Analizada a calidade de 100 cámpings en 18 provincias españolas

Un de cada tres cámpings visitados suspende por deficiencias en accesibilidade e en seguridade

As carencias son ben rechamantes tamén nos equipamentos e nos servizos que ofrecen
1 Xullo de 2011
Img tema listado 175

Un de cada tres cámpings visitados suspende por deficiencias en accesibilidade e en seguridade

/imgs/20110701/tema1.jpg
As tendas de campaña e os bungalows van desprazando un verán tras o outro as estrelas dos hoteis. O contacto continuo coa natureza e o aforro que a priori supón aloxarse nestas instalacións son os principais motivos polos que o cámping se tornou nunha opción cada vez máis buscada polos españois. E é que as tendas de campaña teñen o seu tirón: en España cada ano preto de seis millóns de turistas dormen baixo o seu teito. En España hai máis de 1.168 establecementos dedicados ao cámping e o caraváning. Co fin de analizar os cámpings españois e coñecer en que estado se atopan, EROSKI CONSUMER visitou 100 cámpings de 18 provincias: 10 en Barcelona e Madrid, 7 en Alacante, Asturias, Cantabria e Valencia: 6 en Málaga, Murcia, Navarra e Sevilla; 5 na Coruña, en Granada e en Guipúscoa; un menos en Zaragoza, 3 en Biscaia e 2 en Valladolid, Córdoba e Vitoria. Máis da metade (61) do total dos cámpings estudados estaban catalogados como de 2ª categoría, 24 eran de 1ª e os outros 15 englóbanse dentro dos cámpings de 3ª categoría. En primeiro lugar, contactouse cos responsables de cada un deles para lles preguntar sobre as características máis importantes de cada instalación e, posteriormente, os técnicos da revista -facéndose pasar por clientes ficticios que desexaban ver as instalacións- visitaron os cámpings. Durante o percorrido comprobáronse o estado de mantemento da instalación, a súa accesibilidade e seguridade, a dotación de medidas de atención sanitaria ou doutro tipo de equipamento e servizos e mais a información que se lles proporciona aos usuarios. Ademais, estudáronse as diferentes tarifas que estes cámpings aplican en tempada alta.

A primeira conclusión que se tira é que unha de cada tres instalacións (similar proporción á obtida no 2007 ao se facer un estudo similar) suspende o exame por mor dos fallos, especialmente graves, localizados nos capítulos de accesibilidade para persoas minusválidas e a certas carencias presentes na seguridade dos recintos e nos servizos que ofrecen. O resto de notas non son moi distintas: aproban cun ‘aceptable’ o terzo dos cámpings visitados e o mesmo acontece cos que obteñen notas de entre ‘ben’ (31 instalacións) e só 3 do cento de cámpings visitados obteñen un ‘moi ben’. Por tipo de cámping, a tendencia é que mentres os cámpings de 1ª categoría superan cun ‘ben’ a nota media, os de 2ª categoría rexistran un ‘aceptable’ e os de 3ª directamente suspenden o exame da revista (‘regular’). Por provincias, tamén atopamos detalles significativos xa que, mentres os visitados en Córdoba, Navarra, Valencia e Valladolid aproban o exame da revista cun satisfactorio ‘ben’, a metade do resto das provincias estudadas non supera o mediocre ‘aceptable’ e mesmo as hai que nin sequera aproban o exame, como acontece na Coruña, en Asturias, en Murcia, Sevilla e Zaragoza.

Como elixirmos o mellor cámping
  1. Localización: o cámping debe estar perfectamente sinalizado para que o campista non dea voltas innecesarias tratando de atopalo. Unha vez dentro do cámping, convén que todos os equipamentos e servizos estean indicados para que o usuario non se perda buscando os baños, a piscina, a recepción ou o supermercado.
  2. Seguridade: todo o recinto das instalacións debe estar valado e contar con servizos de seguridade. Debemos comprobar tamén que se atope situado nun terreo seguro (nada de terrapléns, corgos, leitos secos de río ou espazos próximos a zonas de pouca salubridade). Ademais, a seguridade inclúe contar cun bo plan de actuación en caso de emerxencia.
  3. Profesionalidade: o persoal que atende o cámping debe ser profesional e estar dispoñible para atender as necesidades e problemas que lle poidan xurdir ao campista no seu aloxamento. Ao chegar o campista, o ideal sería que lle explicase todo o referente a programación e horarios de servizos e actividades, localizacións, que facer en caso de emerxencia, normas que se deben cumprir dentro do cámping ou posibles pagamentos extras (aparcamento, servizo de lavandería…).
  4. Limpeza: as zonas de acampada deben estar perfectamente acondicionadas, limpas e a ser posible con zonas de sombra abondas para os días de máis calor. Hixiene e bo estado de conservación que se manterá en baños, piscina, zonas deportivas, lavadoiros de roupa e vertedoiros de pratos ou instalacións interiores (bar, restaurante, salón social, recepción, supermercado…).
  5. Asistencia sanitaria: polo menos unha botica de primeiros auxilios de emerxencia, é o mínimo que debería ter todo cámping. Deste xeito, poderanse atender as lesións máis leves sen ter que acudir, se non é preciso, a un centro hospitalario.
  6. Reclamacións: se a permanencia non saíu como un esperaba, o cámping deberá ter á disposición do cliente un libro de reclamacións e mais follas de suxestións.

Información: mellor nos de 1ª

/imgs/20110701/tema2.jpgComo punto de partida da investigación, os técnicos da revista dispuxéronse a comprobar se era difícil atopar o cámping ao que se dirixían. O resultado foi satisfactorio: en 80 dos 100 cámpings chegouse ao destino sen problema ningún.

Os cámpings adoitan ofrecerlle, na mesma porta de entrada ou acceso, información ao usuario. Pero só na metade das ocasións os técnicos puideron ver as tarifas expostas e na mesma proporción detallábanse as normas que se lles esixían aos campistas e mais as datas de apertura e peche da tempada da devandita instalación. Unha vez dentro, o técnico da revista dirixíase á recepción, presente en todos os cámpings non sendo en dous casos nos que se empregaba o bar do cámping para este fin. A media de horas de apertura destas recepcións non supera as 12 horas ao día. A primeira impresión das instalacións é importante, pero igual de capital é que o campista reciba un bo trato por parte dos recepcionistas, algo que resultou satisfactorio en todos os cámpings analizados. Resulta tamén aconsellable que o cámping ofreza nun primeiro momento un plano ou mapa onde se sitúen os diferentes servizos para que o usuario non se desoriente, algo que só se puido observar en 52 instalacións das 100 visitadas.

Os turistas que acoden ao noso país nas vacacións son en moitas ocasións estranxeiros, por iso é recomendable que os carteis ou sinais se ofrezan en varios idiomas. Os carteis están en castelán en todos os establecementos visitados, mais só 65 ofrecen a información en máis idiomas. En liñas xerais, a información máis completa ofrécese nos cámpings visitados en Valladolid (‘moi ben’) e Murcia, Madrid, Guipúscoa, Córdoba, Barcelona e Alacante (comparten un ‘ben’).

Equipamento e servizos: escasos e mellorables

/imgs/20110701/tema3.jpg
Boa parte da satisfacción dos clientes dun cámping depende do equipamento e dos servizos que ofrece. Unha das conclusións da investigación é que este capítulo precisa importantes melloras, xa que a valoración global que merece non sae do ‘aceptable’. Non obstante, a mellor oferta de equipamentos observouse nos recintos analizados en Álava, Alacante, Barcelona, Córdoba, Valencia e Valladolid (‘ben’), ao contrario ca na A Coruña, en Sevilla e en Murcia (os dous primeiros comparten un ‘regular’ mentres que os cámpings murcianos suspenden cun ‘mal’). Por categorías, as notas oscilan entre o ‘ben’ co que se recoñece o traballo dos cámpings de 1ª categoría, o ‘aceptable’ para os de 2ª, ata o suspenso (‘regular’) outorgado a aqueles que se engloban na 3ª categoría. Moitos aproveitan estes días de vacacións para practicaren deporte. A nosa visita deixou patente que os cámpings non sempre dispoñen de instalacións para iso: só arredor duns vinte espazos contan con terreo para a práctica do fútbol, do baloncesto ou do fútbol sala, en apenas 33 instalacións había canchas polivalentes para varios deportes, unicamente 27 cámpings tiñan pistas de tenis e só 7 instalacións contaban co seu propio ximnasio. Non acontece o mesmo coas piscinas. E é que só un de cada catro cámpings non contaban nin sequera cunha.

Outro aspecto moi valorado, en especial polas familias con fillos, é que os cámpings teñan zonas de xogos infantís: practicamente a totalidade dos cámpings visitados (85 do cento analizado) as teñen en bo estado de mantemento.

No apartado de hostalería e restauración, salvo un exemplo en Murcia, o resto de cámpings analizados dispón de polo menos un bar, oito de cada dez ten supermercado e tres de cada catro contan cun restaurante (o prezo medio do menú do día son 10 euros). O bar foi parada obrigatoria durante esta visita, aínda que 11 deles estaban pechados, xa que aínda non comezara a tempada. Na maioría dos casos a limpeza era correcta na cafetería, aínda que en 33 deles non se lle ofrece a lista de prezos ao usuario e en 21 instalacións aparece pero case non se ve.

Estar no medio do campo non quita poder usar as novas tecnoloxías. Algo máis da metade dos cámpings ofrece unha zona con ordenadores onde poder navegar pola rede. Se un prefire empregar o seu propio ordenador, en case nove de cada dez habilitouse zona wifi. Á cola da innovación atópanse 14 cámpings, a metade deles de 2ª categoría, outros cinco de 3ª e, curiosamente, dous de primeiro nivel. En ningún deles hai posibilidade de acceder a Internet nin a través de wifi ou de zona de ordenadores.

Médico? Non, só botica de primeiros auxilios

/imgs/20110701/tema5.jpg
Ante calquera problema de saúde ninguén dubida en acudir a un centro de saúde, pero se o aloxamento onde nos atopamos dispón de servizo médico, moito mellor. Unha boa asistencia médica di moito da instalación onde esteamos acampados, algo que non se cumpre en dúas instalacións (ambas as dúas de 3ª categoría) que, por non teren, non teñen nin unha sinxela botica de primeiros auxilios. Do resto, só oito deles ofrecen un servizo médico (a metade son de 1ª categoría e a outra metade de 2ª), 15 contan cunha enfermería totalmente acondicionada e 30 ofrecen unha sala para realizar curas de emerxencia. O máis rechamante é que as máis das instalacións (89) dispón unicamente dunha botica de primeiros auxilios. Curiosamente, a mellor dotación sanitaria localizouse en cámpings de 2ª categoría.

No tocante á seguridade destas instalacións, o primeiro que un pensa é que o cámping non vai estar situado en zonas, como canles de ríos, que poidan ser perigosas para os campistas, algo que se cumpre en todos os casos nas localizacións estudadas. Pero a seguridade tamén a brindan o interior do cámping e outras ferramentas dispostas para garantiren a tranquilidade dos usuarios. Neste sentido, o 88% dispoñen dun plan de emerxencia, outro 6% pensou niso algunha vez pero non o materializou por escrito e outro 6% nin sequera conta con iso. Estes últimos consideran que “non é preciso”. Das instalacións que si dispoñen deste plan de emerxencia, máis de tres de cada catro aseguran que revisa ese proxecto de seguridade cada ano, un 18% prefire facelo ao comezo da tempada e un 3% considera que abonda cada dous anos. De nada serviría contar con ese plan de emerxencia se o persoal que traballa no cámping non está instruído en materia de prevención e seguridade en caso de accidente. Neste caso, os resultados son optimistas, xa que os traballadores de practicamente todos os cámpings (menos catro de 2ª categoría) aseguran saber que facer en caso de perigo para os campistas. Non obstante, no último ano apenas un de cada catro realizou un simulacro de emerxencia (14 deles eran de 2ª categoría, 9 de 1ª categoría e un máis de 3ª) e ningún dos analizados en Córdoba, Guipúscoa, Sevilla, Biscaia e Zaragoza.

Durante a visita, os colaboradores observaron como apenas nun 3% dos cámpings (dous da Coruña e un de Murcia) analizados non se dispón de ningún sistema de seguridade: nin vixilantes nin cámaras de seguridade; mentres que dos que si teñen, 44 ofrecen tanto vixilantes como vídeo vixilancia. Ademais, en máis da metade dos espazos visitados víronse sinais de tráfico para moderar a velocidade dentro do cámping (a maioría delas situaba en 10 km/h a velocidade máxima permitida en todo o recinto) e tomas de electricidade das parcelas protexidas (salvo nun caso de Barcelona e noutro de Murcia).

Cámpings, inaccesibles para algúns

Accesibles para todos, así deberían ser os cámpings, pero en realidade non o son: dos 100 visitados por EROSKI CONSUMER, 40 deles non están adaptados, 31 só pensaron nas persoas minusválidas á hora de facer máis accesibles os aseos e só catro deles adaptaron a zona do restaurante, a recepción ou a piscina. Dos 100 cámpings analizados, 25 instalacións si contan con todas as súas instalacións adaptadas para recibir campistas que sufran algún tipo de minusvalidez física (especialmente nos dous visitados en Valladolid). Se a realidade para as persoas en cadeira de rodas é pouco satisfactoria, a situación vólvese peor para os invidentes: ningún cámping está preparado para as persoas con problemas de visión.

A conclusión final é que no capítulo da accesibilidade non importa a categoría do cámping. Do cento de espazos visitados pola revista, os de 1ª categoría non acadan máis ca un ‘regular’ de nota media en accesibilidade e as outras dúas categorías comparten valoración (‘mal’).

Os cámpings, segundo a súa categoría
  • Cámping de “luxo”. Na entrada amosarán un cartel con catro tendas-triángulos que indican a súa categoría. As parcelas dispoñen de electricidade e auga quente en todos os servizos sanitarios xerais e en todas as duchas, amais de ofrecer un servizo de custodia e caixas fortes individuais.
  • Cámping de 1ª. Placa distintiva de tres tendas-triángulos. Dispoñen de teléfono en cabinas individuais, auga quente en todos os servizos sanitarios xerais e no 50% das duchas e caixas fortes individuais. A electricidade chegará a un 50%-75% das parcelas e os servizos adicionais non distan moito da categoría anterior.
  • Cámping de 2ª. Placa distintiva con dúas tendas-triángulos. A principal diferenza co anterior é a situación, polo xeral algo máis afastada do “mellor lugar”, pero o resto dos servizos é case equiparable.
  • Cámping de 3ª. Placa de unha tenda-triángulo. En aspectos como número de lavabos, características do chan e superficie entre campistas adoitan ser algo inferiores aos de 2ª categoría.

Os máis limpos, os de 1ª e 2ª, e táboas comparativas

/imgs/20110701/tema7.jpg
Un cámping pode ser seguro, barato, accesible ou con bos servizos e equipamentos, pero de nada vale se as instalacións non se atopan nun estado óptimo de conservación e a limpeza brilla pola súa ausencia. Neste apartado, non hai diferenzas entre os cámpings de 1ª e 2ª categoría (a limpeza en ambos os dous casos valorouse cun ‘moi ben’), e os da categoría máis baixa, que se conforman cun correcto ‘ben’.

Se se examina o estado dos servizos dos que dispón o cámping, só en catro deles o bar se atopaba falto de hixiene, igual que acontecía nos aseos de dous cámpings de Sevilla e da Coruña e noutro máis en Madrid. Para rematar, a zona infantil da metade das instalacións visitadas en Zaragoza e unha de cada catro da Coruña estaban realmente porcas. Os lavadoiros de roupa e vertedoiros están en boas condicións en practicamente todos os cámpings analizados. Aínda que salienta negativamente a nula limpeza observada nun cámping situado na Coruña.

/imgs/20110701/tema6.jpg
Unha boa ferramenta para poder manter estes espazos máis limpos é dispor de colectores de reciclaxe para os campistas. En case todos os cámpings visitados había colectores para depositar o lixo orgánico, aínda que había disparidades na dotación do resto de colectores: un 65% conta con colectores para o papel e para o plástico, un 78% para recipientes de vidro e un 69% para depositar pilas que logo se reutilizarán.

Os cámpings de Barcelona, entre os máis caros

/imgs/20110701/tema8.jpg
O cámping converteuse nunha alternativa de aloxamento para botar uns días ao aire libre e a un prezo máis económico. Esa é, polo menos, a crenza popular. Para comprobalo e co fin de comparar prezos, EROSKI CONSUMER consultou as tarifas para dous supostos: un matrimonio cun fillo que se quere aloxar coa súa tenda de campaña familiar durante a primeira quincena de agosto (tempada alta) e, no segundo suposto, a mesma familia pero no canto de se aloxar na tenda faino nunha caravana.

Case non hai diferenzas de prezo entre os dous supostos: 460 euros en caso de usar unha tenda familiar e 464 para pasar a noite na caravana. O custo medio, independentemente do elemento de acampada, sitúase nos 462 euros, un 22% máis caro con respecto ás conclusións do estudo do 2007 (cando o IPC nestes anos aumentou algo máis dun 9%). Por riba dese prezo medio atópanse cámpings localizados en Biscaia, Valladolid, Málaga, Guipúscoa, Cantabria e Barcelona (o seu prezo medio é o máis oneroso do estudo), mentres que as instalacións visitadas nas outras provincias son máis económicas, especialmente os cámpings visitados en Sevilla.

Amais de pagar o prezo pola permanencia, nalgúns cámpings cómpre aboar unha cantidade determinada por usar certas instalacións ou servizos; dos 91 cámpings que dispoñen de lavadora automática, un deles ofrece o lavado gratis mentres que nos máis o desembolso está entre 1 e 6 euros. O mesmo acontece coa secadora automática (dispoñible en 61 cámpings): un deles non cobra nada por usala e nos outros o prezo oscila entre os 0,20 céntimos de euro e os 6 euros. Algo curioso é que che cobren por unha ducha de auga quente, o que acontece en seis dos 100 cámpings visitados, onde hai que facer un desembolso que varía entre os 0,5 céntimos de euro e os 4 euros.