Establecementos de bronceado artificial

Solarios: incumpren a lei que os regula

Só o 8% dos centros visitados en todo o país aproban o exame, baseado na normativa vixente
1 Abril de 2004
Img temap 186

Solarios: incumpren a lei que os regula

O “sol artificial” converteuse nun negocio moi rendible. O 20% dos españois tomou raios UVA durante o 2002 (o 26%, se se trata de mulleres) segundo un estudo do propio sector. A franxa de idade dos usuarios máis comúns é a de 20 a 30 anos e é precisamente agora, na primavera, cando máis (o 49% dos usuarios) se recorre ós raios UVA, se ben un de cada oito usuarios recoñece que toma estes raios artificiais durante todo o ano. Case non quedan salóns de peiteado, centros de estética e beleza ou ximnasios que non dispoñan dunha cabina de raios UVA, amais das numerosas cadeas e franquicias específicas que se instalaron en todo o país.

Así e todo, os consumidores parecen ignorar os perniciosos efectos do bronceado, tanto solar coma artificial. Sábese que non é totalmente bo para a saúde da pel, pero probablemente descoñécese a grave repercusión das doses continuadas de raios solares e de raios UVA. Os raios UVA están relacionados con alteracións do ADN celular, con reaccións fotoalérxicas e fototóxicas, co avellentamento prematuro da pel e, o que é aínda máis grave, co cancro de pel. En España, os casos de melanoma (cancro de pel orixinado pola incorrecta exposición ós raios ultravioletas) triplicáronse nos últimos anos.

Xa que logo, a exposición ós raios solares ou ós raios UVA cómpre realizala coa maior moderación e control posibles. Os dermatólogos consideran que superar as 20-30 sesións de raios UVA ó ano constitúe un perigo, especialmente para as peles máis sensibles, que pode provocar prematuro avellentamento da pel, queimaduras, manchas, engurras, flacidez e, no peor dos casos, un melanoma ou outro cancro de pel, como consecuencia do esgotamento dos sistemas de autodefensa.

Nos Estados Unidos e tras sucesivas investigacións científicas, a American Medical Association recomendou a prohibición do uso de lámpadas de raios UVA, e, en España, os chamamentos e advertencias dos médicos son cada vez máis frecuentes e rotundos. A favor dos raios UVA alégase que constitúen un método rápido, cómodo e controlado de adquirir o devecido ton bronceado da pel e mesmo que son recomendables para certas patoloxías como o acne, a psoríase ou a osteoporose. Non obstante, os dermatólogos discuten, e cada día con máis énfase e argumentos científicos, estes beneficios.

Unha práctica pouco saudable

É certo que os filtros destas máquinas eliminan as radiacións ultravioletas de tipo B, as que máis dano lle fan á pel, e que só deixan pasar as de tipo A, responsables do bronceado. Pero aínda que os raios UVB son máis perigosos, os UVA non son inocuos: afectan as fibras elásticas da pel e a súa acumulación produce avellentamento a longo prazo e lesións precanceríxenas. Ademais, co paso do tempo (ou se sofren avarías ou se o seu mantemento non é correcto) estas máquinas ven como diminúe a eficacia dos seus filtros protectores e comezan a emitir cantidades excesivas de raios UVB, moi nocivos para a saúde.

O melanoma (un tipo de cancro de pel) é o tumor que máis aumenta na poboación mundial. E os expertos están convencidos de que o aumento no número de diagnósticos de melanoma se debe á crecente cantidade de tempo que un número cada vez maior de persoas lle dedican a se exporen ós raios solares e ós raios UVA das máquinas de bronceado.

Unha das causas da escasa concienciación social pode ser que os danos que provocan as radiacións ultravioletas non se perciben no momento de recibilas, senón a longo prazo, pero as características da pel nun momento dado dependen da suma das agresións que recibiu ó longo da nosa vida, xa que a exposición á radiación ultravioleta ten carácter acumulativo.

Co dobre obxectivo de contrastar a calidade do servizo que lles ofrecen ós usuarios e o grao de cumprimento da normativa vixente, técnicos de CONSUMER visitaron o pasado mes de marzo, e facéndose pasar por clientes, un total de 130 establecementos que contan con cabinas de bronceado para uso público. Acudiuse a 10 establecementos en Madrid e a outros tantos en Barcelona, Valencia, Bilbao, Málaga, A Coruña, San Sebastián, Vitoria, Pamplona, Murcia, Cádiz, Alacante e Logroño.

Analizáronse 39 centros específicos de bronceado, 54 de estética, 8 ximnasios e 29 salóns de peiteado que dispuñan de aparellos de bronceado.

A primeira conclusión desta investigación é que, malia a que a lei que regula a actividade dos solarios (R.D. 1002/2002) está en vigor desde xaneiro do 2003, os máis destes centros de bronceado artificial non corrixiron as prácticas que instaron a que a Administración crease esta lexislación específica.

A escasa profesionalidade no sector, uns consumidores pouco concienciados sobre os riscos que comportan os raios UVA e o insuficiente control do cumprimento dunha norma de recente implantación poderían explicar unha situación que, a data de hoxe, resulta preocupante, porque estas circunstancias poden carrexar graves repercusións para a saúde dos usuarios.

Unha vez máis (delgadeza a toda costa, piercings e tatuaxes…), estamos ante un fenómeno de moda relacionado coa estética persoal que pode danar a saúde dos cidadáns.

A lei regula a venda e utilización de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta, lembra os efectos prexudiciais da exposición ós raios UVA e obriga os centros de bronceado a limitar a intensidade da irradiación, a proporcionarlles ós clientes información clara sobre as consecuencias da exposición a estes raios, esíxelles formación profesional específica ós empregados destes centros e obriga a someter os aparellos de bronceado a un control e seguimento periódico por parte das administracións de cada comunidade autónoma.

Os datos que depara a investigación de CONSUMER non poden ser máis concluíntes: só aproba o exame o 7,7% dos centros analizados (10 dun total de 130) e o 92,3% restante (é dicir, 120 de 130) suspende. Ademais, o 67% dos establecementos (87 de 130) obtén como nota final un “moi mal”.

Por cidades, a mellor situación atopouse en Barcelona (aproban catro dos 10 centros estudados) e Málaga (aproban dous centros). Séguenos Cádiz, Madrid, Valencia e Murcia, as tres cun único centro que supera o exame. No resto das cidades é dicir, en 7 de 13 suspenden todos os establecementos estudados.

Falta información obrigatoria

A ausencia de información obrigatoria (tanto exposta mediante carteis como facilitada polo persoal dos establecementos) é o principal motivo deste suspenso xeneralizado. Ademais, o asesoramento que se lle proporciona ó cliente (cando existe) é case sempre moi deficiente.

A penas nun de cada catro establecementos se lle facilita ó cliente un documento (de entrega obrigatoria, segundo a norma) no que se indican tanto os riscos para a saúde que entraña esta práctica coma as precaucións que cómpre adoptar antes de se someter a unha sesión de bronceado. Ademais, un 82% dos establecementos realizou incorrectamente un protocolo preventivo esencial: a comprobación do fototipo da pel que ten o cliente. Realízase na maioría dos centros de xeito pouco exhaustivo e escasamente profesional: non se pregunta polo tipo de pel ou pola existencia de problemas cutáneos, simplemente se observa a cara do cliente para, deseguido, facelo pasar á cabina de bronceado.

A normativa establece tamén que en ningún caso se poderá facer referencia a efectos curativos, preventivos ou beneficiosos para a saúde xerados pola exposición a raios UVA. Así e todo, o 18% dos establecementos incumpre esta disposición legal, ó exhibir carteis que describen estes falsos efectos beneficiosos.

Irregularidades por todos os lados

O 16% dos establecementos permitiulles ós técnicos desta revista entrar á cabina de bronceado sen protección para os ollos, malia a que a falta dunha adecuada protección ocular pode causarlles importantes lesións ós ollos do usuario. O comportamento máis correcto sería facilitarlle gafas ou adhesivos ó cliente de xeito gratuíto: fíxoo o 74% dos centros visitados.

Outras prácticas incorrectas: nun de cada catro centros visitados permíteselle ó cliente utilizar cremas aceleradoras do bronceado e en case a metade non é informado (nin oralmente nin por escrito) da conveniencia de non tomar o sol e someterse a unha sesión de bronceado artificial no mesmo día.

E a información exposta ó público é escasa e deficiente: boa parte dos establecementos incumpre a normativa vixente. Así, un 58% non ten exposto o obrigatorio cartel que lles prohibe ós menores de 18 anos someterse a unha sesión de bronceado. Case na metade dos establecementos non se viu o cartel (tamén obrigatorio) que fai referencia ós fototipos de pel existentes e ós tempos máximos de exposición recomendados para cada un deles. Ademais, un de cada tres carece do obrigatorio cartel explicativo dos riscos que supón a exposición ós raios UVA (avellentamento prematuro da pel, danos nos ollos, tumores cutáneos).

Doutra banda, os igualmente obrigatorios carteis informativos sobre as precaucións que o usuario debe adoptar antes de se someter a unha sesión de raios ultravioletas (non facelo en caso de embarazo e tampouco se se teñen moitos lunares ou pecas ou se nos estamos medicando), non se viron en un de cada seis centros de bronceado. Ademais, no 80% dos establecementos non se lle preguntou ó novo cliente se tiña antecedentes familiares de cancro de pel, o que desaconsellaría a exposición ós raios UVA.

A lei establece que deben transcorrer polo menos 48 horas entre as dúas primeiras exposicións ás máquinas de bronceado. Con todo, un 16% dos establecementos permítelles ós clientes tomar dúas sesións seguidas de solarios. Os técnicos de CONSUMER acudiron ós establecementos comunicándolles ós empregados que era a primeira vez que ían tomar sesións de bronceado e que lles gustaría tomar dúas sesións seguidas.

Profesionais sen a a titulación legalmente esixida

Tamén na titulación dos empregados destes locais se detectaron graves carencias. A lexislación esíxelles realizar un curso específico de formación. Pois ben, nun 58% dos establecementos visitados afirmóuselles ós técnicos desta revista (que actuaron en todo momento como clientes) que non se lles esixira ningún tipo de titulación ou curso específico sobre aparellos de bronceado para accederen a ese posto de traballo.

Doutra banda, o estado e mantemento das máquinas de bronceado tampouco é correcto en todos os caso. Seis de cada dez cabinas non ofrecen claramente visibles as súas instrucións de uso e nun 72% non se ven os documentos de revisión e mantemento ás que cómpre someter os aparellos.

Nas prestacións das cabinas de bronceado tamén se atoparon importantes deficiencias. Así, un 35% das cabinas non conta con mandos para graduar a ventilación, e un 32% non ofrece un vestidor espazoso.

No tocante á hixiene, un 28% das cabinas non dispoñen de papeleira e no 34% dos establecementos non se facilitaron panos ou toalliñas desmaquillantes (unha recomendación básica é desmaquillarse antes de ir á cabina de bronceado).

E nun 59% dos casos non se lle facilitou ó cliente un papel, plástico ou esteira desbotable que impedise o contacto do corpo do usuario coa superficie da máquina bronceadora.

Prezos, moi distintos

O prezo medio da sesión de raios UVA nos 130 establecementos foi de 5 euros por sesión. A cidade máis cara foi San Sebastián (6,8 euros de media por sesión), seguida de Cádiz, Murcia e Alacante, cun prezo medio de entre 5,9 e 6,1 euros por sesión. Tamén por riba da media se situaron os centros de Madrid (5,5 euros por sesión), de Málaga (5,4 euros) e de Barcelona (5,2). A cidade máis barata foi A Coruña, onde o custo medio por exposición é de 3,4 euros. A continuación sitúanse Valencia (3,6 euros) e Logroño (3,8 euros). Outras cidades máis económicas cá media nacional foron Pamplona (4,2 euros de media por sesión), Vitoria (4,3 euros) e Bilbao (4,6 euros). Pero quizais máis salientable ca esta diversidade de prezos é a irregularidade de que só en catro de cada dez centros os prezos estaban expostos ó público.

Prohibido anunciar efectos beneficiosos dos raios UVA

A lei establece que os centros de bronceado en ningún caso poderán facer referencia a efectos curativos, preventivos ou beneficiosos para a saúde xerados pola exposición ós raios UVA.

Os establecementos de bronceado non dispoñen de pantallas solares para o tratamento de enfermidades da pel, porque as súas máquinas non teñen a capacidade tecnolóxica de emitir e de medir as radiacións convenientes para cada usuario. Son lámpadas moi básicas que emiten radiacións de xeito irregular, sobre todo conforme aumentan o seu tempo de uso.

Pola contra, as máquinas dos hospitais si que serven para tratar enfermidades cutáneas, xa que permiten un control exacto do tempo e das doses de radiacións, e mais un control das variacións na emisión das lámpadas. Pois ben, un de cada cinco establecementos incumpre a norma, ó publicitar mensaxes sobre o uso de raios UVA como “reduce a ansiedade”, “mellora os problemas de acne”, “baixa o colesterol”, “aumenta o fluxo de osíxeno no sangue”, “aumenta a libido”, “produce beneficios psicolóxicos” ou “mellora o reumatismo”.

Non se deben usar cremas de bronceado antes de tomar raios UVA

O profesional debe advertir o seu cliente de que o uso de aceleradores de bronceado é desaconsellable antes de tomar raios UVA, porque poden conter substancias fotosensibilizantes que danan a pel. A norma vixente na comunidade autónoma do País Vasco desde novembro do 2003 sinala que “os centros de bronceado non poderán entregar ningún tipo de produto químico, dermatolóxico nin cosmético que teña como función acelerar o bronceado”. E, cal é a situación no tocante a este punto? Pois que un 24% dos establecementos visitados lles ofreceu ós clientes a posibilidade de utilizar cremas aceleradoras do bronceado, todas elas sen filtro solar ningún.

Tipos de raios ultravioleta

Raios UVA: Penetran profundamente na pel e poden provocar lesións importantes. Son responsables da cor do bronceado e, aínda que non queiman, producen danos cutáneos a longo prazo aínda máis profundos cós raios UVB. A pel broncéase a través de radiacións de raios UVA que inducen as células a produciren melanina, un pigmento natural que fai que a pel se vexa torrada.

Raios UVB: Causan o eritema solar ou queimadura. Estes raios danan a capa superior da pel, a epiderme e os ollos tamén se poden ver afectados. Os seus efectos son acumulativos a longo prazo.

Raios UVC: Son os máis agresivos, aínda que non chegan a atravesar a capa de ozono porque son absorbidos pola atmosfera e retidos alí. Con todo, poden ser emitidos por outras fontes artificiais como as lámpadas xermicidas.

O que convén saber e táboa comparativa

Antes da sesión de bronceado

  • Cando acudimos por primeira vez a un solario cómpre coñecermos o noso fototipo de pel e se admite a exposición continuada ós raios UVA: convén que nos informemos sobre os riscos ós que nos expomos e que recibamos, por parte do persoal do establecemento, instrucións precisas para o bo desenvolvemento da sesión de bronceado.
  • No establecemento de raios UVA a información seranos subministrada a través dun folleto, de carteis na sala de espera e mediante o asesoramento do persoal do establecemento, que debe ter a formación axeitada.
  • Antes de sometérmonos a unha sesión de bronceado, fagamos unha limpeza profunda da pel para eliminar calquera produto cosmético, especialmente perfumes e maquillaxes. E quitemos os lentes, as xoias e calquera obxecto metálico.
  • Non empreguemos cremas de protección solar nin aceleradores de bronceado: poden conter substancias fotosensibilizantes.
  • Non nos expoñamos ós raios UVA se estamos tomando medicamentos e/ou substancias que aumenten a sensibilidade da pel ós raios UV, xa que poden producir reaccións de hipersensibilidade non desexables.
  • As mulleres embarazadas débense abster de tomar raios UVA.
  • Nunca nos expoñamos a doses maiores das recomendadas segundo o noso tipo de pel, nin cunha frecuencia inferior a 48 horas entre cada sesión.
  • Non nos expoñamos ós raios de sol nin do solario o mesmo día. Deberán transcorrer cando menos 48 horas entre as 2 primeiras sesións.
  • Non nos expoñamos ó sol, ata pasadas polo menos 24 horas, despois dunha depilación ou exfoliación da capa córnea.
  • Apliquemos crema hidratante despois de cada sesión en todas as zonas expostas á exposición.
  • Evitemos a exposición ós raios UVA das nosas zonas xenitais.
  • Utilicemos sempre gafas ou adhesivos de protección homologados para este tipo de uso, para evitar cataratas, conxuntivite e inflamación da córnea. A pálpebra non protexe completamente contra a radiación. Se usamos lentes de contacto, debemos quitalos antes de cada sesión.
  • Protexamos ou cubramos os cabelos tinguidos ou descolorados.
  • Está prohibida a utilización de solarios por menores de 18 anos.

Durante a sesión de bronceado

  • Non debemos quitar, baixo ningún concepto, as gafas de protección solar.
  • Se a nosa pel, debido á vasodilatación, se pon vermella durante o bronceado, probablemente se trate dun eritema térmico. Neste caso, cómpre deixar arrefriar o corpo, reducir os tempos de radiación e evitar suar.

Tralo bronceado

  • Hidratemos a pel abundantemente.
  • Se a pel está vermella ou tirante, retardemos a vindeira exposición un mínimo de 48 horas.
  • Evitemos tomar o sol ese día.
  • Se se desenvolven sobre a nosa pel bochas, feridas ou se esta se torna vermella, consultemos o médico dermatólogo.