Talasoterapia

Saúde e beleza con sabor a mar

Os centros de talasoterapia deben utilizar auga mariña nos seus tratamentos, aínda que debido ao baleiro legal do sector hai algunhas instalacións nas que non se cumpre esa premisa
1 Abril de 2006
Img analisis 2 listado 214

Saúde e beleza con sabor a mar

Os efectos dos baños de mar coñécense desde hai miles de anos. Encontráronse referencias do poder do clima e os lodos do Delta do Nilo en papiros exipcios, e o pai da medicina, Hipócrates, xa dicía que o mar era quen de curar enfermidades e receitaba inmersións e lavados en auga salgada para tratar doenzas comúns. As súas ensinanzas perdéronse na escura e pouco hixiénica Idade Media e non se recuperaron ata o século pasado, no que as praias se encheron de bañistas.

Na actualidade non fai falla esperar ao verán para gozar das propiedades curativas da auga de mar. Os centros de talasoterapia (do grego thalasa, mar, e therapia, tratamento ou cura) ofrecen durante todo o ano e a cuberto tratamentos que combinan as tradicionais propiedades terapéuticas do mar coas máis modernas tecnoloxías e coñecementos aplicados a conceptos coma a temperatura, a carga irónica, a presión ou a presenza de minerais nas súas augas. Nestas curas mariñas a auga aprovéitase como fonte termal, recolléndose a diferentes profundidades para asegurar a súa pureza, e aplícase a temperaturas que oscilan entre os 10oC e os 40 oC, dependendo do obxectivo do tratamento. En moitos casos compleméntanse con presión, burbullas ou ultrasons. /imgs/20060401/informe01.jpg

Segundo un informe da empresa Análisis Sectorial y Estratégico (DBK), a finais de 2002, os 22 centros de talasoterapia localizados en España ofrecían 8.979 prazas hoteleiras e os centros de saúde e beleza, con 24 establecementos, dispuñan dun total de 6.892 prazas. A eclosión no noso país destes establecementos produciuse na década dos 90. Daquela, o 80% dos clientes acudía a estes centros con doenzas crónicas e un obxectivo terapéutico. Na actualidade, a maioría dos que practican turismo de saúde faino para combater a presión, recuperar vitalidade, mellorar o aspecto físico e previr posibles enfermidades. O perfil destes novos usuarios tamén cambiou na última década e ampliouse moito o abano de idades, desde mozos a vellos.

A falta dunha lei nacional ou europea que regule o uso das terapias mariñas, a Federación Internacional Mer et Santé (mar e saúde) define así a talasoterapia: “Consiste na utilización simultánea, baixo supervisión médica e cun obxectivo preventivo ou curativo, dos beneficios do medio mariño, que comprenden o clima mariño, a auga de mar, os barros mariños, as algas e outras substancias extraídas do mar”. Convén ter presente, con todo, que os efectos beneficiosos dos tratamentos de talasoterapia non comezan a ser notables ata pasados ao redor de sete días de tratamento, e que non se deben unicamente aos tratamentos hidroterapéuticos que se dispensan nestes centros, senón a unha acción sinérxica co cambio de hábitos, a correcta alimentación, a estancia ao aire libre, a realización de exercicio e a liberación temporal das preocupacións cotiás que se produce cando acudimos a un destes centros.

A clave está na auga

A falta de normativas e regulamentos españois que regulen o sector e que impidan a competencia desleal e os abusos aos usuarios, unida ao descoñecemento destes últimos ao respecto, motivou que a miúdo se confundan os termos. O primeiro que debe coñecerse é a diferencia entre a talasoterapia, a balneoterapia ou termalismo e os centros de SPA. A clave está no tipo de auga que utilizan nas súas terapias: mariña nos centros de talasoterapia, termal (mineiro-medicinal) nos balnearios e auga corrente (da billa, pero tratada con aditivos) nos SPAS. Para que non nos dean gato por lebre, isto é, auga da billa á que se engadiu sal mariño, cómpre asegurarse de que no centro de talasoterapia conflúan tres factores: auga salina do mar, aire mariño e clima de vertente marítima. E para asegurar estas condicións, o centro debe estar cerca do mar, ter unha achega continua de auga mariña e seguir unha medidas hixiénicas de purificación e tratamento da auga que non alteren as súas propiedades.

Un mar de beneficios

A materia prima da talasoterapia, a auga de mar, contén ao redor de 35 gramos de sal por litro. Desa cantidade, o 75% é cloruro sódico e o 25% restante está composto por cloruro e sulfato de magnesio e sulfatos de sodio e calcio. pero os seus demostrados beneficios sobre a pel e o organismo débense ao osíxeno, nitróxeno, iodo, flúor, cobre, ferro, cinc e outros elementos ata 75, considerados necesarios para o bo funcionamento do metabolismo humano. Algunhas destas substancias de orixe mariña teñen, así mesmo, propiedades biolóxicas moi beneficiosas por seren antitumorais, antibacterianas e antivirais./imgs/20060401/img.informe.03.jpg

Ademais, a composición da auga de mar é similar á do plasma sanguíneo, o que a converte nunha gran medicina para mineralizar o organismo. É un elemento vivo cun gran contido en plancto e algas microscópicas que lle confiren propiedades antibióticas e estimulantes, con efectos terapéuticos sobre a pel e as articulacións.

Para aproveitar toda a súa riqueza biolóxica, nos centros de talasoterapia sométese a auga mariña a un proceso específico de depuración e esterilización. A auga que se utiliza nestes centros recóllese a máis de mil metros da beira e é depurada con raios ultravioleta para garantir un perfecto mantemento e a total ausencia de xermes.

Minerais coma o iodo, o potasio, o cinc ou o sodio, presentes no mar, penetran no corpo humano a través da pel, nun proceso denominado de osmose, que ten lugar cando o organismo entra en contacto coa auga salgada e se dan uns niveis térmicos axeitados, entre 35 e 37 graos. O corpo absorbe estas substancias e xera a súa renovación no propio organismo. A presión hidrostática da auga provoca ademais unha compresión sobre as zonas somerxidas do corpo, o que favorece o retorno do sangue venoso ao corazón e a activación da circulación sanguínea.

Baleiro legal

Francia é na actualidade o único país europeo que dispón dun organismos oficial para regular a Talasoterapia. A Federación Internacional “Mer et Santé”, xunto coa certificación de calidade “Qualicert”, garante a calidade das curas termais e as premisas fundamentais para definir unha institución como centro de talasoterapia. entre os requisitos establécese que os centros de talasoterapia deben estar situados nun lugar de clima mariño, utilizar auga de mar e dispoñen de infraestrutura e equipamento axeitados para aproveitaren os beneficios do mar na saúde das persoas, amais de contaren cun staff profesional con supervisión médica.

No noso país, só dúas comunidades autónomas, Galicia e Murcia, dispoñen de lexislación específica en materia de talasoterapia.

Na Comunidade galega, a Lei 9/1997, de 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia aplícase ás empresas que prestan servizos de balneario, medicina preventiva e rexenerativa e de rehabilitación e fai referencia expresa aos centros de talasoterapia que dispoñen de instalacións complementarias turísticas. A norma fixa que a calidade dos servizos e a capacitación e posta ao día do persoal serán obxecto de especial atención por parte da Administración turística galega.

Outra lei galega, a 5/1995, de 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, aplícase tamén ás augas mineiro-industriais, que son as que permiten o aproveitamento racional das substancias que conteñen e nas que aparece tamén a auga de mar. A súa catalogación e recoñecemento corresponden á Consellería de Industria.

Polo que respecta a Murcia, os centros de talasoterapia están regulados polo Decreto 55/1997, de 11 de xullo, sobre condicións sanitarias de balnearios, baños termais e establecementos de talasoterapia e aplicación de peloides (fangos).

Prezo para todos os petos

Gozar durante cerca dunha hora dun Circuíto Mariño nunha piscina de auga de mar a 33º C, con hidrojet, burbullas, pescozos de cisne, jacuzzi, natación contra corrente, pediluvio, terma romana e zona relax costa entre 12 e 15 euros. Se o circuíto inclúe un baño de vapor (Hamman) con esencias, o prezo elévase a 27 euros, e acada os 72 euros por sesión se se suma o uso de Termas a diferentes temperaturas (Caldarium + Tepidarium + Frigidarium) e un baño nunha bañeira de auga mariña con esencias.

A preferencia por outros tratamentos como algoterapia, envoltura en barros mariños, ducha escocesa ou unha sesión de presoterapia supón un desembolso de entre 20 e 58 euros. Algúns centros dispoñen de bonos de 10 a 100 sesións, que permiten un aforro entre 3 e 9 euros por sesión. Tamén se dá a posibilidade de facerse socio do centro de talasoterapia, coa vantaxe do uso ilimitado desde 60 euros mensuais.

A maioría destes centros atópanse situados en establecementos hoteleiros afastados das grandes cidades, polo que ofrecen programas completos de saúde e beleza que inclúen o aloxamento durante o tempo que dure o tratamento elixido. Así, un programa antiestrés con 3 noites de estancia costa entre 270 e 350 euros. Se o que se quere é loitar contra a celulite, o gasto por un tratamento de sete días coas súas correspondentes noites de hotel pode ascenden ata os 800 euros, aproximadamente o que custa nestas instalacións deixar de fumar, ou polo menos intentalo, nunha “cura” de seis días con aloxamento incluído.

Técnicas de aplicación

  • Hidromasaxe. Aplícase a acción controlada de chorros de auga a presión e aire nunha bañeira de auga de mar. Moi eficaz para problemas circulatorios e relaxación muscular.
  • Piscina. Sesión de relaxación en piscina climatizada a 37 graos con auga de mar. Relaxante, alivia contracturas, desconxestiona e tonifica o sistema circulatorio e linfático.
  • Piscina de Chorros. Aplicación de chorros en piscina con auga de mar climatizada a 37ºC en forma de masaxe en zona cervical, ombreiros, tórax, abdome e extremidades. Favorece a circulación, relaxación, diminución das contracturas musculares, revitaliza a pel e axuda a unha mellora e funcionalidade do paciente.
  • Ducha Jet. Masaxe con chorros a presión sobre o sistema locomotor e circulación periférica, con aumento do ton xeral. Eficaz no tratamento da celulite e as contracturas musculares.
  • Ducha Vichy: Aplicación de múltiples duchas que actúan simultaneamente desde os pés á cabeza. A súa finalidade é diferente segundo a presión e temperatura da auga.
  • Ducha submarina. O paciente colócase dentro da bañeira e o especialista incide co chorro de auga a presión nas zonas que o requiran .
Tratamento con algas

Indicacións

  • Afeccións da pel: psoriase, eccemas, acne, dermatite, vitilixio
  • Problemas óseos y de articulacións: lumbago, reuma, osteoporose
  • Problemas circulatorios: varices, edemas
  • Patoloxías do sistema respiratorio: procesos asmáticos, farinxite, sinusite crónica e alérxica
  • Estados depresivos ou de estrés
  • A nivel xinecolóxico, os problemas de menopausa e pubertade
  • Insomnio
  • Fatiga
  • Postoperatorios
  • Flaccidez e celulite
  • Curas de adelgazamento

Contraindicacións

  • Estados infecciosos
  • Infeccións urinarias e/ou renais
  • Procesos alérxicos
  • Problemas de hipotiroidismo
  • Afeccións cardíacas
  • Afeccións respiratorias
  • Tuberculose
  • Cancros evolutivos
  • Embarazadas