Nove cervexas "sen alcohol", 0,0% e 'light''

Teñen menos alcohol e calorías, pero non é o mesmo light ca "sen alcohol"

Coas nove redúcese moito a inxestión calorífica con respecto a unha cervexa normal, pero as light conteñen alcohol en cantidade significativa e moi superior ás sen e ás 0,0%
1 Maio de 2009
Img analisis listado 197

Teñen menos alcohol e calorías, pero non é o mesmo light ca "sen alcohol"

A cervexa é unha bebida refrescante composta fundamentalmente de auga, malte de cebada e lúpulo e cunha graduación alcohólica relativamente baixa (as máis consumidas teñen arredor do 4,5% de alcohol, menos da metade do viño pero en ningún caso desprezable), o que constitúe un dos seus principais atractivos. Estes últimos anos, o mercado inzouse de cervexas con distinta denominación comercial e menor grao alcohólico ca as convencionais. As “sen alcohol” foron seguidas das 0,0%, que son máis do mesmo para a lexislación, aínda que conteñan aínda menos alcohol ca as “sen”; despois chegaron as cervexas light, que, amais de reduciren a súa achega calorífica rebaixan tamén a súa graduación alcohólica e quedan nunha posición intermedia entre as “sen” e as normais.

CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a cata 9 mostras de cervexa: catro “sen alcohol” (Buckler, Laiker, Kaliber e Cruzcampo), tres denominadas “0,0% (Free-Dam, Buckler e San Miguel) e dúaslight (Mahou e Cruzcampo). Comercialízanse en paquetes de 6 botellas de cristal de 0,25 litros, agás Mahou light, que se vende por solto en botella de cristal de 33 centílitros. Empregan, salvo San Miguel 0,0%, amais dos ingredientes básicos (auga, malte de cebada e lúpulo), millo ou arroz e aditivos. Sabido é (e así o comprobou esta análise), que o valor nutritivo da cervexa é insignificante. Non se pode considerar un alimento porque o seu contido en proteínas, carbohidratos e minerais é irrelevante para a nosa dieta, e só cabe mencionar a súa modesta achega de vitamina B9. Tamén se constatou que as diferenzas nutricionais entre estas cervexas son pouco significativas. As nove achegan, e iso si é unha vantaxe, ata dúas veces menos calorías ca un refresco non light. E é precisamente no poder enerxético onde se manifesta -se omitimos a graduación alcohólica- a maior diferenza entre as cervexas estudadas: segundo a cervexa da que se trate, achegan entre 12 e 30 calorías cada cen mililitros. Beber un litro (tres botellos) de Mahou light representa inxerir 300 calorías, mentres que a mesma cantidade de Free-Damm (catro botellos) equivale a só 120 calorías. As menos enerxéticas son as cervexas 0,0% (achegan entre 12 e 23 calorías cada cen mililitros), seguidas das “sen alcohol” (entre 21 e 24 calorías cada cen mililitros) e das light (unha achega 30 e a outra 26 calorías cada cen mililitros).

Cervexa, alcohol e prezo

As máis axeitadas para os abstemios, para os que prefiren evitar o consumo de alcohol e para quen se vai pór a conducir son as cervexas 0,0%: en dúas das tres analizadas rexistrouse menos do 0,01% en volume (vol.) e, na outra, só o 0.07%. Lembremos que as convencionais teñen entre o 4,5 e o 5% vol., e que a lexislación establece que non terán menos do 3% vol. Tamén dita que as “sen alcohol” non superarán o 1% vol. Cumpren as “sen”, xa que a graduación medida no laboratorio das catro “sen” analizadas foi dende o 0,6% vol. de Cruzcampo ata o 0,9% vol. de Laiker. As light tamén teñen menor a graduación ca as normais, pero non a reducen tanto como as “sen”, xa que quedaron en 2,4% vol. en Cruzcampo e en 3,5% vol. en Mahou. En resumo, as de menor graduación foron dúas cervexas 0,0%, San Miguel e Free-Damm, con menos do 0,01% vol., e a de maior, Mahou Light, con 3,5% vol., próxima á dunha cervexa normal.

No tocante ao prezo, as light (saen, de media, a 1,7 euros/litro) son algo máis caras ca as “sen alcohol” e ca as 0,0% (ambas as dúas custan, de media, 1,4 euros/litro), e mesmo ca as convencionais desas mesmas marcas (arredor de 1,5 euros/litro). Dúas cervexas “sen” (Laiker e Buckler) saían a menos de 1,35 euros o litro e, no outro extremo, as dúas light eran as únicas que superaban os 1,5 euros o litro.

A cervexa é un produto no que as características organolépticas (sabor, formación de escuma, cor, olor) e, en definitiva, a satisfacción que lle proporcionan ao consumidor, é un dos criterios esenciais na elección. En contra do que se poida pensar na análise sensorial, a cata, non foron mellor cualificadas as cervexas dun tipo determinado nin unhas marcas se amosaron superiores ás outras; non obstante, si se pode dicir que as “sen alcohol” se valoraron algo mellor ca as 0,0% e ca as light. As máis preferidas foron tres, dúas “sen alcohol” (Buckler e Laiker) e unha light (Cruzcampo), e as menos aprezadas, unha 0,0% (Buckler) e unha light (Mahou). Cotexados os datos da análise de laboratorio e da cata, o galardón de mellor relación calidade-prezo correspóndelles por igual a dúas cervexas “sen alcohol”, Buckler e Laiker, ambas as dúas cunha graduación alcohólica inferior ao 1% vol. e as máis baratas de todo o comparativo. Se se prefire unha sen nada de alcohol, a mellor elección pode ser San Miguel, unha das máis baratas e a única sen aditivos. E se se inclina por unha cervexa light, parece mellor opción a de Cruzcampo ca a de Mahou: amais da súa menor graduación (2,4% vol., fronte a 3,5% vol.), foi mellor cualificada na cata e é algo máis barata.

Alimenta a cervexa? e táboa comparativa

Alimenta a cervexa?

A análise en laboratorio revelou o xa sabido: a cervexa é un mero refresco, máis ou menos alcohólico, que non se pode definir como fonte de nutrientes. O extracto seco, o que queda logo de eliminar a auga, representa nestas cervexas só entre o 2,7% de Mahou Light e o 5,8% de San Miguel 0,0%. O contido de proteína, ínfimo, entre o 0,2% e o 0,3% segundo as mostras. E o de hidratos de carbono (provenientes do malte da cebada, aínda que tamén pode proceder do millo ou do arroz engadidos ao produto), aínda sendo maior, xa que conteñen entre o 2,3% e o 5,4%, tampouco é relevante dende un punto de vista nutricional. As cervexas convencionais teñen arredor do 2,4% de carbohidratos. Para coñecer a cantidade de minerais das cervexas (sobre todo, potasio, fósforo, calcio, magnesio e silicio, pero sempre en pequenas cantidades) mídese o contido de cinzas: o valor obtido nas nove analizadas foi idéntico, 0,1%, e conforme á norma, xa que non se admite que superen o 0,4% de cinzas.

Se cadra, o único salientable da cervexa no terreo nutricional é que contén unha modesta cantidade (4 microgramos cada cen gramos) de ácido fólico ou de vitamina B9, que se asocia á redución do risco de anemia e de malformacións na medula espinal do feto durante o embarazo. Polo tanto, trátase dun refresco diurético (a súa achega en potasio e baixa concentración de sodio fan que aumente o volume de ouriños de quen bebe cervexa), que na súa presentación 0,0% e “sen alcohol” (menos dun 1% vol.) poden tomar, con consentimento médico, mesmo persoas hipertensas e con problemas cardíacos. Tanto as light como as “sen alcohol” e as 0,0% son aptas para dietas hipocalóricas e constitúen unha alternativa para quen gusta do sabor da cervexa convencional e non a poden ou non a deben consumir. Agora ben, nin unhas nin outras poden ser inxeridas por persoas con celiaquía (intolerancia ao glute).

Cruzcampo (Light) Mahou (Light) Buckler (Sen alcohol) Laiker (Sen alcohol) Kaliber (Sen alcohol)
Denominación de venda Cervexa light Cervexa light Cervexa sen alcohol Cervexa sen alcohol Cervexa sen alcohol
Formato (litros) 1,25 (6×0,25) 0,33 1,25 (6×0,25) 1,25 (6×0,25) 1,25 (6×0,25)
Prezo (euros/litro) 1,62 1,76 1,33 1,32 1,41
Etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Grao alcohólico real (% vol.)1 2,4 3,5 0,8 0,9 0,7
Extracto seco (g/100g) 3,3 2,7 4,2 4,9 4,5
Proteína (g/100g) 0,2 0,3 0,3 0,2 0,3
Cincentas (g/100g)2 0,1 0,1 0,1 0,1 0,1
Carbohidratos (g/100g)3 3,0 2,3 3,8 4,6 4,1
Valor enerxético (cal/100 ml) 26 30 21 24 21
Acidez total (% como láctico)4 0,2 0,2 0,2 0,2 0,2
pH5 3,9 3,9 4,4 4,2 4,5
Cata (de 1 a 9) 6,5 5,9 6,4 6,6 6
Cruzcampo (Sen alcohol) San Miguel (0.0) Free-Damm (0.0) Buckler (0.0)
Denominación de venda Cervexa sen alcohol Cervexa sen alcohol Cervexa sen alcohol Cervexa sen alcohol
Formato (litros) 1,25 (6×0,25) 1,25 (6×0,25) 1,25 (6×0,25) 1,25 (6×0,25)
Prezo (euros/litro) 1,45 1,35 1,36 1,41
Etiquetaxe Correcto Correcto Incorrecto Correcto
Grao alcohólico real (% vol.)1 0,6 Menor que 0,01 Menor que 0,01 0,07
Extracto seco (g/100g) 4,6 5,8 3,0 4,7
Proteína (g/100g) 0,3 0,3 0,2 0,3
Cincentas (g/100g)2 0,1 0,1 0,1 0,1
Carbohidratos (g/100g)3 4,2 5,4 2,7 4,3
Valor enerxético (cal/100 ml) 22 23 12 19
Acidez total (% como láctico)4 0,2 0,2 0,2 0,2
pH5 4,3 4,2 3,6 4,4
Cata (de 1 a 9) 6,2 5,4 6 5,8

1. Grao alcohólico: as cervexas sen alcohol deben ter menos do 1% v/v (ml de alcohol/100 ml de cervexa).

2. Cinzas: dan unha idea aproximada do contido en minerais. Máximo permitido: 0,4% en masa.

3. Carbohidratos: o máximo permitido é 7,5% en masa.

4. Acidez total: o máximo establecido pola norma é 0,3% ácido láctico.

5. pH: a norma fixa que debe de estar comprendida entre 3,5 e 5.

Un a un

cervexas "sen alcohol", 0,0% e 'light', un a un

Mahou light

  • “Cervexa light”
  • Botella de 33 cl. Sae 1,76 euros/litro, a máis cara de todo este comparativo. E unha das peores na cata.
  • Non declara lista de ingredientes, pero tampouco a norma obriga a facelo.
  • Grao alcohólico medido en laboratorio: 3,5% vol., o maior de todo o comparativo.
  • É, das analizadas, a máis enerxética (achega 30 calorías cada cen mililitros, é dicir, case 100 calorías esta botella, e 300 calorías un litro desta cervexa). Aínda que apenas ten relevancia (o poder nutritivo das cervexas é moi escaso e, ademais, as diferenzas de composición entre as mostras non son significativas), é a de menor extracto seco (o que queda tras eliminar a auga: 2,7%) e carbohidratos (2,3%).
  • Na cata acada 5,9 puntos, foi unha das menos preferidas e recibiu críticas por “pouca cor”.

Cruzcampo light

  • “Cervexa light”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,62 euros/litro.
  • Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén millo e un aditivo, o estabilizador E-405.
  • Grao alcohólico medido: 2,4% vol., o triplo ca as “sen alcohol” (de media, 0,8% vol), pero a metade ca unha cervexa normal.
  • Achega 26 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega 45 cal/100 ml.
  • Na cata consegue 6,5 puntos: foi unha das cervexas máis preferidas de todo o comparativo, aínda que se foi criticada por “pouca cor”.

Bucker sen alcohol

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,33 euros/litro, das máis baratas.
  • Unha das dúas mellores relacións calidade-prezo deste comparativo.
  • Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén un aditivo, o estabilizador E-405.
  • Grao alcohólico medido: 0,8% vol., moito menos ca as cervexas normais (entre 4,5%vol. e 5% vol.) e mesmo ca as light, que teñen entre 2,4% vol. e 3,5% vol. Se se vai conducir, convén controlar o seu consumo, e, para tomar varias, mellor as 0,0%.
  • Achega 21 calorías/100 ml, a metade ca unha cervexa normal e algo menos ca unha light.
  • Na cata acada 6,4 puntos: unha das máis preferidas. Gustou pola súa “cor” e “efervescencia” e non recibiu críticas. Agradoulles máis aos catadores ca a Buckler “0,0%.

Laiker sen alcohol

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,32 euros/litro, a máis barata.
  • Unha das dúas mellores relacións calidade-prezo deste comparativo.
  • Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén millo e un aditivo, o antioxidante E-330.
  • É a de máis extracto seco (o que queda tras eliminar a auga: 4,9%) das “sen “.
  • Grao alcohólico medido: 0,9% vol., o maior das “sen”, pero moi inferior ao das cervexas normais (4,5% vol.) e tamén ca as light. Se se vai conducir, convén controlar o seu consumo; e, para tomar varias, mellor as 0,0%.
  • Achega 24 calorías/100 ml, algo menos ca unha light; unha normal achega o dobre.
  • Na cata obtén 6,6 puntos: foi unha das máis preferidas. Gustou pola súa cor e non foi criticada en ningún dos parámetros.

Kaliber sen alcohol

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,41 euros/litro.
  • Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén millo e un aditivo, o estabilizador E-405.
  • Grao alcohólico medido: 0,7% vol., moito menos ca as cervexas normais (4,5% vol.) e mesmo ca as light, que teñen entre o 2,4% vol. e o 3,5% vol. Se se vai conducir, convén controlar o seu consumo; e, para tomar varias, mellor as 0,0%.
  • Achega 21 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega o dobre e unha light entre 26 e 30 cal/100ml.
  • Na cata consegue 6 puntos, ocupou unha posición intermedia, gustou pola súa “cor” e non foi criticada en ningún dos parámetros.

Cruzcampo sen alcohol

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,45 euros/litro.
  • Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén un aditivo, o estabilizador E-405.
  • Grao alcohólico medido: 0,6% vol., o menor das “sen alcohol” analizadas.
  • Achega 22 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega o dobre, e unha light entre 26 e 30 cal/100ml.
  • Na cata acada 6,2 puntos, ocupou unha posición intermedia, gustou pola súa “cor” e non foi criticada en ningún dos parámetros.

San Miguel "0,0%"

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,35 euros/litro. Opción interesante para quen prefire unha 0,0%.
  • Ingredientes: auga, malte de cebada e lúpulo.
  • É a única que non engade aditivos.
  • Grao alcohólico medido: <0,01% vol., case nulo.
  • Na cata acadou só 5,4 puntos, pero non quedou cualificada como “menos preferida”. Gustou pola súa “cor” e “efervescencia” e non recibiu críticas criticas en ningún dos parámetros.

Free-Damm 0.0%

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,36 euros/litro.
  • Etiquetaxe incorrecta: fai a declaración “só 25 kcal por botella”, que non se axusta ás aceptadas polo regulamento. E di conter fermentos, cando non están presentes no produto final.
  • Amais dos ingredientes da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…) di conter arroz, millo, fermento e o aditivo estabilizador E-405.
  • Grao alcohólico medido: <0,01% vol., practicamente nulo.
  • É a cervexa de menor poder enerxético: achega só 12 calorías cada cen mililitros, a metade -ou menos aínda- ca case todas as demais.
  • Na cata recibiu 6 puntos, ocupou unha posición intermedia; gustou a súa “cor” e “efervescencia” e non foi criticada en parámetro ningún.

Buckler "0.0%"

  • “Cervexa sen alcohol”
  • Paquete de seis botellos de 25 cl.
  • Sae a 1,41 euros/litro, a máis cara das 0,0%.
  • Amais dos ingredientes da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), di conter o aditivo estabilizador E-405, e (a única que o engade) aroma.
  • Grao alcohólico medido: 0,07% vol. É moi pouco, ao non chegar ao 0,1% vol. (as “sen” teñen o 0,8% vol. de media), pero é máis ca as outras dúas 0,0%, que teñen menos de 0,01% vol. Así e todo, non se considera incorrecto para unha cervexa 0,0%.
  • Achega 19 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega 45 cal/100 ml e unha light entre 26 e 30 cal/100ml.
  • Na cata recibiu 5,8 puntos e foi unha das que menos gustou. Agradou pola súa “cor”, pero foi criticado o seu “pouco gas”.