Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Menús do día : Un de cada tres menús do día suspende en calidade dietética

O servizo prestado foi satisfactorio, pero anotáronse numerosos incumprimentos da normativa

Calidade dietética moi mellorable

Quen xanta a miúdo fóra da casa ás veces non dá conseguido que a súa dieta sexa equilibrada e saudable. Tal e como se adiantou, aínda que a oferta de pratos nos menús do día foi variada, o 30% dos menús do día estudados non aprobaron o exame de calidade dietética e, ademais, a metade dos suspendidos foron considerados malos ou moi malos desde unha perspectiva nutricional e dietética. E tamén foron moitos (un de cada catro) os que obtiveron un mediocre “aceptable”. Así, máis da metade dos menús do día poderían ser moito mellores desde o punto de vista dietético. A principal razón de que tantos menús fosen mal valorados foi a imposibilidade de elixir verdura ou ensalada e legumes como primeiro prato, peixe como segundo prato e froita do tempo como sobremesa. As ensaladas, cando figuran nestes menús, ofrécense normalmente como primeiro prato, o que propicia que algúns habituais desboten esta saudable opción por medo a quedaren con fame. O máis conveniente sería que se ofrecesen como entrante ou como gornición do segundo prato. Así e todo, un 12% dos restaurantes non ofrecen ensaladas nos seus menús do día (en Almería a proporción chegou ata o 43% dos establecementos, mentres que todos os estudados en Madrid, Vitoria, San Sebastián e Pamplona ofrecen ensalada). E o que é peor, case a metade dos hostaleiros (o 46%) non incluía legumes no seu menú do día (en Almería, Alacante, Murcia, Barcelona e Valencia foron máis do 60%, mentres que en Vitoria e Pamplona quedaron no 14%). E un de cada catro restaurantes (nos de Granada, Sevilla e Almería a proporción dobrábase) ofrece menús con demasiada proteína: serven primeiros pratos como entremeses, croquetas, luras, revoltos ou potaxes con abundante carne ou peixe, o que leva a que, de se elixir de segundo un prato proteico (carne, peixe ou ovos), o conxunto do menú resulte excesivamente proteico, amais de graxo e calórico de máis.

Constatouse que a oferta de carnes é moi superior á de peixes, cando, polo menos, deberían equiparase. O 10% dos restaurantes (en Murcia, o 38%, en Valencia, o 25%, e en Oviedo e Córdoba, o 20%) carecían de peixe nos seus menús.

/imgs/20060301/portada02.jpgNo tocante ás sobremesas, a situación non foi mellor: o 35% dos establecementos non ofrecían froita fresca ou do tempo, a opción máis recomendable. Polo menos, un de cada tres destes menús sen froita ofrecían lácteos sinxelos (iogur, leite callado, queixo ou arroz con leite), unha alternativa tamén saudable, xa que non resultan demasiado enerxéticos e son bos de dixerir. O 75% dos menús estudados contiña un destes lácteos sinxelos.

Tampouco abraiou comprobar que os máis dos alimentos procesados son refinados (pasta, arroz, galletas, pan…), cando é conveniente incluír alimentos ricos en fibra na dieta cotiá. O 98% dos menús comparados non ofrecen a posibilidade de elixir pan integral, que ten maior contido en fibra có pan branco. En realidade, dos 318 estudados, só dous restaurantes de Málaga, outros tantos de Valencia e un de Córdoba, de Granada e de Valladolid incluían pan integral nos seus menús do día.

Cambiando de apartado do menú, seis de cada dez restaurantes ofrecían pouca variedade nas súas gornicións e salsas, de xeito que utilizan a mesma para os diferentes pratos, maioritariamente leituga e patacas fritidas. Neste caso, os mellores restaurantes foron os de Granada: sete de cada dez dos estudados podían presumir dunha variada oferta de gornicións e salsas nos seus pratos.

Así e todo, cómpre non esquecer que, sen ben quen xanta fóra da casa debe poder elixir nos menús do día entre pratos que se axusten ás súas necesidades nutritivas e dietéticas (e aquí a responsabilidade é dos hostaleiros, confeccionando menús variados, equilibrados e variables), tamén a clientela, os consumidores, deben elixir os pratos tendo en conta criterios dietéticos.

Prezos e menús do día

Os 318 restaurantes visitados cobran unha media de 8,9 euros polos seus menús do día, aínda que se rexistraron importantes diferenzas na media dos prezos dunhas cidades e outras. A máis barata para comer de menú foi Málaga: a media nos 8 restaurantes visitados foi de 6,9 euros, mentres que na máis cara, Valladolid, a media ascendeu a 11,4 euros, un 65% máis ca en Málaga. Tamén se sitúan por baixo do prezo medio os menús de Alacante (7,7 euros), Valencia, Sevilla, A Coruña e Barcelona (arredor de 8,2 euros). Preto da media estiveron os de Córdoba e Madrid (8,8 euros) e Bilbao (8,9 euros). Tras Valladolid, as cidades máis caras para xantar de menú do día, sempre atendendo á mostra estudada, son Granada, Pamplona, San Sebastián e Zaragoza (arredor de 10 euros) e Vitoria, Oviedo, Almería e Murcia, cun prezo medio de entre 9 e 9,5 euros.

Atopáronse diferenzas significativas de prezo tamén dentro dunha mesma cidade: en Sevilla, o restaurante máis caro cobraba 15 euros por este menú e o máis barato só 5 euros (o máis económico dos 318 estudados); en San Sebastián anotouse unha diferenza de 9,3 euros entre o máis caro e o máis barato, en Valladolid foron 8,5 euros e en Granada, Madrid e Bilbao, arredor de 7 euros. E os prezos máis homoxéneos atopáronse na capital alacantina (1,5 euros de diferenza entre os 16 restaurantes visitados) e na Coruña, onde a diferenza máxima foi de só 2 euros.

Cómpre preguntarse se o prezo dun menú do día ten relación directa coa calidade dietética e nutricional dos pratos que o compoñen. Pois algunha si que ten: os mellores menús do día en calidade dietética (máis de 9 puntos sobre 10 posibles) custaban unha media de 9,4 euros, mentres que os peores, os que suspenderon o exame dietético, cobraban 8,6 euros.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións