Enquisadas 1050 persoas de 9 comunidades autónomas sobre os seus xestos de solidariedade en materia alimentaria

Solidariedade alimentaria: tres de cada catro enquisados promovérona no último ano

O máis común foi doar alimentos (un 63 % así o confirma) e gran parte destinouse a bancos de alimentos
1 Abril de 2014
Img tema de portada listado 110

Solidariedade alimentaria: tres de cada catro enquisados promovérona no último ano

No noso país, case 13 millóns de persoas atópanse en risco de pobreza ou exclusión social, segundo un recente informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN). O concepto de pobreza encerra, ante todo, privación. As persoas consideradas pobres sono porque carecen de ingresos suficientes, de alimentos, dun teito, de atención sanitaria, de acceso á educación… A pobreza é un círculo que de momento non cesa. Ante esta situación, a solidariedade de cada cidadán faise cada vez máis necesaria, especialmente aquela destinada a cubrir o máis básico, como é alimentarse.

Nestes momentos de empobrecemento crecente, EROSKI CONSUMER quixo saber se a poboación española está a ser solidaria neste sentido. Para iso, consultou durante o mes de marzo 1050 persoas orixinarias de 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco.

Como se fixo?

Todos os entrevistados encargábanse das necesidades relacionadas coa alimentación do fogar: ir á compra, deseñar os menús, cociñar… O 69 % dos enquisados eran mulleres e tiñan unha idade media de 56 anos. Por grupos de idade, un 47 % tiñan entre 45 e 64 anos, o 34 % máis de 64 anos e o 16 % entre 25 e 44 anos. Apenas un 3 % tiña entre 18 e 24 anos. Na actualidade, un 38 % do total de entrevistados son xubilados ou pensionistas e outro 37 % atópase traballando. O 12 % non estuda, nin traballa, nin busca emprego activamente; outro 10 % está desempregado pero si busca activamente un emprego e só un 3 % é estudante. Por último, o 45 % pertence a un fogar formado por unha parella de adultos ou un adulto con fillos, o 23 % son persoas que viven soas e o 21 % forma parte dunha parella sen fillos.

Solidariedade en tempos difíciles

Somos solidarios de nacemento. O noso cerebro garda a información que determina a capacidade de lles querer axudar aos demais e o resto apréndese cos anos. Do estudo despréndese que os xestos de solidariedade alimentaria (doar alimentos, axudar a un familiar no pagamento da cesta da compra, entregar comida a familiares…) son abundantes entre os consumidores enquisados. E é que o 77 % das persoas entrevistadas realizou no último ano algún acto solidario en materia nutricional.

A persoa solidaria do informe é, en maior medida, muller (o 80 % das enquisadas comprometéronse fronte ao 72 % dos homes), de 45 a 64 anos (o 82 %), maioritariamente de Cataluña (tamén o 82 %), con traballo (un 83 %) e pertencente a unha familia con parella e sen fillos (o 80 %).

Aínda así, en todos os colectivos, clasificados por sexo, idade, comunidade autónoma, ocupación e tipo de familia, máis do 65 % tiveron un xesto solidario no último ano. As proporcións máis baixas atopáronse entre os estudantes e os enquisados máis novos, de entre 18 e 24 anos (en ambos os casos, un 55 % deles dixeron ter un xesto solidario).

O que máis se doa e onde máis se doa

Doar alimentos e axudar a amigos

E que tipo de xestos solidarios foron os máis comúns neste último ano? O 63 % doou alimentos a algunha entidade sen ánimo de lucro e un 29 % axudou a alguén que non pertencía á súa familia e que tiña necesidades alimentarias. Ademais, un 16 % tamén lle botou unha man a algún membro da súa familia con dificultades, pero só un 4 % foi voluntario nalgunha entidade sen ánimo de lucro involucrada en proxectos solidarios nos que a alimentación fose a prioridade.

As doazóns de alimentos son máis frecuentes entre as persoas de 45 a 64 anos (un 72 % así o asegura) e os orixinarios de Navarra (un 74 %). Ningún estudante dixo que lle axudase a algún familiar en materia de alimentación (algo evidente pola falta de ingresos), mentres que nas comunidades máis proclives a iso foron os entrevistados nas Illas Baleares, Cataluña e Comunidade Valenciana (ao redor dun 23 % deles afirmábano). Pola súa banda, as persoas que máis lles axudaron neste sentido a persoas fóra do ámbito familiar eran na súa maioría novas, de entre 18 e 24 anos (un 32 %), valencianos e madrileños (un 35 %), e desempregados (un 30 %) ou xubilados ou pensionistas (o 32 %).

Maior implicación

Entre as persoas solidarias do estudo, hai un sentimento xeneralizado, e é que a crise fomentou a súa solidariedade. O 64 % delas considera que a mala situación económica que está a atravesar o país a influenciou á hora de realizar este tipo de actividades solidarias. Quen en maior medida así o pensan son os mozos de entre 18 e 24 anos (o 81 %) e os maiores de 64 anos (o 74 %), os manchegos (un 73 % deles), os xubilados ou pensionistas (un 71 %) e aqueles que forman un fogar composto por unha parella sen fillos (77 %). Ademais, sete de cada dez entrevistados por EROSKI CONSUMER botan en falta máis iniciativas sociais por parte da Administración. Cren insuficiente o traballo que se realiza na actualidade. Mesmo propoñen poñer en marcha principalmente tres medidas para eles fundamentais: un maior número de axudas económicas e que sexan moito máis equitativas que as actuais, reformular e incrementar as axudas sociais aos máis necesitados e con menores recursos e, en xeral, desexan sentir unha maior implicación persoal e entendemento das dificultades dos cidadáns por parte de quen forma as institucións.

Os menos solidarios

A pesar de que a maior parte dos enquisados son solidarios en materia nutricional, tamén existe un 23 % que non realizou ningún xesto deste tipo no último ano: un 28 % dos homes, un 45 % dos mozos de entre 18 e 24 anos, un 27 % dos madrileños e vascos, un 45 % dos estudantes e un 29 % das persoas que viven soas.

Teñen os seus motivos. O 36 % dos enquisados nunca doou alimentos a unha entidade sen ánimo de lucro. É máis, o 60 % deles nin sequera pensou en facelo algunha vez. As razóns: un 47 % deles asegura que non pode facelo por dificultades económicas e outro 25 % non atopou o momento oportuno.

No último ano, o 71 % admite que non axuda a persoas que non pertenzan á súa familia e o 83 % tampouco a familiares con dificultades para alimentarse. En ambos os casos, os tres argumentos principais que xustifican esta decisión son: que nunca llo pediron, que non fixo falta e que as dificultades económicas lle impiden levar a cabo este tipo de xestos.

Por último, o 96 % dos entrevistados por EROSKI CONSUMER non foron voluntarios en entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo iniciativas relacionadas coas necesidades alimentarias. O 45 % deles apunta como motivo principal que non atopou o momento oportuno, un 19 % que non ten tempo e un 10 % considera que son as institucións as que deben facelo.

Pobreza e solidariedade en 2012, comunidade por comunidade

A fame continúa estando moi presente no noso día a día. No noso país, foi a crise económica a que volveu poñer sobre a mesa a palabra “fame” (desnutrición e malnutrición). Nos últimos anos, produciuse un incremento significativo de persoas que, por motivos económicos, non poden acceder a unha alimentación adecuada.

Neste sentido, os grupos máis vulnerables e afectados pola pobreza son as familias con membros en paro, seguidas dos inmigrantes, as familias monomarentais e, por último, a infancia. A estes últimos, a crise golpéaos con moita forza. A súa fraxilidade convérteos en diana fácil. Os máis pequenos sofren as consecuencias das malas decisións dos adultos, aínda cando o artigo 27 da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) recoñece o “dereito de todo neno a un nivel de vida adecuado para o seu desenvolvemento físico, mental, espiritual, moral e social”.

No seguinte mapa, móstrase comunidade por comunidade a pobreza e a solidariedade alimentaria de 2012 en cifras, proporcionadas polo INE, Unicef e a Federación Española de Banco de Alimentos (Fesbal) a EROSKI CONSUMER:

Datos sobre Bancos de Alimentos

Doar alimentos: bancos de alimentos

Cada ano, os bancos de alimentos recollen en España máis de 100 millóns de quilos de comida. Estas organizacións sen ánimo de lucro baséanse no voluntariado e buscan recuperar excedentes alimenticios da nosa sociedade para redistribuílos entre as persoas necesitadas. Entréganlles a comida ás institucións caritativas e de axuda social oficialmente recoñecidas.

Tal e como se mencionou con anterioridade, dous de cada tres enquisados aseguran que doaron alimentos a unha entidade sen ánimo de lucro no último ano. O 71 % asegura que o fixo entre 2 e 5 veces e o 83 % apunta que a última vez que o fixo foi hai entre 2 e 6 meses. Só un 13 % o fixo hai menos dun mes: destaca o 22 % dos manchegos que asegurou que o fixera había menos de 30 días de realizar a enquisa e o 20 % dos navarros enquisados.

Os bancos de alimentos son as organizacións onde en maior medida os entrevistados doan alimentos (o 41 %). Estas doazóns poden realizarse de diferentes formas: directamente ao banco ou a través de iniciativas conxuntas entre estes con outro tipo de entidades (cadeas de distribución, igrexas, centros educativos e mesmo coa Administración -normalmente, concellos-). Tamén un 21 % o fixeron directamente a unha ONG (normalmente, Cáritas ou Cruz Vermella) e un 33 % a outro tipo de entidades, como supermercados, igrexas ou parroquias e centros escolares.

Alimentación seca, o máis doado

E que tipo de alimentos doan? Os entrevistados por EROSKI CONSUMER doan principalmente legumes (unha media de 2,7 quilos por persoa), pasta (2,4 quilos), cereais (1,7 quilos), aceites (1,7 quilos), leite e batidos (3,5 quilos), azucre e doces (1,7 quilos), galletas (1,4 quilos) e conservas de peixe (2,1 quilos). Só un 12 % dos enquisados apuntou que doara produtos destinados especificamente a nenos (cueiros, leite en po…), especialmente os entrevistados na Comunidade Valenciana (un 22 %).

Á hora de adquirir os alimentos destinados aos bancos de alimentos, hai que seguir unha serie de recomendacións; entre outras, que sexan produtos que non superasen a súa data de caducidade ou de consumo preferente.

Por iso, preguntóuselles aos entrevistados se ao realizaren a compra deste tipo de alimentos reparaban en certos aspectos: forma de conservación do alimento (só un 27 % o facía), visibilidade da data de caducidade (o 61 % si se fixaba), consumo preferente (só o 29 %) e descrición dos ingredientes (apenas o 8 %).

Finalmente, os 667 entrevistados que si doaron alimentos no último ano gastaron unha media de 18 euros na compra deste tipo de alimentos. Os que máis gastaron foron os homes enquisados (24 euros de media), as persoas de 45 a 64 anos (19 euros), os residentes en Valencia (39 euros), as persoas con emprego (23 euros) e as que forman un fogar con fillos, xa sexan parellas ou familias monoparentais (21 euros).

Como colaborar

Os bancos de alimentos convertéronse en entidades populares nos últimos anos. Este tipo de organizacións sen ánimo de lucro baséanse no voluntariado e recuperan excedentes alimenticios da nosa sociedade para redistribuílos entre as persoas necesitadas. En España, existen medio centenar de bancos de alimentos integrados na Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal).

Existen diversos medios para colaborar con eles:

  • Doazón de alimentos ou recursos financeiros de empresas. O máis habitual é que o banco de alimentos se dirixa a empresas da súa contorna solicitando alimentos. Con todo, tamén é frecuente o caso contrario e que sexa a propia empresa quen lles ofreza os seus excedentes de alimentos e mesmo recursos financeiros.
  • Doazón de medios e servizos. Non só se doan alimentos. Hai empresas que, segundo a súa actividade (xa sexa transporte, mensaxería etc.), lles prestan os seus servizos aos bancos de alimentos. Outras doan todo tipo de material de uso habitual en almacéns e oficinas (como folios, embalaxes, vestiario etc.).
  • Voluntariado. Máis de mil persoas están comprometidas cos bancos de alimentos e traballan para axudar na captación, organización e distribución de alimentos.
  • Axuda económica. Os bancos de alimentos tamén admiten axudas e achegas económicas que lles axudan a manter as súas infraestruturas e unha actividade organizada (adquisición e alugamento de equipo, transportes, cámaras frigoríficas, furgonetas, teléfonos etc.).

Amigos, familia, descoñecidos... a quen axudamos?

Axuda a familiares, en especial aos fillos

Só un 16 % dos enquisados dixo axudarlle a algún familiar con necesidades alimentarias no último ano. Admitírono especialmente nas Illas Baleares, en Cataluña e na Comunidade Valenciana (en todas, arredor do 23 % dos enquisados alí).

A axuda adoita ir parar aos fillos. Das 173 persoas que dixeron realizar este xesto solidario, o 46 % apuntaba que a axuda era para os fillos, o 27 % para os irmáns, o 15 % para os curmáns e o 14 % para os sobriños.

Esta axuda tiña diferentes caras: un 57 % dicía comprar alimentos, un 31 % poñía un prato máis no seu fogar, outro 22 % cociñaba os alimentos e entregáballos á persoa en cuestión e un 25 % entregáballe diñeiro destinado a cubrir parte do orzamento en alimentación. Este tipo de actos son habituais, xa que un 97 % das persoas que os levan a cabo din facelo en máis dunha ocasión: o 45 % varias veces ao mes, o 25 % unha vez ao mes e o 30 % cunha frecuencia menor.

E a canto ascende este xesto solidario? Quen axuda aos familiares desembolsa unha media de 60 euros ao mes, aqueles que cociñan os alimentos e os entregan gastan 53 euros de media e poñer un prato máis no fogar supón 28 euros de media. Con todo, aqueles que realizaron achegas económicas (43 persoas en total) din doar unha media de 240 euros.

Axuda entre amigos

Tres de cada dez entrevistados aseguraron que lles axudaron a persoas que non pertencían á súa familia. O habitual era axudar a persoas totalmente descoñecidas (un 50 % así o recoñeceu). Con todo, outros tamén lles botaron unha man a persoas coas que os unía algún tipo de relación: o 24 % a coñecidos, o 16 % a amigos, o 14 % a veciños e un 1 % a compañeiros de traballo.

A forma de facelo era principalmente comprando alimentos (o 69 %) e realizando unha achega económica (o 20 %), achega que entre os enquisados nas Illas Baleares e en Cataluña ascende ao 46 %.

Estes xestos de solidariedade non se dan de maneira fortuíta, senón que o 83 % dos entrevistados asegura facelos máis dunha vez: un 24 % varias veces ao mes, un 17 % unha vez ao mes e un 59 % con menos frecuencia (varias veces ao ano).

Quen compra alimentos para persoas que non pertenzan á súa familia gastaron a última vez unha media de 26 euros e quen realizou unha achega económica 64 euros de media.

Os voluntarios

En España, os voluntarios forman unha familia de cinco millóns de persoas. Encárganse de repartir comida, produtos de hixiene ou material escolar, atenden familias en risco de exclusión social (con especial atención ao colectivo infantil), axúdanlles aos alumnos con clases de apoio escolar e colaboran con asociacións de discapacitados, entre outras moitas tarefas.

En materia de alimentación, só un 4 % dos entrevistados por EROSKI CONSUMER dixeron ser cooperantes en iniciativas onde a comida fose o obxectivo principal. As comunidades onde se acharon máis voluntarios deste tipo foron a Comunidade Valenciana, Cataluña, Illas Baleares e Navarra (arredor do 7 %).

Estas 42 persoas realizan tarefas de recollida, organización e repartición de alimentos de forma habitual (así o dixo o 76 %) e a última cooperación levárona a cabo hai entre 2 e 6 meses nunha ONG (xeralmente Cruz Vermella ou Cáritas, aínda que tamén mencionaron Médicos sen Fronteiras e Emaús) ou outro tipo de organizacións (como a Igrexa ou unha