Analizáronse as zonas escolares que rodean 100 centros educativos de 10 cidades

Seguridade viaria nos colexios: aceptable

A ausencia de sinais de limitación de velocidade, a falta de sinalización en accesos específicos para o alumnado e as retencións de tráfico son as principais carencias
1 Novembro de 2013
Img tema de portada listado 100

Seguridade viaria nos colexios: aceptable

Segundo a última enquisa de mobilidade do Ministerio de Fomento, cada neno de ata 14 anos desprázase unha media de tres veces ao día. A maioría desas viaxes son para ir ou vir do centro educativo e case sempre se desprazan camiñando. Os nenos forman un dos colectivos máis vulnerables dentro do espazo público. A súa baixa estatura e as súas reaccións ás veces imprevisibles aumentan o risco de que sufran un accidente. A súa visión e o seu nivel de audición tampouco están desenvolvidos completamente, polo que a súa percepción dos vehículos a motor que circulan é distinta á dos adultos.

Por todo iso, EROSKI CONSUMER quixo examinar o contorno dos colexios para observar se periga a seguridade dos nenos na entrada e na saída dos centros educativos. A finais de setembro, comprobouse a seguridade e o tipo de infraestruturas da zona escolar que rodea a un total de 100 colexios situados en 10 cidades españolas: A Coruña, Barcelona, Bilbao, Logroño, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia e Vitoria.

Despois de realizar as comprobacións pertinentes, chegouse á conclusión de que a seguridade viaria do contorno dos colexios analizados só se pode valorar cun “aceptable”, xa que se observaron algunhas carencias destacables. Así, soamente en dúas de cada tres ocasións os accesos específicos para os alumnos estaban sinalizados claramente e nunha de cada tres ocasións non se atopou unha zona de espera segura antes de entrar no edificio. Ademais, no 55 % dos casos non había sinalización de limitación de velocidade e no 45 % nin sequera existía un sinal vertical de zona escolar ou frecuentada por menores.

Por cidades, as zonas escolares mellor valoradas foron as analizadas na Coruña, Bilbao, Pamplona, San Sebastián e Vitoria, que obtiveron a cualificación de “ben”.

En transporte público

Os usuarios dos centros educativos deben poder escoller a alternativa de transporte que lles vaia mellor: a pé, en bicicleta ou utilizando o transporte escolar, público ou privado. Non obstante, segundo aumenta a distancia, vanse restrinxindo as posibilidades de ir a pé e vanse impoñendo outras.

En primeiro lugar, reparouse nos medios de transporte urbano públicos. En case unha de cada cinco zonas escolares non se localizaron paradas situadas preto das inmediacións do colexio; atopáronse cinco en Logroño, catro en Barcelona e Valencia respectivamente, tres en Sevilla, unha en Pamplona e outra en Vitoria. Pola contra, nas 82 zonas escolares onde si se atoparon, dominaban as de autobús urbano e chegáronse a contabilizar unha media de 2 paradas deste modo de transporte moi próximas ao colexio en catro de cada cinco ocasións. Así mesmo, nun 15 % atopáronse paradas de metro (nas capitais bilbaína, madrileña, barcelonesa, sevillana e valenciana) e nun 10 % localizáronse paradas de tranvía (en Vitoria, Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia).

A este respecto, tívose presente que a seguridade dos máis pequenos se debe ter en conta dende o momento no que esperan na parada, e foi por isto polo que se comprobou se as paradas se situaban en carrís rectos nos que houbese suficiente visibilidade para os peóns. Isto cumpríase no 97 % dos casos, pero non ocorría isto preto de dous centros de Madrid e de San Sebastián.

A dúas e catro rodas

A mobilidade compaxínase tamén co transporte en bicicleta. Dispoñer dunha boa rede de bicicarrís axuda a potenciar unha mobilidade sostible. Non obstante, en dúas de cada tres zonas próximas a centros estudantís non se ofrecía esta posibilidade. Destacan de forma negativa todas as inmediacións escolares analizadas na Coruña e en Madrid. Pola contra, esta infraestrutura atopouse en oito das dez zonas analizadas en Vitoria.

Por outro lado, é un feito que existe unha maior presenza de vehículos privados nas zonas escolares. Aínda así, durante o estudo comprobouse que só no 66 % das zonas observadas había prazas de aparcadoiro gratuítas e non así no resto, onde o estacionamento era zona regulada. Non obstante, neste último caso acháronse lugares onde se ofrecía a posibilidade de aparcar 15 minutos gratis; concretamente en Bilbao, Logroño, San Sebastián (só en rúas comerciais) e Vitoria.

Por último, tamén se quixo saber se había aparcadoiros reservados para o transporte privado e escolar colectivo. Atopáronse tan só nunha de cada cinco ocasións: en sete contornos escolares de Pamplona, cinco da Coruña, catro de San Sebastián, dous de Vitoria e un de Bilbao e Sevilla, respectivamente.

Os acceso, seguros

Os 100 centros educativos observados dispoñían dun perímetro totalmente pechado, xa fose cun valo ou cos muros do propio edificio. De media, cada un deles dispoñía de dúas entradas específicas para os alumnos. En tres de cada catro ocasións, considerouse que eses accesos tiñan a suficiente anchura (aproximadamente unha media de 4 metros) para evitar aglomeracións, pero non ocorría isto nalgúns atopados no 26 % dos centros analizados (arredor dunha media de 2 metros).

Ademais, un 70 % dos centros estudados contaban cunha zona de espera xunto a eses accesos para que os alumnos puidesen agardar de forma segura a entrar no centro. Os que fallaron neste sentido foron a metade dos colexios estudados en San Sebastián; catro en Bilbao, Madrid, Sevilla e Valencia, respectivamente; tres en Barcelona e Pamplona, respectivamente; un en Vitoria e outro na Coruña e, por último, un en Logroño.

Durante o estudo, comprobouse que no 90 % dos casos o centro está sinalizado correctamente cun cartel identificativo co seu nome e co tipo de centro que é, pero non acontecía o mesmo con todos os seus accesos específicos do alumnado. Só nun de cada tres colexios seleccionados estaban sinalizados. Sobresaen nesta materia de forma positiva todos os colexios visitados de Valencia, seis de Bilbao, seis de Pamplona e cinco de Logroño e San Sebastián. O tipo de sinalización sempre eran placas ou rótulos na fachada.

O contorno máis inmediato

Os máis novos son, dentro e fóra do cole, eminentemente peóns. EROSKI CONSUMER dirixiu a súa mirada cara ao espazo público máis próximo aos colexios seleccionados, un lugar de tránsito, de estancia e tamén de xogo.

O 68 % das beirarrúas máis próximas ao centro tiñan a suficiente anchura para percorrelas con comodidade sen que se producisen aglomeracións (máis de 5 metros de media) e, na súa maioría (un 94 %), o seu pavimento non esvaraba. Neste sentido, destacan Pamplona, onde nos arredores dun dos colexios estudados se observaron valos que separaban a beirarrúa da calzada. O concello desta localidade instalou en 2009 aproximadamente 500 valos deste tipo no contorno de 37 centros educativos, co fin de mellorar a seguridade dos nenos e dos mozos que se desprazan diariamente aos centros de ensino. Ademais, ao redor de 300 contan con carteis que indican o acceso aos pasos de peóns e ás paradas de autobús máis próximas.

Por último, é frecuente que o mobiliario ou os sinais de tráfico se sitúen sen reparar no espazo peonil, de xeito que entorpecen ou dificultan o paso. Aínda así, durante a observación, no 79 % dos casos non había elementos que dificultasen o tránsito dos peóns (gabias das árbores, colectores, papeleiras, caixas de correo…), pero si nunha de cada cinco ocasións, especialmente en Pamplona (en sete) e en Sevilla (na metade). O impedimento máis repetido constituíao o mobiliario urbano, en especial as gabias das árbores. Tamén había vehículos que obstaculizaban o paso: unha motocicleta en Sevilla e vehículos en dobre ou tripla fila en Valencia.

Visibilidade nos cruzamentos

Os cruzamentos son os lugares de fricción entre o tráfico rodado e o tránsito peonil. Neles, camiñantes e condutores comparten espazo. Durante o estudo, para acceder a case todos os centros seleccionados (o 93 %) había que cruzar a calzada nalgún momento.

En tres de cada catro zonas escolares estudadas, había pasos de peóns colocados neses cruzamentos que derivaban os alumnos ao interior do centro. Isto non acontecía, por exemplo, en cinco zonas escolares de Valencia e de Logroño respectivamente, catro de Bilbao, tres da Coruña, dúas de Barcelona e Madrid respectivamente e unha de Vitoria (atopábanse lonxe do acceso, a pesar de que había que cruzar a calzada). Malia isto, practicamente en todos os pasos de peóns estudados había boa visibilidade á hora de cruzar. Unicamente en cinco casos se localizou algo que lles restaba visibilidade, co perigo que iso podía supoñer para os alumnos: estar situados en curva ou en diagonal, a presenza de vehículos aparcados ou haber mobiliario urbano obstaculizando.

Outro dos perigos que pode xurdir ao andar polas beirarrúas é cruzar o acceso dun aparcadoiro. Isto unicamente acontecía na metade dos casos e, deles, só no 43 % das ocasións había espellos de visualización en todos ou nalgúns dos aparcadoiros observados (acontecía sobre todo en Vitoria, en seis deles).

Máis sinalización, máis seguridade

A sinalización é outra ferramenta moi útil para evitar riscos nos cruzamentos. En primeiro lugar, os pasos de peóns sinalízanse basicamente coas marcas viarias, xeralmente ben pintadas (no 88 % dos casos). Non sempre están acompañados de sinais verticais (só o estaban os pasos de peóns do 51 % dos casos), nin tampouco con semáforos (isto acontecía no 45 % das veces). E, por último, só nun 28 % dos casos os pasos de peóns tiñan iluminación, nun 14 % eran elevados e nun 12 % contaban con bandas de calmado de tráfico.

No 87 % das zonas escolares analizadas a velocidade de aproximación dos vehículos aos pasos de peóns considerábase a axeitada. Non obstante, para o tráfico da zona non había unha sinalización de velocidade que lles recordase aos vehículos en que lugar están e a que velocidade deben ir por iso. Só no 40 % dos casos se observou e a limitación era, de media, de 30 km/h. Outro dos sinais imprescindibles é o que anuncia que se trata dunha zona escolar. Só na metade dos contornos analizados existía unha sinalización vertical. Nas cidades onde máis se atopou foi en Logroño e en Madrid (en nove ámbitos escolares estudados, respectivamente) e en Bilbao (en sete).

Hora punta: retencións

É na hora punta de entrada ou de saída do colexio cando coinciden os que van a pé, en bicicleta ou os que utilizan o transporte escolar público ou privado, de xeito que se converte no momento no que se poden producir máis situacións de perigo. Nunha de cada cinco ocasións producíronse retencións e atoamentos de coches nos accesos aos colexios. Aconteceu en catro centros de Valencia; en tres de Madrid, Pamplona, Sevilla e Vitoria, respectivamente; en dous da Coruña e nun de Logroño e de San Sebastián, respectivamente. Nas interseccións, apenas se testemuñaron dúas ocasións de perigo. Unha en Bilbao (un vehículo trataba de saír polo mesmo acceso do alumnado) e outra en Sevilla (os peóns ocupaban o carril bici). Durante o acceso ou a saída do centro en hora punta, tamén se observaron ocasións de perigo en oito ocasións: tres en Vitoria, dúas en Sevilla, outras dúas en Bilbao e unha na Coruña. Normalmente, no problema intervén un vehículo ou a proximidade doutras vías á dos peóns sen valos de protección (vía do tranvía e carril bici).

Durante a observación, unicamente se viron autobuses privados dende os que descendesen ou subisen alumnos nunha de cada cinco zonas escolares. Un 27 % deles non aparcaban no estacionamento destinado a este tipo de transporte (en catro ocasións na Coruña e nunha en San Sebastián e en Vitoria, respectivamente) e no 14 % nin sequera podían porque non había (un en Bilbao e outro en Pamplona).

Por outro lado, observáronse policías ou persoal voluntario nas proximidades do centro educativo unicamente en 25 centros do centenar das zonas escolares analizadas. En concreto, víronse axentes municipais en 23 ocasións (en nove de Valencia, en tres de Logroño e Pamplona respectivamente e en dous na Coruña, San Sebastián, Sevilla e Vitoria respectivamente) e dous voluntarios (en Barcelona e en Pamplona), estes últimos identificados cun chaleco reflector.

De camiño ao colexio

Algúns concellos españois promoven os “camiños escolares” para aumentar a autonomía infantil. Entre as localidades españolas máis veteranas sitúase San Sebastián, aínda que tamén se poden atopar iniciativas similares en Barcelona, Madrid, Xetafe, Segovia, Sevilla, Terrasa ou Zaragoza, entre outras.

Pero, que é exactamente? É un proxecto de mobilidade sostible dirixido a facilitar que os nenos e as nenas poidan ir sós á escola. Isto implica converter as rúas en itinerarios seguros con prioridade de uso para a poboación infantil e xuvenil.

A título individual, os pais, as persoas que acompañan os máis pequenos ao colexio e eles mesmos tamén poden aplicar os seguintes consellos prácticos:

  • Na rúa: non cruzar nunca diante do autobús, tomar precaucións; o máis seguro é, sen dúbida, o paso de peóns. Máxima atención: mirar a un lado e a outro lado e logo pasar con coidado e sempre co semáforo en verde. Reparar tamén nas saídas e nas entradas dos garaxes porque, ás veces, poden ser moi perigosas.
  • En bici: trátase de conseguir mellores condutores de bicicletas e traballar o aspecto normativo e de respecto aos demais. Sen auriculares: non é un hábito seguro circular sobre as dúas rodas provistos de auriculares. Respectar sempre os sinais e as normas de circulación.
  • En autobús: esperar sempre na parada é a opción máis segura. No momento de subir ou baixar, hai que respectar a quenda, sen empurrar e un por un.
  • En vehículo particular: é primordial o uso do cinto ou do sistema de retención que lle corresponda, segundo o seu talle e peso.