Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

: Aditivos: os máis difamados da industria

NIN MALVADOS NIN PERIGOSOS. OS ADITIVOS ALIMENTARIOS LEVAN DETRÁS UNHA INMERECIDA MALA FAMA Á QUE CONTRIBÚE A PROPIA INDUSTRIA CON ETIQUETAS COMO “100 % NATURAL” OU “SEN COLORANTES NIN CONSERVANTES”. É HORA DE LIMPAR O SEU NOME. CONTÁMOSCHE QUE SON, PARA QUE SERVEN E POR QUE SON SEGUROS.

Como se determina a súa seguridade

O consumo dos aditivos aprobados é completamente seguro. O proceso para que un aditivo se admita na lista de uso non resulta sinxelo. A avaliación dos riscos e seguridade lévaa a cabo a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) e consiste nun exame minucioso da súa estrutura química, así como das impurezas e posibles subprodutos que se forman durante o seu uso. Tamén se realiza unha análise toxicolóxica para determinar se o aditivo é daniño, xeralmente con estudos en animais aos que se lles proporcionan os aditivos en cantidades moito máis altas que as que se formulan pola industria.

Nestas análises avalíase se poden desenvolver cancro, se interfiren co material xenético ou se poden chegar a afectar á fertilidade ou ao feto. Se tras estas análises o aditivo se acepta para o seu uso, determínase a Inxesta Diaria Admisible (IDA): “cantidade dun aditivo alimentario, expresada en relación ao peso corporal, que unha persoa pode inxerir diariamente durante toda a súa vida sen correr riscos apreciables para a súa saúde”. Para establecelo, pártese do valor tóxico atopado nos estudos con animais e a esa cifra aplícaselle un factor de seguridade (divídese xeralmente por 100 ou 1.000), obtendo un valor moito máis seguro. Por exemplo, se nun estudo en animais se determina que a partir de 100 mg/kg e día a substancia empeza a dar problemas, para humanos o nivel de seguridade probablemente se establecerá en 0,1 ou 1 mg/kg día.

Ademais, os límites e o uso dos aditivos adoita modificarse: o seu uso reavalíase cando novas evidencias saen á luz, o solicita a industria ou o reclaman os diferentes países da UE. Por exemplo, en 2012 reducíronse os niveis máximos permitidos para tres colorantes: amarelo de quinoleína, vermello cochinilla A e alaranxado S. Tamén se avalían regularmente os niveis de exposición a estes aditivos. É dicir, canta cantidade de cada un inxerimos. Se se observa que este nivel está cerca ou supera a IDA, propóñense medidas para diminuír o seu uso e, xa que logo, o seu consumo, chegando á súa retirada se fose necesario. Ademais, os aditivos non se acumulan no corpo humano como si o poden chegar a facer certos praguicidas ou metais pesados. Dito doutro xeito: os aditivos que inxerimos son expulsados polo noso organismo.

‘Química’ dunha cereixa

Ingredientes: auga, azucres (glucosa, frutosa, galactosa, maltosa, sacarosa), endurecedor (e460), minerais, emulxente (e570), aminoácidos, potenciador do sabor (e620), colorantes (e160a, e161b, e161c), antioxidantes (e300, e307), colina, fitoesterois e aromas naturais.

Así, á primeira vista, non parece a listaxe de ingredientes dun produto moi san, sobre todo por eses azucres e tanto aditivo. Con todo, resulta ser a listaxe de ingredientes dunha cereixa. Si, unha cereixa. A pesar de que contén bastantes azucres (13 %), estes non se atopan libres como os engadidos nunha bebida azucrada, senón que son intrínsecos ao propio alimento. Non debemos preocuparnos polos azucres intrínsecos, xa que non se demostrou que poidan ser prexudiciais. Isto, unido á cantidade de fibra e todos os micronutrientes que contén, fan da cereixa un alimento moi san. Os alimentos, por moi naturais que sexan, tamén conteñen “químicos”. Ademais, moitos destes compostos pertencen á lista de aditivos autorizados. Se a ninguén se nos ocorre pensar que unha cereixa é un alimento insán, non deberiamos preocuparnos cando un alimento leve uns ou outros destes aditivos, senón polo alimento en si.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións