Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

EROSKI CONSUMER realízalles unha enquisa a máis de 4.500 consumidores de 19 provincias españolas para coñecer, entre outras cousas, cantos cartos van gastar este Nadal e se a crise vai condicionar as súas compras : Un de cada catro consumidores gastará menos cartos este Nadal ca o pasado

Preto do 90% do orzamento para o Nadal vaise destinar á compra de alimentos e de agasallos

Roupa e calzado, os regalos estrela, e táboas comparativas

Neste Nadal, o 56% dos enquisados elixirá roupa e calzado para regalar, un de cada tres tamén obsequiará xoguetes e, en similar proporción, libros e música e mais cosmética e perfumería. Os equipos electrónicos son a opción de un de cada cinco, igual ca os cartos. Atopáronse diferenzas cos equipos electrónicos: elas elíxenos nun 15% dos casos mentres que eles o fan nun 26% das ocasións. Acontece o contrario cos cartos: o 23% das mulleres enquisadas prefiren dar diñeiro fronte ao 14% dos homes.

Por idades, hai aínda máis diferenzas: as persoas de ata 45 anos prefiren regalar roupa e calzado, xoguetes, libros e música, cosmética e perfumería, equipos electrónicos e equipamento deportivo nunha maior proporción ca os maiores de 46 anos. Pola súa banda, os maiores de 46 anos aínda non teñen claro que regalar nun 16% dos casos (fronte a un 7% das persoas de ata 45 anos enquisados que tampouco o teñen claro). Aínda que nunha de cada catro ocasións optan por dar diñeiro (fronte ao 10% do outro grupo de idade).

Onde van mercar os regalos?

A maioría dos máis de 4.500 enquisados mercará os seus agasallos de Nadal en grandes almacéns (un 58%), fronte ao 20% que o fará en hipermercados, o 14% no supermercado e os case tres de cada dez que optarán polo comercio polo miúdo tradicional. Neste sentido, obsérvanse diferenzas en función da idade do entrevistado e o lugar no que resida. Mentres que dúas de cada tres persoas de ata 45 anos optan polos grandes almacéns, os maiores de 46 anos elíxeno nun 48% das veces. Non obstante, tres de cada dez enquisados neste último grupo elixe o comercio polo miúdo tradicional, fronte ao 26% do outro grupo de idade. Ademais, mentres nas poboacións de ata 100.000 habitantes un de cada catro entrevistados aseguraba que mercaría os regalos no comercio tradicional, esta proporción elevábase ata un 31% no caso das cidades con máis de 100.000 habitantes.

Para rematar, cal é o motivo polo que os enquisados elixen un comercio ou outro para mercaren os seus regalos? Máis da metade das persoas enquisadas elixiron os grandes almacéns, hipermercados e supermercados porque é máis rápido e doado mercar alí. Pouco máis dun 40% opta polas cadeas, as tendas de roupa especializadas e o comercio polo miúdo tradicional porque lles dá confianza. Pero a gran diferenza atópase nun terceiro motivo: mentres que un 27% elixe o comercio polo miúdo tradicional porque o atenden mellor, só un 12% dos que elixen os grandes almacéns o fai por esta razón.

O super, o rei nas compras de alimentación

O supermercado é o lugar elixido para adquirir os produtos de alimentación nun 63% dos casos; nun 33%, os hipermercados; e nun 25%, o comercio tradicional. O resto repártese entre tendas gourmet ou similares, supermercados de desconto e Internet. Cómpre salientar que son máis as persoas maiores de 46 anos ca as de entre 18 e 45 anos as que prefiren o comercio tradicional: un 29% fronte a un 20%. Por sexos, a muller prefire o comercio tradicional nun 28% dos casos, mentres que o home o elixe no 22%.

No tocante aos motivos, a confianza é a razón de peso para quen realiza as súas compras de alimentación no comercio tradicional, nas tendas gourmet ou similares e no mercado tradicional (preto dun 60% dos enquisados elixiuno así). Pola súa banda, a rapidez e a sinxeleza leva a un 55% dos enquisados a mercar nos hipermercados. Outro dos motivos, porque é máis barato, é elixido pola metade das persoas que escollen o supermercado de desconto, fronte ao 25% que elixen o hipermercado ou o supermercado por esta mesma razón. Para rematar, a relación calidade-prezo é a razón principal para un 46% das persoas que mercan en tendas gourmet ou similares e en Internet, case o dobre ca aos que mercan en supermercados por esta razón.

O Nadal, provincia por provincia

  • A Coruña: Dos seis de cada dez españois que este Nadal non variarán o seu orzamento, os entrevistados na Coruña van ser os máis moderados á hora de faceren ese desembolso (49% fronte ao 40% de media nacional). Ademais, e en relación ao resto dos enquisados, os consumidores coruñeses dedícanlle máis cartos á alimentación e menos a saír comer fóra e a mercar regalos.
  • Álava: En comparación co resto de provincias, os alaveses atópanse entre os españois que máis cartos gastan en comer fóra da casa e menos en regalos. Ademais, son os máis despreocupados á hora de gastaren diñeiro polo Nadal (12% fronte ao 6% nacional), xa que consideran que se trata de datas especiais e que hai que gozalas. Con respecto ao seu orzamento, o 22% dos enquisados gastará máis cartos ca hai un ano (a media nacional é de 13%).
  • Alacante: os alacantinos entrevistados atópanse entre os máis remisos á hora de faceren as compras do Nadal por adiantado (un 61% asegura que non fixo aínda ningún desembolso en comparación co 54% da media nacional). Tamén serán os que máis reduzan o seu gasto en regalos.
  • Asturias: os asturianos están entre os españois que prefiren gastar menos cartos en alimentación e máis en comidas fóra do fogar e en mercar regalos para amigos e familia. Os enquisados en Asturias tamén destacan por seren os que menos se decantan por encheren a cesta de compra unicamente con produtos que se consumen estas datas.
  • Barcelona: os entrevistados en Barcelona son, en comparación con todo o ámbito nacional, os consumidores que máis van usar Internet para as súas compras do Nadal (un 19% dos enquisados fronte ao 13% nacional). Serán tamén os que máis se decanten por comprar unicamente produtos que se consumen durante o Nadal, nada de alimentos habituais (un 14% fronte ao 10% nacional).
  • Córdoba: os cordobeses non confían moito na sorte. Isto é o que se desprende logo de comprobar o escaso orzamento que dedicarán á lotería, apenas un 1% do total do gasto que farán no Nadal. A media nacional é dun 4%.
  • Granada: atópanse entre os que máis cartos invisten en alimentación e menos en gastos relacionados co lecer fóra do fogar. Os consumidores granadinos sitúanse á cabeza á hora de afirmar que non farán regalos caros e só prácticos e útiles, mercarán máis produtos de desconto e marca branca amais de reduciren os gastos impulsivos.
  • Guipúscoa: os guipuscoanos atópanse entre os máis indecisos á hora de elixiren que cantidade concreta de cartos van gastar este Nadal (un de cada tres enquisados aínda o descoñece).
  • A Rioxa: os consumidores rioxanos serán os españois de todo o estudo da revista que máis cartos van gastar en lotería do seu orzamento para o Nadal. Concretamente o 10% dese gasto (a media nacional é dun 4%). Os consumidores rioxanos son os que máis optan por adiantaren as compras do Nadal en relación ao resto de enquisados a nivel nacional (51% que merca por adiantado fronte ao 46% de media nacional que si o fai).
  • As Palmas: os canarios enquisados serán os que máis reducirán o seu orzamento este ano (47%) en relación ao Nadal pasado (a media nacional non supera o 27%). Non obstante, o 22% dos consumidores canarios asegura que este Nadal non vai mercar ningún produto de marca branca fronte ao 17% da media nacional que tampouco adquirirá este tipo de artigos.
  • Madrid: en relación á mostra nacional, os consumidores madrileños atópanse entre os que máis cartos gastan en lecer durante estas festas e entre os que menos gastan en mercar produtos de alimentación estes días. O 17% dos madrileños afirma que vai gastar máis cartos ca no Nadal do 2009. Esta porcentaxe sitúase entre as máis altas do estudo e supera a media nacional (13%).
  • Málaga: os malagueños atópanse entre os máis prudentes de todo o país á hora de saíren comer fóra da casa e mercaren lotería. Os enquisados en Málaga sitúanse tamén entre os que máis recortan o seu gasto polo Nadal con relación ao 2009 (a media nacional é 27% e a de Málaga é do 36%).
  • Murcia: os consumidores murcianos están entre os españois que máis cartos van destinar á alimentación durante eses días. Así, gastarán a metade do seu gasto do Nadal niso, por riba da porcentaxe dun 44% da media nacional. O 62% dos enquisados en Murcia asegura que non realiza ningunha compra do Nadal por adiantado, fronte ao 54% da media nacional.
  • Navarra: os navarros serán os españois máis comedidos co desembolso propio do Nadal. Así, seis de cada dez entrevistados non gastará máis de 600 euros durante estes días festivos. Os consumidores enquisados en Navarra atópanse entre os menos indecisos á hora de decidiren a cantidade de cartos que dedicarán este ano ás festas do Nadal (un 19% aínda non o ten decidido fronte ao 25% da media nacional que está a pensalo).
  • Sevilla: os sevillanos son os máis preocupados en facer un orzamento previo e específico antes do Nadal (un 28% fronte ao 19% da media nacional que fai un cálculo anterior do que vai gastar).
  • Valencia: os valencianos ocupan, cos coruñeses, os primeiros postos nacionais en dedicarlle máis cartos á alimentación e menos a saír xantar ou cear en restaurantes. No tocante aos gastos de ocio (por exemplo, saír pola noite, ir ao cine ou ao teatro), os enquisados valencianos atópanse na media nacional (dedican un 3% do gasto total ao devandito capítulo).
  • Valladolid: os valisoletanos enquisados serán os que menos cartos do seu orzamento para o Nadal lle dediquen ao ocio durante estes días (apenas un 1% para saír ao cine, ao teatro ou a saír pola noite). Ademais, son dos máis indecisos á hora de decidiren que cantidade concreta de cartos van gastar este Nadal (un de cada tres enquisados aínda o descoñece).
  • Biscaia: os enquisados en Biscaia pola revista EROSKI CONSUMER son os que menos orzamento lle dedican, de todo o país, a saír a xantar e cear fóra da casa. Á hora de recortar gastos, entre as persoas que este ano van gastar menos cartos ca o Nadal pasado, os biscaíños van ser os que máis reduzan o orzamento en lotería.
  • Zaragoza: os consumidores entrevistados na provincia aragonesa atópanse entre os máis xenerosos á hora de gozaren do lecer no Nadal (cines, teatro, saír pola noite) e de adquiriren décimos de lotería.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións