Dieta sa para o corazón

Complementos dietéticos contra o colesterol: axudas, non milagres

Sementes de liño, alpiste, produtos con fitosterois engadidos e as cápsulas ou perlas de omega-3 son parte das alternativas contra a hiperocolesterolemia
1 Setembro de 2010
Img alimentacion

Complementos dietéticos contra o colesterol: axudas, non milagres

Non doe, non se nota e non molesta. Non obstante, son moitas as persoas que manteñen alto o nivel de colesterol LDL (o malo) e que, precisamente por ser asintomático, non atenden ao seu tratamento dietético inicial ata que os niveis son tan alarmantes que precisan dun medicamento para corrixilo. Segundo o documento “Control da Colesterolemia en España, 2000: Un instrumento para a Prevención Cardiovascular”, máis da metade das persoas entre 35 e 64 anos (57,8%) sofre unha colesterolemia igual ou superior a 200 mg/dl. Este é o nivel máximo consensuado polas sociedades europeas para a prevención da enfermidade coronaria. Ao 16% de poboación coa mesma idade diagnostícaselle hipercolesterolemia, definida por ter cifras iguais ou superiores a 250 mg/dl. Pero aínda son moitas as persoas que descoñecen este dato porque hai anos que non fan unha análise de sangue. Por iso a Fundación Española do Corazón advirte de que quen teña o colesterol en sangue en 240 mg/dl ten o dobre de risco de ter un infarto de miocardio que quen se achega aos 200 mg/dl.

A hipercolesterolemia (nivel de colesterol en sangue elevado) leva asociado un elevado o risco de mortalidade por enfermidade coronaria. E a súa deposición arredor das arterias é unha das causas de arteriosclerose, un paso previo para o infarto.

Agora ben, hai afectados máis preocupados que, amais de seguiren unha alimentación axeitada, recorren, unhas veces por consello sanitario e outras -as máis- por iniciativa propia, a tomar alimentos e/ou complementos dietéticos que se anuncian como eficaces para baixar o colesterol.

Non hai máis que visitar unha farmacia ou unha herboristería para ver que os seus estantes están cheos de produtos que disque baixan o colesterol. Ata en cadeas de distribución se venden alimentos específicos para este fin. Entre os numerosos complementos dietéticos inclúense as sementes de liño ou o alpiste, os produtos con fitosterois engadidos e as cápsulas ou perlas de omega-3. Aínda que a maioría se revelan como remedios eficaces, de todos non se coñece a dose segura, a duración do tratamento ou os seus efectos secundarios e contraindicacións.

Eficaces como complemento á dieta

Estes complementos débense valorar como coadxuvantes do tratamento dietético para o control da hipercolesterolemia límite ou moderada (entre 200 e 249 mg/dl). Convén saber que ao tomalos non sempre se resolve o problema e que é importante facer analíticas periódicas para comprobar a evolución.

Fibra soluble. O efecto hipocolesterolemiante débese a que limita e atrasa a absorción intestinal do colesterol, ao favorecer a súa mestura cos ácidos biliares e que o conxunto se elimine polas feces. Son moitos os complementos deste tipo; pectina extraída das froitas, goma guar e glicomanano vexetais, farelo de avea, physillium ou plántago ovata, sementes de liño ou de alpiste. O consumo duns ou doutros resulta unha axuda preventiva para controlar o colesterol, sobre todo o LDL (o malo), sen que se modifiquen as concentracións de colesterol HDL (o bo), pero tampouco os triglicéridos. Os estudos científicos amosan diferenzas notables na redución do colesterol entre os distintos tipos de plantas, e estas diferenzas asócianse máis á dose empregada, aos distintos tipos de dieta seguidas, e ata se observan diferenzas que poden estar asociadas ao sexo e á regulación hormonal, en particular nas mulleres. A clave está en probar cal resulta máis efectiva e atinar coa dose, sen que a cantidade consumida provoque molestias intestinais.

  • Sementes de liño ou liñaza. Son ricas en dous compoñentes bioactivos, fibra soluble (pectinas e mucilaxes) e ácidos graxos insaturados (ácido alfa-linolénico, máis abundante no aceite de liño). Este último é precursor directo dos ácidos graxos omega 3, EPA e DHA. Resulta particularmente útil entre quen teña antecedentes familiares de dislipemias ou de enfermidade cardiovascular, e os efectos redutores son máis evidentes nas mulleres e entre individuos con concentracións iniciais máis altas de colesterol. Ao comezo do tratamento a persoa pode experimentar molestias intestinais, que pasan logo de varias semanas ou se toman as sementes moídas.
  • Sementes de alpiste (Phalaris canariensis). Estas sementes, máis coñecidas como o alimento para os paxaros, son unha menciña popular e económica para axudar a reducir o colesterol plasmático pola súa riqueza en fibra soluble.

Fitosterois (ou esterois) e fitoestanois. O consumo cotián de dous gramos destas substancias reduce o colesterol total entre un 10% e un 15%, ao interferir na absorción intestinal do colesterol dietético e do endóxeno (o producido polo fígado). A súa acción incide no colesterol LDL (colesterol malo), o que ten maior adherencia ás paredes das arterias, coa conseguinte redución do risco de aterosclerose. Hai médicos e nutricionistas que suxiren en caso de hipercolesterolemia inicial tomar alimentos funcionais enriquecidos en fitosterois (esterois e estanois) como bebidas lácteas, margarinas, etc. Non obstante, se a colesterolemia límite non é moi alta, o descenso pódese obter grazas a unha dieta terapéutica para tal fin, que inclúa alimentos naturais ricos nestes compostos (aceites vexetais, froitos secos e legumes, entre os que sobresae a soia), sen necesidade de recorrer aos denominados “funcionais”. O consumo deste tipo de produtos enriquecidos débese facer sempre na súa xusta medida, durante un tempo limitado e con asesoramento dietético e/ou médico. Tomar máis cantidade non logra unha maior redución, e pode ter consecuencias negativas para a saúde. De feito, estes produtos están destinados en exclusiva ás persoas que teñan necesidade por saúde de reducir a súa colesterolemia. Os que toman medicamentos só deben consumilos baixo supervisión médica, e a súa inxestión non é apropiada durante o embarazo, a lactación e en nenos pequenos.

Lecitina de soia (fosfatidilcolina). É un fosfolípido, unha mestura complexa de graxas, ácidos graxos esenciais, fósforo e dúas vitaminas do grupo B (colina e inositol). No organismo, os fosfolípidos axudan a manter en suspensión o colesterol sanguíneo e impiden que se deposite nas paredes arteriais e venosas. As revisións científicas sobre o efecto hipocolesterolemiante da lecitina demostran que a maioría de ensaios clínicos con pacientes (son máis numerosos os estudos experimentais con animais) deron resultados positivos, pero non convincentes. Polo de agora, a lecitina de soia pode servir como complemento preventivo, aínda que non terapéutico, en caso de ter colesterolemia límite ou antecedentes de hipercolesterolemia. Na actualidade non se coñece con exactitude a dose segura e a duración do tratamento para que este complemento sexa eficaz.

Ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA). Véndense en cápsulas ou perlas, polo xeral de aceite de peixe. Os efectos dos ácidos graxos omega-3 sobre o metabolismo dos lípidos son controvertidos e non están ben definidos. Está demostrado que diminúen os triglicéridos, aumentan a vasodilatación arterial, reducen o risco de trombose e a tensión arterial, e todos estes efectos se postulan como protectores das enfermidades cardiovasculares. Pero o seu efecto sobre os niveis de LDL-colesterol e HDL-colesterol depende do tipo de paciente e dos seus niveis iniciais de colesterol. Polo tanto, o consumo destes complementos non pode recomendarse para tratar unha dislipemia, salvo prescrición médica expresa.

Os máis novos, en estudo

  • Chitosan ou quitosan. É un polisacárido obtido a partir de residuos dos exoesqueletos dos crustáceos (cangrexos, gambas, lagostinos, etc.). Nos Estados Unidos está de moda como complemento redutor do colesterol. Ata o de agora, os estudos realizados dan resultados positivos, aínda que se precisan máis evidencias que caractericen mellor o efecto do composto en todas as lipoproteinas; LDL, HDL e mesmo triglicéridos.
  • Xengibre, nopal, chitosano. Algúns centros de investigación e laboratorios farmacéuticos levan a cabo estudos que analizan o potencial hipocolesterolemiante destes compostos. Aínda que os resultados das investigacións se perfilan como interesantes no tratamento coadxuvante das dislipemias, requírense máis estudos que corroboren os devanditos efectos, as doses de eficacia e seguridade, a duración do tratamento, e mais os seus posibles efectos secundarios e contraindicacións.
Alimentos imprescindibles

Unha dieta axeitada é o primeiro paso para iniciar o tratamento co fin de baixar o colesterol elevado. Amais de conseguir os axustes, permítelle á persoa afacerse a un tipo de alimentación máis saudable para toda a súa vida.

Á luz das evidencias científicas, os cambios dietéticos que se propoñen de inicio pasan por incluír acotío os seguintes alimentos básicos:

  • Aceite de oliva virxe extra: Rico en ácidos graxos monoinsaturados, vitamina E e fitosterois, todos eles compostos cardioprotectores.
  • Noces: unha porción (4-6 unidades). Supón unha achega interesante de ácido alfa-linolénico, que o organismo transforma en ácidos graxos omega-3 e contén tamén fitosterois, ambos os dous recoñecidos polo seu papel na redución do colesterol.
  • Peixe azul: mínimo 3 veces por semana.Reportan unha boa dose de ácidos graxos omega-3. A porción será de 140 gramos polo menos 3 días por semana de entre unha grande variedade de peixes azuis; sardiñas, anchoas, xurelo, xarda, atún, bonito…
  • Sementes de sésamo ou derivados (aceite, gomasio ou tahini), engadido a ensaladas, cremas, receitas de legumes, arroz ou pasta, mollado con pan…
  • Legumes variados, sen que falten a soia (amarela e verde) e mais os chícharos.
  • Verduras de cor verde (acelga, chicoria, leituga, espinacas…), brotes ou xermolados, e verduras de talo (porro, apio, cardo).