Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

: Non todo o ‘veggie’ é saudable

UN DE CADA DEZ ESPAÑOIS REXEITA EN MAIOR OU MENOR GRAO OS ALIMENTOS DE ORIXE ANIMAL CO OBXECTIVO DE COIDAR O SEU CORPO. AS DIETAS VEXETAIS OFRECEN MOITAS BONDADES, AÍNDA QUE ALGÚNS DOS PRODUTOS QUE PERMITEN NON SON NECESARIAMENTE SANS. DETECTALOS PASA POR PRESTAR ATENCIÓN Á SÚA COMPOSICIÓN E DESCONFIAR DE CERTOS ULTRAPROCESADOS DESEÑADOS PARA SUBSTITUÍR INGREDIENTES PROHIBIDOS

A industria ponse ao día

As novas tendencias en alimentación e o incremento da demanda de produtos destas características tiveron o seu eco na industria. En 2020 prevese que o mercado global de substitutos cárnicos alcance case os 4.500 millóns de euros e, en 2023, supere os 5.757 millóns.

Pese a iso, o estudo Vegans/Vegetarians/ Flexitarians, realizado entre 2013 e 2016 e publicado en Nutrition Insight, comprobou que a maioría da oferta de produtos veganos se centraba nas seccións de panadería e aperitivos, e consistía en engadir cereais ou sementes a artigos clásicos como alternativa saudable. E a calidade nutricional desta oferta, composta por produtos como as granolas ou as barras de muesli, deixa moito que desexar: xeralmente están feitos con fariña refinada (non integral), conteñen unha alta porcentaxe de azucres engadidos, inclúen ingredientes compostos –é dicir, que non son materias primas– elaborados maioritariamente de azucre (como as pebidas de chocolate) e proporcionan graxas de pouca calidade (aceites vexetais refinados).

No entanto, a variedade veggie aumenta sen parar. O feito de que moitas persoas elixan ser vexetarianas co fin de coidar o seu corpo disparou a oferta de alimentos funcionais (aqueles que teñen un efecto potencialmente positivo na saúde máis aló da nutrición básica) ou enriquecidos. O seu obxectivo é cubrir as necesidades de vitamina D ou vitamina B12, que polo xeral se obteñen polo consumo de carne e peixe.

Numerosas investigacións trataron de reproducir os sabores e texturas destes alimentos cárnicos, aínda que o ingrediente máis utilizado para iso é a soia, presente no 44 % dos novos lanzamentos. Entre as súas virtudes figura a súa capacidade de retención de auga, a súa versatilidade e a súa elevada cantidade de proteína, aínda que á vez trátase dun alérxeno de declaración obrigatoria. Como alternativa tamén se recorre á fariña de chícharos, ademais doutros legumes, como garavanzos ou lentellas. Incluso a biomasa fúnxica, unha substancia nutritiva a base de fungos fermentados, que é rica en fibra, micoproteínas, baixa en graxas saturadas e non ten colesterol. Iso si, polo seu sabor e a súa trama, aínda é difícil facela pasar por carne.

As aparencias enganan

Algúns sucedáneos con baixo perfil nut. No lineal do supermercado atopamos produtos co selo veggie ou vegan que teñen moi pouca calidade nutricional. Entre eles figuran friames, salchichas, croquetas, bolaría ou batidos. É certo que non conteñen ningún ingrediente de orixe animal, pero ás veces os amidóns, aceites ou azucres que utilizan para substituír determinados compoñentes son igual de insáns que no orixinal. Para detectalo, convén prestarlle especial atención á composición dos seguinte produtos veganos:

  • ‘Salchichas’. Entre os seus ingredientes principais adoitan figurar aceites, auga, amidóns e clara de ovo (non apta para veganos). Elabóranse cunha mestura de proteínas e amidóns, moi similar á que se utiliza nas orixinais de carne.
  • ‘Queixos’. A textura deste sucedáneo obtense mesturando graxas saturadas sólidas, como as do aceite de palma ou de coco, con amidón. Non pode chamárselle queixo en ningún caso.
  • Batidos. Para conseguir a consistencia do leite úsanse bebidas vexetais, como soia ou avena, ás que se engaden aceites, azucre e amidóns espesantes, así como colorantes e saborizantes para simular o sabor.
  • Aperitivos. Moitos prefiren chips de plátano, batata ou remolacha antes ca patacas fritas, tamén vexetarianas. Son un pouco mellores, pero non saudables, como calquera produto frito cun 30 % de aceite.

Asociamos o concepto vexetariano a elección saudable, pero un alimento ultraprocesado seguirá sendo insán aínda que sexa apto para esta opción alimentaria. Recordemos que o azucre é vegano e non precisamente saudable.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións