Transporte escolar

Segue a haber deficiencias, pero mellora a seguridade dos buses escolares

A frota é máis moderna, está mellor equipada en dispositivos de seguridade e a figura do acompañante adulto xeneralizouse
1 Setembro de 2006
Img tema listado

Segue a haber deficiencias, pero mellora a seguridade dos buses escolares

/imgs/20060901/img.tema-portada.01.jpgA imaxe dos escolares dirixíndose a pé coas súas mochilas á escola vai desaparecendo das nosas rúas e vaise substituíndo por outra na que os máis deles collen o autobús. En abril do 2005, o Instituto Nacional de Estatística (INE) xa cifraba o número de viaxeiros de autobús escolar en vía urbana en máis de 5 millóns e medio de usuarios. Segundo o RACE, arredor de 7 millóns de menores utilizaron o transporte escolar no pasado curso 2005/2006 para acudiren ós seus centros de ensino. Cada vez fano desde máis cativiños, xa que é maior o número de nenos de educación infantil (de 3 a 6 anos) que utiliza este medio de transporte. Aínda que os accidentes en autocares escolares son pouco frecuentes (en 2004 producíronse 78 sinistros con 4 vítimas mortais, un 0,10% do total de accidentes), as asociacións de pais de alumnos e a Administración son conscientes de que o sector acusa deficiencias que poden afectar á seguridade destes traxectos: antigüidade dos vehículos, viaxes sen acompañante e ausencia de elementos tecnolóxicos de seguridade.

CONSUMER EROSKI achegouse ó grao de seguridade co que os escolares españois se trasladan ós seus centros académicos. Os resultados, aínda que notablemente mellores cós dun informe semellante que publicou esta revista no ano 2000, reflicten aínda varias deficiencias no transporte escolar. Para comezar, o 2% dos 323 autobuses escolares estudados incumpre a lei por estaren matriculados hai máis de 16 anos. E o 4% non deben circular este curso 2006/2007 porque superarían esa barreira. Da consulta realizada por CONSUMER EROSKI ás 110 empresas de buses que se incluíron neste informe, a media de idade dos buses establecíase en 5 anos. Con todo, a proba práctica desta revista deu unha media superior: 6,5 anos.

O cinto de seguridade, que se convertirá en obrigatorio nos vehículos que se matriculen do 2007 en adiante, segue a ser un elemento de seguridade pouco habitual: só o 8% dos buses estudados tiñan cinto de seguridade en todas as súas prazas. E, no tocante á prevención, só o 22% das empresas realizan os sempre recomendables simulacros de accidente.

No tocante ó responsable de patio ou da operación de saída e entrada ó bus dos estudantes, na metade dos centros escolares ninguén realiza esa función. E aínda que a figura do acompañante se xeneralizou nos autocares, o 53% das empresas descoñecen a experiencia ou titulación (por exemplo, de monitor de tempo libre) dos acompañantes adultos. Non é obrigatorio, pero sería desexable.

O equipamento dos autobuses, doutra banda, é tamén mellorable. Só o 24% deles dispuñan da máis mínima adaptación (ramplas de acceso) para usuarios en cadeira de rodas. E, malia a que moitos escolares afrontan traxectos dunha hora ou máis de duración, o aseo só se viu no 11% dos buses, catro puntos porcentuais menos ca hai seis anos.

Para rematar, a tarifa media do bus escolar, 73 euros ó mes, encareceuse un 30% desde o 2000. Chaman a atención as enormes diferenzas de prezo polo servizo de bus escolar, e fano tanto entre as diversas cidades (desde 51 euros ó mes ata 100 euros ó mes, falando de medias de cada cidade) como na mesma cidade: en Barcelona, rexistrouse unha diferenza de ata 130 euros ó mes entre unha empresa e outra, en Madrid de 104 euros e en Valencia de 75 euros. A calidade do servizo, por certo, non sempre é mellor cando os prezos son maiores.

O que din as empresas...

Dos seus autobuses

Segundo as empresas de transporte escolar, o 98% dos seus vehículos teñen incorporado o sistema de seguridade de arco antienvorcamento (no estudo do 2000 era do 55%). Este dispositivo proporciónalle máis estabilidade ó vehículo e maior protección ós pasaxeiros.

Os freos ABS e o retarder son elementos moi habituais, afirman as empresas: todos os autocares, agás tres, dispuñan deles (no 2000, o 69% dos autobuses dispuña de freos ABS e o 80% de freos retarder).

O nivel de equipamento dos autobuses mellorou respecto ó estudo anterior: o 24% dos autocares estudados estaban correctamente adaptados (con ramplas de acceso na súa maioría) para escolares con algún tipo de discapacidade (no 2000 esta cifra practicamente non chegaba ó 7%). Descende, en cambio, a cifra de autobuses que dispoñen de aseo, algo máis necesario canto máis longo sexa o traxecto que haxa que percorrer: un escaso 11% conta con aseo, cando hai seis anos esta cifra alcanzaba o 15%.

Do acompañante adulto

/imgs/20060901/img.tema-portada.02.jpg A presenza no autobús dunha persoa adulta (á parte do condutor ou condutora) é obrigatoria, indica a normativa, cando polo menos a metade dos nenos sexan menores de 12 anos. Os datos facilitados polas empresas consultadas falan dun alto grao de cumprimento: o 99% dos autobuses transitan a cotío coa figura do acompañante. No estudo do 2000 esta proporción a penas alcanzaba un 40%, polo que a situación (aínda que mellorable nalgúns casos) experimentou unha evolución moi positiva.

Así e todo, CONSUMER EROSKI comprobou en que medida as empresas de transporte coñecen a titulación e experiencia das persoas responsables de controlaren os menores nos traxectos ós centros escolares. Segundo a lexislación, todo acompañante debe estar acreditado pola entidade organizadora do servizo de transporte e debe coñecer o funcionamento dos mecanismos de seguridade do vehículo. Só a Comunidade de Aragón obriga a que todos os acompañantes conten cunha formación específica e esixe que posúan a titulación de Monitor de Tempo Libre ou equivalente. Se cadra por iso todas as empresas enquisadas en Zaragoza aseguran que todos os acompañantes de autobuses escolares dispoñen da titulación de Monitor de Tempo Libre. Este dato contrasta co obtido de media das empresas do resto das cidades: o 53% afirma descoñecer a experiencia ou titulación dos monitores que acompañan os nenos nos autocares escolares.

Doutra banda, catro de cada dez compañías de transporte afirman non coñecer se os máximos responsables dos cativos nos autobuses teñen ou non coñecementos de primeiros auxilios, medida máis ca recomendable e preventiva en caso de posibles accidentes. Así e todo, segundo a lexislación, tampouco é obrigatorio que os acompañantes posúan esta formación.

Doutras cuestións relacionadas coa seguridade

A penas se realizan simulacros (probas de evacuación dos autocares ante posibles incendios, prevención ante accidentes, etc.) nas escolas e coa presenza e participación dos nenos usuarios dos autobuses: un escaso 22% das escolas o fan, segundo as empresas enquisadas.

O uso do cinto de seguridade é probablemente unha das principais materias pendentes. A normativa europea que entrou en vigor o pasado 9 de maio sinala que os novos autobuses matriculados a partir de outubro do 2007 deberán instalar cintos de seguridade en todos os asentos. Logo de enquisar a 110 empresas, CONSUMER EROSKI comprobou que os resultados obtidos son moi mellorables: só o 8% das empresas afirma que sempre fan uso do cinto de seguridade e a metade das firmas dedicadas ó transporte escolar asegura que só colocan o cinto cando hai escolares sentados nos asentos centrais da última fila e enfrontados ó corredor, onde segundo a normativa é obrigatorio levar cintos de seguridade, por se consideraren prazas máis perigosas có resto.

A proba práctica de CONSUMER EROSKI

A “idade” dos buses

Segundo a normativa vixente desde o 2000, estes autobuses non poden superar os 16 anos de antigüidade. Así e todo, na proba práctica realizada por CONSUMER EROSKI comprobouse que 7 dos 323 autobuses observados (un 2,2%) superan a “idade” máxima autorizada para prestar o servizo de transporte escolar. Víronse vehículos de ata 19 anos prestando este tipo de servizo. Ademais, outros 14 autobuses (o 4,3% dos observados) non deberían ser utilizados no presente curso escolar 2006/2007 que vén de comezar, xa que están na barreira dos 16 anos.

Con todo, a situación mellorou con respecto ó estudo do 2000: a idade media dos 323 autobuses observados é de 6,5 anos (no estudo do 2000 era de 8,6 anos). Así, máis da metade da frota de autobuses observada (o 54%) ten entre 3 e 10 anos de antigüidade (o 36% no estudo do 2000), mentres que o 22% ten menos de tres anos, cifra semellante ó anterior estudo. Outro 22% dos autobuses ten entre 10 e 16 anos (no 2000 eran o 36%). Para rematar, cómpre sinalar que as 110 compañías consultadas informaron de que os seus autocares tiñan unha media de 5 anos de antigüidade, aínda que a proba práctica dos técnicos de CONSUMER EROSKI a elevou ata os 6,5 anos.

Onde paran os autobuses

Tan só un 23% dos centros escolares establecen a parada dos autobuses dentro do recinto escolar (normalmente no patio), a mellor medida para evitar accidentes ou perigos innecesarios cando os nenos baixan ou soben ó autobús.

No 77% das escolas a parada estaba na rúa, aínda que as diferenzas son substanciais: no 11% destas escolas os nenos vense obrigados a cruzar a rúa, pero en todos os casos se comprobou que o fan guiados, acompañados e vixiados polo acompañante adulto do autobús. No resto, a parada está establecida na beirarrúa dereita de cada escola, preto da porta e sen necesidade de que os nenos se vexan obrigados a cruzar a rúa.

/imgs/20060901/img.tema-portada.03.jpg Hai outros datos sobre os que convén reflexionar: nun 18% das escolas os autobuses estacionaron en dobre fila (os nenos teñen que pasar entre coches para acceder ó colexio) e, o que é peor, no 42% das escolas non había ningún sinal, marcas viarias ou elementos semellantes que identificasen e delimitasen claramente a parada do autobús escolar.

O cinto de seguridade

En maio deste mesmo ano entrou en vigor a Directiva Europea que obriga a que todos os autobuses que se matriculen a partir do 2007 conten con cinto de seguridade. Así e todo, tal e como comprobou CONSUMER EROSKI, nin sequera dous de cada dez autobuses utilizados para o transporte escolar dispoñen de cinto de seguridade ou se viu neles ós nenos usándoo. Por cidades, destacan A Coruña e Murcia: no 80% e no 70%, respectivamente, observouse que os autobuses contaban con este mecanismo de seguridade e que a maioría dos pequenos o utilizaban. Pola contra, ningún dos autocares analizados de Valladolid, Sevilla, Santander, San Sebastián, Granada, Bilbao, Barcelona e Alacante incluía este elemento de seguridade.

A presenza dos acompañantes

É obrigatoria a presenza no autobús dunha persoa adulta, distinta do condutor, encargada do coidado dos menores, cando polo menos a metade deles sexan menores de 12 anos. Non obstante, o texto advirte de que esta medida se pode ir aplicando de xeito progresivo ata o curso 2007/2008.

CONSUMER EROSKI comprobou que só no 8% dos autobuses non había un adulto (amais do condutor) a cargo dos menores. Non obstante, tratábase de autobuses nos que o número de viaxeiros menores de 12 anos era inferior á metade da pasaxe.

Doutra banda, segundo a normativa, cada menor debe dispor da súa propia praza de asento, de xeito que non poderán viaxar tres alumnos en dous asentos. Só no 2% dos autobuses se observou que tres nenos ocupaban dúas prazas sen que o acompañante ou o condutor fixesen nada por evitalo.

Tarifas: importantes diferenzas entre unhas cidades e outras

As tarifas do transporte escolar nos centros privados e concertados (nas escolas públicas o transporte é gratuíto) non son precisamente baratas: ascenden, de media, a 73 euros por mes e alumno (no estudo realizado por CONSUMER EROSKI no 2000 a media foi de 51 euros, un 30% menos). Ademais, hai enormes diferenzas de cidade a cidade: os 51 euros de Vitoria e San Sebastián contrastan cos 100 de Barcelona e de Valencia. Pero esas diferenzas son aínda maiores entre escolas da mesma cidade, especialmente nas urbes máis grandes: en Barcelona constatouse unha diferenza de ata 130 euros entre o que cobra a escola máis cara e a máis barata; en Madrid, 104 euros de diferenza, e en Valencia, 75 euros. Pola contra, en Santander, Zaragoza e Murcia os prezos son máis homoxéneos e as diferenzas moito menores (non superan os 20 euros).

Pero, pagar máis significa que a viaxe é máis segura e o servizo de acompañante de maior calidade ca nun transporte máis barato? Convén lembrar que os autobuses de transporte escolar máis vellos son máis susceptibles de sufrir algún accidente. Comprobada a idade media da frota dos autobuses estudados, conclúese que Valencia é a que mellor queda, por ser a cidade con máis autocares de menos de 3 anos de antigüidade. E en Alacante cúmprese a regra: págase máis, pero tamén se garante unha frota anovada e, xa que logo, máis segura. Pola contra, Barcelona, malia a ser unha das capitais con transporte escolar máis caro, é a que dispón de menos autobuses con menos de tres anos de antigüidade.

Amais da antigüidade da frota, outra variable que define a relación prezo-calidade do servizo é a figura do acompañante. Aínda que a presenza dun adulto responsable de controlar os menores nos seus desprazamentos é xeneralizada, aínda hai algunhas deficiencias: segundo comprobaron técnicos de CONSUMER EROSKI en Málaga, o 46% dos autobuses observados non levaban acompañante adulto, pese a ser unha das cidades cun transporte escolar máis caro (tarifa media de 90 euros mensuais por alumno). O caso contrario protagonízao Zaragoza, unha das máis baratas (57 euros de media mensuais por alumno) e cun excelente servizo de responsables de autobús: todos os autobuses observados nas paradas das escolas levaban acompañantes e, ademais, todos posuían titulacións específicas (como Monitor de Tempo Libre).

Ademais, case seis de cada dez autobuses tiñan entre tres e dez anos de antigüidade. Polo tanto, pódese concluír que pagar máis non garante un mellor servizo.

Consellos e recomendacións

O 90% dos accidentes do transporte escolar prodúcese, segundo as Nacións Unidas, cando os nenos soben e baixan do vehículo. Por iso, é fundamental que os pais e os propios nenos saiban en todo momento como actuaren e os aspectos que deben ter en conta para unha maior seguridade.

Para os nenos

  • Camiña devagar e evita riscos. Hai que chegar á parada con tempo abondo, polo menos cinco minutos antes da hora á que pasa o autobús.
  • Cruza amodo. A rúa crúzase sempre por diante do autobús e camíñase pola beirarrúa. De non haber beirarrúa, camiña polo bordo da estrada ata chegar a unha distancia grande (de polo menos 3 metros) por diante do autobús, pero antes de atravesar comproba que o condutor te viu e que se decatou de que vas cruzar. Lembra que debes ollar, sempre, primeiro á esquerda, despois á dereita e logo outra vez á esquerda.
  • Mantén a distancia de seguridade. Cando se achega o autobús debes permanecer, polo menos, a dous metros de distancia. Non camiñes por detrás do autobús, é posible que o condutor non te vexa e pódete atropelar se dá marcha atrás.
  • Non recollas os obxectos que che caian preto do autobús. Pídelle ó condutor ou ó acompañante que os recollan por ti.
  • Débeslle facer sempre caso ó acompañante. Dentro do autobús non hai que berrar nin algarear. Os sinais e outros elementos de seguridade do vehículo non son para xogar. Ademais, non se debe distraer ó condutor. Non se pode comer no autobús escolar. É obriga de quen usa o autobús escolar tratar ben os asentos e coidar e manter limpo o vehículo.
  • Convén subir e baixar comodamente. Utiliza as agarradeiras para evitar caídas e vixía que a roupa con colgantes e que as mochilas ou bolsas escolares non se enganchen nas varandas ou nas portas do autocar. Ó subires ó vehículo, non empurres ós outros nenos e senta decontado na túa praza.

Para pais e nais

Correspóndelles ós pais e ás nais, como principais responsables da educación dos seus fillos, ensinalos a se comportaren con seguridade como peóns e a respectaren as regras básicas no autobús.

  • Sexa un correcto peón. Os seus fillos aprenderán a selo tamén e camiñarán moito máis seguros.
  • Reclame un comportamento cívico. Os nenos deben facerlles sempre caso ós responsables -condutor e acompañante- do autobús. Este vehículo é un lugar máis de convivencia, no que cómpre esixirlles un bo comportamento en todo momento, por eles mesmos e polos demais.
  • Non deixe de prestar atención. Convén que os proxenitores se poñan de acordo con outros pais e nais, de xeito que haxa sempre un adulto na parada do autobús, especialmente cando se trate de nenos menores de 9 anos. Se os escolares son maiores desta idade, convén que vaian en grupo á parada para que resulten máis visibles polos condutores dos vehículos.
  • Ir con présa pode ser perigoso porque fai esquecer as medidas de precaución básicas. Ademais, correspóndelles ós pais eliminar, acurtar ou reemprazar os sistemas de suxeición da roupa ou os accesorios que se poidan enganchar nos aparellos de xogo do patio, nas verxas, nas portas ou nas barras e varandas do autobús.
  • Estacione o seu coche no lado no que para o autobús. Evite aparcar na beira contraria da parada do autocar porque iso obriga o menor a cruzar a rúa.
  • Avise se decide recoller vostede mesmo o seu fillo. Aconséllase deixar un escrito no centro no que conste que, baixo a súa responsabilidade, ese día non vai utilizar o transporte escolar.
Como é o autobús escolar máis seguro?

Dispositivos de seguridade do vehículo

  • Espazos máis amplos e estrutura indeformable. O habitáculo garante que, en caso de que o autobús envorque lateralmente, a estrutura da carrocería non se deforme e manteña un espazo de seguridade para os pasaxeiros, amais de absorber mellor o impacto frontal.
  • Un autobús máis estable. Mellórase o número e a posición dos eixes, a localización do centro de gravidade e o eixe de balanceo, a suspensión, o comportamento de torsión da estrutura, etc. A este sistema engádense outros dispositivos, como o arco antienvorcamento, os freos ABS e o retarder, entre outros.
  • Medidas que evitan o incendio. Os materiais do depósito permiten que se hai unha colisión non se produza un efecto “spray” co combustible, senón que rompa e caia sobre a estrada. Úsanse materiais ignífugos e perséguese que o fume que se xera nun incendio non sexa tóxico ou opaco.

Dispositivo de seguridade para o condutor

  • Ergonomía do posto de condución. O condutor atópase máis cómodo e controla mellor os distintos sistemas. A súa posición é máis alta cá dos pasaxeiros. O habitáculo é máis amplo para garantir a súa seguridade.

Dispositivos de seguridade para os viaxeiros

  • Bordos e materiais interiores menos agresivos.
  • Asentos que amortecen os golpes. Os asentos deben resistir o dobre esforzo do “tirón” do pasaxeiro que vai ancorado ó asento por medio do cinto de seguridade, e o “empurrón” do pasaxeiro que viaxa no asento posterior, se non o leva abrochado.
  • Fiestras máis pequenas e saídas de emerxencia.
  • Cintos de seguridade para nenos. O autobús máis seguro dispón de cintos en cada praza, regulables á altura dos cativos e que se axustan ó seu peso. Recoméndanse os que dispoñen de dous puntos de ancoraxe (dúas bandas por riba dos ombreiros que se abrochan na cintura).
  • Compartimentos especiais para as mochilas. Caixóns baixo os asentos onde o neno introduce a mochila, evitando que se desprace polo corredor.

Como se fixo o estudo? Todos os datos

Realizáronselles entrevistas a 110 responsables de empresas de transporte escolar; ademais, estudáronse in situ 323 autobuses á súa chegada a 202 centros escolares da Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Analizáronse diversas variables, entre as que salientan a antigüidade e seguridade do vehículo, se viaxa un adulto acompañante distinto do condutor e mais o gasto que supón para as familias o transporte escolar.

Tarifa media do trasporte escolar por alumno ó mes (escolas privadas e privadas concertadas)*

Cidade Tarifa media Tarifa máxima Tarifa mínima
A Coruña 62euros 80euros 48euros
Alacante 79euros 100euros 67euros
Barcelona 100euros 170euros 40euros
Bilbao 67euros 82euros 49euros
Córdoba 72euros 95euros 60euros
Granada 70euros 90euros 62euros
Madrid 88euros 160euros 56euros
Málaga 90euros 100euros 72euros
Murcia 71euros 80euros 62euros
Oviedo 62euros 90euros 36euros
Pamplona 55euros 74euros 35euros
San Sebastián 51euros 70euros 35euros
Santander 67euros 68euros 65euros
Sevilla 79euros 105euros 62euros
Valencia 100euros 145euros 70euros
Valladolid 64euros 88euros 45euros
Vitoria 51euros 75euros 34euros
Zaragoza 57euros 63euros 50euros
Media 73euros 170euros 34euros

(*) Datos recollidos de enquisas telefónicas realizadas a 222 escolas.