Matrimonio e unións de feito

Redúcense as diferencias

É no ámbito económico (pensións, herdanzas...) onde prevalecen as maiores diferencias
1 Marzo de 2002

Redúcense as diferencias

O debate social sobre a equiparación entre unións de feito e matrimonios continúa dividindo a cidadáns e xuristas. Aínda que se trata dunha cuestión que queda dentro da intimidade de cada parella, ámbito que o Dereito ten que respectar, posturas contrarias sobre a equiparación ou non destes dous tipos de unión pugnan por impoñerse. Segundo algúns sectores, optar pola unión de feito podendo casar implica quedar fóra do réxime matrimonial, para o bo (menos trámites na fin da relación) e para o malo (pensión de viuvez ou de xubilación). Outras correntes aducen que as unións de feito se deben considerar como familias protexibles, e o certo é que pouco a pouco se perciben cambios, como a creación de rexistros de unións de feito, que acurtan as diferencias entre matrimonios e unións de feito. Aínda así, non hai unha lei de parellas de feito, aínda que estas, se son heterosexuais, se recoñecen legalmente para determinados efectos. Pese a que polo momento se dilucidan de maneira distinta algunhas cuestións, sobre todo as de índole económica (herdanzas, pensións compensatorias, asignación da vivenda en caso de separación), as unións de feito poden xa ata adoptar nenos -incluso as parellas homosexuais inscritas en Navarra. Precisamente as grandes discriminadas ante a lei son as unións entre persoas do mesmo sexo: non poden contraer matrimonio (segundo a Constitución española, un home só pode casar cunha muller e unha muller cun home) nin acollerse ós mesmos dereitos cás parellas heterosexuais inscritas nalgúns rexistros de unións de feito.

Réximes distintos

  • Matri- monio. A Lei prevé tódolos efectos da súa vixencia (dereitos e deberes dos esposos, réxime económico, vivenda familiar e cargas do matrimonio, pensión de viuvez, seguridade social, dereitos sucesorios, adopción), e o que acontece no caso de ruptura (atribución do uso da vivenda, pensión compensatoria, liquidación do réxime económico…).
  • Unión de feito. En 1992 o Tribunal Supremo definiu as unións de feito como convivencias que se desenvolven en réxime de coexistencia cotiá, estable, con permanencia temporal consolidada ó longo dos anos, practicada de xeito externo e público, creándose así intereses e fins comúns no núcleo dun mesmo fogar. Non sendo nas comunidades autónomas que aprobaron unha lei específica, os dereitos e obrigas preséntanse como algo difuso e, ás veces, dificilmente predicible. Se non existe pacto expreso nin norma específica, son os tribunais os que deben resolve-los conflictos que se produzan, o que finalmente se traduce en inseguridade xurídica. A vantaxe é que non cómpre adoptar ningunha maneira especial para que naza esta relación nin acudir a un procedemento xudicial para pórlle fin.
  • En calquera caso, para acceder ós dereitos que a normativa nacional lles concede actualmente a estas parellas hai que acreditar que existe a convivencia e unha estabilidade -mediante testemuñas, unha certificación do padrón municipal, facturas por gastos comúns…-. Na regulación autonómica pode resultar esixible unha declaración ante notario ou inscribirse en determinado rexistro. De feito, en numerosos municipios creáronse rexistros de unións de feito co obxecto de que posteriormente se poida obter unha certificación do tempo de permanencia da unión.

Rexistros de parellas

Un primeiro paso para elimina-la discriminación que se produce cara a parellas non legalizadas foi a creación de rexistros de parellas, dispoñibles en máis de 200 concellos do noso país. Neles pódense inscribi-las unións de convivencia non matrimonial de dúas persoas, incluso as do mesmo sexo. Deste xeito conseguen os mesmos dereitos da Administración local que calquera matrimonio en cuestións coma o acceso a subvencións, vivendas públicas, concesión de axudas e bolsas ou exencións fiscais en impostos. Esta medida supuxo un importante paso cara a diante no recoñecemento dos dereitos das parellas que non están casadas.

Comunidades pioneiras

As peticións de moitos colectivos lograron que actualmente en seis Comunidades Autónomas -Aragón, Cataluña, Navarra, Valencia, Madrid e Baleares- se regulase unha Lei de Parellas de Feito. Estas normas igualan o matrimonio e as unións de feito no ámbito do dereito público de cada Comunidade, quedando fóra tódalas materias que son competencia do Estado, como pensións ou herdanzas.

A primeira destas leis aprobouse en outubro de 1998 en Cataluña. A súa Lei de Unións Estables de Parella regula os dereitos e obrigas destas parellas e recoñécelles, entre outros, dereitos hereditarios por igual ós heterosexuais e homosexuais. En marzo de 1999 Aragón creou unha lei para parellas estables non casadas, que tamén establece dereitos e obrigas, pero trata conxuntamente ás parellas do mesmo e distinto sexo. En xullo do 2000, Navarra aprobou a lei máis avanzada de tódalas que hai, a Lei Foral para a Igualdade Xurídica das Parellas Estables. Por primeira vez poden adoptar nenos as parellas do mesmo sexo. A Comunidade Valenciana aprobou en marzo do 2001 unha lei de parellas de feito na que lles outorga ás parellas inscritas no rexistro e que acrediten unha convivencia mínima dun ano os mesmos dereitos ca ós matrimonios nas relacións coa Administración autonómica. En decembro do 2001 a Asemblea de Madrid aprobou a Lei de Unións de Feito. Esta Lei, que lle outorga á parella a posibilidade de recoller en contrato privado o réxime e os acordos económicos de convivencia, así como as compensacións en caso de ruptura, evita recoñecer que as unións de feito son familias, e non contempla a adopción ou o acollemento familiar por parte de parellas de feito. O pasado xaneiro entrou en vigor a Lei de Parellas Estables das Illas Baleares que, a diferencia das outras leis en vigor, non establece como requisito a convivencia previa das parellas. Outras Autonomías como Andalucía, Asturias, Canarias ou o País Vasco, anunciaron a tramitación dunha lei que lles recoñeza iguais dereitos a tódalas parellas, sexan do tipo que sexan. Castela-A Mancha, Andalucía e Estremadura contan xa cun rexistro autonómico.

Diferencias entre matrimonio e unións de feito

Os tribunais aplicaron a analoxía para dilucidar litixios entre parellas non casadas sobre alimentos, garda e custodia dos fillos, réxime de visitas, uso e goce do domicilio conxugal. En cambio, seguen pautas diferentes coa pensión compensatoria, indemnización por convivencia e liquidación dos bens adquiridos durante o tempo de vida en común. O Tribunal Supremo xustifica isto aducindo que quen se uniu de feito, podendo casar, o fixo precisamente para quedar excluído da disciplina matrimonial, e, aínda sendo unha familia tan protexible coma a matrimonial, non constitúe unha situación equivalente ó matrimonio. Os posibles conflictos derivados das consecuencias económicas da ruptura aprécianse caso por caso, sen presumi-la existencia dunha sociedade de gananciais. Polo tanto, é difícil xeneralizar unha teoría xurídica aplicable a este tipo de conflictos.

Herdanzas

  • Sen testamento:

    • Nas unións de feito, o viúvo/a non herda nada. Nos matrimonios, o cónxuxe viúvo/a herda unha porcentaxe, que varía entre un tercio e o 50% dos bens, dependendo de que haxa ou non outros herdeiros lexitimarios, como fillos ou pais do finado.
    • Con fillos: nas unións de feito, os fillos herdan o 100% da herdanza. Nos matrimonios, os fillos herdan o 100% da herdanza, agás o usufructo dun tercio da herdanza, que é para o cónxuxe viúvo/a.
    • Sen fillos: nas unións de feito, se non hai fillos pero si pais ou ascendentes, herdan o 100% dos bens os pais. En caso de que a vivenda habitual sexa propiedade común da parella, os pais do finado herdan o 50% da propiedade da vivenda. Cando a vivenda é propiedade exclusiva do falecido, pasa á propiedade dos pais do finado. Nos matrimonios, se non hai fillos pero si pais ou ascendentes, herdan os pais, respectando o dereito do cónxuxe viúvo ó usufructo da metade dos bens.
    • Non habendo descendentes ou ascendentes, nas unións de feito herdan os irmáns e os sobriños, mentres que nos matrimonios herda o 100% o cónxuxe.
  • Con testamento:

    • Con fillos: nas unións de feito, se hai fillos ou netos en representación dun fillo previamente falecido, a persoa coa que convive pode herdar un tercio de tódolos bens, se así se expresa no testamento. Os dous tercios restantes correspóndenlles por lei ós fillos. Nos matrimonios, se hai fillos ou netos en representación dun fillo previamente falecido, o cónxuxe pode herdar un tercio de tódolos bens, se así o recolle o testamento, e mailo usufructo doutro tercio. O resto é por lei para os fillos.
    • Sen fillos: os pais do falecido teñen dereito á metade dos bens, dereito que debe ser respectado aínda que haxa testamento. A outra metade queda de libre disposición e pode ser para a parella. Nos matrimonios, se hai pais, pero non fillos, aqueles teñen dereito a un tercio da herdanza. O cónxuxe pode ser nomeado herdeiro dos outros dous tercios.
    • Nas unións de feito, o testador é libre para designar herdeiro/a de tódolos seus bens á súa parella de feito, pero só se non hai descendentes nin ascendentes (inclúense os avós). Nos matrimonios, cando non hai descendentes nin ascendentes (inclúense os avós), o testado é libre para nomear herdeiro de tódolos seus bens ó seu cónxuxe.

É recomendable para os membros das parellas de feito facer testamento. Unha posibilidade engadida é a doazón en vida, respectando os dereitos de herdeiros lexitimarios e acredores.

Pensión de xubilación

As persoas casadas poden aumenta-lo mínimo por cobrar se teñen un cónxuxe ó seu cargo. Nas parellas de feito non se ten en conta.

Pensión de viuvez

O viúvo casado pode recibila. Se falece un dos membros dunha parella de feito, o outro non cobra nada. Unha excepción: o dereito da persoa que conviviu en unión de feito por non poder casar mentres non había lei do divorcio.

Fiscalidade

Os matrimonios teñen a opción de realiza-la declaración do IRPF de maneira conxunta ou individual. Esta posibilidade non existe para os membros das unións de feito, que teñen que realizala sempre de maneira individual. Tampouco se ten en conta a unión de feito para obter algunha rebaixa fiscal nalgún tributo, como acontece nos matrimonios. Sen embargo, as parellas de feito gozan das mesmas deduccións cás casadas por cada un dos fillos que teñan ó seu cargo, aínda que cada membro deberá aplica-la metade da deducción na súa declaración.

Asistencia sanitaria

En 1984, a Secretaría Xeral da Seguridade Social dictou unha resolución pola que acordou dispensar asistencia sanitaria á persoa que, sen ser cónxuxe, conviva co titular do dereito, así coma ós seus fillos, sempre que demostre que vive ás súas expensas e que a anterior convivencia tivo lugar ininterrompidamente como mínimo durante o ano anterior á solicitude do seu recoñecemento como beneficiario.

Separación

Cando se produce unha ruptura pódense dar conflictos como que só unha das partes poida seguir co uso da casa. Para o matrimonio, a lei establece as medidas a adoptar na maioría das situacións. Pero non acontece o mesmo no caso das parellas non casadas. A ruptura das unións de feito non está regulada a nivel estatal, o que fai que na práctica sexa difícil resolve-los posibles conflictos.

Pensión compensatoria. Se unha das partes da unión de feito sacrifica a súa profesión en beneficio do fogar e dos fillos, chegado o final da relación non verá compensado o seu esforzo, pois a lei non prevé unha pensión compensatoria semellante á que establece para o divorcio dun matrimonio cando existe un desequilibrio económico entre os dous membros.

Vivenda. No caso do matrimonio a lei resolve este problema atribuíndo o uso da vivenda a aquela parte máis necesitada de protección. A nivel estatal, se a parella de feito non chega a un acordo, en principio terá preferencia o propietario, se só hai un. Se ámbolos dous o son, non están obrigados a manterse en indivisión e poderán reclamar xudicialmente o cese da titularidade común.

Unións homosexuais

Polo momento, en España e na maioría dos países do noso contorno cultural as parellas homosexuais non teñen dereito a contraeren matrimonio. A Constitución española recoñece e garante o dereito do home e a muller a contraer matrimonio, pero a lexislación vixente non permite o matrimonio entre dúas persoas do mesmo sexo. Non é a orientación sexual a que impide o matrimonio, senón a identidade sexual: non poden contraer matrimonio entre si dúas persoas do mesmo sexo. Os principios constitucionais de liberdade, igualdade, libre desenvolvemento da personalidade e o dereito fundamental á intimidade, que protexen o ámbito da sexualidade, impedirían a discriminación por motivos de orientación sexual. Pero non é esta a opinión maioritaria nin de máis peso entre os xuristas. Un motivo que parece servir de xustificación á diferencia de tratamento é a imposibilidade de ter fillos. Aínda así, cómpre lembrar que o noso ordenamento xa non considera como impedimento para contraer matrimonio a impotencia, nin sequera a inexistencia de órganos sexuais.

O recoñecemento xurídico das unións homosexuais iníciase timidamente en España, pero o principal debate non é tanto o dereito a contraer matrimonio, senón outro máis básico: ser recoñecidas como unións de feito equiparables ás heterosexuais e, polo tanto, acceder ó status de familia protexible. É a Lei de Arrendamentos Urbanos a primeira que fai unha equiparación, ó recoñece-lo dereito á subrogación mortis causa nos alugueiros de vivenda. Segundo este principio, cando falece o membro dunha unión de feito, que era o que figuraba no contrato de arrendamento, o contrato pode continuar a nome do outro membro, con independencia da súa orientación sexual. E no ámbito autonómico, Navarra converteuse na primeira autonomía que lles permite adoptar menores ás unións de feito formadas por homosexuais.