Suavizantes para roupa

Todos útiles, pero con grandes diferenzas

Non só os máis caros obteñen bos resultados: hainos que custan a metade e que ofrecen unha calidade idéntica
1 Abril de 2005

Todos útiles, pero con grandes diferenzas

/imgs/20050401/img.analisis-2.01.jpg
Analizáronse sete suavizantes para roupa, cinco deles diluídos (é dicir, non concentrados) e outros dous que ademais afirman facilitar pasar o ferro. As diferenzas de prezos entre eles son salientables: desde os catro céntimos de euro por lavado de Vernel convencional ata os dez céntimos por lavado de Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ e Vernel ‘fácil pasar o ferro’. A mellor relación calidade-prezo é un dos máis baratos, Lenor (5 céntimos por lavado), que custa a metade cós de ‘fácil pasar o ferro’ e que, ó igual ca estes, demostra unha moi boa calidade. O prezo por lavado obtívose tomando en conta as recomendacións das etiquetas, agás no caso de Mimosín, que non indica o número de lavados por envase, polo que se tomou como referencia a media do resto de envases con cantidade semellante de produto.

Os suavizantes téxtiles confírenlle suavidade e frescura á roupa. O paso pola lavadora fai que, co tempo, a fricción mecánica e a dureza da auga incidan nos tecidos e as prendas acaben volvéndose ásperas. Un bo suavizante debe manter unha agradable sensación dos tecidos e ter un aroma atraente. Os fabricantes de suavizantes ofrecen a miúdo varias referencias con diferentes propiedades (sobre todo, en función do seu aroma). Para facer esta análise optouse por cinco suavizantes diluídos sen ningunha característica especial e outros dous que afirmaban ser especialmente óptimos para facilitar pasar o ferro.

Materia activa

/imgs/20050401/img.analisis-2.01.jpg
A maior parte dun suavizante é auga. O que queda cando toda esta auga e as substancias volátiles se evaporan é o extracto seco, e indica canto de diluído está o produto. Vernel e Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ son os que teñen unha maior porcentaxe de extracto seco, con máis dun 7%, fronte ás versións convencionais destas dúas marcas, que en ningún caso superan o 5,9% de extracto seco. O peor neste apartado é Quanto, que queda nun 3,9%.

Pero non todo o extracto seco son substancias suavizantes (tensioactivos catiónicos). Na composición desta clase de produtos entran tamén elementos como os sales minerais ou os colorantes, que nada inciden no poder real de suavizado. Vernel ‘fácil pasar o ferro’ é a mostra con maior concentración de substancias suavizantes (90 miliequivalentes por quilo), seguida de Lenor (88 meq/kg). Sorprende que Mimosín convencional (73 meq/kg) teña máis elementos deste tipo ca Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ (63 meq/kg), que custa o dobre. O peor volveu ser Quanto, que quedou nun discreto 53 meq/kg.

Espeso non significa eficaz

En contra do que poida parecer, un suavizante máis viscoso non ten por que conter unha maior proporción de materia activa e, polo tanto, ser máis efectivo. Un produto menos viscoso é máis fácil de dosificar, dilúese mellor na auga, obstrúe menos os condutos da lavadora e pérdese menos produto no envase. Tendo en conta todo isto, valoráronse como mellores as mostras menos espesas, como Lenor, que é a mellor neste apartado con moita diferenza (78 centipoises, fronte ós 593 da segunda mellor, Mimosín). Flor (3.803 cp) e Vernel clásico (3.187 cp) son as mostras máis espesas.

No tocante ó seu pH, considérase que é mellor que un suavizante sexa lixeiramente ácido para neutralizar a alcalinidade dos deterxentes durante o aclarado final. Os sete suavizantes demostraron un resultado semellante e óptimo (lixeiramente ácido: entre 4 e 4,6).

O arrecendo

O aroma é un aspecto fundamental nun suavizante. Comprobouse tres veces a intensidade do arrecendo que deixaban na roupa os sete suavizantes: unha despois do lavado, cando a roupa está aínda húmida, outra en seco e a derradeira sete horas despois. Para iso utilizouse unha escala do 1 ó 5 (desde o ‘non detectable’ a ‘abafante’).

Así que se saca a roupa da lavadora, Mimosín e Vernel (tanto na versión clásica coma na de ‘fácil pasar o ferro’ son os que ofrecen un aroma máis intenso, mentres que os outros catro só demostraron ‘algún cheiro presente’. En seco, o vigor do aroma foi menor en todos os casos, aínda que destacaron positivamente Lenor, Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ e as dúas mostras de Vernel. Nas outras tres (Flor, Mimosín clásico e Quanto) o aroma só era detectable con esforzo. Sete horas despois, en Lenor, Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ e Flor aínda se percibía o cheiro. Pola contra, os dous suavizantes de Vernel practicamente non cheiraban nesta última medición, e en Mimosín clásico e en Quanto o aroma desaparecera completamente.

Facilidade ó pasar o ferro

Tamén se comprobou no laboratorio se os sete suavizantes facilitan pasar o ferro e se os dous que presumen de que é ‘fácil pasar o ferro’ (e que son ben máis caros) teñen mellores resultados có resto neste apartado. Para iso estudiouse o coeficiente de fricción entre a superficie do ferro de pasar e o tecido lavado con cada un dos suavizantes. Despois, repetiuse a proba, esta vez cun tecido lavado sen suavizante.

A primeira conclusión deste test é que os suavizantes si resultan útiles á hora de pasar o ferro: os sete facilitan en maior ou menor medida este molesto labor. Os dous que indican estaren expresamente formulados para facilitar pasar o ferro (Vernel e Mimosín ‘fácil pasar o ferro’) si obteñen os mellores resultados (‘moi ben’), pero non son os únicos: a mostra de Flor (un suavizante diluído que non fai mención expresa na súa etiqueta sobre as súas características no tocante a pasar o ferro) é tan bo coma os dous que si se gaban diso. Lenor, Vernel clásico e Quanto acadan un ‘ben’, mentres que a mostra convencional de Mimosín non pasa do ‘aceptable’.

A resistencia ás engurras é a capacidade dos suavizantes de evitar (ou dificultar) a formación de engurras na roupa. Para medila engúrrase un tecido dentro dunha probeta rectangular durante cinco minutos e deseguido mídese o ángulo desengurrado. Constatouse unha maior tendencia a engurrarse na mostra sen suavizante ca en calquera das outras sete que si estaban tratadas. O mellor resultado acadouno Lenor, a única que alcanzou o ‘moi ben’. Flor e Mimosín clásico só acadaron un discreto aceptable nesta proba, mentres que o resto quedou en resultados intermedios. As dúas mostras ‘fácil pasar o ferro’, xa que logo, non demostran ser mellores na resistencia ó engurrado có resto.

Á hora de definir a calidade global de cada suavizante ponderouse cada parámetro de xeito diferente: así, a cantidade de materia activa e de extracto seco (a cantidade real de produto) considerouse o máis importante, seguido de intensidade do arrecendo, a viscosidade, se facilitaban pasar o ferro e, para rematar, a resistencia ó engurrado.

Vernel ‘fácil pasar o ferro’ é a mostra de maior calidade, cun ‘moi ben’, ó igual ca Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ e Lenor (o único convencional que acada a mellor nota). Mimosín e Vernel convencional e mais Flor non pasaron do ‘ben’, e Quanto foi o peor, cun discreto ‘aceptable’.

Persiste o efecto?

Unha das probas que fixo o laboratorio foi comprobar se a acción dos suavizantes se mantiña (aínda que fora nun nivel moito máis discreto) aínda que a prenda se volvese lavar sen suavizante. Para iso utilizouse un dos parámetros máis significativos segundo os consumidores nun produto destas características, o arrecendo.

Despois de lavar as prendas con cada un dos suavizantes, volvéronse introducir na lavadora, pero esta vez sen empregar ningún produto máis alá do deterxente. Tras este segundo lavado, nas sete prendas o arrecendo seguía tendo a mesma intensidade ca tralo primeiro lavado, tanto así que se sacaron da lavadora (en húmido) coma xa en seco. Disto infírese que nos sete casos os aromas empregados son duradeiros e que, aínda que en seco a súa intensidade se atenúa, cando se humedecen de novo volven aflorar.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete suavizantes diluídos para roupa (dous deles supostamente facilitan pasar o ferro), que custan desde os 4 céntimos por lavado de Vernel clásico ata os 10 céntimos de Vernel ‘fácil pasar o ferro’ e de Mimosín ‘fácil pasar o ferro’.
  • Comprobouse que os dous suavizantes ‘fácil pasar o ferro’ facilitan en maior medida, en comparación cos seus homólogos convencionais, esta angueira tan pouco apreciada entre as tarefas domésticas (dan diminuído en maior medida a fricción entre o ferro de pasar e o tecido). Pero tamén se viu que o suavizante convencional Flor, aínda que non declara facilitar pasar o ferro, é igual de eficaz neste cometido a un custo moito menor.
  • Pero non só no tocante a pasar o ferro reside a bondade dun suavizante, senón que debe servir tamén para evitar que a roupa se engurre. Neste eido foi Lenor o que superou claramente as demais referencias.
  • Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ é a mellor referencia no tocante a intensidade e duración do aroma, seguido das dúas referencias de Vernel, que amosan tan boa intensidade de cheiro coma o anterior. O arrecendo que os suavizantes lle proporcionan á roupa mantívose mesmo despois do lavado para todas as referencias.
  • Atendendo exclusivamente á calidade global do suavizante pódense distinguir varias clasificacións: “moi ben”, obtido por Vernel ‘fácil pasar o ferro’, Mimosín ‘fácil pasar o ferro’ e Lenor; “ben”, onde se distinguen Vernel, Flor e Mimosín; e, para rematar, “aceptable”, para Quanto.
  • A mellor relación calidade-prezo correspóndelle ó suavizante Lenor, por ser o máis barato e acadar un “moi ben” en calidade global. Outra opción interesante é Vernel ‘fácil pasar o ferro’, un chisco máis caro, pero o de mellores resultados no tocante á calidade.
LENOR VERNEL “Fácil pasar o ferro” MIMOSÍN “Fácil pasar o ferro”
Prezo (céntimos/lavado) 5 10 10
Contido (L) 3 2 2
Dose utilizada (ml) 72 80 80
Composición:
Extracto seco (%) 5,6 7,2 7,1
Materia activa (meq/kg) 88 90 63
Viscosidade (cps) 78 2084 715
pH 4,0 4,2 4,4
Aroma:
En húmido Algún aroma presente Claramente detectable Claramente detectable
En seco Algún aroma presente Algún aroma presente Algún aroma presente
Tras 7 horas Detectable con esforzo Apenas detectable Detectable con esforzo
Facilidade de pasar o ferro Ben Moi Ben Moi Ben
Resistencia ás engurras Moi Ben Ben Ben
Durabilidade do cheiro tras un lavado:
En húmido Algún aroma presente Claramente detectable Claramente detectable
En seco Algún aroma presente Algún aroma presente Algún aroma presente
Calidade global Moi Ben Moi Ben Moi Ben
VERNEL FLOR MIMOSÍN QUANTO
Prezo (céntimos/lavado) 4 6 5 6
Contido (L) 5 2,5 3 2,5
Dose utilizada (ml) 70 54 70 54
Composición:
Extracto seco (%) 5,1 4,8 5,9 3,9
Materia activa (meq/kg) 66 67 73 53
Viscosidade (cps) 3187 3803 593 1555
pH 4,4 4,4 4,4 4,6
Aroma:
En húmido Claramente detectable Algún aroma presente Claramente detectable Algún aroma presente
En seco Algún aroma presente Detectable con esforzo Detectable con esforzo Detectable con esforzo
Tras 7 horas Apenas detectable Detectable con esforzo No detectable No detectable
Facilidade de pasar o ferro Ben Moi Ben Aceptable Ben
Resistencia ás engurras Ben Aceptable Aceptable Ben
Durabilidade do cheiro tras un lavado:
En húmido Claramente detectable Algún aroma presente Claramente detectable Algún aroma presente
En seco Algún aroma presente Detectable con esforzo Detectable con esforzo Detectable con esforzo
Calidade global Ben Ben Ben Aceptable

Un a un

Un a un, sete suavizantes para roupa

LENOR Suavizante convencional.

  • /imgs/20050401/lenor.jpg Sae a 5 céntimos cada lavado.
  • Calidade global: moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. O segundo con máis materia activa e o de menor viscosidade (máis doado de diluír e de dosificar). O mellor á hora de previr a formación de engurras.

VERNEL 'fácil pasar o ferro'

  • /imgs/20050401/vernel.jpg Sae a 10 céntimos cada lavado, o máis caro.
  • Calidade global, moi ben. Outra boa opción.
  • O de maior materia activa (produto suavizante) e extracto seco (está menos diluído). Dos aromas máis intensos, tanto en húmido coma en seco. ‘Moi ben” en facilitar pasar o ferro.

MIMOSÍN 'fácil pasar o ferro'

  • /imgs/20050401/mimosin.jpg Sae a 10 céntimos cada lavado, o máis caro.
  • Calidade global, moi ben.
  • Das maiores porcentaxes de extracto seco (está menos diluído). Viscosidade baixa (máis fácil de diluír e de dosificar). O aroma máis intenso en húmido, en seco e sete horas despois. ‘Moi ben’ en facilitar pasar o ferro.

VERNEL Suavizante convencional

  • /imgs/20050401/vernel2.jpg Sae a 4 céntimos cada lavado, o máis barato.
  • Calidade global, ben.
  • A segunda referencia máis viscosa (máis difícil de diluír e de dosificar). Dos aromas máis intensos, tanto en húmido coma en seco. O segundo mellor á hora de previr a aparición de engurras.

FLOR Suavizante convencional.

  • /imgs/20050401/flor.jpg Sae a 6 céntimos cada lavado.
  • Calidade global: ben.
  • É o máis viscoso (máis difícil de diluír e de dosificar). Tan bo en facilidade de pasar o ferro coma os específicos. Dos máis discretos en intensidade do cheiro.

MIMOSÍN Suavizante convencional.

  • /imgs/20050401/mimosin2.jpg Sae a 5 céntimos cada lavado.
  • Calidade global: ben.
  • Dos de maiores porcentaxes de extracto seco (está menos diluído). Baixa viscosidade (fácil de diluír e de dosificar). Ben en intensidade do aroma en húmido, pero diminúe en seco e desaparece sete horas despois. Dos que menos preveñen a formación de engurras.

QUANTO Suavizante convencional

  • /imgs/20050401/quanto.jpg Sae a 6 céntimos cada lavado.
  • Calidade global: aceptable.
  • O de menor extracto seco (máis diluído) e materia activa (substancias suavizantes). Dos máis discretos en aroma: moderada intensidade do arrecendo en húmido, diminúe en seco e desaparece tras sete horas.