Transplante de órganos

Solidariedade que regala vida

A mellora na loita contra o rexeitamento e a diminución dos efectos secundarios marcan a evolución dos transplantes de órganos doados, campo no que España é líder mundial
1 Outubro de 2007
Img informe listado 469

Solidariedade que regala vida

Os avances no mundo dos transplantes foron enormes nas dúas últimas décadas, non tanto no aspecto cirúrxico coma na prevención, no tratamento do rexeitamento e mais na preservación dos órganos e na diminución dos efectos secundarios. Estes adiantos permitiron que superar os cinco anos de vida logo dun transplante sexa algo habitual. A iso súmase que nun breve prazo os transplantes multiorgánicos, de cara, de pel ou de órganos artificiais, actualmente en fase experimental, deixarán de ser noticia e formarán parte da rutina diaria médica. Outra das transformacións estase a dar na idade media dos doadores, que pasou de 35 anos en 1991 a 51 anos no 2006. Este aumento na idade do doador débese fundamentalmente á diminución dos doadores falecidos como consecuencia de traumatismos craneoencefálicos ocasionados por accidentes de tráfico, que adoitan ser persoas novas, e ao aumento dos doadores que finaron por un accidente cerebrovascular.


Unha vida longa…

Dende que en 1965 se realizou en España o primeiro transplante de ril, os resultados foron mellorando día a día a medida que se foron incorporando os adiantos cirúrxicos e de inmunosupresión. Segundo os últimos datos da Organización Nacional de Transplantes, en España a supervivencia máxima en transplantes corresponde a un paciente transplantado de ril, que leva 37 anos de vida co mesmo órgano funcionando normalmente. Para o caso do corazón, a máxima supervivencia rexistrada ata agora é de 22 anos, 21 para o fígado, 18 para o de páncreas e 14 para o pulmón. No caso do intestino, que é o procedemento máis recente, a máxima supervivencia alcanza os sete anos.

... e normal

Malia os grandes avances acadados nos últimos anos en materia de transplantes, especialmente naqueles aspectos relacionados co diagnóstico e co tratamento das complicacións, hai aspectos moi importantes que non se poden deixar de lado, como son a alimentación, o exercicio físico, a sexualidade, a reincorporación ao mundo laboral ou as alteracións psicolóxicas daqueles que sufriron un transplante e que retoman a súa vida habitual.

O feito de non valorar axeitadamente estes aspectos pode, en moitos casos, carrexar efectos negativos no seu estado xeral de saúde. Todos os transplantados non só deben familiarizarse co tratamento inmunosupresor e cos seus posibles efectos secundarios, senón que tamén deben comprender a importancia de previr a aparición de infeccións introducindo medidas axeitadas de aseo persoal e mais unha escrupulosa hixiene na comida e na limpeza do fogar, así como coidar a súa alimentación (non poden tomar alimentos crus) despois do transplante. Tamén deben estar preparados ante as alteracións psicolóxicas que poden aparecer para saber como afrontalas.

Tráfico de órganos, unha triste realidade

Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), o tráfico de órganos representa o 10% dos transplantes en todo o mundo. A pesar de que as leis estadounidenses e europeas prohiben a venda de órganos humanos, a miseria leva a moitos habitantes do chamado terceiro mundo a vender os seus órganos e mesmo a roubar os doutros. As lendas que falan de nenos desaparecidos, e con eles os seus órganos, son unha triste realidade. Os transplantes son un problema crecente nos estados ricos, xa que as listas de espera medran moito máis rápido ca os órganos doados, o que fixo que aumente o “turismo por transplantes”, dado que os pacientes ricos que non teñen permitido mercar órganos nos seus países viaxan ao exterior para recibir órganos de doadores pobres. Os riles son o órgano máis demandado (10.000 por ano) nun mercado negro no que os pobres reciben pequenas sumas de diñeiro a cambio das súas doazóns, que se venden a pacientes con alto poder adquisitivo.
Co fin de frear este crecente mercado ilegal, algúns expertos avogan pola creación dun mercado regulado para os órganos humanos, proposta que non atopou respaldo por problemas éticos, dado que transformaría as partes do corpo humano nun ben comerciable.

Inmunosupresores, a clave da recuperación

O principal problema ao que se enfronta unha persoa receptora dun órgano alleo non é a cirurxía nin o desenvolvemento do rexeitamento agudo, nin sequera as complicacións infecciosas do postransplante inmediato, senón a perda progresiva da función do órgano transplantado a medio prazo e o desenvolvemento de complicacións médicas relacionadas co tratamento inmunosupresor. Actualmente, a esperanza media de vida do enxerto tras a intervención pode superar nalgúns casos os 20 anos, pero a longa supervivencia do órgano transplantado require que o sistema inmunolóxico permaneza freado, xa que doutro xeito rexeitaría o enxerto que lle é alleo.

Este estado de supresión do sistema inmunolóxico conséguese cos fármacos inmunosupresores. O seu desenvolvemento tecnolóxico experimentou enormes avances nos últimos 30 anos, permitindo reducir a taxa de rexeitamento agudo ao 10%. Non obstante, aínda que estes medicamentos supuxeron grandes melloras na prevención e no tratamento do rexeitamento agudo, os pacientes adoitan pagar un alto prezo, xa que o seu efecto non protexe ante os problemas a longo prazo, como a enfermidade crónica do enxerto.

Ademais, o seu uso aumenta o risco de que os pacientes desenvolvan infeccións, tumores, trastornos dixestivos, hipertensión, problemas óseos, lesións vasculares ou alteracións do metabolismo dos lípidos e dos hidratos de carbono, que afectan á súa calidade de vida. Co obxecto de diminuír nun futuro a incidencia de tumores na poboación transplantada, xa se están utilizando e desenvolvendo algúns inmunosupresores que teñen efectos antitumorais. Ademais, hai novos medicamentos que poden permitir a individualización do tratamento, evitando os fármacos que se relacionan cunha peor calidade de vida, como os esteroides.

O primeiro proxecto europeo de investigación cooperativa na área da tolerancia inmunolóxica en transplantes no que participa a Organización Nacional de Transplantes (RISET) inclúe unha primeira fase de cinco anos de duración (2006-2010) que ten como obxectivo buscar os mecanismos biolóxicos que lles permitan aos pacientes transplantados evitar de modo permanente o rexeitamento, sen necesidade de fármacos inmunosupresores.

A consecución desta meta axudaría a mellorar a calidade de vida dos pacientes e reduciría en máis dun 80% os altos custos sanitarios. Segundo datos da ONT, o custo anual da medicación inmunosupresora dos transplantados poden oscilar entre os 6.000 e os 9.000 euros. Con programas de inmunotolerancia, este custo reduciríase en máis dun 80%, situándose entre 1.200 e 2.000 euros anuais.

España, líder mundial en doazóns

As estatísticas do 2006 revelan que España consolidou o seu liderado mundial en materia de doazóns por décimo ano consecutivo, oito puntos por riba dos Estados Unidos, o segundo na lista. Os 33″8 doadores por millón de habitantes españois fronte aos 18″8 doadores do conxunto da UE supoñen un total de 3.756 transplantes ao ano. E parece que as perspectivas son aínda mellores para o 2007, xa que, segundo datos da Organización Nacional de Transplantes (ONT), este ano o número de doazóns de órganos medrou case un 3% -de 630 a 647- e o de transplantes un 1″5% -de 1.502 a 1.526- con respecto ao mesmo período do ano anterior.

A concienciación social acerca da importancia das doazóns é unha realidade asentada. O 66″5% da poboación española amósase predisposta a doar os seus órganos, aínda que só un 8″2% deles ten tarxeta de doador, segundo os datos da “Enquisa nacional sobre actitude dos españois ante a doazón 2006”, realizada pola Universidade Autónoma de Madrid para a ONT. Estas porcentaxes apenas experimentaron variacións dende 1993, ano en que un 64″5% dos españois se amosaba disposto a doar os seus órganos tras o falecemento, malia que só o 6″2% tiña carné de doador.

O País Vasco foi a Comunidade Autónoma con maior índice de doazón (con 48″4 doadores por millón de habitantes), seguida de Cantabria, Asturias, Baleares e Navarra, todas elas por riba dos 40 doadores por millón, cifra considerada internacionalmente como a máxima alcanzable. En total, en España o ano pasado efectuáronse 2.155 transplantes renais, 1.051 transplantes hepáticos, 274 cardíacos, 169 pulmonares, 94 de páncreas e 13 de intestino. Ademais, chegouse a mínimos históricos das negativas familiares á doazón (un 15″2%), a cifra máis baixa a nivel mundial.

Non obstante, as listas de espera continúan representando un problema de solución complexa. De feito, no 2006 había máis de 5.000 enfermos agardando un órgano san.
Se se analiza por órganos, nos primeiros meses do 2007 había 77 pacientes en lista de espera para recibiren un corazón, fronte os 4.188 que necesitaban un ril, os 736 que precisaban un fígado ou os 125 que agardaban un pulmón.

En liñas xerais, os prazos de espera en España para un transplante están moi por baixo de calquera outro país do mundo, o que non impide que entre un 10% e un 15% dos pacientes en espera dun transplante hepático e cardíaco faleza antes de atopar un órgano axeitado, a pesar de que no caso de órganos vitais en situación de urxencia o prazo se reduce a días, e se adoita conseguir o transplante na maioría dos casos. En situacións menos urxentes, a media é duns seis meses para o fígado, catro meses para o corazón e de sete a oito meses para o pulmón. No tocante ao ril, polo que o paciente habitualmente espera en diálise, o tempo medio oscila entre 15 e 18 meses.

Respostas ás dúbidas máis frecuentes

Quen pode ser doador de órganos e tecidos? Calquera persoa sa é doadora potencial, sempre que en vida non se manifestase en contra da doazón. Non hai límite de idade, pero en caso de menores de idade e minusválidos tense que respectar a vontade das persoas que teñan a patria potestade (Lei 30/1979). As condicións clínicas no momento da morte determinan os órganos e tecidos que son válidos para o transplante. Non obstante, os doadores non poden nin puideron padecer cancro nin outras enfermidades infecciosas ou de causas pouco claras que se poidan transmitir coa doazón.


Que hai que facer para ser doador?
Débenlle comunicar a súa decisión á familia e aos amigos máis íntimos, xa que eles son os primeiros en ser consultados en caso de falecemento do doador. Tamén se pode cubrir unha tarxeta de doador, gratuíta e altruísta, que pode atopar diferentes lugares: Organización Nacional de Transplantes, hospitais, consellarías de Sanidade/Saúde… Ter o carné de doador non compromete a nada se se muda de opinión.

Que acontece se a familia se opón á doazón? En España sempre se cumpre a vontade dos familiares, independentemente de se o falecido é doador ou non.

Pódese facer un transplante de doador vivo? Pódese doar un órgano ou parte del, normalmente de medula ósea, ril e segmentos de fígado e de pulmón, se a súa extracción é compatible coa vida e a súa función pode ser compensada polo organismo do doador de maneira axeitada e suficientemente segura. O doador debe de ser maior de idade, gozar de plenas facultades mentais e dun estado de saúde axeitado. Ademais, deberá ser informado previamente das consecuencias derivadas da súa decisión, debendo outorgar o seu consentimento de maneira expresa, consciente e desinteresada. Salvo en casos excepcionais, estas doazóns só son admitidas entre familiares directos (pais, irmáns, fillos…).

Como e onde se debe producir o falecemento do doador? É necesario que a morte cerebral (cesamento irreversible de todas as funcións cerebrais) do doador se produza no hospital, nunha UCI móbil ou no SAMU, para poder realizar todas as probas e para conservar axeitadamente os órganos. O diagnóstico médico legal da morte cerebral ou morte encefálica está actualmente regulado no anexo 1 do Real Decreto 2070/1999, do 30 de decembro de 1999, e esixe, entre outros aspectos, que o diagnóstico sexa realizado por tres médicos distintos aos que van intervir na extracción e no transplante.

Por que nalgúns casos o organismo do receptor rexeita o órgano transplantado? O efecto de rexeitamento prodúcese por un feito moi simple: todo organismo vivo defende a súa integridade física e bioquímica destruíndo calquera axente vivo estraño que sexa introducido nel. O organismo, ao verse invadido por antíxenos (substancias proteicas), reacciona cun movemento natural de defensa, rexeitando o transplante. Para evitar o devandito rexeitamento, cómpre aplicarlle ao paciente fármacos (inmunosupresores) e tratamentos, coa desvantaxe de que o paciente perde toda a súa inmunidade. Non obstante, co fin de minimizar o efecto de rexeitamento, nos transplantes tense en conta a compatibilidade entre doador e receptor, tendo en conta o grupo sanguíneo e o sistema HLA (antíxenos leucocitarios humanos).

Que é o Modelo Español? É un conxunto de medidas adoptadas en España para mellorar a doazón de órganos. Este modelo foi recomendado pola OMS e estase a aplicar en diferentes partes do mundo con resultados moi similares aos obtidos aquí. O éxito do Modelo Español só é comprensible dende un enfoque multidisciplinar, que engloba aspectos legais, económicos, políticos e médicos.