Cereais para o almorzo

Saudables e ben elaborados

O estudo de oito mostras, pertencentes a catro tipos, revela que cumpren con todo o que establece a norma
1 Setembro de 2004
Img analisis listado

Saudables e ben elaborados

/imgs/20040901/img.analisis1.01.jpg
Analizáronse oito mostras de cereais de almorzo en flocos ou expandidos. Tres son mueslis (Kellogg’s Muslix Country Store, Alpen e Pascual Muesli Extra), dous están enriquecidos en fibra (Nestlé Fibra 1 e Kellogg’s All-Bran Plus), dous son cereais para “coidar a liña” (Nestlé Fitness e Kellogg’s Special K) e un preséntase en barriña (Weetabix).

Os cereais en flocos ou expandidos son alimentos axeitados para o almorzo. Estímase que un bo almorzo axuda a que o rendemento escolar ou laboral sexa satisfactorio. Un almorzo ideal podería estar composto por lácteos, cereais e froita. Estes cereais achegan moitos hidratos de carbono, polo que se consideran alimentos enerxéticos, e conteñen tamén proteínas, graxas, vitaminas, minerais e fibra. O mercado ofrece gran diversidade de cereais para o almorzo, se ben para o consumo habitual convén elixir os de menor contido en sodio, azucres simples e graxas saturadas.

O almorzo máis económico realizaríase con Muesli Extra de Pascual, que sae a 3,69 euros/quilo, e o máis caro co de Alpen, a 6,16 euros/quilo.
As análises de laboratorio demostraron que as oito mostras se axustaban ós requisitos establecidos pola norma para cereais en flocos ou expandidos. Ademais, comercialízanse ben etiquetadas, incluíndo a composición nutricional, e non conteñen ingredientes transxénicos.

Os mueslis, polo seu contido en froitos secos, teñen máis graxa có resto, e os que máis vitaminas proporcionan son Nestlé Fitness.

A achega enerxética en cinco mostras é semellante, próxima a 360 calorías cada cen gramos. Entre elas, figuran as dúas “para coidar a liña”, Kellogg’s Special K e Nestlé Fitness, pero esta suposta contradición non é tal, xa que os dous teñen menos graxa e máis hidratos de carbono, estes últimos máis doados de “queimar” polo organismo cás graxas. Os dous menos enerxéticos, Kellogg’s All-Bran Plus e Nestlé Fibra 1 (ambos os dous, arredor de 270 calorías cada cen gramos) son os que teñen máis fibra: preto do 30%, cando a media dos demais non chega ó 8%.

A cata puxo de relevo diferenzas moi significativas: a barriña Weetabix (só 4 puntos) é a mostra peor valorada, aínda que Alpen (muesli) queda en 4,9 puntos. As mellor cualificadas: Pascual Muesli Extra (7,3 puntos) e Nestlé Fitness (7 puntos). A mellor relación calidade-prezo é Nestlé Fitness e outra boa opción é Pascual Muesli Extra. Para quen prefira cereais enriquecidos en fibra, a mellor elección é Nestlé Fibra 1.

Moitas variedades

O mercado ofrece unha gran variedade de cereais de almorzo.

  • Os flocos obtéñense de fariñas refinadas e conteñen sal, azucre e malta entre outros ingredientes. Están fortificados con vitaminas e minerais, co fin de compensar o efecto do refinado ó que se someten as fariñas.
  • Os inflados elabóranse insuflándolles aire a presión a pequenos fragmentos de masa creados con fariña refinada de diversos grans. Son máis lixeiros e crocantes ca outros cereais pero conteñen menos fibra.
  • Integrais e ricos en fibra: as variedades integrais elabóranse co gran enteiro do cereal. A súa achega nutritiva e de fibra é maior cá dos cereais refinados. Tamén son ricos en fibra os que incorporan froitos secos e froitas desecadas.
  • O Muesli componse de cereais (avea, arroz inflado, trigo, millo, etc.), froitos secos (noces, améndoas, abelás…) e froitas desecadas ou deshidratadas (pasas, mazá, plátano, coco, amorodos, etc.).
  • Os cereais “para gardar a liña” teñen unha achega calórica semellante ou mesmo superior á doutras variedades. Diríxense a quen desexa coidar a súa figura, alegando que son un vehículo extra de nutrientes dos que hai risco de déficit cando se segue unha dieta hipocalórica, pero unha adecuada dieta hipocalórica de máis de 1200 calorías por día a base de alimentos comúns pode satisfacer as necesidades de vitaminas e minerais do noso organismo.
  • As barriñas de cereais pesan pouco, caben en calquera peto, aturan mellor a calor e o frío sen necesidade de illante térmico, desfanse na boca case sen esforzo e dixírense facilmente, pero achegan menos enerxía e nutrientes ca unha manchea de cereais inxeridos xunto a unha cunca de leite. Os seus ingredientes son: salvado, flocos de avea, trigo, millo, arroz, pasas, améndoas, mazá, azucre, mel, lactosa e outros compoñentes lácteos, leite en po, chocolate, etc. Algúns fabricantes enriquécenas con proteínas lácteas ou vexetais, como as de soia.

Cumpren a norma

/imgs/20040901/img.analisis1.02.jpg
Estes cereais non poden conter residuos de praguicidas en proporcións superiores ás permitidas nas súas materias primas e ingredientes. Detectáronse restos de praguicidas en catro mostras, Kellogg’s Muslix, Weetabix, Nestlé Fibra 1 e Kellogg’s All-Bran Plus, pero ningunha superou os máximos permitidos. No tocante a metais pesados, detectouse chumbo nas oito mostras e cadmio en Nestlé Fitness, Nestlé Fibra 1 e Kellogg’s All-Bran Plus, pero ningunha se achegou nada ás cantidades máximas permitidas. Outras substancias tóxicas que se poden atopar nos cereais son a ocratoxina e as aflatoxinas, pero comprobouse a súa ausencia nas oito mostras analizadas. Tamén se verificou, mediante análise microbiolóxica, que o estado hixiénico-sanitario das oito mostras era satisfactorio.


O nutricional

As mostras estudadas pertencen a varios tipos de cereais, con distintos ingredientes e enriquecementos en nutrientes, o que fai que a súa composición nutricional sexa diferente. Agora ben, as oito teñen os hidratos de carbono como nutriente maioritario; proceden dos cereais (hidratos de carbono complexos, como o amidón) e mais tamén dos azucres e outros ingredientes engadidos como frutosa, xarope de glicosa, froitos secos ou cachos de froita. Os maiores contidos en carbohidratos ofrécenos os dous “coidar a liña” (Kellogg’s Special K e Nestlé Fitness), cun 75% e 80% deste nutriente, mentres que o menor se viu nos enriquecidos en fibra (Nestlé Fibra 1 e Kellogg’s All-Bran Plus), cun 48% de media. Para aumentar o sabor e mellorar a textura do cereal, engádense azucres sinxelos: agás a barriña Weetabix (co 3%), tódalas mostras superaron o 13% de azucre, e Pascual Muesli chegou ata o 27%.

O contido en proteínas variou desde o 8% de Nestlé Fitness ata o 15% de Kellogg’s Special K. Son proteínas de calidade intermedia, deficitarias no aminoácido esencial lisina, pero os lácteos conteñen lisina, polo que un almorzo de cereais con leite proporciona proteínas completas. A proporción de graxa é superior nas variedades con froitos secos e/ou chocolate e nas que máis usan aceites ou graxas vexetais. Mentres que nas dúas de “gardar a liña”, nas barriñas Weetabix e nos enriquecidos en fibra a graxa vai desde o 1,3% ata o 4%, nos mueslis chega ata o 7,3% de Alpen.

Consumir fibra é moi conveniente: combate o estrinximento, mellora a diverticulose e prevén o cancro de colon. O consumo recomendado é de 20 a 40 gramos diarios. As maiores cantidades de fibra víronse en Nestlé Fibra 1 e Kellogg’s All-Bran Plus (cereais integrais con salvado), cun 30% e 28%, respectivamente. No resto son moi inferiores, desde o 2,6% de fibra de Kellogg’s Special K ata o 10,6% da barriña Weetabix. Hai dous tipos de fibra: a soluble, predominante en legumes, verduras e froitas, e a fibra insoluble, abundante nos cereais. Esta última ten maior efecto laxante, pero a soluble é máis polivalente: regula os niveis de colesterol e o tránsito intestinal e controla os picos de azucre en sangue (moi interesante para persoas diabéticas). As dúas mostras que engaden fibra fano a xeito de extracto de malta, unha fibra soluble.


Vitaminas e minerais

Na elaboración dos cereais aplícanse procesos e temperaturas (altas) que reducen o contido inicial de vitamina B1. Moitos fabricantes reforzan os cereais en vitamina C e vitaminas do grupo B, amais de minerais. Algúns destes nutrientes interveñen como cofactores de reaccións implicadas no metabolismo enerxético, de grande importancia para nenos, embarazadas e persoas en situacións carenciais. Ademais, xunto co ferro, axudan á prevención de certos tipos de anemias.
As oito mostras conteñen (en distintas cantidades, véxase cadro) vitaminas B1, B2, B3, B5, B6, B9, B12 e vitamina C; a única excepción é Alpen, que non ten vitaminas B1, B2 e B6. Nestlé Fitness engade, ademais, vitamina E, e Pascual Muesli Extra engade vitamina D3. Unha ración de 40 gramos destes cereais pode cubrir a cuarta parte das inxestións diarias recomendadas destas vitaminas; así e todo, pódense obter cunha dieta equilibrada e variada.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito mostras de cereais de almorzo en flocos ou expandidos. Tres son mueslis, dous están enriquecidos en fibra, dous son cereais para “coidar a liña” e un preséntase en barriña.
  • Estes cereais son recomendables para o almorzo. Para un consumo habitual, convén elixir os de baixo contido en sodio, azucres sinxelos e graxas saturadas. v
  • Os oito cumprían os requisitos da norma e estaban correctamente etiquetados.
  • Son unha importante fonte de fibra. Nestlé Fibra 1 e Kellogg’s All-Bran Plus (ambos os dous, cereais integrais con salvado) teñen preto dun 30% de fibra e o resto van desde o 2,6% de Kellogg’s Special K ata o 10,6% da barriña Weetabix.
  • A cata puxo de manifesto diferenzas moi significativas: a barriña Weetabix (só 4 puntos) foi a mostra peor cualificada. As mellores foron Pascual Muesli Extra (7,3 puntos) e Nestlé Fitness (7 puntos).
  • A mellor relación calidade-prezo é Nestlé Fitness e outra opción interesante é Pascual Muesli Extra. Para quen os prefira enriquecidos en fibra, a mellor elección é Nestlé Fibra 1.
Marca Denomi- nación NESTLÉ
Fitness
PASCUAL
Muesli Extra
NESTLÉ
Fibra 1
KELLOGG`S
Special K
Prezo (euros / quilo) 4,11 3,96 4,65 5,64
Etiquetaxe Correcta Correcta Correcta Correcta
Compoñentes
Cereais (%) 100 81 100 100
Froitos secos (%) Non contén 4,6 Non contén Non contén
Cachos froita (%) Non contén 14,4 Non contén Non contén
Humidade (%) 2,9 9,1 2,8 2,8
Proteína (%) 8,1 10,3 12,7 14,7
Hidratos de carbono totais (%) 79,9 65,8 46,6 75
Azucres simples (%) 17,4 26,9 13,8 15,3
Graxa total (%) 1,3 6,9 3,3 2
Valor calórico (Kcal/100 g) 364 367 267 377
Fibra total (%) 4,4 6,1 30,4 2,6
Vitaminas
Vitamina B3 (mg/100 g) 27,5 17,3 16,2e 24,4
Vitamina B1 (mg/100 g) 2,9 2,6 1,8 3,4
Vitamina B12 ( g/100 g) 2,2 1,4 1,1 1,56
Vitamina B2 (mg/100 mg) 1,3 1,4 2,6 2,9
Vitamina B5 (mg/100 g) 15 5,6 4,8 5,4
Vitamina B6 (mg/100 g) 3,4 2,7 1,5 4,1
Vitamina B9 (µg/100 g) 308 268 137 303
Vitamina C (mg/100 g) 84,3 84,3 37,1 87,9
Minerais
Calcio (mg/100 g) 666,3 37,4 446,7 71,5
Fósforo (mg/100 g) 209,4 288,7 539,9 236,3
Magnesio (mg/100 g) 44 77,7 171,3 45,1
Ferro (mg/100 g) 19 8,4 6,2 21
Metais pesados 1
Cadmio (mg/kg) 0,059 Ausencia 0,063 Ausencia
Chumbo (mg/kg) 0,058 0,072 0,029 0,049
Ocratoxina 2 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Aflatoxinas 3 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Praguicidas 4 Ausencia Ausencia Presencia Ausencia
OXM 5 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Estado micro
biolóxico
Correcta Correcta Correcta Correcta
Cata (1 a 9) 7,0 7,3 5,7 6,4
Marca Denomi- nación KELLOGG`S
Muslix Country Store
KELLOGG`S
All-Bran Plus
WEETABIX
Barritas de cereales
ALPEN
Cereales con fruta y frutos secos
Prezo (euros / quilo) 5,21 5,32 5,65 6,16
Etiquetaxe Correcta Correcta Correcta Correcta
Compoñentes
Cereais (%) 86,2 100 100 85
Froitos secos (%) 2 Non contén Non contén 3,7
Cachos froita (%) 11,8 Non contén Non contén 11,3
Humidade (%) 7,2 3,2 6 7,4
Proteína (%) 9,5 10,8 11,2 12,3
Hidratos de carbono totais (%) 69,2 49 68 61,1
Azucres simples (%) 22,1 16,9 3,1 13,7
Graxa total (%) 5,2 3,9 2,3 7,3
Valor calórico (Kcal/100 g) 362 274 338 354
Fibra total (%) 6,6 28,2 10,6 9,9
Vitaminas
Vitamina B3 (mg/100 g) 14,5 16,2 16,4 0,5
Vitamina B1 (mg/100 g) 0,9 0,9 2 Non contén
Vitamina B12 ( g/100 g) 0,65 0,9 0,5 0,58
Vitamina B2 (mg/100 mg) 1,2 2,5 1,3 Non contén
Vitamina B5 (mg/100 g) 5,7 5,5 5,8 5,2
Vitamina B6 (mg/100 g) 1 1,2 0,5 Non contén
Vitamina B9 (µg/100 g) 113 219 155 0,08
Vitamina C (mg/100 g) 24,7 62,1 73 24,8
Minerais
Calcio (mg/100 g) 57,9 63,2 32,1 70,4
Fósforo (mg/100 g) 321,8 583,7 262,6 329,1
Magnesio (mg/100 g) 82,9 189,4 72,9 86,2
Ferro (mg/100 g) 8,4 9,6 10,5 3,1
Metais pesados 1
Cadmio (mg/kg) Ausencia 0,048 Ausencia Ausencia
Chumbo (mg/kg) 0,048 0,033 0,038 0,068
Ocratoxina 2 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Aflatoxinas 3 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Praguicidas 4 Presencia Presencia Presencia Ausencia
OXM 5 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Estado micro
biolóxico
Correcta Correcta Correcta Correcta
Cata (1 a 9) 5,9 5,4 4,0 4,9

(1) Metais pesados: substancias contaminantes para o corpo humano. A cantidade máxima de chumbo permitida nos cereais é de 0,2 mg/kg e a de cadmio de 0,1 mg/kg e 0,2 mg/kg para o salvado, gran de trigo e arroz.

(2) Ocratoxina: toxina producida por determinadas especies dos mofos Aspergillus e Penicillium.

(3) Aflatoxinas: toxinas producidas por determinadas especies do mofo Aspergillus. Son substancias carcinóxenas xenotóxicas.

(4) Praguicidas: Composto químico utilizado polo home para combater as pragas. As cantidades detectadas son inferiores ó máximo establecido pola norma.

(5) OXM: organismos modificados xeneticamente.

Un por un

Un por un, oito cereais para almorzo

NESTLÉ Fitness

  • Saen a 4,11 euros/quilo. Mellor relación calidade-prezo.
  • Non ten froitos secos nin froita. Os de menos proteínas (8,1%) e graxa (1,3%) e os de máis hidratos de carbono (80%). Os de máis vitamina B3, B12, B5, B9, calcio e un dos de máis vitamina C. Os de menos fósforo e magnesio.
  • Na cata, os segundos mellores, con 7 puntos: gábase por “doce” e “crocante” e non recibe críticas.

PASCUAL Muesli Extra

  • Sae a 3,96 euros/quilo, os máis baratos.
  • Outra boa opción. O de máis froitos secos (4,6%) e froita (14,4%), pero tamén o segundo con máis graxa (6,9%) e o de máis azucres simples (26,9%).
  • Na cata, os mellores, con 7,3 puntos: reciben gabanzas por “variedade de cereais”, “presenza de pasas”, “doces”, “aparencia” e “sabor que deixa” e non recibe críticas.

NESTLÉ Fibra 1

  • Sae a 4,65 euros/quilo. Non ten froitos secos nin froita.
  • Os de menos hidratos de carbono (46,6%) e poder enerxético (267 cal/100 g), e os de máis fibra (30,4%). Restos de praguicidas en cantidades inferiores ás aceptadas pola norma.
  • Na cata, 5,7 puntos: eloxiados por “bo sabor” e “crocante” e criticado por “aparencia” e “pouco sabor”.

KELLOGG'S Special K

  • 03 albergue irurok
    Sae a 5,64 euros/quilo. Non ten froitos secos nin froita.
  • Os máis proteicos (14,7%) e enerxéticos (377 cal/100 g), e os de menos fibra (2,6%). A maior cantidade de vitamina C, e tamén de ferro (21 mg/100 g).
  • Na cata, 6,4 puntos: gabanzas por “bo sabor”, “aparencia” e “crocante” e críticas por “pouco sabor”.

KELLOGG'S Muslix Country Store

  • Sae a 5,21 euros/quilo.
  • Baixos contidos en vitamina C e vitamina B1. Restos de dous praguicidas en cantidades inferiores ás aceptadas pola norma.
  • Na cata, 5,9 puntos: gusta pola “presencia de pasas”, “variedade de ingredientes” e “sabor que deixa”, pero tamén se critica por “insípido”.

KELLOGG'S All-Bran Plus

  • Sae a 5,32 euros!quilo. Non ten froitos secos nin froita.
  • Achega un 28,2% de fibra total (a segunda maior cantidade). Unha das dúas menores proporcións de vitamina B1 e a maior de fósforo e magnesio.
  • Restos de praguicidas en cantidades inferiores ás aceptadas pola norma.
  • Na cata, 5,4 puntos: gabanzas por “bo sabor” e críticas por “pouco sabor” e “pastoso”.

WEETABIX Barriñas de cereais

  • Saen a 5,65 euros/quilo. Non ten froitos secos nin froita.
  • Os de menos azucres sinxelos (3,1%). Do 10,6% de fibra total o 2,7% é soluble. A menor cantidade de vitamina B6 e calcio (32 mg/100 g). Restos de praguicidas en cantidades inferiores ás aceptadas pola norma.
  • Na cata, os peores, con 4 puntos: criticado por “insípido”, “pastoso” e “aparencia”. Ningún comentario positivo.

ALPEN Mestura de cereais con froita e froitos secos

  • Saen a 6,16 euros/quilo, son os máis caros.
  • Os de máis graxa (7,3%). Do 9,9% de fibra total, o 4,2% é soluble. Únicos que non engaden vitaminas B1, B2 e B6. Ademais, os seus contidos en vitaminas B3, B9, C e ferro son os máis baixos.
  • Na cata, a segunda peor puntuación, con 4,9 puntos: gusta por “presencia de pasas” e “variedade de cereais”, pero é criticado por “insípido” e “duro”.