Analizados 102 parques de 18 cidades españolas

Zonas verdes: non melloran en cantidade e os seus usuarios perciben falta de seguridade

O equipamento e os servizos acumulan as principais deficiencias, mentres que o mantemento e limpeza se catalogan como satisfactorios. As diferenzas entre as cidades son salientables
1 Marzo de 2007
Img temap 273

Zonas verdes: non melloran en cantidade e os seus usuarios perciben falta de seguridade

/imgs/20070301/img.temaportada.01.jpg Os espazos verdes públicos son algo máis ca un reduto de tranquilidade na atafegada vida urbana. Así o cre a Organización Mundial da Saúde (OMS), que recomenda que as cidades dispoñan, como mínimo, de dez a quince metros cadrados de áreas verdes por habitante. Ademais de axudar a que respiremos aire fresco e limpo (20 árbores reciclan o carbono de 100 quilómetros percorridos por un automóbil), as zonas verdes constitúen lugares de esparexemento e de lecer, espazos propicios para fomentar as relacións sociais. Tamén contribúen a facer as cidades máis habitables, aspecto relevante nun país como o noso, no que un de cada dous cidadáns vive nas 18 áreas metropolitanas máis desenvolvidas, e un terzo faino nas cinco máis importantes: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla e Bilbao.

Por esta razón, CONSUMER EROSKI visitou 102 parques ou xardíns emblemáticos de 18 cidades: 8 en Madrid e Barcelona, 7 en Valencia, Sevilla, Zaragoza e Málaga, 6 en Alacante, Bilbao, Córdoba, Murcia e Valladolid e 4 na Coruña, en Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria. Valoráronse aspectos relacionados co estado de mantemento, limpeza e conservación dos parques, o seu nivel de equipamento, a información ao usuario, o seu grao de accesibilidade e a súa seguridade. A investigación completouse cunha enquisa a 2.040 usuarios destas zonas verdes urbanas para coñecer a súa opinión acerca destes aspectos. Ademais, comprobouse cal é a proporción de zonas verdes por habitante nas distintas capitais.

A principal conclusión é que hai poucas zonas verdes nas nosas cidades (a maioría non alcanzan a recomendación da OMS) e a sensación de inseguridade que perciben os que as utilizan, amais de non diminuír respecto a unha investigación semellante realizada hai cinco anos por esta revista, dista moito de ser minoritaria: o 40% das máis de 2.000 persoas enquisadas en zonas verdes e parques urbanos consideran que non son seguros, se ben a situación, ao igual que acontece coa cantidade de superficie destinada a zona verde, é ben distinta entre unhas e outras cidades. Sirva como exemplo que en Pamplona e Vitoria lle corresponden a cada habitante 26 e 23 metros cadrados de zonas verdes, respectivamente, mentres que ao cidadán residente en Murcia, Alacante, Bilbao, Málaga, Valencia e Granada apenas lle tocan nesta repartición verde 5 metros cadrados.

Doutra banda, da visita realizada por técnicos desta revista a 102 parques urbanos de 18 cidades pódese deducir que o estado de mantemento e limpeza das zonas verdes urbanas é satisfactorio e que a información proporcionada ao usuario e mais a accesibilidade para minusválidos e a seguridade (entendida como presenza de persoal de seguridade e ausencia de risco de accidente e de obxectos perigosos) son, salvo excepcións, abondas. Así e todo, o equipamento e os servizos dispoñibles nestas zonas verdes (espazos de xogos para nenos, mesas e cadeiras tipo pícnic, áreas para cans, mobiliario urbano, fontes…) son, tamén en xeral, escasos.

Limpeza ben, con matices

/imgs/20070301/img.temaportada.02.jpg O estado de mantemento e limpeza das zonas verdes visitadas pódese cualificar como positivo, aínda que con matices. De feito, dous de cada dez parques teñen as súas zonas de vexetación en mal estado de conservación (debido fundamentalmente á acción dos usuarios); nun 22% detectáronse árbores deterioradas, en mal estado ou con signos de vandalismo (especialmente en Córdoba e Granada), dous de cada dez lucían as zonas de céspede descoidadas (seco, despoboado ou con calvas, con falta evidente de limpeza, etc.), un 7% tiñan as zonas de sebes ou arbustos en deficiente estado (principalmente debido a que os usuarios non as respectan e crean accesos atravesándoas) e nun 11% dos parques que contaban con xardineiras e soportes, o seu estado era simplemente deplorable, sen vexetación ou cheas de desperdicios (destacan negativamente os parques de Córdoba, Madrid e Zaragoza).

No tocante ao resto de zonas, servizos e equipamentos, os resultados da observación foron semellantes: dos parques que contaban con aseos de uso público, máis de un de cada catro mostraban problemas de limpeza e seis de cada dez carecían de xabón de mans, en un de cada tres nin sequera había papel hixiénico e un 40% non dispuña de papeleiras. Pola contra, no 75% os bancos estaban en perfecto estado de uso e limpeza (os mellores en Barcelona, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Valencia), aínda que case dous de cada dez tiñan as papeleiras excesivamente cheas ou con pegadas de vandalismo (rotas, queimadas, etc.) e un de cada dez tiñan as fontes estragadas ou emporcalladas (as peores en Málaga e Logroño).

Polo que respecta ás zonas de xogo infantil, no 13% destacaba a falta de limpeza (debido sobre todo ás defecacións incontroladas dos cans), un 12% tiña o pavimento descoidado e case unha de cada dez padecía problemas de mantemento nos seus xogos e bambáns (con roturas, pintadas, falta de elementos, etc.).

Equipamento moi limitado

Doutra banda, os Concellos non poden alardear da dotación de servizos e equipamentos dos seus parques urbanos. Un 43% dos espazos visitados non cumprían coas expectativas neste apartado. Así, case seis de cada dez carecían de aseos públicos (destacan negativamente os parques da Coruña, de Barcelona, Córdoba, Logroño, Murcia, Oviedo, San Sebastián e Vitoria) e noutro 11% estaban pechados, só en un de cada catro había mesas e cadeiras tipo pícnic, un 80% carecía de cabinas de teléfono, unicamente en dous de cada dez se atoparon áreas reservadas para cans e só un 25% dispuña de zonas cubertas (pérgolas ou alpendres) onde gorecerse da chuvia ou do sol. O equipamento deportivo ou recreativo das zonas verdes urbanas visitadas tampouco é abundante, de xeito que só se atoparon canastras de baloncesto en tres de cada dez, canchas de fútbol sala no 23%, mesas de ping pong no 19%, pistas de skate ou de patinaxe no 23%, boleira no 16%, zona de petanca no 19% e espazos exclusivos para andar en bicicleta no 27%.

Continuando coa dotación de servizos, só un 29% dos parques estaban equipados con papeleiras e dispensadores de bolsas para excrementos de cans, nun 11% non había nin sequera unha fonte de auga potable, só dispuñan de cafetaría ou quiosco (aberto) o 40% dos parques e en case tres de cada catro non había aparca-bicicletas.

Información ao público infantil deficiente

/imgs/20070301/img.temaportada.03.jpg No tocante á información ao público ofertada nos parques das nosas cidades tamén se atoparon deficiencias, aínda que a situación en xeral pode cualificarse de positiva. Entre as carencias, só no 22% dos parques se expuña información ao visitante sobre as características ou nomes científicos das especies vexetais do lugar mediante carteis explicativos (os mellores parques, os da Coruña, Málaga e Sevilla), carencias que non se detectaron nas obras de arte presentes.

Agora ben, a información nas zonas de xogo infantil é deficiente: só en catro de cada dez zonas se prohibía a presenza ou entrada de animais (principais causantes do lixo nestas áreas), nesa mesma proporción indicábase a que idades están dirixidos os distintos xogos e equipamentos e só no 28% se informaba do número de teléfono ao que chamar en caso de atopar deficiencias no mantemento e conservación destas zonas.

Tampouco a información de utilidade observada nestes espazos verdes era abonda: a penas a metade apuntaban o nome ou a denominación do parque, no 85% non se lle ofrecía información ao visitante sobre as características da zona ou sobre as normas de comportamento, e só no 22% se facilitaba información sobre a distribución do parque e as súas distintas zonas ou estancias mediante carteis con planos, mapas ou elementos similares.

Seguridade axeitada, aínda que accesibilidade mellorable

/imgs/20070301/img.temaportada.04.jpg Con respecto á accesibilidade ás distintas zonas e espazos de cada parque para as persoas con mobilidade reducida, observouse que en máis da metade das zonas verdes visitadas con aseos públicos, estes non estaban adaptados a minusválidos, nun 3% atopáronse barreiras arquitectónicas (escaleiras) para acceder ás zonas de xogo infantil, e comprobouse que só no 57% dos parques se contaba con prazas de aparcamento reservadas a minusválidos nas súas proximidades.

É no apartado de seguridade onde as zonas verdes visitadas obteñen mellor valoración: ningún parque suspende, aínda que un 17% debe conformarse cun mediocre “aceptable” de nota media. Entre os aspectos mellorables, constatouse que un 28% dos parques non tiñan iluminación abonda nalgunhas zonas e en un de cada tres parques observáronse elementos que podían causar accidentes (falta de valados ou varandas, madeiras ou obxectos no pavimento, terreos sen achandar, zonas en obras mal acoutadas ou sinalizadas, etc.).

Ademais, en tres de cada dez parques detectouse tráfico que afectaba ao normal desenvolvemento das actividades de lecer. No 20% dos casos, o tráfico atravesaba ademais a zona verde. En un de cada tres parques observáronse vehículos no seu interior, aínda que só catro de cada dez eran coches particulares ou motos e non vehículos de limpeza, de mantemento ou de policía. Ademais, só no 23% das zonas verdes visitadas se observou a presenza de persoal de seguridade (policía, garda parques ou vixilantes), situación que contrasta coa do 2002 (a proporción ascendeu ao 74%).

Continuando co apartado de seguridade, xa dentro das zonas de xogo infantil, o 52% delas non estaban valadas ou claramente delimitadas e só no 29% se expuñan carteis que indicaban onde acudir ou chamar en caso de accidente ou emerxencia. Ademais, só un 35% das zonas infantís estaban equipados con chans de caucho ou elementos similares, mentres que no resto se limitan a area, grava, cemento ou asfalto.

Seguridade e lecer: principais demandas dos usuarios

/imgs/20070301/img.temaportada.05.jpg CONSUMER EROSKI entrevistou a 20 visitantes de cada parque (realizáronse 2.040 entrevistas persoais) e preguntoulles a súa opinión sobre diversas cuestións, como a limpeza do parque, o equipamento e os servizos que se lles ofrecen, e mais sobre a súa percepción sobre a seguridade que lles transmite.

Malia que ningún dos parques estudados suspende en seguridade, a sensación de inseguridade é notable, tanto que catro de cada dez enquisados considera que o parque non é seguro (situación que non variou dende o anterior estudo, elaborado no 2002). Por cidades, son os alacantinos (77%), sevillanos (preto de dous de cada tres), cordobeses e malagueños (en ambas as dúas cidades arredor do 57%) os que perciben unha maior falta de seguridade nos seus parques urbanos. No outro lado da balanza, San Sebastián (co 99% de visitantes que non teñen opinións negativas con respecto á seguridade) pode presumir de que os cidadáns se senten realmente seguros nos seus parques. Tamén é o caso da Coruña, onde o 92% dos usuarios dos parques teñen a certeza de que non corren ningún risco.

No tocante aos servizos e equipamentos, preto dun 40% dos enquisados opina que os parques aos que acoden teñen algunha carencia. As cidades nas que máis criticas reciben sobre este apartado son Granada, Málaga, Sevilla e Valencia, capitais onde máis da metade dos visitantes consideran que estas áreas rexistran deficiencias. As maiores demandas dos usuarios céntranse nun maior despregamento de zonas de xogo infantil (o 15% dos enquisados así o solicitan), aseos públicos, máis iluminación ou fontes (demandados por dous de cada dez usuarios nos tres casos) e maior dotación de zonas verdes e/ou arboredo (o 7%).

Pola contra, só un de cada tres usuarios opina que o parque ofrece unhas deficientes condicións de limpeza e conservación. Alacante é a cidade co peor mantemento (segundo os seus usuarios, un 62%), seguida por Sevilla, Córdoba e Málaga (a metade dos enquisados así o afirma).

O que lle custa a unha cidade o seu "pulmón" verde

As zonas verdes urbanas precisan, amais de espazo físico, dunha dotación económica importante que garanta unha conservación e mantemento de calidade. Os concellos españois destinan, de media, un 2,5% do seu orzamento ao coidado dos ” pulmóns” da súa cidade. En Logroño e Pamplona, a satisfacción de estar no podio das capitais con máis parques e xardíns do estudo plásmase nun esforzo económico tamén superior á media. De feito, a proporción do orzamento local ascende ao 4,5%. Tamén Barcelona e Valencia superan lixeiramente a media (con preto do 3% dos seus orzamentos anuais dedicados a estes fins). Pola contra, Málaga resérvalle a menor porcentaxe das 18 cidades (un exiguo 0,8% do orzamento xeral) ao mantemento dos seus parques e xardíns, xunto con Bilbao (1,5%), Oviedo e Zaragoza (preto do 2%). Moi preto da media atópanse os concellos de Valladolid, Sevilla, Córdoba, A Coruña, Murcia, San Sebastián e Granada.

En termos económicos, destacan os 50 millóns de euros que lle custa a Barcelona manter en boas condicións os seus parques e xardíns, os 21 millóns e medio que emprega Valencia ou os case 19 millóns de Sevilla (tres das cidades máis grandes de España), fronte aos 4 millóns de euros que se dedican á conservación dos espazos verdes ovetenses e aos apenas 5 millóns de Granada.

Decálogo do parque ideal

/imgs/20070301/img.temaportada.06.jpg Con independencia do seu tipo (botánico, monumental, etc.), un parque de calidade debe estar deseñado para lles ofrecer aos seus usuarios un ámbito agradable, accesible e seguro. Para iso, debería cumprir cunha serie de requisitos básicos:

  • Extensión axeitada: o parque debe ofrecer un espazo abondo para todos, de xeito que os seus usuarios se poidan sentir cómodos para realizaren distintas actividades: practicar deporte, relacionarse socialmente, comer, pasear, ler, conversar ou simplemente descansar.
  • Ámbito agradable todo o ano: un bo parque urbano debería ter sombras no verán e zonas, por exemplo con vexetación, que servisen para protexerse do frío ou do aire en inverno.
  • Oferta de servizos suficiente e de calidade: os parques urbanos deben contar co suficiente equipamento e con instalacións para realizar actividades culturais, prácticas deportivas e de ocio, pasear, contar con edificios para exposicións, obras de arte, zonas de pícnic, lugares nos que os veciños poidan plantar árbores ou plantas, etc. Non está de máis que a oferta de actividades sexa gratuíta, por exemplo o alugueiro de bicicletas ou de patíns.
  • As zonas de xogo infantil deben incluír elementos diferenciados por idades: o obxectivo é que poidan xogar nenos de todas as idades. Ademais, deben contar con zonas para que os adultos poidan vixiar os cativos comodamente (por exemplo con bancos protexidos das inclemencias do tempo circunvalando as zonas de xogo).
  • Ergonomía do mobiliario urbano: o mobiliario urbano (bancos, papeleiras, fontes, farois, etc.) debe ser cómodo, numeroso e adaptado a persoas con minusvalías, e a súa disposición debe ter en conta o uso lóxico de cada zona do parque.
  • Divulgación da natureza: as áreas verdes urbanas son unha oportunidade única para amosar máis de preto a natureza (espazos para coñecer e aprender). Por iso, é conveniente que, dun xeito didáctico (por exemplo, mediante carteis de información), se sinale qué flora e fauna hai na zona (aulas da natureza), ademais de contar con información de utilidade (planos do parque, a onde chamar en caso de danos nas instalacións, a onde acudir en caso de accidente, instrucións nos xogos, etc.).
  • Eliminación de barreiras arquitectónicas: o acceso ás diferentes zonas e equipamentos non debe ser un obstáculo para as persoas con dificultades de mobilidade, amais de contar cunha boa infraestrutura de medios de transporte que os achegue aos cidadáns.
  • Mantemento eficaz: á parte dos labores necesarios de limpeza, é necesario que conten con papeleiras ben repartidas por todo o parque, con servizos para os excrementos dos cans, con aseos públicos, etcétera.
  • Ambiente tranquilo: é dicir, sen ruídos excesivos (por exemplo o impacto acústico ocasionado polo tráfico) e cunha distribución de espazos e zonas adecuada, diferenciando entre os de xogo e os de estancia, paseo ou relaxación.
  • Coidado e respecto da biodiversidade: as zonas verdes non deben supor un impacto sobre as especies vexetais e animais autóctonas. Os parques e xardíns da cidade deben ser ecosistemas equilibrados para as formas de vida que, ao longo do tempo, se foron desenvolvendo no territorio.

Recomendacións para unha cidade máis habitable y táboas comparativas

Os expertos coinciden en que a primeira gran recomendación para unha cidade máis saudable e máis agradable consiste na recuperación de espazos verdes. Esta iniciativa xa se puxo en práctica nalgúns concellos españois. Trátase de operacións custosas que poden requirir o derrubamento de edificios, pavimentos, replantación…, pero que realmente pagan a pena. Isto inclúe facer un esforzo pola integración doutros recursos como praias, humidais, etcétera.

Contra a impermeabilización do chan, é aconsellable que se fixen, nos plans urbanísticos, uns valores mínimos de chan permeable (onde se poida iniciar unha vida vexetada) non inferiores ao 30%. Isto coñécese como “índice biótico do chan”.

Cómpre avaliar a calidade das zonas verdes mediante indicadores como a proporción de superficie verde sobre o espazo construído e o seu impacto sobre a biodiversidade do territorio. Ademais, é importante avaliar a pegada ecolóxica da cidade e a capacidade de carga do territorio; en definitiva, prever para evitar impactos irreversibles sobre recursos escasos como o solo ou a auga.

A creación de espazos verdes nas cidades non se debe limitar a mellorar o clima urbano, hai que ir máis alá. É imprescindible realizar un estudo dos valores do territorio como punto de partida da extensión urbana. Isto representa idear un Plan Verde para a cidade (que reúna toda a información) e considerar o Patrimonio Natural ao mesmo nivel de relevancia ca os valores históricos.

As cidades compactas poden mellorar mediante a creación de corredores que conecten a cidadanía cos espazos de natureza periurbanos e rurais. Esta conexión mellora a conservación e o mantemento dos parques urbanos. Institucións e expertos apoian o deseño de aneis verdes (perimetrais ou interiores), construción de redes de sendeiros e a conexión entre parques e espazos verdes urbanos.