Enquisadas preto de 1000 persoas sobre os seus hábitos de lectura da etiquetaxe dos alimentos

Só unha de cada dúas persoas entrevistadas le sempre a etiquetaxe dos produtos

O 94 % cre que se utilizan termos excesivamente complexos e o 86 % opina que deberían modificarse
1 Outubro de 2013
Img tema de portada listado

Só unha de cada dúas persoas entrevistadas le sempre a etiquetaxe dos produtos

Ir á compra non sempre é doado. Para moitos é como entrar nun campo de batalla onde se enfrontar a miles de produtos aloxados en estantes. Pero non están desarmados. Unha das armas coas que conta o consumidor para afrontar esta cruzada é a etiquetaxe nutricional dos produtos. Trátase do principal medio de comunicación entre o produtor ou o distribuidor e o consumidor, así como dunha ferramenta clave para realizar eleccións debidamente informadas. Non obstante, malia que as etiquetas dos alimentos achegan datos moi útiles, non sempre reciben toda a atención que merecen. Por este motivo, EROSKI CONSUMER quixo saber se os consumidores atenden realmente a etiquetaxe dos produtos e se a consideran útil.

Para iso, a revista entrevistou durante o mes de agosto preto de 1000 persoas maiores de idade. Todas elas procedían de 17 comunidades autónomas. Como conclusión, só unha de cada dúas persoas enquisadas le sempre a etiquetaxe dos produtos que adquire e destas apenas a metade entende con frecuencia a información declarada. É máis, aínda que un 78 % o consideran unha ferramenta útil, só á metade lle inflúe sempre na compra. Pode que isto se deba a que o 94 % dos enquisados cre que se utilizan termos excesivamente complexos e o 86 % considera que na etiquetaxe deberían realizarse modificacións.

Ler a etiqueta non é un hábito para todos

A función da etiquetaxe nos alimentos é a de informar sobre o que contén un produto e a súa existencia responde a un dos dereitos básicos do consumidor que é “a información correcta sobre os diferentes produtos ou servizos e a educación e a divulgación para facilitar o coñecemento sobre o seu axeitado uso, consumo ou aproveitamento”, segundo o artigo 2.1.d da Lei xeral 26/1984 para a defensa dos consumidores e usuarios.

Aínda así, malia que goza deste dereito, o consumidor final le a información que se lle ofrece en cada produto? Na enquisa realizada por EROSKI CONSUMER, unha de cada dúas persoas entrevistadas dixeron facelo sempre, pero outro 45 % confirmou que só ás veces e un 5 % nunca. Por provincias, todos os enquisados manchegos, valencianos e rioxanos aseguraron ler a etiqueta, fronte a un de cada dez galegos, cántabros e castelán leoneses entrevistados que aseguraron que non o facían nunca.

Non hai diferenzas apreciables por sexo, pero si por idade. Entre os que confirman esa lectura, son os máis novos de entre 18 e 34 anos os que o fan sempre en maior proporción, un 58 % deles. Pola súa banda, o 47 % dos maiores de 55 anos examinan as etiquetas só ás veces.

A data de caducidade é o que máis se le

Case a maioría dos enquisados (93 %) que afirman fixarse na etiquetaxe le sempre a data de envasado e caducidade ou consumo preferente, outro 81 % tamén di que repara na información nutricional e un 72 % pon os seus ollos tamén na lista de ingredientes e de alérxenos.

Tanto por idade coma por sexo e procedencia dos enquisados, o dato no que se fixan os enquisados en maior proporción é a data de envasado e de caducidade ou consumo preferente (o 93 % deles) e, en menor proporción, o nome ou razón social e o enderezo do fabricante (o 31 %). Aínda así, producíronse algunhas excepcións. Os mozos de entre 18 a 34 anos fíxanse en maior medida na información nutricional (o 90 % deles), ao igual que os asturianos enquisados (o 96 %). Por outra banda, os cántabros e os galegos entrevistados reparan máis na lista de ingredientes e de alérxenos (o 93 % e o 85 % dos enquisados, respectivamente).

Unha maraña de conceptos non sempre descifrable

Unha cousa é ler e outra entender. Os que len as etiquetas dos produtos que adquiren non sempre comprenden a información que aparece nelas: un de cada dous enquisados recoñece que só a entende ás veces. Por sexos, son eles os que en maior proporción así o recoñecen (un 54 % fronte ao 49 % delas) e, por idade, os enquisados de entre 35 e 54 anos (o 55 %), a diferenza do 40 % de 18 a 34 anos que tamén o asegura. Por último, dous de cada tres estremeños e castelán leoneses entrevistados tamén destacan por confirmar que esa información non sempre a descifran (arredor do 65 %).

E cal é o tipo de información que non adoitan entender? Tres de cada cinco menciona a lista de ingredientes e de alérxenos, dous de cada cinco a información nutricional e un de cada catro o nome ou razón social e o enderezo do fabricante, o lugar de orixe e a denominación de venda do produto. Por idade e sexo, todos coinciden en que a lista de ingredientes e de alérxenos é o dato no que adoitan dubidar en maior medida (tres de cada cinco afirman que o grao de comprensión deste dato é medio). En canto aos enquisados en Asturias e nas comunidades madrileña e valenciana engaden a información nutricional e en Cantabria apúntase o lugar de orixe do produto.

A súa utilidade e influencia a debate

A utilidade da etiquetaxe dos produtos ás veces cuestiónase. Aínda que tres de cada catro persoas enquisadas confirmaron que sempre é útil (en maior medida as mulleres, cunha porcentaxe do 79 %, e os mozos de 18 a 34 anos, cun 82 %), unha de cada cinco cre que só o é ás veces (en maior proporción os homes e os adultos de 35 a 54 anos, un 22 %) e non chegan ao 1 % os que opinan que nunca o é (superan esta proporción o 7 % dos rioxanos enquisados).

O tipo de información máis útil para os enquisados por EROSKI CONSUMER é a información nutricional (así llo parece ao 37 %), a lista de ingredientes e de alérxenos (32 %) e a data de envasado e caducidade ou de consumo preferente (21 %). Non hai apenas diferenzas por idade e sexo, malia que en canto á localidade os estremeños tamén lle dan importancia ao lugar de orixe (así o fan o 19 % dos enquisados).

Non obstante, e a pesar de que se lle recoñece utilidade á información da etiquetaxe, isto non sempre inflúe na compra que se realiza. Na enquisa, un 51 % dos entrevistados asegurou que sempre lle inflúe (a maioría son mulleres e persoas de 55 anos ou máis), un 48 % afirma que só ás veces (máis nos homes, cunha porcentaxe do 52 %, e ás persoas de entre 35 e 54 anos) e un 1 % di que non lle inflúe nunca. Por localidades, a cifra atinxe o 7 % no caso dos rioxanos enquisados e o 5 % no dos murcianos, baleares e navarros. Con todo, a información que inflúe en primeiro lugar á hora de facer a compra é a nutricional (39 %), a lista de ingredientes e de alérxenos (33 %) e a data de envasado e de caducidade ou consumo preferente (17 %).

Termos complexos que non axudan

Para que a etiquetaxe dos alimentos sexa unha ferramenta eficaz e un medio de comunicación útil para o usuario, é imprescindible que a información sexa clara e lexible. Non obstante, na enquisa, nove de cada dez entrevistados por EROSKI CONSUMER opinaron que as etiquetas conteñen información con termos excesivamente complexos. Os que o pensan en maior proporción son aqueles con máis de 35 anos (95 %), fronte ao 90 % dos novos de 18 a 34 anos e, curiosamente, todos os manchegos e estremeños enquisados. Entre os que cren que as palabras utilizadas na etiquetaxe son complexas, un de cada cinco di que esta situación sempre se produce e sete de cada dez consideran que só ás veces. En especial, os homes e con 55 anos ou máis pensan isto (un 26 % deles, respectivamente) e os entrevistados en Canarias (un 36 %) e en Estremadura (o 31 %). Neste sentido, a catro de cada cinco persoas da enquisa a información das etiquetas levounas a erro ou confundiunas algunha vez á hora de facer a compra. Por sexos, a un 84 % das mulleres e a un 81 % dos homes. Pero as diferenzas son maiores por idades: mentres aos maiores de 35 anos lles sucedeu no 83 %, entre os mozos de 18 a 34 anos esa proporción baixa ao 75 %.

No 65 % dos casos, esa información que induciu a erro referíase á composición do produto, nun de cada tres ás características e ás calidades do produto e nunha de cada catro á natureza e á orixe deste.

A etiquetaxe baixo a inspección do consumidor

Un 86 % dos enquisados por EROSKI CONSUMER considera que a etiquetaxe dos alimentos debería modificarse dalgún xeito. Un 89 % dos homes así o pensan, fronte ao 84 % das mulleres. Tamén as persoas de 55 anos ou máis son máis críticas: o 88 % opina que deberían facerse cambios, fronte ao 83 % dos mozos de 18 a 34 anos. Tamén o pensan en maior proporción en Asturias, en Madrid e na Comunidade Valenciana (arredor do 91 % dos entrevistados).

E que propoñen? Tres de cada catro cre que as etiquetas deberían ser máis claras e lexibles. Outro 54 % considera que a información debería ser máis fiable, un 44 % que habería que traballar na estrutura dos datos e un 22 % que terían que ser máis breves e concisas. E non só iso: o 28 % dos enquisados pide que se inclúa máis información nas etiquetas sobre varios aspectos: a orixe do produto e das materias primas, concretar os ingredientes (en especial, preocupan os aditivos e os seus efectos adversos), a data de caducidade unha vez aberto o produto, a rastrexabilidade dos produtos frescos, os selos oficiais de calidade e as contraindicacións.

Información nutricional: valórase, pero non sempre inflúe

A etiquetaxe especificamente nutricional engloba toda a información sobre o valor enerxético do produto e o seu contido nunha serie de nutrientes (proteínas, hidratos de carbono, graxas, fibra alimentaria, sodio, vitaminas e minerais). A súa importancia vén definida no Libro branco sobre seguridade alimentaria: “Os consumidores mostran un interese cada vez maior polo valor nutritivo dos alimentos que adquiren e cada vez é máis necesario proporcionarlles información correcta sobre os alimentos que consomen”. Na actualidade, non é obrigatorio incluír este tipo de datos na etiqueta do produto, unicamente cando o produtor lanza algún tipo de mensaxe sobre propiedades nutritivas ou saudables do alimento, como “rico en…” ou “baixo contido en…”.

EROSKI CONSUMER tamén consultou sobre a información nutricional, concretamente sobre dous datos: o valor enerxético do produto e os nutrientes (proteínas, hidratos de carbono, graxas, fibra alimentaria, sodio, vitaminas e minerais). Para catro de cada cinco enquisados a información sobre os nutrientes do produto é moi importante e para dous de cada tres tamén o é o valor enerxético.

Pero, ademais de valorar esta información, o feito de vela na etiquetaxe do produto que se vai adquirir inflúe sempre á hora de facer a compra? A información relativa aos nutrientes inflúelle a máis da metade dos entrevistados, mentres que o valor enerxético só a un de cada tres. E é que un 59 % deles recoñece que lle inflúe só en ocasións o valor enerxético e a outro 44 % os nutrientes. Arredor do 6 % nunca ten en conta estes conceptos.

Contalo con cores e símbolos

Un dos sistemas que busca clarificar a información nutricional das etiquetas é o semáforo nutricional que consiste en lles outorgar aos alimentos un indicador que mostre nunha rápida ollada das súas características nutricionais e se o produto en cuestión é saudable.

Do case millar de enquisados por EROSKI CONSUMER, máis da metade coñecía este sistema. Deles, un 56 % eran mulleres, fronte ao 51 % dos homes. Por grupos de idade, son maioría os mozos de 18 a 34 anos os que saben en que consiste (un 70 %), fronte ao 58 % dos entrevistados de entre 35 a 54 anos e ao 39 % con 55 anos ou máis. Por comunidades, hai un maior descoñecemento entre os canarios e os estremeños enquisados (tres de cada catro confirmou non coñecelo), a diferenza dos navarros e dos vascos (arredor do 75 % sabía en que consistía).

Entre as máis de 500 persoas que dixeron coñecer o sistema do semáforo nutricional, a nove de cada dez parécelles un sistema comprensible: catro de cada cinco opinan que é clarificador que a información nutricional se mostre por 100 g ou 100 ml e tamén por ración (sempre e cando se engada o número de racións que contén o envase). Pola contra, para un 11 %, o semáforo nutricional non é un método claro, en maior proporción no caso dos homes (un 14 %), fronte ao 9 % das mulleres, e maiores de 55 anos (o 14 % dixo que non lle parecía un método claro, fronte ao 10 % dos outros dous grupos de idade).

Pero, en xeral, considérano un sistema útil. A un 87 % dos enquisados permítelles realizar compras máis saudables, a un 76 % coñecer rapidamente que nutrientes achega e a un 74 % identificar a primeira vista de que tipo de alimento se trata.

Sobre a información nutricional...

Alimentación e saúde convertéronse nun binomio inseparable. É evidente que cada vez lle damos máis importancia a que os alimentos que consumimos sexan saudables. Queremos saber que conteñen e se é bo para o noso organismo. A información nutricional visible nos produtos é especialmente útil para coñecer que nutrientes (e en que cantidade) contén un determinado produto. Entón, que podemos atopar na etiqueta sobre a información nutricional?

  • Valor enerxético por 100 g/100 ml: os alimentos son a fonte de enerxía para o noso corpo. A cantidade de enerxía que teñen os alimentos mídese en unidades denominadas quilocalorías (kcal) ou quiloxulios (kj). Como medida de referencia, na etiquetaxe de alimentos indícase a cantidade de kj/kcal que achega ese alimento ao consumir 100 g ou 100 ml.
  • Valor enerxético por unidade ou porción: sempre que se indique o número de racións que ten o envase.
  • Hidratos de carbono: a achega calorífica diaria roldaría o 55-60 % da inxestión enerxética total. Na etiquetaxe, mencionarase principalmente como gramos de hidratos de carbono por 100 gramos de produto. Algunhas veces poden aparecer desagregados os hidratos de carbono, azucres, polialcohois ou amidón.
  • Graxas: deben representar o 30-35 % das calorías totais diarias. Algunhas veces poden aparecer desagregadas e diferenciadas entre saturadas, monoinsaturadas, poliinsaturadas e colesterol.
  • Proteínas: a inxestión recomendada para a poboación adulta española é de 54 gramos nos homes e de 41 gramos nas mulleres, que representan arredor dun 7 % da inxestión enerxética total, respectivamente.
  • Sodio/sal: recoméndase consumir menos de 6 g/día de sal ou o seu equivalente, 3 g/día de sodio.
  • Fibra: establecer esta recomendación é difícil, aínda que se pode aconsellar entre 25 e 35 g/día, incluídos todos os tipos de fibra. Para conseguir isto é fundamental que na dieta habitual haxa unha gran variedade de alimentos que a conteñan, como pan integral, legumes, froitas e verduras.
  • Vitaminas e minerais: mencionarase se 100 gramos ou mililitros de produto achegan o 15 % ou máis do consumo diario recomendado.

Estes son os obxectivos nutricionais xerais; é dicir, unha orientación sobre a cantidade de nutrientes que é necesarios inxerir nunha dieta media de 2000 kcal para conseguir un estado nutricional óptimo e evitar a deficiencia dun nutriente determinado. Porén, hai que ter en conta que os requirimentos nutricionais son específicos de cada persoa segundo o sexo, a idade, a actividade física etc.