EROSKI CONSUMER analiza 150 parques e xardíns urbanos de 18 cidades españolas

Zonas verdes: aumenta a súa seguridade, pero o equipamento e a información ao usuario continúan a ser escasos

A maioría dos parques urbanos visitados atópase en bo estado de mantemento e limpeza
1 Outubro de 2010
Img tema listado 140

Zonas verdes: aumenta a súa seguridade, pero o equipamento e a información ao usuario continúan a ser escasos

Fan falta, pero non sempre están presentes alá onde se precisan, nin tampouco nas mellores condicións. Os espazos verdes urbanos non son só un elemento decorativo máis que engalana vilas e cidades. Axudan a que os seus habitantes respiren aire fresco e limpo e son un punto de encontro para o esparexemento e o recreo. Tanto é así que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera as zonas verdes urbanas de uso público un recurso imprescindible polos beneficios que achegan ao benestar físico e emocional das persoas. A OMS aconsella que as cidades dispoñan, como mínimo, de entre dez a quince metros cadrados de área verde por habitante, distribuídos equitativamente en relación coa densidade de poboación e de edificación.

Para coñecer o estado no que se atopan estes espazos, EROSKI CONSUMER visitou 150 parques, zonas verdes urbanas e xardíns emblemáticos de 18 cidades españolas: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Valoráronse aspectos relacionados co mantemento, limpeza e conservación dos parques, o seu nivel de equipamento e os servizos que ofrecen (información ao usuario, o seu grao de accesibilidade e a súa seguridade). Para completar a investigación, solicitóuselles información aos concellos destes municipios co fin de coñecer, entre outros datos, a extensión global de zonas verdes en cada localidade, os metros cadrados verdes por cada habitante e a dotación orzamentaria que destina cada concello a manter e coidar eses parques urbanos.

En comparación cun estudo similar elaborado no 2006, os parques urbanos melloraron en seguridade e vixilancia: pasouse dun “ben” ao “moi ben” actual. As deficiencias en equipamento e servizos dispoñibles para os usuarios continúan a ser escasas, e empeoran, ademais, a información ao público e as medidas para garantir a accesibilidade a estas zonas verdes. No 2006, este apartado rexistrou unha nota de “ben” e nesta ocasión obtivo un “aceptable”. Non obstante, o estado de mantemento e a limpeza das zonas verdes mantéñense, en xeral, como satisfactorios.

Por cidades, aínda que ningunha obtivo un “moi ben” neste apartado, destaca por riba do resto, o estado e equipamento dos parques da Coruña, de Barcelona, Bilbao, Córdoba, Madrid, Murcia, Oviedo, Pamplona, Sevilla, Valencia, Valladolid, San Sebastián e Vitoria. Todos eles rexistran, en conxunto, unha nota final de “ben”. Mentres, os parques visitados en Alacante, Granada, Logroño, Málaga e Zaragoza rexistraron un “aceptable”. En concreto, as mellores zonas verdes localizáronse en Bilbao e en Córdoba, mentres que as visitadas en Granada e Alacante amosaron importantes carencias.

Como debe ser un parque?

Nunha cidade, poder pasear baixo as árbores, ou entre parques e xardíns, contribúe a aumentar a calidade de vida dos cidadáns. Pero para que o parque urbano sexa ideal, independentemente da súa tipoloxía (botánico, monumental, etc.), debe cumprir unha serie de requisitos:

  1. Extensión: o parque urbano debe ofrecer un espazo abondo para que todos poidan realizar distintas actividades: practicar deporte, pasear, sentar, merendar ou simplemente descansar.
  2. En harmonía: a área verde non pode ser un conxunto illado de vexetación, senón máis ben todo o contrario. Ten que conectar co tecido urbano e mais co resto das zonas verdes a través dun arboredo axeitado, corredores ou chanzos verdes, por exemplo.
  3. Especies: a elección de especies para estas áreas verdes ten que corresponder coas condicións do medio e co uso que vaia ter a área verde. As zonas periféricas dun parque precisan unha especial atención por estar en contacto cos elementos ambientais máis agresivos, fumes, ruídos, etc.
  4. Información e divulgación: amais de lle indicar ao usuario o nome do parque, o horario (de ser o caso) e os diferentes espazos que pode atopar, é conveniente instalar carteis didácticos onde se expliquen a flora e a fauna que pode atopar.
  5. Servizos de calidade: o abano de prestacións débese axustar ás necesidades culturais, recreativas, deportivas e de lecer dos usuarios: zonas de xogo infantil, alugueiro de bicis, exposicións, obras de arte, zonas de pícnic, etc.
  6. Mobiliario cómodo e limpo: o número de bancos, papeleiras, fontes, farois, etc. débese axustar ás necesidades dos usuarios e o seu mantemento debe ser continuado.
  7. Mantemento constante: as zonas verdes esixen labores de limpeza e de conservación continuados por todas as zonas do parque, tanto da flora e das zonas verdes como das instalacións (aseos públicos, pérgolas…).
  8. Accesibilidade garantida. As zonas verdes deben conectar con todos os puntos da cidade a través do transporte público ou doutros medios (como o carril bici, por exemplo). Ademais, as súas entradas e saídas e mais as zonas comúns non deben ter barreiras arquitectónicas que representen un obstáculo para as persoas con dificultades de mobilidade.

Limpeza, equipamento, información, seguridade e accesibilidade

O estado de mantemento e de limpeza das zonas verdes visitadas pódese cualificar como positivo, aínda que tamén se atoparon algunhas deficiencias. Dous de cada dez parques teñen as súas zonas de vexetación en mal estado de conservación, por mor, fundamentalmente da acción dos usuarios. Por iso, a súa cualificación neste apartado é de “ben”, semellante á obtida no 2006. Nun 7% dos parques víronse árbores deterioradas, en mal estado ou con signos de vandalismo. Cómpre salientar especialmente o caso de Granada: na metade dos espazos verdes visitados a maioría das árbores atopábanse estragadas.

Ademais, un 5% dos 150 parques tiña as súas zonas de céspede descoidadas. A herba estaba enxoita, despoboada ou con falta evidente de limpeza. Na mesma proporción, as sebes e arbustos das zonas verdes estaban en mal estado, principalmente pola falta de civismo dos seus usuarios.

No tocante ao resto dos servizos e equipamentos de carácter non vexetal, os resultados empeoran algo con respecto á investigación elaborada no 2006. Dos parques que contaban con aseos de uso público, case un de cada cinco presentaban problemas de limpeza, preto da metade non tiña papel hixiénico nin xabón de mans e case un de cada catro carecía de papeleiras nos baños.

O estado da auga dos estanques e lagos tamén se analizou. No 20% dos parques visitados estaba porca ou cheiraba mal. Destacan negativamente os casos de Sevilla, Valladolid e Zaragoza e positivamente o de Córdoba. Pola contra, o 75% das zonas verdes contaba con bancos en perfecto estado de uso e limpeza. Os mellores atopáronse en Bilbao, Córdoba, Murcia, Logroño, Pamplona, Vitoria e Zaragoza. No tocante ao resto do mobiliario, o 11% dos parques estudados tiña papeleiras excesivamente cheas ou con síntomas de sufrir vandalismo (rotas, queimadas, etc.) e fontes estragadas ou porcas. Ademais, nun 8% dos parques que albergaban obras de arte estas estaban deterioradas.

Equipamento, materia pendente

Os concellos non se poden amosar orgullosos da dotación de servizos e equipamento dos seus parques urbanos. O 60% dos espazos visitados non cumpría coas expectativas e ofrecía un equipamento limitado. Sete de cada dez das zonas visitadas carece de aseos públicos. Neste punto destacan negativamente os parques de Córdoba, Murcia e Logroño. Só en tres de cada dez hai mesas e cadeiras tipo pícnic e un 86% carece de cabinas de teléfono. Unicamente en un de cada catro parques hai áreas reservadas para cans e apenas un 2% conta con zonas cubertas (pérgolas ou alpendres) onde se gorecer da chuvia ou do sol. Un 82% dos parques contan con papeleiras abondas e tres de cada catro incorporaban dispensadores de bolsas para depositar os excrementos dos cans. Ademais, nun 11% non había nin sequera unha fonte de auga potable.

O equipamento deportivo ou recreativo das zonas verdes tampouco é abundante. As canastras de baloncesto atópanse en unha de cada catro zonas verdes, os campos de fútbol ou de fútbol sala nun 17% dos parques, as pistas de skate ou de patinaxe, as zona de petanca e as mesas de ping-pong no 14% dos espazos verdes e zonas exclusivas para andar en bicicleta nun 28% dos parques.

Información e accesibilidade, mellorables

/imgs/20101001/tema4.jpg
No que atinxe á información ao público que se ofrece nos parques das nosas cidades tamén se atoparon deficiencias: faltan carteis coa denominación ou nome do recinto en un de cada tres parques visitados e paneis coas normas de comportamento ou recomendacións que se deben seguir dentro do parque en dúas de cada tres ocasións.

Respecto á accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida, observouse que aínda en un de cada catro parques visitados dos que contaban con aseos públicos estes non estaban adaptados ás persoas con algún tipo de minusvalidez. Nun 7% das ocasións había barreiras arquitectónicas (escaleiras) para acceder ás zonas de xogo infantil. Non obstante, só nun 1% dos parques analizados as entradas e saídas non eran os amplas abondo como para que entrase unha persoa con cadeira de rodas.

Máis seguridade

É no apartado de seguridade e vixilancia onde as zonas verdes visitadas obteñen a mellor valoración: a nota media final que obteñen é un ‘moi ben’, e só un 5% dos parques suspende cun ‘regular’. Entre os aspectos mellorables, comprobouse que un 21% dos parques non conta con iluminación abonda nalgunhas zonas e en un de cada cinco víronse elementos que poderían causar accidentes: varandas rotas, raíces de árbores que interrompen o paso ou pavimento en mal estado, fochas… Ademais, nun 19% dos parques existe tráfico que afecta ao normal desenvolvemento das actividades de lecer, xa que na maioría dos casos atravesa a zona verde. Unicamente nun 10% das zonas verdes visitadas se observou a presenza de persoal de seguridade -policía, garda de parques ou vixilantes-, situación que contrasta coa observada no 2006, cando a proporción ascendía a un 23%.

O “pulmón” verde en euros

Para ofrecerlles amplas áreas de espazo verde aos cidadáns é necesaria unha dotación económica importante que garanta a súa conservación e mantemento. Os concellos destinan, de media, un 2,5% do seu orzamento ao mantemento e conservación dos “pulmóns” da súa cidade, o que equivale a uns 28,7 millóns de euros de media ao ano. A Pamplona, a satisfacción de estar no podio das cidades con máis parques e xardíns do estudo cústalle ser a segunda que máis esforzo económico realiza en relación co orzamento xeral do concello (o 3,8% do orzamento total), algo máis ca Madrid (3,4%) e por detrás de Valencia (co 4% dos seus orzamentos anuais dedicados a estes fins). Pola contra, entre os concellos que facilitaron a información, San Sebastián resérvalle ao mantemento dos seus parques e xardíns a menor porcentaxe (un 1,26% do orzamento xeral), xunto con Bilbao (1,81%), Alacante (1,88%), Zaragoza (2,2%) e A Coruña (2,23%). Moi preto da media sitúase o concello de Oviedo (2,4%).

En termos económicos, cómpre salientar os preto de 170 millóns de euros que destina Madrid para manter en boas condicións os seus parques e xardíns, os máis de 35 millóns que emprega Valencia ou os case 16 millóns de Zaragoza. No outro extremo están os 4 millóns de euros que son necesarios para a conservación dos espazos verdes donostiarras e os apenas 5 millóns de Oviedo, Alacante (4,9) e A Coruña (4,7).

Canta zona verde se precisa? e táboa comparativa

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que as cidades poñan á disposición dos seus cidadáns un mínimo de entre 10 e 15 metros cadrados de área verde por habitante, que se deben distribuír en relación á densidade de poboación e, polo tanto, en relación á densidade de edificación. Nas 18 cidades estudadas a media sitúase nos 11,5 metros cadrados por habitante; unha parcela verde a anos luz doutras cidades europeas. Por exemplo, Oslo (Noruega) ou Goteburgo (Suecia) teñen preto de 25 metros cadrados por habitante e nestas cidades os espazos verdes ocupan aproximadamente o 68% da urbe.

No noso país, de entre os concellos que proporcionaron esta información, Pamplona é a cidade con maior espazo verde: o “xardín” que lle corresponde a un pamplonés mide 26 metros cadrados. Detrás sitúanse San Sebastián (20 metros cadrados por habitante), Madrid (arredor dos 18), Valladolid (11,7 metros cadrados), Zaragoza (11,5) e A Coruña (11,4). Todas elas superan as recomendacións da OMS.

Parques sostibles, realidade ou quimera?

Os espazos verdes urbanos xeran multitude de beneficios, aínda que tamén consumen unha gran cantidade de recursos, especialmente un tan valioso como a auga. Así e todo, os concellos aplican a tecnoloxía para evitar todo o que poden malgastala. Velaquí algúns exemplos:

  • BARCELONA: Entre as medidas que aplican na xestión sostibles dos espazos verdes cómpre salientar:

    • Xardinería sostible: preferencia de especies autóctonas ou adaptadas, máis resistentes ás condicións ambientais e ás enfermidades e, sobre todo, con menos necesidades hídricas.
    • Rega de tipo automático e programada. Mellórase o rendemento e fai posible o aforro dun 30% de auga con respecto ao rego manual. Ademais, prevese utilizar as augas subterráneas para regar os espazos verdes da cidade.
    • Uso de vehículos eléctricos e, aínda de maneira experimental, de farois e programadores solares para a rega autónoma.
    • Recollida selectiva da broza xerada nos espazos verdes.
    • Compostaxe dos refugallos verdes, das árbores de nadal, etc.
  • Etapa de lezama a bilbao

    BILBAO: Estanse a implantar de xeito continuado sistemas de rega automática, para mellorar a eficiencia da auga da rega, e contadores para medir o consumo de auga. Ademais, utilízanse especies autóctonas e adaptadas ao seu contorno que non precisen especiais coidados. Instaláronse dous tanques de tormenta para aproveitar a auga de chuvia e regar os xardíns e estase a estudar a posibilidade de utilizar as augas subterráneas nas instalacións de rega.

  • CÓRDOBA: O concello emprega sistemas de rega intelixente domotizados e telecontrolados. Ademais, as plantas e o arboredo que se utilizan nos espazos verdes pertencen a especies autóctonas.
  • MADRID: O Concello de Madrid aplica criterios de sostibilidade no deseño e conservación das zonas verdes urbanas. Por exemplo, nestes momentos réganse preto de 1.000 hectáreas de zonas verdes con auga rexenerada.
  • Etapa de olague a pamplona

    PAMPLONA: A cidade de Pamplona conta con sistemas de rega por goteo aspersión e teñen automatizados o peche e a apertura de instalacións mediante sistemas locais de telecontrol.

  • VALENCIA: O concello valenciano planta árbores novas, que teñen maior capacidade na absorción de CO2, e mais especies de baixo consumo. Dáselles prioridade ás especies autóctonas, que teñen unha mellor adaptación ao clima mediterráneo. Ademais, utilízase o mulching ou acolchado, que consiste en cubrir o chan con distintos materiais evitando que o terreo quede exposto ao contacto co aire. Deste xeito, aumenta a retención de auga no solo e evítase a proliferación de malas herbas. Deste xeito enriquécese o terreo e diminúen os labores de mantemento.
  • VITORIA: No deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes vitorianos perséguese a ecoeficiencia e a economía de recursos. Por iso, a rega realízase durante a noite con auga non tratada ou non potable, utilízanse especies autóctonas ou adaptadas ás zonas verdes urbanas, de xeito que as súas necesidades de rega e mantemento sexan mínimas. Ademais, o céspede utilizado é de crecemento lento e de pouca demanda hídrica e utilízanse fertilizantes naturais, procedentes do compost producido con restos da roza, poda e sega dos mesmos parques.
  • ZARAGOZA: A ordenanza da auga que se vén de aprobar prevé accións para o aforro da auga: utilizar determinados tipos de céspede que precisan menos rega, aumentar as zonas de árbores, arbustos ou plantas tapizantes, incorporarlle recubrimentos ao chan que impidan a evaporación e a implantación de detectores de humidade para controlar a frecuencia e o horario de rega.