Seguridade nas escolas: analizadas 208 en toda España

Unha de cada catro escolas suspende en seguridade

Detección de incendios e plans de emerxencia, puntos débiles. Ademais, a metade dos centros auditados suspende algunha "materia" do exame de seguridade. Malia a todo, a situación mellorou nos últimos cinco anos
1 Marzo de 2008
Img temap 307

Unha de cada catro escolas suspende en seguridade

Máis de seis millóns de escolares de Infantil, Primaria e Secundaria (ESO) acoden este curso lectivo ás 17.000 escolas de España: arredor dun 70% faino no ensino público, un 25% nas escolas concertadas e preto dun 5% acode a colexios privados non concertados. A prevención de riscos e a adopción de eficaces medidas de seguridade son imprescindibles para reducir a incidencia dos contratempos menores (golpes, caídas, contusións) e dos accidentes graves que nenos e adolescentes poden sufrir no seu centro escolar. En ocasións, os accidentes débense ás dificilmente evitables trasnadas dos cativos e á súa escasa percepción do perigo, pero noutros casos a responsabilidade recae nos propios centros escolares, que non adoptan as precaucións necesarias para minimizar a posibilidade de accidentes na escola. Ante esta realidade, o interrogante é crucial: a seguridade das escolas ás que acoden os nosos fillos é a axeitada; cumpre, polo menos, o que a normativa esixe?

CONSUMER EROSKI elaborou un informe que analiza a seguridade de 208 centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (159 públicos, 13 privados e 36 privados concertados) en 18 capitais españolas: 15 escolas en Madrid e Barcelona, 12 en Alacante, Bilbao, Córdoba, Málaga, Murcia, Sevilla, Valencia, Valladolid e Zaragoza, e 10 na Coruña, Almería, Granada, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria. Os técnicos desta revista realizaron unha visita a cada escola durante o pasado mes de xaneiro acompañados por un responsable designado por cada centro, que facilitou o acceso a todas as zonas: patio, aulas, aseos, ximnasio, comedor e cociña, etc. A análise dividiuse en dous apartados: o estado das instalacións do interior e exterior do recinto, por unha banda, e, por outra, as medidas de prevención, entendendo por estas últimas procedementos e protocolos de actuación en caso de sinistro, plans de formación de alumnos, profesores e persoal non docente, realización de simulacros de emerxencia en caso de incendio ou catástrofe e sistemas de prevención. Durante o tempo que lle dedicaron á visita a cada centro, os técnicos de CONSUMER EROSKI fixaron a súa atención na seguridade fronte a unha hipotética evacuación do edificio e nos perigos existentes para a integridade física dos escolares no interior do edificio ou edificios do centro e no contorno exterior pertencente ao colexio ou escola.

Dos datos obtidos, extráense dúas grandes conclusións. Por unha banda, a seguridade en boa parte dos centros segue a ser moi mellorable: o 27% das escolas suspenderon este exame de seguridade. Así e todo, a evolución rexistrada nos últimos cinco anos é innegable: nunha investigación de CONSUMER EROSKI realizada con esta mesma metodoloxía no 2003 a proporción de suspensos representaba un preocupante 68%.

Os maiores progresos producíronse na seguridade tanto dos espazos abertos (patios, canastras, porterías) como dos ámbitos interiores (aulas, aseos, comedor, ximnasio), que mereceron unha cualificación global de “moi ben” (no 2003 a nota foi un “regular”, suspenso alto). Non obstante, un de cada dez colexios non superou o exame nestes apartados. A suxeición de porterías, canastras e outros equipamentos deportivos, motivo frecuente dos accidentes máis graves nos centros escolares, rexistrou unha gran mellora: mentres que no 2003 se atoparon suxeicións pouco seguras no 14% dos centros, no 2008 esta proporción descendeu a un 1%.

Tamén mellorou de xeito salientable a implicación do persoal na seguridade do centro, que pasou dun “moi mal” hai cinco anos ao “ben” actual; neste caso, o número de escolas que non aproban é algo maior, e chega ao 14%. Os peores resultados mereceunos a seguridade ante incendios e emerxencias, cunha valoración media final que non pasa dun “regular” e con un de cada tres centros cun suspenso. Polo menos, mellórase con respecto a hai cinco anos, xa que no 2003 este bloque de seguridade ante incendios e outras emerxencias obtivo unha nota media de “moi mal”.

As diferenzas entre as notas medias que acadou cada unha das 18 cidades onde se visitaron os centros escolares son significativas, se ben hai que ter en conta que só se estudaron os centros que aceptaron participar na investigación. Moitos, particularmente escolas privadas e concertadas, negáronse a seren auditadas, o que reduce a representatividade da mostra e fai pensar que a situación real pode ser algo peor ca a revelada por este informe. Porque parece obvio que quen fai ben as cousas non pon pegas a que o auditen; é máis, probablemente tende a colaborar coa investigación porque a aplicación dunha metodoloxía que identifica as insuficiencias lle permite intervir nos parámetros que requiren mellora, e aumentar así a seguridade que o centro lles ofrece non só aos alumnos senón tamén a profesores, persoal non docente e pais. Ademais, esta revista garántelles aos centros, cando lles propón participar no informe, que non fará pública a lista de escolas visitadas e que porá a disposición dos xestores de cada centro os resultados concretos da súa escola ou colexio. Unha vez aclarado este extremo, cómpre salientar que destacaron en seguridade os colexios visitados na Coruña, en Bilbao, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria, que acadaron un “moi ben” de nota media, o que demostra que o exame se podía superar a nada que se fagan ben as cousas. No outro lado da balanza sitúanse os centros escolares de Alacante, Almería, Granada, Málaga, Sevilla e Valencia, cunha valoración final que non pasa dun insatisfactorio “regular”. En posición intermedia atópanse os visitados en Barcelona, Madrid, Valladolid e Zaragoza (cun “ben” de media), mentres que as escolas de Granada e Murcia se conforman cun discreto “aceptable”.

Se a comparación se establece pola titularidade dos centros, os resultados non son moi dispares, se ben hai certas diferenzas. En implicación do persoal na seguridade do centro a posición da escolas públicas é un chisco mellor (“aceptable-ben” fronte a “aceptable”), mentres que na seguridade en espazos abertos e recintos pechados, a das privadas é algo superior: acadan de media un “moi ben” fronte ao “ben-moi ben” das públicas. En seguridade contra incendios, escolas privadas e mais públicas suspenden o exame, cun “regular”.

Malia as melloras, pouco máis da metade (un 53%) dos centros visitados aproban os catro apartados de seguridade. Só en Oviedo e San Sebastián todos os colexios superaron os catro bloques de parámetros de seguridade, pero Bilbao e Pamplona tamén obteñen bos resultados (arredor do 80% dos seus centros aprobaron os catro apartados) e o mesmo se pode dicir dos da Coruña, Madrid e Vitoria, con preto do 70% de escolas sen ningún bloque suspendido, é dicir, cun satisfactorio grao de cumprimento en esixencias de seguridade. A situación, pola contra, só se pode cualificar de insatisfactoria en cidades como Sevilla (só unha escola das doce examinadas superou os catro apartados), Valencia e Granada (unicamente o 20% deu superado os catro apartados), Málaga ou Almería (un 30%).

Os técnicos de CONSUMER EROSKI recolleron dos responsables dos centros escolares que os acompañaron na visita ás instalacións non poucas queixas sobre a escasa ou mesmo nula atención que recibiran as súas solicitudes á Administración para seren dotados de medios que permitisen acometer a solución dos problemas de seguridade dos seus colexios e escolas. Así mesmo, alegaron que carecían de dotacións orzamentarias para executaren as reformas necesarias para melloraren os niveis de seguridade dos centros escolares. Outra demanda dalgúns xestores de centros escolares é contar coa colaboración de técnicos especialistas en seguridade escolar da Administración que revisen os parámetros de seguridade e orienten sobre a súa mellora.

Plans de emerxencia e simulacros: persisten as carencias

Todos os centros contaban con botica de primeiros auxilios, aínda que só un 12% dispuña de enfermería (destacan os visitados en Bilbao: o 92% contaba con enfermería). Máis preocupante é que o 6% dos centros (foron un 21% no 2003, polo menos a mellora é evidente) admitiu non contar nin sequera co plan de seguridade, evacuación ou emerxencia ao que a normativa vixente obriga. A súa finalidade: establecer as pautas para facer fronte a unha situación perigosa (incendio, escape de gas ou combustible, inundación, derrubamento de edificio), co fin de que persoas e bens sufran o menor dano posible. Este Plan consiste nun conxunto de previsións nas que se establece que debe facerse en caso de alarma ou emerxencia. Nos colexios estudados en Alacante, un de cada tres non redactaran este plan de emerxencia e en Valencia foron o 17%. No tocante á revisión do plan, un 87% dos centros aseguraba que o fixera ao longo do 2007, e un 6% fixérao no 2006. Non obstante, o 7% dos centros admitía que non o revisara dende había polo menos 3 anos. A iso súmase que un 5% dos centros (un de cada tres de Pamplona, un 18% de Córdoba, un 14% de Madrid) asegura que o seu plan de emerxencia quedou obsoleto e que non se adecúa ás súas características ou instalacións actuais. Unha correcta política de seguridade inclúe exercicios de evacuación de emerxencia cunha periodicidade mínima de unha vez cada curso escolar, non só co propósito de recordar as vías e normas de evacuación, senón porque con cada novo curso se incorporan ao centro docentes e alumnos novos que descoñecen o plan de emerxencia e non participaron nos exercicios de evacuación. Polo tanto, é aconsellable que os simulacros se realicen durante o primeiro trimestre de curso.

Un 13% dos centros recoñeceron que non realizaban simulacros de incendio e outras situacións de emerxencia, situación pouco satisfactoria pero que, non obstante, mellorou con respecto ao 2003, cando un 37% dos colexios e escolas admitía esta irregularidade. Ademais, un de cada seis centros admitiron non realizar unha reunión previa entre os seus responsables para planificar o exercicio de evacuación, se ben polo menos nove de cada dez centros si informa por escrito aos alumnos das instrucións que deben seguir (no 2003 esta proporción só era de tres cada dez).

O mellor: a seguridade das instalacións

O exame da suxeición de porterías, canastras e outros equipamentos deportivos, un dos motivos máis frecuentes de accidentes graves en centros escolares, ofreceu datos que revelan unha mellora importante. Mentres que no 2003 se observaron suxeicións pouco seguras no 14% dos centros, neste informe esa proporción dividiuse por dez, ao quedar nun 1,4%. Non obstante, víronse danos ou elementos rotos que entrañaban perigo nos patios ou zonas de recreo do 16% das escolas (farois, papeleiras, bancos e canastras rotas que poden causar cortes ou enganchadas, ganchos metálicos de redes de porterías soltos, fontes rotas e oxidadas, postes sen protección, parafusos saíntes, árbores con ocos superiores a un palmo sen reixas, etc.). E nun 7% dos casos o valado estaba roto (algúns eran de arame de espiño!) e en case unha de cada catro o firme do chan amosaba irregularidades, pozas, fochancos ou, en xeral, un deficiente estado de conservación.

A estas deficiencias súmase que en un de cada oito centros que tiñan preto unha estrada, a sinalización de zona escolar era insuficiente ou nula, e que en dous de cada dez con escaleiras de acceso nos seus espazos exteriores, estas non contaban con pasamáns ou varandas.

Na seguridade dos espazos interiores ou pechados a situación tamén mellorou, pero persisten os aspectos mellorables: no 13% das escolas con ximnasio observáronse danos que comportaban perigo, por mor, en moitos casos, da falta de mantemento. Así, víronse espaldeiras rotas, columnas non acolchadas nas zonas de exercicio deportivo, radiadores demasiado saíntes e sen protección, equipamento deportivo deteriorado, etc. Neste apartado, os colexios con peores datos foron os de Sevilla, Almería, Bilbao e Murcia.

Por outra banda, víronse obxectos perigosos (teitos levantados ou con humidades, cables soltos, colgadoiros metálicos rotos, cristais rotos ou escachados, escaleiras ou alturas sen protección, bombonas de butano e botellas de lixivia en armarios sen pechar e de doado acceso) no 11% dos centros. Os de Sevilla, Valencia e Almería foron os peores. Ademais, en un de cada catro escolas, os enchufes situados a baixa altura non contaban con protección.

No tocante aos aseos, anotáronse obxectos perigosos (baldosas rotas en chans e paredes, portarrolos metálicos rotos e oxidados, colgadoiros metálicos en punta, lavabos e billas en mal estado, chans escorregadizos, etc.) no 13% dos centros, destacando negativamente os de Almería, Sevilla e os da Coruña.

Seguridade en caso de emerxencia: moito por mellorar e táboa comparativa

Aínda que en todos os centros había extintores (se ben nun 2% dos casos eran escasos ou non os había en todos os andares do edificio), o 28% deles carecía de tomas de auga para combater incendios (no 2003 esta proporción foi a dobre). Ademais, un de cada tres centros non contan con sistemas de detección de incendios (no 2003 a proporción era tamén do dobre). A pesar diso, o 92% das escolas conta con sistemas sonoros de alarma en caso de emerxencia, aínda que no 8% restante (os peores os de Granada, Madrid e A Coruña) ou ben non tiñan ou ben non funcionaban de xeito adecuado, tal e como admitiron os responsables entrevistados nos centros escolares. Ademais, é necesario que a audición dos sinais de alarma sexa perceptible en todas as dependencias dos centros, aínda que conten con varios edificios.

Unha das maiores carencias é a das saídas de emerxencia: un 28% dos centros carecía delas. E entre os que contaban con estas saídas, un 2% mantenas con obstáculos que impiden o seu uso, no 13% dos casos non se abren con facilidade ou están pechadas e o 17% delas non se abren cara a fóra, tal e como obriga a normativa. Ademais, non hai carteis indicadores de saídas de emerxencia no 13% dos centros (no 2003 a proporción foi case tres veces maior). Por outra banda, case na metade dos centros non había carteis ou mapas (planos do tipo “vostede está aquí”) sobre como actuar en caso de emerxencia. Nos centros visitados en Almería, Córdoba, Madrid e Zaragoza, case tres de cada catro carecían desta medida informativa.

Outra cuestión mellorable son as ventás con reixas das aulas, que se deben poder abrir dende dentro para saír en caso de emerxencia, evacuación ou incendio: no 37% dos centros que contan con reixas nas ventás isto non era posible, aínda que a proporción diminuíu fronte á rexistrada no 2003: un 73%.

En case un de cada tres centros (empeorouse, foron un de cada cinco no 2003) as portas dalgunhas aulas estaban enfrontadas con portas doutras aulas, o que dificulta a súa evacuación en caso de emerxencia. Outro apartado de seguridade no que a mellora foi inexistente é o das cociñas: unha de cada oito escolas incumpre a normativa de protección contra incendios, ao non ter instalada a cociña no baixo do edificio (no 2003 a proporción foi similar). En Valladolid, Valencia e Murcia eran aproximadamente a metade dos centros, aínda que en 11 das 18 capitais ningún centro visitado incumpría este precepto básico de seguridade. Ademais, en un de cada catro centros que contan con cociña esta non posúe polo menos dúas saídas, e unha delas (como mínimo) ao exterior, ao que tamén obriga a lexislación.