Enquisa sobre os hábitos de exposición ao sol, a percepción de risco e a etiquetaxe das cremas solares

Un de cada cinco enquisados nunca se protexe cando se expón ao sol nas vacacións de verán

Un 12 % non adquire cremas solares e tres de cada dez nunca len a información da etiquetaxe
1 Xuño de 2013
Img tema de portada listado

Un de cada cinco enquisados nunca se protexe cando se expón ao sol nas vacacións de verán

O sol ten dúas caras. Por un lado, proporciona cor, calor e, para moitos, é motivo de alegría. É esencial na produción de vitamina D e a súa exposición, sempre con moderación e vixilancia médica, forma parte do tratamento de enfermidades dermatolóxicas, como a psoríase ou o eccema… Pero o astro rei ten o seu lado escuro: provoca queimaduras solares que aumentan o risco de padecer cancro de pel na idade adulta.

Cada ano, diagnostícanse no mundo 160.000 casos de melanoma (79.000 en homes e 81.000 en mulleres). A diminución da capa de ozono e a moda do bronceado son os dous factores que máis inflúen niso, polo que o sol debe tomarse con todas as precaucións. Para coñecer os hábitos de exposición ao sol da poboación, EROSKI CONSUMER realizoulles durante o mes de abril unha enquisa a 1000 persoas de nove comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco. Ademais, investigouse cal era a súa percepción de risco ao sol e os seus costumes á hora de comprar crema solar. O 52 % dos enquisados eran mulleres e tiñan unha media de idade de 46 anos.

Ninguén é igual fronte aos raios solares. A pigmentación da pel, a cor dos ollos, o cabelo e a capacidade para broncearse de cada un determinan a que fototipo se pertence; é dicir, que capacidade ten a pel de absorber a radiación solar.

Entre os enquisados, un de cada cinco sitúase no primeiro fototipo (peles, ollos e cabelos moi claros que sempre se queiman e cuxo bronceado é imperceptible), un 46 % no segundo (tamén con pel, ollos e cabelo claros, pero que conseguen un bronceado moderado, aínda que a miúdo se queiman), outro 21 % no terceiro (teñen unha pel máis escura, así como o pelo e os ollos; ás veces, quéimanse e conseguen un bronceado medio) e o 12 % no cuarto (coa pel, os ollos e o cabelo morenos, raramente se queiman e sempre se broncean).

Pouca protección, demasiada confianza

As vacacións e os días festivos do verán son os momentos nos que os entrevistados máis se expoñen ao sol. Non obstante, un 19 % nunca se protexe das radiacións solares e un 21 % só ás veces (en maior medida, os homes). Ademais, fóra da época estival, protéxense aínda menos, xa que só un de cada catro o fai habitualmente. Iso si, os que o fan adoitan utilizar cremas solares e lentes de sol.

Ademais, un de cada dous enquisados ten un nivel medio na percepción de risco do sol. E é que probablemente nalgúns aspectos aínda somos demasiado confiados: dous de cada cinco pensa que na primeira exposición solar se pode utilizar un factor de protección solar menor de 15, un de cada cinco non sabe que cada tipo de pel absorbe a radiación solar de forma diferente e que iso inflúe na forma de protexerse e un 12 % dos enquisados non compra habitualmente cremas solares.

O sol non engaiola a todo o mundo

A un 41 % dos entrevistados non lles gusta tomar o sol, a un 33 % só ás veces e a un 26 % encántalles. Por sexos, a eles gústalles en menor proporción que a elas. Aínda así, só un 18 % adoita tomar o sol habitualmente.

Entre as persoas que aseguran tomar o sol habitualmente, ou en ocasións, un 14 % comezan a facelo en abril, en maio un 25 %, en xuño un 29 % e en xullo un 23 %. Como é lóxico, nas comunidades autónomas nas que o tempo meteorolóxico é diverso, as diferenzas son apreciables. Mentres en Andalucía, nas Illas Baleares e en Cataluña a maioría comezan a tomar o sol en maio, na Comunidade Valenciana, Galicia, Navarra e País Vasco fano un mes despois. E en Castela-A Mancha e na Comunidade de Madrid optan por empezar en xullo.

Máis en verán

O verán é a época na que máis persoas entrevistadas se expoñen ao sol: o 83 % faino durante as vacacións e os días festivos e o 64 % o resto dos días estivais. Os maiores de 65 anos entrevistados son os que en menor proporción descobren o seu corpo aos raios solares nesta época. Como curiosidade, por comunidades, destacan os galegos (que son os que toman máis o sol) e os baleares e os andaluces (os que o toman menos). As partes do corpo que máis lucimos ao sol no verán son a cara, os brazos, as coxas e as pernas e as mans. Os expertos recomendan non permanecer baixo o sol durante moito tempo. A maior proporción dos enquisados asegura que se expón entre 1 e 2 horas en período estival (un terzo deles) ou non máis dunha hora (outro 22 %).

E cando? A metade dos enquisados elixen a mañá, de 10.00 a 12.00 horas, para exhibirse ao sol durante o verán e dous terzos tamén se expoñen pola tarde, a partir das 16.00 horas. Non obstante, un de cada tres tamén o fai entre as 12.00 e as 16.00 horas, malia o perigo que supón facelo, xa que a intensidade de radiación solar é máxima nese horario.

Fóra da época estival

Tamén é ilustrativo saber cando e como se expoñen ao sol os enquisados o resto do ano, momento no que os efectos adversos dos raios UVA non desaparecen, aínda que se poida pensar o contrario.

Fóra da época estival, os entrevistados por EROSKI CONSUMER tamén toman o sol: un 43 % en vacacións e días festivos, e un 34 % o resto do tempo. Neste caso, son os homes os que o fan en maior medida e, de novo, en menor proporción os enquisados con 65 anos ou máis. Por comunidades, os valencianos toman o sol en maior proporción que os andaluces e os manchegos.

Coma no verán, a franxa do día escollida pola metade das persoas entrevistadas é a mañá, entre as 10.00 e as 12.00 horas. Tamén dous terzos exhiben o seu corpo ao sol pola tarde e, malia que non é recomendable, case dúas de cada cinco persoas elixen facelo entre as 12.00 e as 16.00 horas.

Protección, materia pendente

E o máis importante, utilizan algún tipo de protección cando se expoñen ao sol? No verán, un 19 % dos enquisados confesa non se protexer nunca durante as vacacións e os días festivos, unha proporción que aumenta ata dous de cada cinco o resto do tempo. Fóra da época estival, protéxense aínda menos: nas vacacións e nos días festivos tres de cada cinco nunca o fan e, o resto do tempo, tampouco o fan sete de cada dez.

Por sexos, son maioría os homes os que non se protexen, especialmente no verán, época na que dobran a proporción de mulleres que confesa non se protexer nunca. Pola súa banda, os entrevistados de 16 a 24 anos tampouco o fan en maior medida, tanto no verán coma no resto do ano.

Pola contra, os que si toman precaucións utilizan varios sistemas para facelo. Os máis xeneralizados son a crema protectora solar (nove de cada dez) e os lentes de sol (sete de cada dez no verán e un de cada dous o resto do ano). No verán, a metade asegura que utiliza habitualmente un factor moi alto de crema solar (entre o 30 e o 50), e dous de cada cinco o resto do ano. Non obstante, nesta época, aumenta a proporción daqueles que utilizan un menor de 15: un 14 % en vacacións e un 24 % o resto do tempo. Os máis propensos a utilizaren este factor son os homes e os mozos de entre 16 e 24 anos.

Por tipo de pel, os que en maior proporción se protexen cun factor menor de 15 son os que pertencen ao fototipo terceiro e cuarto. Non obstante, aínda que a súa pel sexa máis escura e non se queimen con tanta frecuencia, non é recomendable utilizar un FSP menor de 15.

Conscientes do risco

A teoría parece que a sabemos: se o sol non se toma con precaución, as consecuencias poden ser moi prexudiciais para a saúde. Non obstante, levámolo á práctica? EROSKI CONSUMER mediu esa percepción de risco e consultou os 1000 entrevistados sobre a súa opinión acerca dunha serie de afirmacións sobre a radiación e a protección solar. En función das súas respostas, cuantificouse esa percepción cunha escala de 0 aos 3,80 puntos, onde 0 é o nivel baixo e 3,80 o nivel alto.

Así, un 56 % dos enquisados teñen un nivel medio de percepción de risco, un 40 % un nivel alto e apenas un 4 % un nivel baixo. Por comunidades, ningún galego nin madrileño enquisado se clasificou cun nivel de percepción de risco baixo, a diferenza dos valencianos, que se sitúan neste nivel en maior proporción (un 14 %). Os máis conscientes dos perigos do sol son en maior medida os galegos, posto que un 52 % deles se sitúa no primeiro posto do podio, o nivel alto de percepción.

Esta clasificación demostra que aínda hai quen se confía demasiado. Malia que apenas un 4 % considera que tomar o sol durante un tempo prolongado nunca supón un risco, outro 14 % considera que só en ocasións. Por sorte, o 82 % dos enquisados pensa que é perigoso sempre: os madrileños en maior proporción (un 93 % dos consultados) ca os baleares (un 14 % deles cre que nunca supón un perigo, a proporción máis alta).

Un de cada cinco enquisados non cre que cada tipo de pel absorba a radiación solar de forma diferente, en maior medida a xente nova de 25 a 44 anos (un 23 %). Unha crenza errónea, posto que ninguén é igual fronte ao sol e na poboación existen distintos fototipos individuais de cada persoa. Por último, só un 6 % non cre que unha exposición solar inadecuada produza envellecemento prematuro da pel, afeccións oculares e cancro de pel.

Unha de tópicos

En canto a como protexerse, tamén existen confusións destacadas entre os enquisados. En primeiro lugar, un 41 % non cre que haxa que utilizar un factor de protección maior de 15 na primeira exposición solar. É máis, en similar proporción consideran que as cremas con moi alta protección protexen completamente contra o sol. Neste sentido, a lexislación da UE parte da premisa de que ningunha crema, por moi alta protección que teña, protexe completamente contra o sol. Os fotoprotectores conteñen substancias químicas e/ou físicas, denominadas filtros, capaces de absorber ou de reflectir as radiacións solares e de protexer a pel dos seus efectos daniños. Non obstante, o termo “pantalla total” ou sun block utilizouse para indicar un FPS (factor de protección solar) superior a 20 e a protección fronte a outras radiacións, pero en realidade préstase a confusión, posto que non garante unha protección total fronte ás radiacións.

Por sorte, só en proporcións inferiores ao 15 % da poboación enquisada fan caso dos seguintes falsos mitos: que o sol sen cremas de protección seca grans, espiñas e puntos negros no rostro; que os lentes de sol son só para o verán; que non é necesario aplicar fotoprotección se o día está anubrado ou se se está debaixo dunha antuca; que as persoas con peles máis morenas ou xa bronceadas poden prescindir de aplicar crema protectora e que, mentres se está na auga, o sol apenas prexudica a pel.

Cremas solares

Insolacións, queimaduras, envellecemento prematuro da pel, alteracións do sistema inmunitario, afeccións oculares e cancro de pel. Estes son só algúns dos efectos adversos que pode provocar expoñerse de xeito inadecuado ao sol. Para previr todo isto, a industria cosmética conta dende hai décadas con protectores solares ou fotoprotectores. Segundo a Guía de protección solar, elaborada polo Ministerio de Sanidade e Consumo, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos e a AECC (Asociación Española Contra o Cancro), os fotoprotectores deben incluír unhas indicacións obrigatorias e na súa etiquetaxe tamén deben conter mencións específicas que reflictan a súa eficacia: os índices de protección solar. Estas indicacións, xunto con frases sobre o modo de emprego e as advertencias no seu uso, supoñen unha importante información ao consumidor que debe terse en conta tanto ao elixir o produto máis axeitado como ao utilizalo correctamente.

Pero, os enquisados len e entenden a información que se indica nas etiquetas deste tipo de produtos? En primeiro lugar, un 12 % dos enquisados aseguraron non comprar habitualmente cremas solares. Destaca que sexan sobre todo homes (un 19 % fronte ao 6 % de mulleres), cunha idade superior aos 65 anos (un 29 % deste colectivo) e pertencentes ao cuarto fototipo (un 25 % deles).

Outro 60 % dos enquisados le a información que se indica na etiquetaxe dos produtos solares que adquiren, pero un 28 % non o fai nunca. Por sexos, son máis os homes que confesan non ler nunca os datos da etiqueta (un 32 % fronte ao 24 % delas) e mozos de entre 16 e 24 anos (un 54 % deles).

Entre os que compran produtos solares e len a información das súas etiquetas, un 29 % confesa que nunca se fixa nos ingredientes do produto. Non obstante, no resto da información si o fan: un 88 % pon atención na descrición sobre como e onde actúa o produto (é dicir: hidratación, protección inmediata, protección de raios UVA etc.), o 91 % examina os consellos de utilización e o 94 % mira o grao de protección da crema.

Un de cada catro enquisados confesa que algunha vez utilizou crema solar caducada. Os máis descoidados neste sentido son os mozos de entre 16 e 24 anos en maior medida (un 25 % fronte ao 16 % dos enquisados con 65 anos ou máis).

Pero, no momento de adquirir o produto, que aspectos toman en consideración? E é que segundo a Guía de protección solar, para escoller un fotoprotector hai que ter en conta unha serie de factores, como a quen vai dirixida, a zona de aplicación, o tipo de pel, a altitude do lugar, a hora do día e un longo etcétera.

Os enquisados que compran crema solar sempre teñen en conta os seguintes aspectos: un 61 % a quen vai dirixido (adultos, nenos ou maiores); un 55 % a zona de aplicación (corpo, cara, calva etc.); un 43 % as características da pel, os ollos, o cabelo e a capacidade para broncearse; un 22 % a hora do día en que se exhibirá ao sol, o tipo de superficie (auga, herba, neve ou area) e a estación do ano; e un 15 % a altitude do lugar no que tomará o sol.

Crema por un tubo

O sol debe tomarse con todas as precaucións para protexer a saúde da nosa pel. É por iso moi recomendable utilizar os fotoprotectores indicados para cada tipo de pel e, sobre todo, reducir os tempos de exposición. A Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía aconsella:

  • Limitar o tempo ao sol, sen importar a hora ou a estación do ano. Ter especial coidado en zonas a grandes alturas e en latitudes tropicais, onde as radiacións son máis frecuentes. Permanecer na sombra sempre que sexa posible.
  • Non facer sombra, senón buscar a sombra. Se a sombra que proxecta é máis pequena ca vostede, ten máis probabilidades de queimarse. Os raios solares son máis frecuentes e a posibilidade de desenvolver unha queimadura solar é maior entre as 12 horas e as 4 da tarde.
  • Aplicar un protector solar de amplo espectro cun factor de protección solar (FPS) polo menos de 15 cando se estea exposto ao sol (actividades ao aire libre). Aplique a pantalla solar 20 ou 30 minutos antes de saír ao aire libre, para que teña tempo de absorbela.
  • Volver aplicar o protector solar cada dúas horas cando se atope nun espazo exterior, mesmo en días anubrados. Se parte do produto se eliminou ao suar ou ao se secar coa toalla, volver aplicar o produto.
  • Levar roupa protectora coma pantalóns longos e camisas con manga longa. Canto máis espeso sexa o tecido e máis escura a cor, maior protección.
  • Levar un sombreiro e lentes de sol no exterior. O sombreiro debe ser de á ancha para protexer áreas expostas coma o colo, as orellas, a calva e a cara. Os lentes de sol deben ter protección UV.
  • Evitar as superficies reflectoras que poden chegar a reflectir ata o 85 % dos raios solares e que poden alcanzalo mesmo na sombra, o que pode provocar queimaduras e lesións na pel descuberta.
  • Evitar a exposición ao sol dos bebés.
  • Protexer os nenos. Minimizar a súa exposición ao sol e aplicarlles protector solar aos nenos de 6 meses ou máis.
  • O efecto prexudicial do sol é acumulativo, por iso é importante evitar as queimaduras solares durante a infancia.
  • Coidado cos medicamentos que poden inducir fotosensibilidade. Consultar co seu médico ou co seu farmacéutico.