Residencias para a terceira idade: analizadas 125 públicas, privadas e concertadas en 18 provincias

Segue a haber poucas prazas e cada vez son máis caras

Hai listas de espera no 70% delas e un 21% presentan carencias de calidade. Nos últimos catro anos, os prezos das públicas encareceron máis, ata un 23%, pero en xeral seguen a ser máis baratas e mellores ca as privadas
1 Abril de 2009
Img tema listado

Segue a haber poucas prazas e cada vez son máis caras

/imgs/20090401/tema1.jpgSomos cada vez máis lonxevos: en España, o 17% da poboación é maior de 65 anos e dentro de dúas décadas serao case un de cada catro españois. Non é de estrañar, polo tanto, que a demanda de solicitudes de ingreso en residencias para a terceira idade creza. Tamén a oferta destes centros aumentou, aínda que non moito: nos últimos catro anos pasou de 3,5 prazas cada cen habitantes a 4,14 prazas, e no segmento de maiores de 80 anos as 14 prazas cada cen habitantes son hoxe 16 prazas. Pero este crecemento non abonda, como o demostra que sete de cada dez residencias analizadas neste informe de CONSUMER EROSKI, que publicou hai catro anos un estudo semellante, teñan lista de espera. Non subiron moito as tarifas das residencias para anciáns, xa que dende o 2005 o fixeron nun 8% de media cando o IPC acumulado nese período foi do 9,4%. Pero hai un matiz importante a este dato: as residencias públicas, aínda que seguen a ser máis económicas ca as privadas e concertadas, encareceron, de media, un 23%. E nun suposto concreto moi común, o dun residente válido en cuarto compartido, o incremento de tarifas é aínda maior. Hai catro anos tiña que pagar de media nunha residencia pública 775 euros, e hoxe tería que aboar 1.021 euros, un 32% máis. Tarifas e incrementos onerosos, xa que as pensións subiron un 19% durante estes catro anos. E porque un xubilado español cobra de media 821,5 euros (dato de decembro 2008).

O número de residencias que mereceron un suspenso no exame reduciuse considerablemente. Pasou do 14% ao 3%, pero mantéñense carencias pouco desculpables: baños sen timbre de emerxencia en dúas de cada cinco residencias, un 20% delas sen servizo de fisioterapia e rehabilitación, o 35% só contan cun médico de cabeceira como único especialista e en máis da metade non se realizara un simulacro de emerxencia no último ano. As públicas e concertadas sobresaen con mellores cualificacións e menos suspensos ca as privadas, ao igual que acontecía no 2005.

Estas son algunhas das conclusións ás que chegou CONSUMER EROSKI logo de analizar 125 residencias coa mesma metodoloxía ca no informe de hai catro anos. Os técnicos desta revista, amais de solicitaren toda a información relevante de cada unha delas mediante diversas xestións, visitaron 125 residencias situadas na Coruña, en Álava, Alacante, Asturias, Madrid, Barcelona, Burgos, Cádiz, Granada, Guipúscoa, Málaga, Murcia, Navarra, Sevilla, Valencia, Valladolid, Biscaia e Zaragoza, facéndose pasar en todas elas por clientes ficticios. O obxectivo era comprobar a atención asistencial que lles dispensan aos seus residentes, as infraestruturas e servizos cos que contan, o número de anciáns que lle corresponden a cada coidador, o grao de intimidade e a sensación de se sentir case coma na casa que poida ter cada persoa maior e mais a atención médica que lles ofrecen. Tamén se estudou a limpeza, a seguridade e a accesibilidade das instalacións, e anotáronse e comparáronse os prezos das residencias, xa fosen privadas, concertadas ou públicas. En 12 das 125 residencias da mostra non se lles permitiu a visita aos hipotéticos clientes e cinco centros (de Valladolid, de Alacante, da Coruña e de Barcelona) non contaban cun certificado que acreditase oficialmente que a residencia contaba con todos os elementos precisos para lles asegurar unha atención axeitada aos anciáns.

Con todo, a valoración media das residencias estudadas, un ‘ben’, é satisfactoria e a mesma ca hai catro anos. E, ao igual ca daquela, as residencias públicas non só se revelan máis económicas, senón que obteñen unha mellor cualificación final (7,3 puntos de media e ningún suspenso) ca as privadas e concertadas (6,7 puntos e 7,2 puntos, respectivamente, e un 4% de suspensos). Por territorios, obteñen peor cualificación ca no 2005 Cádiz e mais A Coruña (pasan do ‘ben’ ao ‘aceptable’) e Guipúscoa (do ‘moi ben’ ao ‘ben’), e melloran Barcelona, Málaga, Sevilla e Zaragoza (do ‘aceptable’ ao ‘ben’) e tamén Biscaia (de ‘ben’ a ‘moi ben’).

Equipamento, limpeza e accesibilidade

Centros ben equipados

/imgs/20090401/tema2.jpgMáis da metade das 125 residencias analizadas, o 57%, eran de titularidade privada, o 20% tiñan carácter concertado (centros de carácter privado que ofrecen algunhas prazas públicas subvencionadas pola Administración) e un 23% eran públicas (aínda que poida sorprender, esta é a proporción de residencias públicas fronte ás privadas que hai en España). Amais de estaren acondicionados como residencias permanentes, o 56% destes centros poden ofrecer prazas para estancias temporais, dar servizo como centros de día (34%) ou servir de vivendas comunitarias (5%). A oferta media é de 41 cuartos por residencia, aínda que se visitaron pequenos centros de apenas cinco cuartos e unha residencia en Navarra con máis de 500 cuartos. O máis habitual é que conten con cuartos individuais e dobres (idóneas para matrimonios ou para parellas de residentes e máis económicas ca as individuais), aínda que tamén se atoparon cuartos triplos (en 23 centros) e mesmo con catro camas (en 7 residencias).

En xeral, as residencias merecen un ‘ben’ en servizos e infraestruturas, pero destacan as visitadas en Álava, Navarra e Biscaia cun ‘moi ben’ de media. No extremo contrario, as de Asturias suspenden cun ‘regular’ e as analizadas en Cádiz e Zaragoza son as únicas con peores cualificacións ca as analizadas no 2005, que non necesariamente foron as mesmas. O estado de mantemento dos centros é óptimo en xeral (só un 12% precisa reformas) e contan con cuartos ben equipados (con calefacción, armarios, mesas de noite…) aínda que é raro que teñan aire acondicionado, teléfono ou televisor. Tres de cada catro teñen aseo no cuarto, pero o baño non ten timbres de emerxencia (si os hai no 96% dos cuartos). A maior parte das residencias dispón de asistencia farmacéutica, de programas de animación socio-cultural, de salas de lectura e de comedor. Pero faltan ximnasios (só o 35% das residencias visitadas contaban con eles) e salas de ordenadores con conexión a Internet (só no 16% dos centros).

Limpeza e accesibilidade

En liñas xerais, o estado de limpeza destes centros é correcto, aínda que os xardíns de 10 das 94 residencias que contan con eles están algo a monte. Suspenden neste apartado as residencias visitadas en Cádiz e sobresaen unha vez máis as de Álava, cun ‘moi ben’, igual ca as de Navarra e Granada. A accesibilidade para minusválidos tamén obtén boas cualificacións, aínda que suspenden neste apartado os centros visitados en Cádiz e en Málaga. De feito, case todos os visitados dispuñan de ramplas ou de ascensores para subir dun andar a outro (agás tres residencias madrileñas que só tiñan escaleiras) e os baños e mais os cuartos teñen, polo xeral, chans antiesvaradíos, pratos de ducha con asas e inodoro con soportes laterais.

Limpeza, seguridade e servizos asistenciais

Seguridade e manutención

No tocante á alimentación, o 90% das residencias elaboran os seus propios menús (o resto confían en empresas de cátering) e o 96% adáptano ás necesidades médicas dos residentes. Para axudaren á dixestión cun pequeno paseo, un 85% dispoñen de espazos de recreo e de paseo, aínda que no extremo contrario, un 15% non contan sequera cunha terraza ou cunha simple zona asfaltada. Pero se houbo un apartado que destacase por riba da media, foi a seguridade, que obtivo un ‘moi ben’ de media e un ‘excelente’ no caso das residencias visitadas en Álava, Alacante, Guipúscoa e Murcia. Un 92% dos centros visitados en España contaban con extintores, luces e saídas de emerxencia, sistemas de alarma e portas cortalume e, agás dúas residencias na Coruña, unha en Madrid e unha en Valladolid (a única provincia que obtivo un mediocre ‘aceptable’), o resto dispuñan dun plan aprobado para posibles emerxencias. Así e todo, e esta foi a maior carencia en materia de seguridade, menos da metade das residencias realizaron un simulacro de incendio o ano pasado.

Listas de espera, o problema

Os 125 centros analizados teñen unha media de máis de 35 persoas en lista de espera e só un 30% dispoñen de prazas libres. Polo tanto, non todas as persoas que as precisan ven cubertas as súas necesidades de manutención, atención e aloxamento. Así e todo, en termos xerais os centros procuran cubrir todas as necesidades dos seus residentes e dar unha atención integral, contando para iso con persoal sanitario e social e mais con servizos de limpeza, cociña, xestión ou administración. O apartado de atención asistencial foi valorado globalmente cun ‘ben’, que chegou ao ‘moi ben’, unha vez máis, no caso das residencias de Álava. Dúas de cada tres residencias teñen un médico permanente (nun 35% trátase dun médico de cabeceira), o 83% dispoñen de consulta médica, o 53% teñen sala de enfermería de seu, o 80% conta con servizo de fisioterapia e rehabilitación, tres de cada catro teñen camas articuladas para todos os residentes e a maioría contan con baños xeriátricos (todas as concertadas, o 94% das privadas e o 80% das públicas). Escasean postoperatorias (só o 10% os ten) ou unidades especializadas para tratar casos de alzhéimer ou de demencia senil. Existe de media unha persoa responsable (enfermeiros, ATS, médicos e auxiliares) por cada tres usuarios, aínda que as porcentaxes son mellores nas residencias públicas ca nas privadas (2,8 e 3,3 residentes por traballador, respectivamente). De noite, cando se trata de atender só emerxencias puntuais, a cifra é de un traballador cada 25 residentes (aínda que sempre está en contacto cos servizos sanitarios de emerxencia). As residencias visitadas en Murcia destacan positivamente polo maior número de xeriatras, neumólogos e profesionais de coidados paliativos.

Un fogar fóra do fogar

Avaliouse ata que punto as residencias lles permiten aos seus usuarios sentírense coma na casa e, aínda que este apartado mereceu un ‘ben’, o resultado foi peor ca no 2005. Fallan as residencias visitadas en Cádiz cun ‘regular’, e as de Zaragoza, cun ‘aceptable’. Destacan cun ‘moi ben’ as da Coruña, Álava, Murcia, Navarra e Valencia. Os máis dos centros (un 96%) permitíanlles aos seus usuarios saír e entrar libremente e todos agás seis déixanos trasladarse cos seus mobles e aparellos. Case todos os centros permiten que os residentes reciban visitas nos seus propios cuartos e un 70% deixan os visitantes quedar a canda eles de se atoparen febles de saúde.

Como elixir unha boa residencia?
  • Visita: Infórmese sobre o seu funcionamento e visite as instalacións.
  • Localización: Elixa un centro preto do lugar no que vivan a súa familia ou as súas amizades próximas.
  • Accesos: Asegúrese de que as entradas e saídas estean asfaltadas, con ramplas ou ascensores.
  • Interior do centro: Comprobe que non haxa barreiras ou outro tipo de obstáculos, que os percorridos interiores dispoñan de varandas e de boa iluminación. Se hai máis dun andar debe haber ascensores.
  • Habitacións: Comprobe que sexan amplas, ben ventiladas e iluminadas e, a ser posible, con aseo completo.
  • Seguridade: Interésese polos sistemas de emerxencia, antiincendio e alarma do centro.
  • Cadro de persoal: Asegúrese de que a residencia dispón de persoal abondo, coa titulación esixida e coa experiencia necesaria. Leve todo o seu historial médico para confirmar a súa medicación, dieta ou tratamento.
  • Horario de visitas: Debe ser amplo e flexible.
  • Dieta semanal: Ten que ser variada e estar supervisada por un médico.
  • Servizos: A residencia debe ter terapias ocupacionais, sala de rehabilitación e/ou ximnasio, baños xeriátricos asistidos, sala de consulta médica, cuarto de curas e salas comúns abondas e amplas. Solicite información sobre os servizos incluídos e excluídos no prezo.

Prezos e diferenzas entre privadas e públicas e táboas comparativas

Soben os prezos

/imgs/20090401/tema3.jpgAnotáronse grandes diferenzas entre tarifas en función de cal fose a titularidade do centro (público, privado ou concertado), da súa oferta de servizos, do tipo de cuarto que se elixise (as individuais adoitan ser uns 100 euros máis caras ca as compartidas) e do estado de saúde do residente (se é dependente pagará aproximadamente 300 euros máis de mensualidade). A tarifa media é de 1.356 euros ao mes, fronte aos 1.252 euros que se pagaban hai catro anos (8% de incremento fronte ao 9,4% de suba do IPC no mesmo período). Nos centros públicos o prezo é menor, 1.174 euros de media fronte aos 1.500 euros dos privados. Nas residencias concertadas non se puido lograr unha media de prezo comparable á das privadas e á das públicas, xa que non todas ofrecen o mesmo número de prazas públicas e o seu prezo, extremadamente diverso, varía en función da situación física e socio-económica dos residentes.

Mellor públicas ou concertadas

Os centros públicos e concertados son máis baratos e obteñen mellores cualificacións ca os privados no exame realizado por esta revista. O 87% das residencias públicas e o 84% das concertadas valoráronse cun ‘moi ben’ ou cun ‘ben’, mentres que esa porcentaxe foi do 73% no caso dos centros privados. Os únicos catro casos que suspenderon a proba da revista cun ‘regular’ ou cun ‘mal’ resultaron ser residencias privadas e concertadas, fronte ás públicas, que non levaron ningún suspenso. Tamén é significativa a proporción de residencias que quedan cun mediocre ‘aceptable’: un 23% das privadas, un 14% das públicas e un 12% das concertadas.