Suicidio. Un desenlace fatal que se pode previr
A metáfora do elefante na sala úsase a miúdo para referirse a algo que é demasiado grande e obvio como para que sexa pasado por alto. A pesar da súa magnitude, ninguén quere mencionalo e acaba sendo ignorado por completo. Polo tanto, non é casualidade que se recorra constantemente a esta expresión cando se fala de suicidio, un grave problema de saúde pública difícil de enfrontar e que non distingue de sexos, clases sociais ou poder adquisitivo.
É un tema difícil de abordar dende as distintas Administracións públicas, pero aínda é máis complicado e exasperante afrontalo dende a familia. Segundo a Organización Mundial da Saúde, unhas 700.000 persoas quítanse a vida cada ano no mundo, unha traxedia que non é allea ao noso país. En 2022 producíronse en España 4.097 suicidios, un 2,3 % máis que o ano anterior, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Isto tradúcese nunha media de 11 cidadáns que, a diario, deciden que xa non poden máis, unha cifra demasiado dolorosa e elevada como para ser silenciada. Precisamente, para escoitar a estas persoas púxose en marcha a mediados de 2022 o teléfono de prevención do suicidio, o 024, que xa atendeu desde entón 178.000 chamadas.
“Os suicidios seguen aumentando ano tras ano e todo indica que estas cifras, xa de por si malas, están infravaloradas. Hai moitos accidentes de tráfico ou mortes por sobredose que non se contabilizan como suicidios por non haber forma de comprobar esa intencionalidade”, explica Jesús Padilla, membro do equipo psicolóxico da Asociación Aragonesa de Suicidio e Conduta Autolesiva (LIANA).
Pero no medio do drama que representan estas cifras, a esperanza tamén ten cabida entre tanta dor. Os expertos garanten que o suicidio é evitable. Para iso é fundamental falar del, pero tamén saber como o facer correctamente. Tal e como explica Rocío López Diago, psicóloga clínica do centro de saúde mental Jaime Vera de Coslada (Madrid), “o suicidio ten moitas causas e, aínda que por desgraza no 100 % dos casos non se pode previr, se a familia e os amigos máis achegados están instruídos e saben detectar o risco e como axudarlle á persoa, si que é posible evitar un desenlace fatal na maioría deles”.
A súa relación coa enfermidade mental
Somos seres humanos e necesitamos respostas. É inevitable que a familia ou as persoas próximas a alguén que se suicidou ou o intentou se pregunte por que o fixo, pero darlle resposta a isto non é doado. Os expertos aseguran que nunca hai unha soa causa, pero que si pode haber un precipitante, a gota que colme o vaso, e que pode ser por unha ruptura cunha parella, a perda do traballo, a morte dun ser querido ou unha forte discusión. Rocío López Diago lembra que “nun 90 % dos casos de suicidio consumado, agochábase un trastorno mental”. Estamos a falar de esquizofrenia, trastorno bipolar, depresión, ansiedade, abuso de substancias, trastorno límite da personalidade e trastornos da conduta alimentaria. “Ao 10 % restante non se lle diagnosticara ningunha psicopatoloxía, aínda que iso non quere dicir que non a tivesen, senón que estaba sen diagnosticar. Estes casos adoitan ser suicidios que se decidiron de forma máis fría e que poden sorprender máis á contorna”, sinala a psicóloga.
Ata o 70 % das persoas con trastorno da personalidade tentan, polo menos nunha ocasión, acabaren coa súa vida. O risco de suicidio en persoas con trastorno bipolar –que se caracteriza pola aparición de períodos de tristeza intensa e por outros de euforia ou felicidade extrema– é 15 veces maior que na poboación xeral, situación que se agrava se se toman substancias. Nas persoas con esquizofrenia, o suicidio é a principal causa de morte prematura e teñen un risco nove veces superior ao da poboación xeral. “En todos estes trastornos subxace case sempre unha depresión combinada cun profundo sentimento de desesperanza. Cómpre ter en conta que non todas as persoas que sofren depresión teñen ideas suicidas. O que marca a diferenza nestes estados depresivos é que, ademais, teñen ese extra de desesperación, de sentir que xa non se pode facer nada”, comenta o experto.
Hai outros riscos ligados ao suicidio, como sufrir a inmensa dor dunha enfermidade crónica que perdura no tempo. Son casos nos que tamén se producen intentos e consumacións sen necesidade de ter diagnosticada unha depresión ou un trastorno mental. Un artigo recente publicado pola revista Journal of Rheumatology garante que as persoas con enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas, como lupus, artrite reumatoide ou a fibromialxia, teñen un risco de suicidio 2,5 veces maior que a poboación xeral. “Todos estes pacientes crónicos poden sufrir un estado depresivo, pero só está motivado pola súa situación. Se isto desaparecese, ese estado de pena e de desesperación tamén desaparecería”, explica López Diago.
A maior incidencia de suicidios en España segue a producirse nas persoas adultas, concretamente no grupo dos 40 a 64 anos, pero chama a atención o aumento que se produciu entre os adolescentes. Segundo o INE, en 2022 suicidáronse 72 adolescentes de entre 15 e 19 anos (53 fixérono o ano anterior). Non existe unha única causa para este aumento, como no caso das persoas adultas, pero as redes sociais e a maneira sensacionalista na que se fala do suicidio nelas puideron producir un efecto imitación. Ademais, a adolescencia é un período de impulsividade e un dos riscos do suicidio é, precisamente, o alto grao de impulsividade. O psicólogo Jesús Padilla tamén sinala a desconexión emocional que vive a sociedade: “Somos unha sociedade moi conectada en redes, pero moi desconectada emocionalmente. Cústanos moito falar de emocións. Moitas familias quéixanse da falta de comunicación cos seus fillos e fillas e da súa incapacidade para se achegaren a eles e saber como están. Se estes mozos e mozas senten que non poden falar coa súa familia, o risco aumenta”. Ademais da tristeza e da depresión, a vergoña e a culpa, sobre todo en adolescentes que sufriron acoso escolar (no instituto ou en redes), tamén se suman a ese cóctel de factores que, finalmente, os leva a tomar a decisión. O acoso escolar e o suicidio van da man. Hoxe en día, se se activa o protocolo antiacoso, tamén o fai inmediatamente o protocolo antisuicidio.
A psicóloga clínica Rocío López fai unha distinción coas autolesións, xa que é certo que ocorre moito entre adolescentes, pero non ten por que significar que queira suicidarse. “A gran maioría simplemente quere lesionarse; ben para calmar a súa ansiedade ou para distraer a dor psicolóxica que senten coa dor física, xa que lles parecerá máis tolerable. “Os pais chegan moi asustados á consulta pensando que o seu fillo quere suicidarse, pero o certo é que, na inmensa maioría dos casos, despois de falar con eles, a súa intención era a de facérense dano, castigarse, pero non quitarse a vida”.
Para Padilla é bo valorar a necesidade de crear unha estratexia nacional e, sobre todo, aumentar as prazas de psicólogos clínicos na Seguridade Social. Entón, imos axudarlle ao paciente, pero, como protexemos a poboación en xeral? A resposta está na educación.
- Traballar a intelixencia emocional dende moi cedo Falar da morte e dotar o alumnado, tamén desde o ámbito familiar, de recursos para a resolución de problemas e habilidades sociais. Hai que ensinarlles a afrontar a vida e a seguir adiante cando as cousas se poñen feas.
- Compartir tempo cos fillos e mais coa familia. “Somos unha sociedade que ten máis tempo para os compañeiros de traballo que para a propia familia”, denuncia Padilla.
- Falar diso. Para previr os abusos sexuais hai que proporcionarlles educación sexual aos nenos, xa que só así entenderán o que non é normal e o que non. “O mesmo ocorre co suicidio e a morte, que seguen a ser temas tabú, pero hai que falarlles deles á rapazada”, recomenda o psicólogo.
Ideas falsas que non axudan
A sociedade está chea de conceptos erróneos sobre o comportamento suicida nos que se é relativamente fácil de caer. Son frases feitas que foron arraigando ao longo dos anos, sen ningunha evidencia científica detrás, pero que, ao final, despois de repetilas moito, se converteron en case verdade. Pero non o son. Ademais, estes mitos non lle axudan en nada á persoa nin aos seus familiares e dificultan a prevención.
- Quen quere quitarse a vida, ao final conségueo. Non hai nada que se poida facer. Esta frase, escoitada ata a saciedade, é moi ambigua. “Nunca se chega a saber de todo, cansa de vivir, acabará suicidándose, pero claro que se non se lle ofrece asistencia sempre terá máis papeletas para consumar o acto. Actualmente, a intención de toda a sociedade (non só das institucións) é previr coa asistencia psicolóxica, desde onde vamos tentar sempre frear a impulsividade e as condutas suicidas”, explica Padilla.
- “Xusto agora que parecía estar tan ben”. Por veces, os achegados da persoa que comete o acto poden, en certa medida, esperalo, porque xa o deixou claro verbalmente ou xa o tentou máis veces. Pero noutros casos, esta decisión foi sorprendente e completamente inesperada porque a persoa parecía estar animicamente ben. “Hai persoas que tiveron moito sufrimento psicolóxico e cando xa tomaron a decisión internamente é moi habitual que se observe neles un período de calma, paz e tranquilidade antes do suicidio, algo que adoita confundir as familias”, sinala López Diago.
- Falar do suicidio, animarao máis a facelo. “Non te vexo ben. Como estás, que che ocorre? Unha persoa talvez non vaia dicir directamente que ten pensamentos suicidas, pero se vemos que un amigo, familiar ou compañeiro de traballo está a pasar por unha crise e menciona que non se atopa ben, hai que intervir”, explica Padilla. Como familiares, amigos ou parte da sociedade, temos unha responsabilidade e está comprobado que preguntarlle a unha persoa sobre a presenza ou non de pensamentos suicidas reduce o risco de facelo, xa que calma e tranquiliza. Como se fai? “Escoitando, apoiando e validando as súas emocións. Expresando a nosa preocupación por eles, preguntando sobre o que os angustia e mesmo directamente se pensaron no suicidio. A partir de aí, se o recoñece, será moito máis doado axudarlle”, conta Padilla. Nunca hai que deixar o asunto e pensar que está a pasar por unha mala racha e que xa se lle pasará.
- A xente que verdadeiramente o fai, non avisa. Segundo datos da Sociedade Española de Suicidoloxía, o 18 % dos pacientes que se quitou a vida acudira ese mesmo día ao seu médico de atención primaria, un 66 % fixérao no último mes e ata un 75 % nos últimos tres meses. Estas visitas indican a necesidade que tiñan estas persoas de compartiren o que estaban a sentir. Ademais desta estatística, os especialistas observaron que tras un suicidio xa consumado, unha porcentaxe moi elevada (máis do 90 %) o verbalizara. Expresaran sentimentos de desesperanza, con expresións como “a vida non paga a pena”, que non lle vían sentido a “seguir vivindo” ou, directamente, “non quero vivir”.
- Faino para chamar a atención. Esta frase resoa con máis forza nas consultas do psicólogo cando o paciente é un adolescente. “Moitas familias acoden a consulta dicindo que o intento de suicidio do seu fillo ou filla foi porque quere chamar a atención. O primeiro que lles digo é que querer atención non é nada malo. Máis é, é saudable. Todos somos animais sociais e necesitamos dos demais, para sentirmos que estamos vinculados e que temos unha rede social. O problema está en que para chamar a atención tivese que facer iso, danándose a si mesmo e á súa contorna. Un intento de suicidio debe ser interpretado como un grito de auxilio, non é xusto simplificalo como unha chamada de atención e hai que poder chegar ao sufrimento que hai por baixo”, relata a especialista. A psicóloga non rexeita tampouco a posibilidade de que unha persoa o faga verdadeiramente para chamar a atención. “Pero se é así, algo vai mal. Esa persoa vai necesitar habilidades para poder pedirlle axuda aos demais sen facerse dano e relacionarse cos seus compañeiros sen a ameaza de por medio”, conclúe.
Que facer se estamos perante unha situación de risco?
Ante un gran risco, é dicir, cando estamos ante unha persoa cunha crise aguda que xa pensou como facelo, que vive soa e sen supervisión e que ten métodos para levalo a cabo e cre que pode perder o control, sempre debemos chamar ou acudir a urxencias. Hai casos máis difusos, situacións nas que se sabe que a persoa o pensou nalgún momento, pero non ten intención de facelo. Nestes casos nos que o risco non é inminente, pódese acudir con el ou ela ao médico de familia (ou pediatra, no caso dos menores) e solicitar a súa derivación a psiquiatría ou psicoloxía clínica. A partir desta visita, probablemente comece a medicación, con antidepresivos e, a partir de aí, hai que buscar axuda psicolóxica, no sistema público ou privado. “Non hai psicólogos para todos e, dependendo da lista de espera, haberá que optar por unha ou outra. Isto é unha realidade, pero tamén hai que saber que unha persoa con pensamentos suicidas é considerada unha prioridade na Seguridade Social”, lembra Padilla. Tamén existe toda unha estrutura (grupos de axuda, asociacións e fundacións) que, ademais da terapia, poden axudar.
Se non hai método, non hai suicidio, polo que é importante poder sacarlle información á persoa de como o pensa facer e, a partir de aí, actuar en consecuencia. Se planea facelo con medicación, haberá que retirarlla ou pedirlle que a entregue. Se pensa en precipitarse e vive nun piso alto, talvez cumpriría que cambiase de vivenda durante unha tempada ou pórlle reixas. A idea é reducir os medios e intentar que a persoa non estea nunca soa, que é cando se producen máis suicidios.
Preguntarlle polas súas razóns para vivir. A idea é atopar algo que sexa o suficientemente importante para el ou ela como para deter o intento. Por exemplo, os fillos. “Cando unha persoa se atopa nesa situación anímica, ten visión túnel. Debemos tentar abrir o foco da súa mente e facerlles entender que teñen que estar neste mundo para axudar os seus fillos a medraren e que eles estarán orgullosos dunha nai ou dun pai que pide axuda e sae adiante”, sinala a psicóloga. Os pensamentos de suicidio van e veñen, polo que hai que facerlle entender que o que pode estar mal agora, non o vai estar sempre. Co suicidio non hai volta atrás.
- Intentos previos. Este é un dos factores que máis determina o risco de suicidio. Os especialistas mídeno por graos: o primeiro sería ter ideas pasivas da morte, pero sen intención de querer suicidarse; o segundo xa sería ter ideas suicidas; o terceiro, cando a persoa comeza a planificar o método de como facelo, e o último, cando a persoa pasa a executalo. Canto maior sexa o grao, máis risco. Así mesmo, canto maior sexa a gravidade dos intentos anteriores e a súa ocultación, maior será o risco.
- Consumir substancias legais ou ilegais. Se a persoa consome cocaína, psicofármacos ou alcohol en grandes cantidades, estamos ante un problema importante, xa que no momento en que sinta a desinhibición que provocan os efectos das drogas, vaino facer. Mesmo cando non hai adicción, o simple feito de que unha persoa con ideación suicida consuma ocasionalmente xa debería alarmar os que a rodean.
- Comentarios relacionados coa morte. Dende o punto de vista anímico, debemos estar atentos ante estados altos de depresión ou ansiedade e a súa verbalización. Por exemplo: “Gustaríame desaparecer”, “non pinto nada neste mundo”, “quero descansar”, “é preferible quitarse do medio”… Tamén hai que observar se estes coinciden con algún desencadeante agudo, como o diagnóstico dunha enfermidade, unha ruptura, un grave problema económico…
- Cambios na conduta. Pode ir en dous sentidos. Por unha banda, pode producirse un aumento importante da irascibilidade e da irritabilidade -ao que se lle engade o feito de durmir e comer pouco- ou un período de calma e tranquilidade repentina cando, con anterioridade, amosara demasiada axitación. Crer que esta situación é unha mellora podería ser un erro, xa que pode ser un sinal de perigo de risco inminente.
- Está a despedirse. Regalar obxectos persoais, preciosos e queridos, pechar asuntos pendentes, dar mascotas en adopción, preparar o testamento, enviarlles cartas aos seres queridos como despedida… Todo isto significa que o está a planificar.
- Estivo ingresado previamente en psiquiatría. Hai un risco maior inmediatamente despois da alta hospitalaria polo ingreso na unidade de psiquiatría. Este é un perigo que, ademais, pode seguir sendo alto durante anos.