Análise documental para coñecer a prevalencia dos trastornos da conduta alimentaria ou TCA e a súa presenza na internet

TCA, cando a alimentación se converte nunha inimiga

En España, a prevalencia deste tipo de trastornos sitúase entre o 4,1 % e o 6,4 %, e afecta na súa maioría a mulleres adolescentes
1 Febreiro de 2017
Img tema de portada listado 226

TCA, cando a alimentación se converte nunha inimiga

Nun buscador coma Google poden aparecer ao redor de 500.000 páxinas proanorexia e probulimia en menos dun segundo

A imaxe publicitaria do corpo extremadamente delgado da modelo francesa Isabelle Caro, enferma de anorexia desde os 13 anos, impresionou en 2007 a un público afeito desde hai décadas a ver e a desexar unha beleza artificial. E máis aínda o fixo a súa morte tres anos despois.

A anorexia e a bulimia non son enfermidades descoñecidas. Desde hai décadas estenderon os seus tentáculos entre a poboación cada vez máis nova. E é que a alimentación, o noso medio para satisfacer as necesidades alimentarias, tamén se pode converter nun problema cando hai un comportamento patolóxico detrás.

O médico psiquiatra Vicente José Turón Gil e a pediatra Laia Turón Viñas explican no Manual sobre os trastornos da conduta alimentaria, publicado pola Asociación Española para o Estudo dos Trastornos da Conduta Alimentaria (AEETCA), que “a alimentación é fundamental no desenvolvemento psicolóxico” e que “a relación entre confort e disconfort coa comida se mantén ao longo de toda a vida, polo que non debe sorprender que a ansiedade, a depresión ou a alegría inflúan decisivamente nos procesos de alimentación”.

EROSKI CONSUMER quixo dedicarlle un espazo a este tipo de patoloxías relacionadas coa alimentación para coñecer a súa prevalencia no eido nacional e a súa presenza na internet. E é que, tal e como destaca a Guía de práctica clínica sobre trastornos da conduta alimentaria do Sistema Nacional de Saúde, elaborada en 2009 por un grupo de profesionais vinculados a este tipo de trastornos, “os TCA adquiriron unha gran relevancia sociosanitaria pola súa gravidade, complexidade e dificultade para establecer un diagnóstico en todas as súas dimensións e tratamento específico”.

Para realizar o estudo, consultáronse documentos publicados por diversas organizacións, como a Asociación Española para o Estudo dos Trastornos da Conduta Alimentaria (AEETCA), a Asociación contra a Anorexia e a Bulimia (ACAB), a Asociación Cántabra a prol da Saúde Mental (Ascasam), Cruz Vermella, a Axencia de Calidade de Internet (IQUA) e o Servizo Especializado en Trastornos da Conduta Alimentaria (SETCA).

OS TCA

A Asociación contra a Anorexia e a Bulimia (ACAB) define os trastornos da conduta alimentaria ou TCA como “trastornos mentais caracterizados por un comportamento patolóxico fronte á inxestión alimentaria e unha obsesión polo control dO peso”. Engade que son enfermidades con consecuencias negativas na saúde física da persoa, pero tamén na mental.

Aínda que a anorexia nerviosa e a bulimia nerviosa son os TCA máis coñecidos, existen outros que tamén se están expandindo entre a poboación. A ACAB destaca o trastorno por enchente (episodios de inxestión compulsiva de forma recorrente) e os TCANE (trastornos da conduta alimentaria non especificados). Estes últimos son aqueles nos que existen síntomas relacionados coa conduta alimentaria, pero non cumpren suficientes criterios para diagnosticar anorexia nerviosa ou bulimia nerviosa.

Así mesmo, ACAB destaca algúns máis como a pica, que consiste en inxerir substancias non nutritivas como area ou xeso, máis común nos nenos con autismo ou atraso mental; o trastorno por ruminación, que son regurxitacións repetidas de alimentos que van do estómago á boca para volver mastigar e o trastorno de evitación/restrición dos alimentos de inicio na infancia, que implica un rexeitamento á alimentación e variacións extremadamente caprichosas do que é unha conduta alimentaria normal.

No entanto, un estudo publicado en 2012 polo Servizo de Epidemioloxía da Comunidade de Madrid, Boletín epidemiolóxico da Comunidade de Madrid, resalta a importancia deste tipo de trastornos TCA porque “constitúen un importante problema de saúde pública nos países desenvolvidos pola súa prevalencia, necesidade de tratamento especializado, tendencia á cronicidade e gravidade”.

Afección

Prevalencia

No Plan de saúde mental 2015-2019, a Consellería de Sanidade e Servizos Sociais do Goberno de Cantabria destaca que se constatou un aumento da prevalencia dos TCA nos países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento.

En concreto, Ascasam sinala que, en España, a prevalencia se sitúa entre o 4,1 % e o 6,4 %. E engade que na franxa de 12 a 21 anos a prevalencia de mulleres con anorexia é de entre o 0,14 % e o 0,9 %, con bulimia do 0,4 % ao 2,9 % e do 2,7 % ao 5,3 % en trastornos de conduta alimentaria non especificados (TCANE).

Desde a década dos 90, elaboráronse unha gran cantidade de investigacións que tratan de establecer as cifras de prevalencia dos TCA en España. Entre os máis recentes, pódense destacar dous.

Por unha banda, un estudo realizado en 2013 pola expertos María Luisa Álvarez Malé, Inmaculada Bautista e Lluis Serra, titulado “Prevalencia dos trastornos da conduta alimentaria en adolescentes de Gran Canaria”, destaca que existe un risco de TCA entre o 4 % e o 12 %, cunha prevalencia diagnóstica de entre o 1 % e o 5 %.

Pola súa banda, en 2015, a doutora Rocío Ortiz Moncada da Universidade de Alacante estimou na súa investigación, “Epidemioloxía dos trastornos do comportamento alimentario”, que en España a anorexia tiña unha prevalencia entre a poboación de entre o 0,3 % e o 0,9 %, a bulimia entre o 0,8 % e o 2,9 %, e o resto dos TCA non especificados sitúanse entre o 0,7 % e o 2,8 %-12,6 %.

Porén, o documento “Estratexia en saúde mental 2009-2013”, do Sistema Nacional de Saúde, inclúe os TCA como unha área prioritaria de intervención e insta as comunidades autónomas para que implanten guías de práctica clínica dos trastornos mentais máis graves e prevalentes.

Muller adolescente

Segundo ACAB, os TCA son enfermidades que afectan o 90 % dos casos ás mulleres e nun 10 % aos homes. Así o establece tamén a Guía de práctica clínica (GPC) do Sistema Nacional de Saúde (SNS): “Estes problemas alimentarios poden afectar a todas as persoas, independentemente da súa situación socioeconómica ou cultural. Son máis comúns no sexo feminino (90 %-95 %), pero ultimamente empezan a darse casos entre os homes”.

Así mesmo, a GPC indica que, aínda que os TCA poden afectar a calquera idade, “é na adolescencia cando aparecen con maior frecuencia, debido ao momento vital de cambio e busca da propia identidade. Nos últimos anos, a idade na que empezan os trastornos da conduta alimentaria é cada vez menor”.

De feito, nun manual sobre a anorexia e a bulimia elaborado por Cruz Vermella establecen como un dos riscos de padecer trastornos de alimentación o ser muller adolescente. É máis, estiman que unha de cada 100 adolescentes padecen anorexia nerviosa e 4 de cada 100 teñen bulimia nerviosa.

Ideal de delgadeza

Os expertos Turón apuntan ao século XX como “o século da delgadeza”, cando se preconizaba “un estereotipo físico: o corpo tubular e delgado que define a mulleres independentes, agresivas e con ambición”. E na actualidade explican, búscase un corpo xuvenil, esvelto e deportivo, pero delgado en extremo, a través do exercicio e das dietas.

Ademais, estes dous especialistas lembran que “todos participamos no ideal de delgadeza que se asocia dalgún xeito a beleza, elegancia, prestixio, hixiene, mocidade, autoestima, aceptación social, mesmo virtude e procura de perfección”. Aseguran que “vivimos nunha sociedade que tende a considerar a dieta sa aquela que é baixa en calorías e un corpo san aquel que non ten graxa”.

Tamén alertan de que, “á vez que as dietas, o exercicio físico estase a revelar como o outro factor de risco para o desenvolvemento dos trastornos da alimentación. A nosa cultura avala e promove o exercicio e o deporte máis alá do saudable”.

Os perigos da internet

Internet e TCA

/imgs/20170201/movil-delgadez.jpg

Eugenia Cooney é unha nova youtuber estadounidense que recentemente xerou unha polémica na rede pola súa aparencia. Nos seus vídeos, relacionados con temas de beleza, mostra unha extrema delgadeza, o que provocou mesmo unha petición na plataforma de Change.org para pechar a súa canle de Youtube.

Porén, non é o único caso que circula pola web. Máis alá das pantallas, existen multitude de mozos anónimos que acceden a páxinas (xa sexan blogs, foros, chats etc.) que fan apoloxía da anorexia e da bulimia (as chamadas prol-ana e prol-mia) e nas que se presentan estas enfermidades como estilos de vida. De feito, noméaselles como se fosen dúas amigas: Ana para a anorexia e Mia para a bulimia.

O problema con estas webs é que publicalas na rede non é delito e non hai ningunha lei que regule este tipo de contidos, tal e como explica Raquel Font, xornalista especializada sobre temas socioeducativos, nun artigo publicado o pasado novembro de 2016 na web da Universidade Oberta de Catalunya (UOC) e titulado “As redes sociais fomentan na sombra a anorexia e a bulimia”.

Precisamente, ACAB e IQUA publicaron en 2011 un “Informe sobre a difusión e proliferación de contidos de apoloxía da anorexia e da bulimia na rede (2010)”, co obxectivo de alertar a poboación sobre a necesidade de frear o incremento deste tipo de contidos perigosos para a saúde dos menores.

A investigación describe en datos unha situación alarmante. Por unha banda, sinala que nun buscador coma Google aparecían ao redor de 500.000 páxinas a prol da anorexia e da bulimia en menos dun segundo. Aseguran que o 75 % das persoas que consultaban este tipo de contidos na internet son menores de idade e describen o perfil destes usuarios: “maioritariamente mozas (95 %) que desexan adelgazar a calquera prezo”.

Redes sociais e TCA

Por suposto, as redes sociais non escapan a este problema. Segundo o informe de ACAB e IQUA, a apoloxía da anorexia e da bulimia prolifera considerablemente a través deste tipo de plataformas: Facebook, Twitter ou Instagram.

Precisamente, o Servizo Especializado en Trastornos da Conduta Alimentaria (SETCA) apunta que “as pacientes de trastornos alimenticios, anorexia e bulimia, atoparon nesta rede social (Instagram) o lugar perfecto para compartir as súas experiencias, consellos, trucos, retos e ‘siluetas’ con outras enfermas que as entenden e as aplauden”.

Segundo Font, Instagram é “a rede de moda entre os que promoven desordes alimentarias” e destaca que máis de 4,5 millóns de fotos colgadas nesta plataforma levan a etiqueta #anorexia. Tamén indica outros cancelos, como #A4Paperchalleger ou #iphonechallenge, que propoñen retos que fomentan a delgadeza extrema, como que a cintura sexa máis estreita ca unha folla DIN A4 ou que os dous xeonllos xuntos sexan máis estreitos ca un iPhone 6.

Sinais de alerta

A Asociación contra a Anorexia e a Bulimia (ACAB) destaca unha serie de sinais que poden advertir da presenza dun trastorno da conduta alimentaria ou TCA, aínda que para diagnosticar este tipo de enfermidades é fundamental que un profesional da saúde mental avalíe a persoa que o pode estar padecendo.

Na alimentación:

  • Utilización inxustificada de dietas restritivas.
  • Estado de preocupación constante pola comida.
  • Interese esaxerado por receitas de cociña.
  • Sentimento de culpa por comer.
  • Comportamento alimentario estraño (velocidade ao inxerir, comer dereito etc.).
  • Levantarse da mesa e encerrarse no baño despois de cada comida.
  • Aumento da frecuencia e da cantidade de tempo que está no baño.
  • Evitar comidas en familia.
  • Rapidez coa que acaba a comida da casa.
  • Atopar comida escondida, por exemplo, no seu cuarto.
  • Atopar grandes cantidades de restos de comida, envoltorios etc. No seu cuarto ou no lixo.

No peso:

  • Perda de peso inxustificada.
  • Medo e rexeitamento esaxerado ao sobrepeso.
  • Práctica de exercicio físico de forma compulsiva co único obxectivo de adelgazar.
  • Práctica do vómito autoinducido.
  • Consumo de laxantes e diuréticos.
  • Amenorrea (desaparición do ciclo menstrual durante, como mínimo, 3 meses consecutivos), como síntoma debido á desnutrición.
  • Outros síntomas físicos debidos á desnutrición: frío nas mans e nos pés, sequidade da pel, estrinximento, palidez ou mareos, caída de cabelo etc.

Na imaxe corporal:

  • Percepción errónea de ter un corpo groso.
  • Intentos de esconder o corpo con roupa ancha, por exemplo.

No comportamento:

  • Alteración do rendemento académico ou laboral.
  • Illamento progresivo.
  • Aumento da irritabilidade e da agresividade.
  • Aumento dos síntomas depresivos ou da ansiedade.
  • Comportamentos manipuladores e mentiras.