Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

EROSKI CONSUMER realízalles unha enquisa a máis de 4.500 consumidores de 19 provincias españolas para coñecer, entre outras cousas, cantos cartos van gastar este Nadal e se a crise vai condicionar as súas compras : Un de cada catro consumidores gastará menos cartos este Nadal ca o pasado

Preto do 90% do orzamento para o Nadal vaise destinar á compra de alimentos e de agasallos

Orzamento: entre 200 e 600 euros

Os enquisados que declararon manter o seu orzamento para o Nadal igual ca no 2009 non o modifican pola súa situación económica. O 53% asegura que a súa situación laboral non mudou e que, xa que logo, non fará nin un maior nin un menor gasto nestas datas. Pola súa banda, a suba dos prezos e do IVE é a principal causa (nun 68% dos casos) pola que un 13% de enquisados vai facer un desembolso maior en relación ao gasto que realizou no 2009. Non opina o mesmo o 27%, que vai gastar menos cartos este Nadal. Como non, a situación de crise económica empurra a moitos a aforrar, de aí que sexa o argumento escollido polo 42% dos consumidores que este ano van gastar menos diñeiro. Neste sentido, un 45% dos enquisados dos que van recortar o seu orzamento este ano, vaino facer especialmente na partida destinada aos regalos (libros, roupa e perfumes).

O orzamento medio para o Nadal sitúase por baixo dos 600 euros: algo menos da metade (43%) dos 4.532 enquisados aseguran que o seu gasto oscilará entre os 200 e os 600 euros. Estes cartos repártense entre alimentación (para os xantares e ceas familiares deses días), agasallos, lotería, adornos de Nadal e algunha que outra escapada ou saída de ocio para celebrar as festas de Nadal. En concreto, un de cada catro gastará entre 200 e 400 euros, e un de cada cinco entre 400 e 600 euros. Así e todo, convén ter presente que un de cada catro enquisados a nivel nacional non soubo concretar cantos cartos vai gastar no vindeiro Nadal.

Por provincias, os máis preocupados por coidar o peto no Nadal son os navarros, cordobeses e alacantinos. Arredor do 60% dos enquisados en Navarra e Córdoba, e o 56% en Alacante admite que o seu gasto para afrontar o Nadal non vai superar os 600 euros. Pola contra, o 28% dos murcianos enquisados e o 27% dos malagueños e dos habitantes das Palmas de Gran Canaria aseguran que o seu desembolso se situará entre os 600 e 1.000 euros.

Alimentación e agasallos, no que máis se gasta

E a onde vai parar ese investimento que se fai durante as datas de Nadal? O capítulo de alimentación leva boa parte dos cartos que gastarán os españois durante estas festas. Así, un 45% dos enquisados gastará entre 200 e 600 euros en ir ao supermercado para encher a neveira. Os agasallos concentran a segunda maior parte do desembolso dos españois: un 47% dos enquisados gastará entre 200 e 600 euros en obsequios para os seus amigos máis próximos e familiares. A contención reflíctese no gasto en xantares e ceas fóra do fogar e no lecer (viaxes, cinema, saídas nocturnas e iluminación e adornos de Nadal): o desembolso en ambos os dous conceptos rolda o 3% do orzamento. En contra do que poida parecer, o gasto en lotería non destaca por ser moi alto (apenas un 4%). De feito, un 10% dos entrevistados decidiu que este ano non vai gastar cartos na lotería.

Neste apartado atopáronse algúns datos curiosos: os malagueños están entre os máis prudentes de todo o país á hora de saíren comer fóra da casa e de compraren lotaría; mentres que os entrevistados en Zaragoza están entre os máis xenerosos para gozar do lecer e comprar décimos. Pola súa banda, os alaveses atópanse entre os españois que máis van gastar en xantares e ceas fóra do fogar, pero entre os que menos lles van dedicar aos regalos. Valencianos e coruñeses coinciden nos primeiros postos nacionais por dedicaren máis diñeiro á alimentación e menos a saír de restaurantes; mentres que madrileños e asturianos se atopan entre os que prefiren gastar menos en alimentación e máis en lecer no caso de Madrid, e en comidas fóra de casa e regalos no caso de Asturias. Para rematar, os consumidores granadinos están entre os que máis cartos invisten na propia neveira e menos en saír ao cine ou tomar unha copa pola noite.

Compras virtuais polo Nadal?

O de percorrer as tendas na procura dese regalo de Nadal para un familiar ou para adquirir os mellores produtos para a cea de Noiteboa é algo que non mudou, malia a irrupción das novas tecnoloxías. Así se desprende da enquisa realizada pola revista EROSKI CONSUMER: un amplo 87% dos máis de 4.500 enquisados non usará Internet para as súas compras deste ano, apenas un 4% empregará a rede para buscar e comparar artigos e só un 9% fará as súas compras de Nadal on line. Os máis remisos a usaren o ordenador para este labor serán os malagueños e murcianos (só o utilizarán o 8% en ambos os dous casos); mentres que os consumidores enquisados en Madrid e Álava (un 16% en ambos os dous casos) e Barcelona (18%) serán os menos receosos a navegar pola rede.

As diferenzas son máis ca significativas segundo a idade do entrevistado, xa que entre os enquisados de 18 a 45 anos, o 14% afirma que usará Internet nas súas compras do Nadal fronte ao escaso 3% que o fará entre a franxa de idade de maiores de 46 anos. Igual de rechamante é a porcentaxe de homes que farán uso da rede en Nadal (12%) fronte ás mulleres (6%).

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións