Análise documental para coñecer a prevalencia das enfermidades e os seus factores de risco

Saúde cardiovascular: corazóns que matan

Tres de cada 10 persoas morren debido a unha enfermidade do sistema circulatorio, a principal causa de defunción en España
1 Maio de 2016
Img tema de portada listado 194

Saúde cardiovascular: corazóns que matan

As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en España e en todo o mundo. Matan 65 veces máis ca os accidentes de tráfico, segundo a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC).

É importante lembrar estes datos durante este mes de maio, cando se celebra o Día Mundial da Hipertensión, unha das enfermidades que pon en risco a saúde do noso corazón e do conxunto do sistema circulatorio do noso corpo. Máis, se cabe, cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que, de aquí a 2030, case 24 millóns de persoas morrerán por algunha enfermidade cardiovascular, principalmente por cardiopatías e accidentes cerebrovasculares.

EROSKI CONSUMER quixo analizar as enfermidades cardiovasculares. Para iso, realizou unha análise documental co fin de coñecer a súa prevalencia en España e tamén os factores de risco que debuxan o perfil da persoa en risco.

As fontes utilizadas foron diversas: OMS, a Federación Mundial do Corazón, o Instituto Nacional de Estatística (INE), a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC), o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (MSSSI), a Fundación Española do Corazón (FEC), a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e a Fundación Hipercolesterolemia Familiar (FHF).

Primeira causa de morte

En España, morreron en 2014 un total de 395.830 persoas, segundo datos do INE. Tres de cada dez desas defuncións debéronse a enfermidades do sistema circulatorio (composto polo corazón, as arterias, as veas, os capilares e o sangue). Supoñen a primeira causa de morte, cunha taxa de 253 falecidos por cada 100.000 habitantes (un total de 117.393 persoas), por encima doutras coma tumores ou enfermidades do sistema respiratorio.

Aínda que desde hai unha década as cifras de defuncións por enfermidades do sistema circulatorio descenderon un 5 %, entre 2014 e 2013 a tendencia mantívose, xa que apenas diminuíu un 0,1 %.

Por sexos, as mulleres vense máis afectadas por este tipo de enfermidade ca os homes. A súa taxa bruta de mortalidade ascende a 270 mulleres falecidas por cada 100.000, fronte á cifra de 235 dos homes. E, por idades, os máis afectados por afeccións do sistema circulatorio foron os maiores de 79 anos (un 35 % do total).

Así mesmo, as enfermidades do sistema circulatorio foron a principal causa de morte en todas as comunidades autónomas (excepto en Canarias, Cantabria, Cataluña, Comunidade de Madrid, Navarra e País Vasco, onde foron os tumores). En todas supoñen máis dun 24 % do total de defuncións. No entanto, destacan Andalucía, Aragón, Asturias, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, A Rioxa e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, porque nelas supoñen máis dun 30 % do total de falecementos.

Porén, as maiores taxas brutas de mortalidade por este tipo de enfermidades rexistráronse en 2014 en Asturias (386 persoas por cada 100.000 habitantes), Galicia (350 persoas) e Castela e León (333 persoas).

Tipos de enfermidades do sistema circulatorio

Trastornos un por un

O INE, baseándose na CIE-10 (a clasificación internacional de enfermidades), establece que dentro do grupo de enfermidades circulatorias, as enfermidades isquémicas do corazón (infarto ou anxina de peito, por exemplo) e as cerebrovasculares ocupan o primeiro e o segundo lugar en número de defuncións.

Con todo, existen outros moitos tipos de trastornos e afeccións relacionados co sistema circulatorio. A OMS salienta as seguintes:

  • Enfermidades cerebrovasculares (hemorraxia, derramo, embolia, trombose, apoplexía cerebral ou ictus): sucede cando o fluxo sanguíneo a unha parte do cerebro se detén. Neste caso, aínda que sexa por poucos segundos, o cerebro non pode recibir nutrientes nin osíxeno. As células cerebrais poden morrer, o que causa un dano permanente. Tal e como explica a OMS, o síntoma máis común do accidente cerebrovascular é a perda súbita, xeralmente unilateral, de forza muscular nos brazos, nas pernas ou na cara. Outros síntomas consisten en: aparición súbita, xeralmente unilateral, de entumecemento na cara, nas pernas ou nos brazos; confusión, dificultade para falar ou comprender o que se di; problemas visuais nun ou en ambos os ollos; dificultade para camiñar, mareos, perda de equilibrio ou coordinación; dor de cabeza intensa de causa descoñecida; e debilidade ou perda de conciencia.
  • Insuficiencia cardíaca: é unha enfermidade crónica na que o corazón é incapaz de bombear o suficiente sangue osixenado a todo o organismo. As principais causas dun corazón insuficiente son a hipertensión non tratada e a enfermidade coronaria e, en menor medida, as valvulopatías (sobre todo das válvulas aórtica e mitral) e as arritmias.
  • Cardiopatía coronaria (infarto de miocardio): trátase dun estreitamento dos pequenos vasos sanguíneos que fornecen sangue e osíxeno ao corazón.
  • Miocardiopatías: é unha enfermidade na cal o miocardio (o tecido muscular do corazón) se deteriora, debilita, dilata ou ten outro problema estrutural. Con frecuencia, ocorre cando o corazón non pode bombear ou funcionar ben. A maioría dos pacientes con miocardiopatía teñen insuficiencia cardíaca.
  • Hipertensión arterial (presión alta): ocorre cando os niveis da presión sanguínea se elevan de forma sostida por encima dos valores considerados normais (presión sistólica máis de 160 mm Hg, presión diastólica máis de 90 mm Hg).
  • Enfermidade vascular periférica: consiste nun dano ou obstrución nos vasos sanguíneos máis afastados do corazón

Mapa ga

Causas modificables

Factores de risco

Segundo o MSSSI, arredor do 75 % das causas das enfermidades cardiovasculares están relacionadas a factores coma o tabaquismo, o sedentarismo, a hipertensión, a diabetes ou a obesidade.

Tamén o cre a Federación Mundial do Corazón, quen asegura que a maior parte das afeccións do corazón están causadas por factores de risco que é posible controlar, tratar ou modificar:

  • Tensión arterial elevada: é unha elevación sostida dos niveis de presión sanguínea por encima dos valores considerados normais (presión sistólica de máis de 160 mm Hg e presión diastólica de máis de 90 mm Hg). Pódese dar por factores persoais e ambientais (idade, hábitos alimentarios e estilo de vida) ou xenéticos. Hai que ter en conta que a tensión arterial tende a elevarse coa idade e tamén que é máis frecuente que apareza se a persoa é obesa, se leva unha dieta rica en sal e pobre en potasio (pobre en verduras, froitas e froitos secos, legumes, cereais integrais), se bebe elevadas cantidades de alcol, se non realiza actividade física ou se sofre de tensión psicolóxica. Denomínaselle o “asasino silencioso”, xa que normalmente non se presentan síntomas nin signos de alarma e moita xente non é consciente de que padece esta enfermidade.
  • Tabaquismo: neste caso, o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares é maior nas mulleres fumadoras, nos homes novos e nos fumadores habituais.
  • Diabetes: prodúcese por unha alteración no aproveitamento dos azucres debido a unha carencia total ou parcial da hormona insulina ou a que esta non cumpre a súa función. O risco de sufrir eventos cardiovasculares é entre dúas e tres veces máis alta entre as persoas con diabetes tipo 1 ou tipo 2. O perigo é maior entre as mulleres. Ademais, as persoas con diabetes teñen maior risco de sufrir unha apoplexía.
  • Inactividade física: unha persoa inactiva é quen dedica menos de 30 minutos de actividade moderada 5 veces á semana ou menos de 20 minutos de actividade vigorosa 3 veces á semana. Este tipo de persoas teñen un risco de mortalidade entre o 20 % e o 30 % superior a quen si cumpre con estes mínimos de actividade física semanal.
  • Dieta non saudable: tomar elevadas cantidades de graxas saturadas, graxas trans e sal, mentres se reducen as de froitas, verduras e peixe, relaciónase cun aumento no risco de sufrir afeccións cardiovasculares.
  • Colesterol: é un tipo de graxa producido polo fígado e necesario para regular unha serie de funcións orgánicas. Ter os niveis de colesterol elevados (por encima dos 200 miligramos por decilitros) significa que se padece hipercolesterolemia, o que incrementa o risco de sufrir unha enfermidade cardíaca e un accidente cerebrovascular. Aínda que pode ter unha orixe hereditaria, esta afección tamén se pode desenvolver por unha alimentación pouco saudable.
  • Obesidade: é o aumento do peso corporal por encima dun 15 % do valor considerado normal, debido a un incremento da graxa corporal. A obesidade relaciónase cos principais factores de risco cardiovasculares, como a presión arterial elevada, a intolerancia á glicosa, a diabetes tipo 2 e a dislipidemia.

Pero a Federación Mundial do Corazón lembra que tamén hai factores que non poden modificarse, como a idade, o sexo e a historia familiar.

Ante todo, segundo Aecosan, hai que ter en conta que “a promoción da saúde cardiovascular (práctica regular de actividade física, unha alimentación saudable, non fumar, non ter exceso de peso e manter valores normais de tensión arterial) pode reducir ata nun 81 % o risco de mortalidade por calquera causa aos 7,5 anos”.

Alimentos que coidan do corazón

Unha dieta equilibrada reforza a saúde do corazón. A Fundación Española do Corazón (FEC) destaca dez alimentos con propiedades beneficiosas para o corazón:

  • Noces: preveñen os problemas cardiovasculares grazas aos seus altos niveis de ácidos graxos omega 3, que protexen o corazón.

  • Brócoli: contén ácido fólico, zinc, ferro, calcio, vitamina K, antioxidantes… Axuda a reducir o risco de accidentes vasculares.

  • Chocolate negro: axuda a restaurar a flexibilidade das arterias e evita que os leucocitos se peguen ás paredes dos vasos sanguíneos.

  • Amorodos: conteñen flavonoides, que contribúen a dilatar as arterias, protexen o endotelio (a capa interior dos vasos sanguíneos) e controlan a tensión arterial.

  • Curry: a curcumina, un potente antioxidante presente neste condimento, reduce as probabilidades de sufrir insuficiencia cardíaca e hipertensión polas súas propiedades antiinflamatorias.

  • Té verde: unha ou dúas cuncas ao día contribúen a previr enfermidades cardiovasculares, xa que axudan a diminuír os niveis altos de graxa no sangue.
    Perfil etapa 1 norte

  • Aceite de oliva: a súa inxestión diaria axuda a protexer a saúde cardiovascular grazas á súa composición en ácidos graxos e polos seus antioxidantes.

  • Salmón: axuda a reducir os niveis de colesterol e triglicéridos e incrementa a fluidez do sangue, ao mellorarse a elasticidade das paredes arteriais.

  • Viño tinto: o etanol e os polifenois teñen efectos beneficiosos sobre as moléculas inflamatorias causantes da aterosclerose.
    02 albergue casa cervino

  • Legumes: conteñen proteínas de excelente calidade e a súa pouca graxa favorecen uns saudables niveis de colesterol no sangue.