Cen cámpings de todo o país, analizados

Un de cada tres suspende o exame

Estudiáronse o equipamento, a relación deste co prezo dos cámpings, e a seguridade das instalacións
1 Xullo de 2002
Img temap 103

Un de cada tres suspende o exame

O informe estudiou o prezo, a seguridade e a calidade destes cámpings, entendendo por calidade exclusivamente o equipamento e as prestacións que lles ofrece o cámping ós usuarios e omitindo outros aspectos importantes (pero dificilmente homologables e comparables), coma o emprazamento, o valor paisaxístico, a proximidade á costa, o acceso e os transportes…

A principal conclusión é que o 36,5% dos cámpings estudiados non aproba o exame de CONSUMER, que partiu dunha ponderación que lle outorga o 50% da puntuación final ó equipamento do cámping, o 30% á relación calidade-prezo e o 20% ás condicións de seguridade. E só o 21% dos cámpings obtivo unha boa cualificación, mentres que o máis común (42%) foi o aprobado xustiño. E a nota media de tódolos cámpings quedou en só 5,2 puntos sobre 10 posibles. Por zonas, os mellores víronse en Navarra (6 puntos de media) e os peores (cunha media de arredor de 4,4 puntos) en Guipúscoa, Cantabria e Biscaia.

Cómo se fixo

Técnicos de CONSUMER, identificándose como tales, realizáronlles en xuño do 2002 enquisas telefónicas ós responsables dos 99 cámpings estudiados e solicitáronlles datos sobre o equipamento do cámping, as tarifas e as medidas de seguridade das súas instalación. Ademais, visitaron con detemento cada un destes cámpings. Para elabora-lo cuestionario que se cumprimentou en cada visita, contouse coa asesoría de especialistas en normativa relativa a cámpings, e coa colaboración de técnicos en Extinción de Incendios e Prevención. Realizáronse tamén entrevistas a usuarios habituais de cámpings e tivéronse en conta recomendacións da Federación Española de Empresarios de Cámping e Caravaning. Durante a visita, os técnicos comprobaron que os responsables dos cámpings non sempre facilitaron datos veraces na enquisa telefónica.

Equipamento, o 28% suspende

E só o 29% acada un ben, mentres que o resto, o maior grupo (un 42%) obtén un discreto “aceptable”. Neste apartado valoráronse a amplitude do cámping, os meses que permanece aberto, e se dispón de piscina, bar, restaurante, supermercado, lavandería e lavadora automática para os aloxados. Tamén o número de teléfonos á disposición do público, a cantidade de billas, duchas, lavabos e inodoros… Valorouse tamén o equipamento deportivo, a adaptación ás necesidades dos discapacitados, a asistencia médica, se existe un lugar para asea-los bebés e sala de curas. Tamén se comprobou se contan con contedores selectivos para papel, vidro e pilas. Para rematar, analizouse o estado de conservación e limpeza do cámping, tanto do recinto en xeral coma das duchas, lavabos e inodoros.

Por zonas, os cámpings mellor equipados atópanse en Madrid e en Alacante e os peores en Cantabria e en Guipúscoa. No tocante ás instalacións hixiénicas, os cámpings mellor dotados son os da Rioxa (correspóndenlle 34 prazas de usuario a cada ducha, 22 a cada lavabo e 31 a cada inodoro), mentres que as peores proporcións se rexistran nos cámpings de Barcelona (83 persoas por cada ducha, 73 por cada lavabo e 70 por inodoro). O 13% dos cámpings non ofrecen servicio de lavandería nin lavadora automática, e o teléfono público escasea nos cámpings: a media é de un por cada 319 prazas.

Nunha vertente máis positiva, só o 3% carece de bar, e en sete de cada dez o usuario dispón de supermercado, mentres que en nove de cada dez pode deixa-lo seu vehículo na parcela en que instala a súa tenda. Ademais, o 71% conta con piscina e case o 65% está equipado con algunha outra instalación deportiva, como a cancha de tenis.

En seguridade, algunhas deficiencias

Tódolos propietarios dos cámpings estudiados aseguran que cumpren a normativa, pero son moi poucos os que adoptan precaucións engadidas, como un plan de emerxencia para a prevención de catástrofes ou un plan detallado de evacuación. Estes dous plans están implantados só na metade dos cámpings; a excepción positiva protagonízana os estudiados en Araba (os dous plans, implantados nos dous cámpings visitados), e en Valencia (en todos menos nun). Constatouse tamén que o 14% dos cámpings carece de iluminación de emerxencia.

O prezo e a categoría, pouco representativos

Outras dúas conclusións son que nin a categoría dun cámping nin as súas tarifas reflicten fiablemente a calidade dos seus servicios e que as diferencias de prezos entre uns cámpings e outros son espectaculares. Para compara-los prezos, CONSUMER estableceu catro supostos de uso básico (véxase o cadro) de cámpings. Un deles, o máis común, é o dunha parella de adultos e un neno de cinco anos que pasa as súas vacacións a primeira quincena de agosto nun cámping ó que chega en coche cunha tenda de campaña. Inclúense, neste cálculo, só o custo do aloxamento, o dereito a instala-la tenda e o coche e ó enchufe de luz, e o IVE correspondente. Para esta familia, os cámpings máis caros son os de Alacante, onde o prezo medio para esta estancia supera os 369 euros. Tarifas só un pouco máis económicas atopáronse en Málaga, Barcelona, Biscaia e Madrid, mentres que nos cámpings de Cantabria, Valencia, Murcia, Guipúscoa e Araba, o prezo moveuse, en orde decrecente, entre 308 e 282 euros. Os da Coruña, A Rioxa e Navarra foron os máis baratos, xa que se pagaría entre 265 e 240 euros de media.

O número de cámpings de Primeira cun prezo entre os 120 e os 215 euros (os máis económicos) é mesmo maior có de cámpings de Segunda (teoricamente máis baratos) con este prezo, o que demostra que a unha maior categoría o usuario non lle debe adxudicar automaticamente uns prezos superiores: convén, polo tanto, pregunta-las tarifas. No tocante á clasificación dos cámpings hai dous grupos de comunidades autónomas: as que establecen tres categorías (Luxo, Primeira e Segunda) e as que engaden unha cuarta categoría, Terceira. Polo tanto, un mesmo campamento de turismo, con idénticas instalacións e servicios podería merecer distinta categoría segundo a comunidade autónoma na que estea situado.

Un dato que serve para demostra-las diferencias de prezos entre uns e outros cámpings é o seguinte: nos cámpings de Segunda (os que máis visitantes reciben), esta familia pagaría desde 128 euros ata 844 euros. Unha diferencia de vertixe. E a máis evidente mostra de que tarifas e categorías din pouco da calidade de servicio (entendida sempre como equipamento) é que o prezo -esta media é xa dos catro supostos de uso barallados por CONSUMER- dos 11 mellores cámpings en equipamento (máis de 6,5 puntos) é de 395 euros, inferior ó da media de tódolos estudiados, de 442 euros. E que destes 11 cámpings seleccionados polo seu equipamento só catro eran de Primeira mentres que 7 eran de Segunda. Outro dato: a puntuación media en equipamento dos 11 cámpings máis caros (media de máis de 600 euros para os catro supostos de uso, e todos de Primeira, agás tres de Segunda) foi de só 5,65 puntos sobre 10 posibles.

Os minusválidos, marxinados en máis da metade dos cámpings

As deficiencias destes aloxamentos na súa adaptación para as necesidades dos minusválidos influíron negativamente nas cualificacións de moitos deles. O 54% dos cámpings non conta con instalacións nin accesos para discapacitados, e só o 5% teñen tódolos seus servicios adaptados. A mellor situación rexistrouse en Araba, xa que nos seus dous cámpings se realizaron melloras para favorece-la estancia destes usuarios. En Málaga e Navarra os cámpings que non adaptaron ningunha das súas instalacións supoñen menos da terceira parte. Nos demais territorios, a situación foi peor, especialmente na Rioxa, onde ningún dos visitados realizou ningunha adaptación perceptible. En Valencia, A Coruña, Barcelona, Madrid e Cantabria, os campamentos que ignoran ós minusválidos representan desde o 67% ata o 75%, e a situación mellora lixeiramente en Alacante e Murcia, onde arredor da metade dos cámpings habilitaron as súas instalacións, cando menos en parte, para os discapacitados.

Moitas carencias nalgúns cámpings

No tocante á dotación de duchas, a mellor media rexístrase na Rioxa (34 usuarios por cada ducha), e a peor en Barcelona, con 83 usuarios por cada unha. Todos tiñan auga quente en polo menos algunha das súas duchas.

Continuando cos servicios de aseo persoal, os da Rioxa volven aparecer como os cámpings mellor dotados en lavabos (un por cada 22 usuarios), mentres que os de Barcelona presentan a peor proporción (73 prazas por lavabo). Destacan positivamente os cámpings de Valencia e Araba. Na dotación de inodoros os mellores resultados rexistráronse outra vez na Rioxa (31 prazas para cada inodoro), e os de Barcelona e Valencia sobresaen negativamente: unha media de 70 prazas por inodoro. Outra carencia é que, aínda que tódolos cámpings contan con lavadoiro ou vertedoiro, o 15% non ofrecen servicio de lavandería nin lavadora automática. Esta situación agrávase pola escasa dotación de píos de auga para lava-la roupa nos campamentos (48 prazas por cada billa). Unha proporción aínda peor obsérvase na Coruña e en Málaga: 71 e 72 persoas, respectivamente, por cada vertedoiro. Tamén se bota en falta a auga quente ó fregar en máis dun de cada tres dos cámpings de Málaga, Valencia, Biscaia, Murcia, Alacante, Cantabria, A Coruña, Barcelona e da Rioxa, sendo Navarra o único territorio que dispón de auga quente nos vertedoiros de tódolos centros visitados. Mentres en Guipúscoa esta porcentaxe ascende ó 43%, en Madrid o 12,5% do total dos cámpings estudiados non ofrecen a posibilidade de fregar con auga quente.

O teléfono público tamén escasea nos cámpings, cunha media de 319 prazas por cada teléfono (518 en Madrid, a peor situación; e 200 en Araba, a mellor). Dous cámpings, ámbolos dous de Terceira categoría, non dispuñan de teléfono público.

Por outra banda, só dous dos 99 cámpings non poñen á disposición do usuario unha botica de primeiros auxilios, e dous de cada tres non ofrecen asistencia sanitaria, un servicio que pode resultar transcendental nos campamentos arredados dun centro médico. E só no 8% a asistencia sanitaria ten un carácter permanente.

A reciclaxe, unha materia pendente

Non é habitual atopar nos cámpings españois un contedor onde depositar por separado os refugallos de papel, vidro e pilas. Só un de cada catro contan con depósitos para a recollida de papel, sendo os de Madrid e Barcelona os mellor dotados (un de cada dous) e os de Cantabria os peor equipados: non hai contedores para papel en ningún dos cámpings. E a dotación de depósitos para pilas e vidro tamén é escasa, só existe no 21% e 42% dos cámpings, respectivamente. Os de Valencia destacan negativamente porque en ningún dos inspeccionados se lle ofrece ó usuario a posibilidade de separa-lo vidro. No tocante á reciclaxe de pilas, Valencia, Málaga e A Rioxa non posúen en ningún dos cámpings analizados recipientes para este material.

Os 10 mellores cámpings dos 99 estudiados

En orde decrecente, os dez cámpings coa mellor relación calidade-prezo (todos eles aprobaron folgadamente no apartado de seguridade) segundo os criterios barallados por CONSUMER son:

  • LAGO COTO CISNEROS, Segunda categoría, en Chinchón (Madrid).
  • INTERNACIONAL LAS PALMERAS, Primeira categoría, en Crevillente (Alacante)
  • EL SUR, Segunda categoría, en Ronda (Málaga)
  • ETXARRI, Segunda categoría, en Etxarri-Aranatz (Navarra)
  • ISKIBI, Terceira categoría, en Goizueta (Navarra)
  • SANTA MARTA, Primeira categoría, na Coruña
  • ANGOSTO, Segunda categoría, en Villañane (Araba)
  • EL CHORRO, Terceira categoría, en Álora (Málaga)
  • EL TEULARET, Primeira categoría, en Engrera (Valencia)
  • MARIOLA, Segunda categoría, en Bocairent (Valencia)

Seguridade: pode mellorar moito e táboa comparativa

Tódolos centros estudiados aseguran cumpri-la normativa nesta materia. Asesorados por especialistas en seguridade, técnicos de CONSUMER efectuaron unha consulta nos 99 cámpings, que tivo como resultado que en Araba, en Navarra, en Valencia e na Coruña todos, nas dúas primeiras, e todos agás un nas dúas restantes, contaban cun plan de emerxencia (nunha media xeral, só o teñen implantado o 57% destes recintos). O resultado foi pouco satisfactorio en Guipúscoa e na Rioxa (ningún dos cámpings o tiña), e en Madrid, Cantabria e Biscaia (un de cada tres en Madrid e un de cada dous en Cantabria e Biscaia dispón dun plan de emerxencia). É máis tranquilizador o número de cámpings que contan cun plan de evacuación (74% do total), destacando os de Valencia e Araba como os máis previsores neste sentido xa que a totalidade dos estudiados nestas dúas zonas despregan este plan, mentres que en Murcia, Barcelona, Alacante, A Coruña e Madrid se comprobou nunha proporción de entre o 88% e o 83%. A nota negativa póñena os cámpings de Málaga e Guipúscoa, onde seis de cada dez non son previsores neste sentido e os de Cantabria, onde tan só a metade elaboraron un plan de evacuación.

Se se produce un incendio, extintores (habíaos en tódolos cámpings, agás nun de Cantabria onde se viron tan só na zona de aseos) e tomas de auga facilitan o labor dos bombeiros. Tódolos de Navarra e Araba contan con tomas de auga, e hainas en tres de cada catro centros do resto das zonas, coa excepción de Alacante, Cantabria, Barcelona e da Rioxa (onde se poden ver en dous de cada tres campamentos) e Valencia, Murcia, Navarra e A Coruña, onde as tomas de auga están visibles en só a metade dos cámpings visitados. Por outra banda, a iluminación de emerxencia tórnase importante cando o problema de seguridade se produce de noite. O 14% dos cámpings carece deste sistema de prevención. Xa noutros aspectos examinados, dous cámpings de Navarra, e un en Murcia, Barcelona, Alacante e Cantabria non estaban pechados en todo o seu perímetro aínda que o obrigue a norma, e só un de Guipúscoa e dous de Cantabria non ofrecen servicio de vixilancia. E unicamente no 66% dos cámpings os usuarios son informados das medidas para casos de urxencia ou alarma. Xa no positivo, no 95% dos cámpings viuse a instalación eléctrica soterrada, tal e como procede.

Ficha técnica

Analizáronse 99 cámpings (29 de 1ª categoría, 49 de 2ª categoría e 21 de 3ª categoría) en trece provincias:

  • oito en Madrid (tres de 1ª e cinco de 2ª)
  • sete en Navarra (un de 1ª, cinco de 2ª e un de 3ª)
  • catro en Biscaia (un de 1ª, un de 2ª e dous de 3ª)
  • nove en Murcia (dous de 1ª categoría e sete de 2ª)
  • 13 en Barcelona (catro de 1ª, tres de 2ª e 6 de 3ª)
  • nove en Valencia (tres de 1ª e seis de 2ª)
  • sete en Guipúscoa (un de 1ª, tres de 2ª e tres de 3ª)
  • tres na Rioxa (un de 1ª, outro de 2ª e outro de 3ª)
  • dous en Araba (un de 2ª e outro de 3ª)
  • sete en Málaga (dous de 1ª, catro de 2ª e un de 3ª)
  • 12 en Alacante (catro de 1ª e oito de 2ª)
  • 12 en Cantabria (cinco de 1ª, catro de 2ª e dous de 3ª)
  • e seis na Coruña (dous de 1ª, un de 2ª e tres de 3ª categoría)