño da galleta. Un exemplo? Os dinosauros de Artiach, que podemos atopar con diferentes prezos. Así:

  • Os sinxelos Dinosaurus custan pouco máis de 6 euros o quilo.
  • Os enxeñosos Dinosaurus Ovos (galletiñas con forma de ovo e pebidas de chocolate) custan máis de 9 euros o quilo.
  • Os simpáticos Minidinosauros con mel custan case 11 euros o quilo.

A recomendación para aforrar, se aos peques só lles gustan estes personaxes (ou outros, coma os Simpson, os Osiños ou os Angry Birds), é mirar ben os prezos dentro dese grupo e ofrecerlles levar os máis económicos.

Na comparativa de prezos hai que ter en conta tamén o tamaño (peso) do envase, xa que algunhas galletas poden parecer moito máis económicas ca outras a primeira vista e, en realidade, ser máis caras. Isto pódese apreciar mesmo entre galletas idénticas da mesma marca. Por exemplo:

  • As galletiñas Tosta Rica, de Cuétara, custan 3 euros o quilo se se compran no seu formato xigante, de 1,2 quilos.
  • Porén, se compramos estas mesmas galletas nun formato máis pequeno ?por exemplo, de 860 gramos?, o prezo por quilo custa 40 céntimos máis.
  • Se escollemos o formato máis pequeno de todos ?as Mini Go, de 240 gramos?, o prezo por quilo duplícase, xa que supera os 6 euros.

Neste caso, o máis indicado para aforrar é elixir os formatos máis grandes e consumir aos poucos as galletas. No entanto, os paquetes pequenos teñen a vantaxe de seren máis prácticos e de que poden ser moi útiles para conseguir que este tipo de alimento sexa de consumo ocasional; é dicir, que sexa máis un capricho ca unha parte cotiá e abundante da dieta.