Enquisa realizada a máis de 1000 usuarios de www.consumer.es sobre o seu consumo de verduras e hortalizas conxeladas

Verduras conxeladas: a dificultade de acabar coas faltas crenzas

Un 83 % dos enquisados adquire habitualmente as verduras no seu formato fresco, pero só un 14 % dos entrevistados elixe as verduras conxeladas con frecuencia
1 Decembro de 2016
Img tema de portada listado 218

Verduras conxeladas: a dificultade de acabar coas faltas crenzas

Cada fogar desembolsou en 2015 unha media de 333 euros en hortalizas (incluídas patacas e outros tubérculos), segundo a última Enquisa de Orzamentos Familiares (EPF) elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En total, os españois gastamos ese ano en alimentación 4125 euros, polo que apenas destinamos un 8 % a comprar verduras e hortalizas, xa sexan frescas, refrixeradas, secas ou conxeladas.

Nos últimos anos, o gasto medio dos fogares en verduras e hortalizas foi descendendo paulatinamente e pasou dos 400 euros de media por fogar en 2006 aos 333 euros actuais, o que supón unha diferenza do 17 %.

As bondades das verduras e das hortalizas son abondo coñecidas. Ademais de ser alimentos nutritivos e saudables, contribúen a hidratar o noso organismo polo seu alto contido en auga. Tamén son ricas en vitaminas, minerais e fibra e, en menor medida, en amidón e azucres. E son unha fonte indiscutible de substancias de acción antioxidante.

Por todo iso, as verduras e as hortalizas son consideradas un alimento indispensable dentro do concepto de dieta equilibrada. De feito, para a Organización Mundial da Saúde (OMS), un consumo diario suficiente contribuiría a previr enfermidades tan importantes como as cardiovasculares e algúns cancros. A entidade calcula que, se o consumo de verduras aumentase o suficiente, cada ano poderían salvarse 1,7 millóns de vidas.

Unha das alternativas máis viables á hora de introducir con facilidade verduras e hortalizas na dieta diaria é adquirilas conxeladas, xa que esta forma de conservación axústase ao ritmo vertixinoso que levamos na actualidade. E é que esta modalidade permite cociñalas en menos tempo, preséntanse limpas e as distintas variedades están dispoñibles durante todo o ano.

No entanto, a realidade é outra e o consumidor prefire outras formas de conservación. Segundo a EPF, o gasto medio por fogar en verduras e hortalizas frescas ou refrixeradas ascendeu en 2015 a 220 euros, mentres que o resto de modalidades (conxeladas, secas ou en conserva e preparadas) quedaron nun segundo plano. En concreto, os fogares destinaron ás verduras conxeladas unha media de 13 euros.

Cal é o motivo polo que os consumidores prefiren os formatos frescos e refrixerados fronte aos conxelados? EROSKI CONSUMER, xunto á Asociación Española de Fabricantes Vexetais Conxelados (Asevec), preguntoulles co obxectivo de coñecer as súas preferencias e hábitos no consumo de verduras e hortalizas conxeladas. Para iso, entrevistáronse durante o mes de outubro un total de 1083 usuarios do portal www.consumer.es.

Panorama xeral

Nove de cada dez enquisados confirma que consome verduras con frecuencia. No entanto, un 83 % recoñece que adoita adquirilas no seu formato fresco, principalmente porque cre que saben mellor e que son máis sas. Ademais, un 50 % dos entrevistados opina que conservan mellor as súas vitaminas e outros nutrientes.

Aínda así, o 73 % dos enquisados asegura que toma verduras conxeladas, aínda que só o 14 % as adquire habitualmente. O motivo principal polas que as compran é que sempre as teñen en bo estado en calquera momento da tempada.

Hábitos

Hábitos de consumo

Tan só un 7 % dos enquisados recoñece que non consome verduras habitualmente. O resto tómaas con diferentes frecuencias durante a semana: un 37 % deles faino entre 1 e 5 veces, outro 34 % entre 5 e 10 veces e un 22 % máis de 10 veces.

As autoridades sanitarias aconsellan un consumo de hortalizas de entre tres e cinco racións ao día; é dicir, un mínimo de 400 gramos diarios. Para cumprir con estas recomendacións, bastaría con comelas no primeiro prato e tamén acompañando os segundos, tanto na comida coma na cea. Ademais, convén que polo menos unha ración sexa en ensalada porque é a mellor forma na que preservan todos os seus nutrientes.

O 83 % dos consumidores consultados asegura que normalmente adquire as verduras frescas. Só un 14 % as elixe habitualmente conxeladas e outro 3 % opta polas conservas.

É máis, un 52 % dos entrevistados engade que adoita comer verduras conxeladas con menos frecuencia ca no seu formato frescas e só un 11 % opta polas conxeladas con maior asiduidade. O 27 % recoñece que nunca consome verduras conxeladas.

Neste sentido, hai quen lles dá crédito a falsas crenzas como a de que as verduras conxeladas conteñen conservantes ou que perden propiedades, entre outros mitos. De feito, tres de cada catro persoas entrevistadas argumentan a súa elección das verduras frescas con dous motivos principais: que son máis sas e saben mellor. Outro 22 % di que as toma porque as atopa facilmente no establecemento onde as adquire.

Sobre as conxeladas

Tres de cada catro enquisados asegura que consome verduras conxeladas. Entre eles, o 44 % prefire tomalas de forma individual, outro 22 % opta pola mestura e ao 34 % non lle importa unha forma ou outra.

Máis da metade dos enquisados que consomen verduras conxeladas (un 55 %) faino porque sempre as teñen dispoñibles en bo estado e en calquera momento da tempada. Outro 36 % fai referencia á súa facilidade de uso e sinxeleza á hora de cociñalas (son fáciles de preparar e de servir e veñen xa preparadas, cortadas e limpas) e, por último, un 9 % elíxeas polo aforro de tempo e diñeiro que supoñen.

É certo que as verduras conxeladas teñen a vantaxe de que xa están limpas, enteiras ou cortadas en anacos e listas para a súa cocción (sen necesidade de desconxelalas) directamente en auga fervendo. Este é o seu principal reclamo para aqueles que as adquiren. Pero ademais, ao transcorrer tan pouco tempo entre a recolección e a conxelación (tan só unhas horas), este tipo de produto conserva moi ben as calidades nutritivas das verduras frescas, mesmo en ocasións presentan un contido superior en vitaminas e minerais ca outro tipo de formatos. Por exemplo, a cantidade de vitamina C que achegan as espinacas frescas consumidas aos tres días da súa recolección é menor que a que proporcionan as espinacas conxeladas. E, por último, a súa relación calidade e prezo é moi boa.

Ultraconxelación

O proceso

As verduras conxeladas sométense a un proceso moi específico no que se coidan ao máximo todas as súas propiedades. Tras a recolección, transpórtanse ás fábricas e alí lávanse e límpanse para eliminar todas aquelas partes non comestibles e tamén os restos de terra e sucidade que poidan ter.

Despois, sométense a un proceso chamado branqueado ou escaldado, que consiste en mergullalas en auga fervendo durante un tempo breve. Grazas a este método, as verduras hixienízanse (elimínanse microbios potencialmente daniños) e inactívanse os seus encimas (as substancias que aceleran a súa descomposición, as responsables da aparición de zonas pardas, partes brandas e acuosas). Deste xeito, conséguese mellorar a conservación das verduras.

Na fase de escaldado, orixínase unha pequena perda de vitaminas (C e grupo B como B1, B2, B3, B6 e B9), aínda que é unha perda moito máis pequena que a que resulta tras o almacenamento e a distribución das verduras frescas.

O último paso é a conxelación ou a ultraconxelación das verduras. Un 64 % dos entrevistados nin sequera coñece este proceso. De feito, outro 21 % cre erroneamente que durante este procedemento as verduras perden os seus nutrientes, minerais ou vitaminas, e a metade dos enquisados opina que son as verduras frescas as que mellor conservan as súas vitaminas e nutrientes.

Porén, a ultraconxelación produce menos alteracións na estrutura do alimento porque os cristais de xeo que se forman son microscópicos; é dicir, dun tamaño moi inferior aos que se orixinan na conxelación lenta. Por este motivo, as verduras conxeladas son unha excelente alternativa, xa que reteñen as vitaminas, as fibras e os minerais e son case igual de nutritivas que as acabadas de extraer da terra. Iso si, unha vez conxeladas, deben conservarse a unha temperatura de 18 ºC. Se se queren manter en boas condicións, non debe interromperse a cadea do frío en ningún momento.

Precaucións na compra

Na compra

Dous de cada tres enquisados (o 68 %) recoñece que compra verduras conxeladas: un 36 % menos dunha vez ao mes, un 23 % unha vez ao mes e un 29 % varias veces ao mes.

A dous de cada tres consumidores enquisados atráelles o feito de que coas verduras conxeladas se poida dispoñer todo o ano de todas as variedades deste alimento, aínda que a un 33 % este feito lle resulta indiferente.

Á hora de adquirir verduras conxeladas, convén tomar varias precaucións:

  • Non romper a cadea de frío: na compra, convén adquirilas no último momento e levalas para a casa coas bolsas isotermas, creadas especificamente para o seu transporte. Hai que fixarse en se o envase presenta ou non carazo, xa que de ser así significaría que a cadea de frío se rompeu.
  • Revisar ben as data de consumo preferente: é importante respectar o prazo máximo de almacenamento indicado no envase, que adoita situarse ao redor dos 12 meses se se gardan nun conxelador a 18 ºC baixo cero.
  • Non volver conxelar as verduras unha vez desconxeladas: unha vez que se desconxelen as verduras, convén cociñalas durante o mesmo día ou consumilas nun prazo máximo de 4 días. Non deben conxelarse de novo, xa que perderían as súas calidades orixinais.

En canto a como cociñar as verduras conxeladas, un 28 % dos enquisados recoñece que non sabe como facelo. En primeiro lugar, hai que obviar o mito de que é necesario lavalas antes de cociñalas. As verduras conxeladas preséntanse listas para a súa utilización, grazas aos procesos previos de limpeza aos que son sometidas.

As verduras chegan ao consumidor lavadas, cortadas en anacos, precocidas e libres de desperdicio, polo que son medioambientalmente sustentables e ecolóxicas. Así, para reducir ao máximo as perdas nutritivas, é aconsellable empregar pouca auga para a súa cocción e vertelas sen desconxelar. Pódense cociñar tamén á prancha, no microondas ou ao vapor.

Info ga

Manter a cadea de frío

Para manter as características organolépticas (textura, sabor, cor e olor) das verduras conxeladas é fundamental manter a cadea de frío. Trátase dun método que conserva as condicións dos produtos conxelados a unha temperatura controlada. A maioría dos alimentos, entre eles as verduras, débense conservar entre -25 ºC e -18 ºC para que a cadea de frío non se altere.

Aínda que a temperatura dun produto conxelado nunca debe superar os -18 ºC, ata que un alimento chega ao conxelador percorre un longo camiño e pasa por diferentes centros de produción, transporte en vehículos especiais e puntos de venda ou plataformas de distribución. En todas estas fases, o tempo que transcorre pode ser un grande inimigo, xa que se xeran moitas ocasións nas que é posible perder propiedades e valores nutritivos, en especial vitaminas hidrosaudables e termolábiles como a vitamina C. É entón cando o proceso de descomposición tende a reactivarse e, por tanto, o produto termínase degradando.

É importante lembrar que, se as verduras se desconxelaron, nunca hai que introducilas de novo no refrixerador. De facelo, a auga que conteñen cristalízase e termina danando os propios vexetais. E é que tamén poden aparecer problemas de contaminación microbiolóxica.