Análise documental para coñecer os sistemas nacionais e internacionais de control e vixilancia da inocuidade e calidade dos alimentos

Redes que salvan vidas

600 millóns de persoas no mundo enferman cada ano por inxerir alimentos contaminados, de aí a importancia dos sistemas de control dos alimentos, tanto no eido nacional coma internacional
1 Abril de 2016
Img tema de portada listado 189

Redes que salvan vidas

Só pasaron 2 meses desde a última alerta alimentaria. A empresa multinacional Mars solicitou a retirada dalgúns dos seus produtos en 55 países (entre eles España), despois de que unha consumidora alemá atopase un anaco de plástico de medio centímetro no interior dunha barriña de chocolate Snickers, fabricada nunha planta de Holanda. Foi a propia compañía a que tomou a iniciativa de sacar estes produtos do mercado, por considerar que había risco de asfixia; aínda que, segundo as autoridades alemás, tiña a obriga legal de facelo.

Este tipo de alertas xeran inquietude no consumidor que, cada vez con maior frecuencia, se pregunta de que forma se producen, elaboran e comercializan os produtos que inxire, así como o tipo de control que se exerce sobre eles para garantir a súa inocuidade e calidade, tanto dos alimentos exportados coma dos que se producen no interior do país. E non é para menos, xa que segundo datos da Axencia Española de Consumo e Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) “os alimentos que conteñen bacterias, virus, parasitos ou substancias químicas nocivas causan máis de 200 enfermidades, que van desde a diarrea ata o cancro”.

EROSKI CONSUMER quixo realizar unha análise sobre o funcionamento do sistema de xestión de alertas alimentarias (tanto en España coma no ámbito comunitario), cuxa finalidade última é protexer a saúde pública, previr a fraude e o engano, evitar a adulteración dos alimentos e fomentar o comercio. Todos eles obxectivos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Para iso, utilizáronse as seguintes fontes: OMS, FAO, EUFIC (Consello Europeo de Información sobre a Alimentación, nas súas siglas en inglés), a Comisión Europea, Aecosan, FIAB (Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas), ELIKA (Fundación Vasca para a Seguridade Agroalimentaria) e OCU (Organización de Consumidores e Usuarios).

A pegada das infeccións alimentarias

Impacto

Unha de cada dez persoas no mundo enferma cada ano por inxerir alimentos contaminados; en total, ata 600 millóns de persoas. Morren 420.000 e, delas, 125.000 son nenos menores de 5 anos (case un 30 % do total deste tipo de defuncións, aínda que este grupo só representa o 9 % da poboación mundial). Son datos do informe “Estimación da carga mundial das enfermidades de transmisión alimentaria”, elaborado pola OMS sobre o impacto dos alimentos contaminados na saúde e no benestar.

As persoas que habitan en países de ingresos baixos e medianos son, segundo a entidade internacional, as que maior risco teñen de padecer enfermidades de transmisión alimentaria. Trátase dun perigo vinculado á preparación de alimentos con auga contaminada, á falta de hixiene e condicións inadecuadas na produción e no almacenamento de alimentos, ao baixo nivel de alfabetismo e educación e á insuficiencia de leis en materia de inocuidade dos alimentos ou á súa falta de aplicación.

A OMS explica que, por regra xeral, as enfermidades transmitidas polos alimentos son de carácter infeccioso ou tóxico. Cáusanas bacterias, virus, parasitos ou substancias químicas que penetran no organismo a través da auga ou dos alimentos contaminados. Os síntomas dunha enfermidade de transmisión alimentaria poden ser de curta duración (náuseas e diarrea) ou doenzas máis prolongadas (cancro, insuficiencia renal ou hepática e trastornos cerebrais e neuronais).

Así pois, a OMS lembra que “a inocuidade dos alimentos é unha responsabilidade compartida” e insiste “na necesidade de que os gobernos, a industria alimentaria e a xente fagan máis por asegurar a inocuidade dos alimentos e previr as enfermidades”. Para iso, asegura, “é necesario educar e capacitar os produtores de alimentos, os provedores, as persoas que manipulan alimentos e o público en xeral sobre a prevención das enfermidades de transmisión alimentaria”.

Infeccións en Europa

Segundo o informe da OMS, a rexión europea é a menos afectada no eido mundial polas enfermidades de transmisión alimentaria. Aínda así, máis de 23 millóns de persoas enferman cada ano por tomar alimentos malsáns e 5000 persoas morren.

As enfermidades máis comúns provocadas por alimentos insalubres son as diarreicas. Uns 15 millóns de persoas ven infectadas por norovirus (un grupo de virus que son a causa máis común da gastroenterite) e 5 millóns por campilobacteriose (enfermidade infecciosa producida por bacterias do xénero Campylobacter e que xeralmente se transmite ao ser humano a través de aves infectadas). Ademais, segundo a OMS, a salmonelose tifoide (infección causada pola bacteria Salmonella typhi) causa na rexión europea o maior número de mortes, case 2000 ao ano.

E a toxoplasmose transmitida por alimentos (unha enfermidade parasitaria grave que se propaga por medio de carne crúa ou mal cocida, así como das verduras e froitas mal lavadas) afecta a máis de 1 millón de persoas na rexión cada ano. Por último, a OMS destaca a listeriose (infección grave que xeralmente se propaga ao consumir verduras crúas contaminadas, comidas preparadas, carnes procesadas, peixe afumado ou queixos brandos), que causa ao redor de 400 mortes ao ano.

Perigos e importancia da vixilancia

Os perigos

No documento “Garantía da inocuidade e calidade dos alimentos: directrices para o fortalecemento dos sistemas nacionais de control dos alimentos”, a FAO e a OMS lembran que protexer a inocuidade e a calidade dos alimentos é unha cuestión de saúde pública e de grande importancia para os consumidores.

O informe destaca unha serie de factores que contribúen a poñela en risco: prácticas agrícolas inadecuadas, falta de hixiene en todas as fases da cadea alimentaria, ausencia de controis preventivos nas operacións de elaboración e preparación dos alimentos, utilización inadecuada de produtos químicos, contaminación de materias primas, ingredientes e auga ou almacenamento insuficiente ou inadecuado etc.

Ademais, enuméranse outros riscos: microorganismos patóxenos (como E. coli ou salmonela), residuos de praguicidas alimentarios, contaminantes de metais pesados e ambientais, contaminantes químicos (incluídas as toxinas biolóxicas), adulteración, organismos xeneticamente modificados (cambios xenéticos dos alimentos), alérxenos e residuos de medicamentos veterinarios e hormonas promotoras do crecemento, utilizados na produción animal.

Esta listaxe de perigos alimentarios é unha consecuencia de experiencias reais que se sucederon ao longo da historia da alimentación. Se se bota a vista atrás, hai tan só unhas décadas, ocorreron algunhas das crises que supuxeron un punto de inflexión á hora de lexislar e fortalecer a seguridade alimentaria. Por exemplo, os métodos ilegais de engorde dos gandeiros europeos, a crise das vacas tolas, a contaminación con dioxinas de aves e ovos de curral belgas, a gripe aviaria ou a crise do cogombro (que en realidade se debía a brotes de soia alemáns contaminados con E. coli). E, relacionadas con produtos españois, tamén se poden mencionar outras crises, como a do aceite de colza ou a da peste porcina.

Da granxa á mesa

Segundo a FAO, o comercio internacional de alimentos é unha industria que xera 200.000 millóns de dólares ao ano e na que se producen, comercializan e transportan miles de millóns de toneladas de alimentos. O seu volume e importancia non deixa de crecer, tal e como explica a OMS, como consecuencia da expansión da economía mundial, da liberalización do comercio de alimentos, da crecente demanda de consumo, dos avances da ciencia, da tecnoloxía e das melloras do transporte e as comunicacións.

E, en paralelo ao aumento da globalización da produción e do comercio de alimentos, tamén crecen os perigos de que se produzan incidentes internacionais relacionados con alimentos contaminados. Por iso, os consumidores esixen protección en toda a cadea alimentaria. Tal e como explica a OMS, “desde o produtor primario ata o consumidor (un todo continuo que iría da granxa á mesa)” porque “a protección só terá lugar se todos os sectores da cadea actúan de forma integrada”.

De aí a importancia dos sistemas de control dos alimentos, tanto no ámbito nacional coma internacional, porque a colaboración entre os diferentes países e a fluidez da información é básica á hora de evitar calquera crise alimentaria.

Precisamente, con esta filosofía, creouse unha rede internacional de vixilancia e control dos alimentos con ramificacións internacionais, rexionais e nacionais. Unha “rede de alerta alimentaria” que a FIAB, no seu manual Xestión de alertas de seguridade alimentaria, define como un sistema de comunicación entre puntos de contacto que lles permite ás autoridades competentes transmitir rapidamente información crucial sobre os posibles riscos que certos alimentos poderían ter para a saúde humana. Isto permite, segundo a entidade, tomar as decisións oportunas; entre elas, inmobilizar o produto ou retiralo dunha forma áxil.

Prevención

Para a FAO, o coñecemento científico das enfermidades transmitidas por alimentos ofrece unha base preventiva para establecer medidas regulamentarias e lograr a inocuidade dos alimentos, tanto no ámbito nacional coma internacional.

Nesa prevención, hai tres ferramentas que xogan un papel fundamental nunha correcta xestión da seguridade alimentaria. A FIAB defíneas da seguinte forma:

  • APPCC(Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico): axuda os operadores alimentarios a identificar, avaliar, previr e controlar os perigos que poden afectar un produto ou liña de produción. Baséase en 3 principios: detectar perigos, establecer límites e medidas correctivas e elaborar documentos e rexistros.
  • Prerrequisitos: son as condicións básicas da produción que se necesitan para que os alimentos sexan seguros. Forman parte das boas prácticas de hixiene e fabricación. Un exemplo de prerrequisito é o deseño das instalacións segundo as necesidades de hixiene, calidade da auga, xestión de residuos e subprodutos.
  • Rastrexabilidade: trátase dun sistema para obter toda a información dispoñible sobre a historia dun alimento. Esta historia posúe unhas implicacións moi importantes en termos de calidade, seguridade e prevención. A aplicación da rastrexabilidade require de tecnoloxía que permita a interpretación de códigos a unha linguaxe máis comprensible polo consumidor final.

Os vixilantes

A rede internacional

No eido internacional, quen orienta as accións de control e coordina os requisitos de calidade e inocuidade dos alimentos é a Comisión do Codex Alimentarius. A FAO e a OMS crearon este organismo intergobernamental en 1963 para “elaborar normas alimentarias internacionais harmonizadas e protexer así a saúde dos consumidores e fomentar prácticas leais no comercio dos alimentos”. Hoxe, as normas do Codex garanten, segundo a FAO, que os alimentos sexan saudables e que poidan comercializarse.

EUFIC explica que, aínda que as normas do Codex non son vinculantes desde un punto de vista xurídico, teñen un gran peso e unha sólida base científica. Cando hai conflitos comerciais sobre produtos alimentarios, a Organización Mundial do Comercio (OMC) recorre a elas, e tamén serven como punto de partida para as lexislacións e normativas nacionais e rexionais.

O Codex reúne miles de normas. Poden ser xerais (sobre hixiene, etiquetaxe, residuos de pesticidas e medicamentos usados en veterinaria, sistemas de inspección e certificación das importacións e exportacións, métodos de análises e mostraxe, aditivos alimentarios, contaminantes e nutrición e alimentos para usos dietéticos especiais) e específicas para certos alimentos (froitas e verduras frescas, conxeladas ou procesadas; zumes de froita; cereais e legumes; graxas e aceites; peixe; carne; azucre, cacao e chocolate, e leite e outros produtos lácteos).

Os axentes patóxenos ou as substancias contaminantes presentes nos alimentos non respectan as fronteiras entre países e pódense propagar sen control. Por iso é polo que se considera básico fortalecer as relacións entre as autoridades sanitarias de todos os países. O organismo garante do intercambio rápido de información en situacións de emerxencia é Infosan, a Rede Internacional de Autoridades de Inocuidade dos Alimentos. Desenvolvida conxuntamente pola OMS e a FAO, trátase dunha rede de puntos de contacto ou centros de ligazón que lles axuda aos Estados membro (181 en 2012, 53 deles en Europa) a xestionar os riscos relacionados coa inocuidade dos alimentos.

A rede europea

A Comisión Europea, a través da Dirección Xeral de Saúde e Consumidor, xestiona o RASFF (Rapid Alert System for Food and Feed). Do mesmo xeito ca Infosan, é un sistema formado por puntos de contacto en todos os países e organizacións membros do RASFF, que intercambian información sobre calquera risco para a saúde. Pero o RASFF tamén colabora no eido internacional con Infosan e ambos os sistemas comparten información.

E como funciona o sistema RASFF? No momento no que un dos seus membros ten información sobre un risco sanitario grave procedente de alimentos ou pensos, debe informar rapidamente a Comisión Europea a través do sistema RASFF. Esta avalía a información e remítea ao resto de membros do sistema europeo para que tomen as medidas oportunas. E faino a través de 4 tipos de notificación:

  1. Alerta: mándanse no caso de que estean á venda alimentos ou pensos que presenten un grave risco e deban emprenderse accións de forma rápida.
  2. Información: úsanse na mesma situación que as alertas, pero cando os outros membros non deben adoptar medidas de forma rápida porque o produto non se atopa no mercado ou o risco non se considera grave.
  3. Rexeitamento en fronteira: afecta as remesas de alimentos e pensos que se examinaron e rexeitaron nas fronteiras exteriores da UE e do Espazo Económico Europeo (EEE) ao detectarse un risco sanitario.
  4. Noticias: é calquera información relacionada coa seguridade dos alimentos e dos pensos que non se comunicou como unha notificación de alerta ou de información, pero que as autoridades de control considerasen interesante.

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) xoga un papel importante no RASFF. Como brazo científico da Comisión Europea, avalía, comunica os riscos asociados á cadea alimentaria e asesora desde un punto de vista científico para que a Comisión e os Estados membro da UE poidan tomar decisións efectivas.

En función do tipo de notificación, os membros do RASFF toman medidas e informan a Comisión. No caso dos rexeitamentos en fronteira, por exemplo, comunícanse todos os postos fronteirizos; é dicir, os dos 27 Estados membro da UE, Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza. Deste xeito, garántese que os produtos rexeitados non volvan entrar na UE a través doutro posto fronteirizo.

A rede española

A Unión Europea obriga os seus Estados membro a crearen un plan nacional de control a través do Regulamento (CE) n.º 882/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre sanidade animal e benestar dos animais.

En España, existe o Plan nacional de control oficial da cadea alimentaria (PNCOCA), onde se describen detalladamente os sistemas de control oficial ao longo de toda a cadea alimentaria española, desde a produción primaria ata os puntos de venda ao consumidor final. Revísase anualmente para actualizar os seus contidos, entre outros motivos, debido á introdución de cambios na lexislación (tanto na comunitaria coma na nacional ou autonómica) ou tamén porque se poden producir novos problemas sanitarios ou patoloxías.

Ademais, en España, existe o Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI) que se encarga de xestionar a rede de alerta alimentaria. Mantén unha vixilancia constante fronte a posibles riscos relacionados con alimentos e permite o intercambio rápido de información entre as distintas autoridades competentes para que tomen as decisións oportunas en caso de risco alimentario.

A Aecosan é a coordinadora do SCIRI, ademais de constituírse como punto de contacto no RASFF e en Infosan. O seu papel principal consiste en avaliar e comunicar os riscos asociados á cadea alimentaria, como unha fonte independente de asesoramento científico e técnico en materia de alimentos e pensos.

Pero o sistema español de alerta alimentaria (SCIRI) ten outros puntos de contacto: as autoridades competentes en materia de seguridade alimentaria das comunidades autónomas e das dúas cidades autonómicas; organizacións sectoriais, como FIAB, ANGED (Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución), ASEDAS (Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados) e ACES (Asociación de Cadeas Españolas de Supermercados); o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (para riscos relacionados coa importación de determinados produtos alimenticios procedentes de países terceiros) e o Ministerio de Defensa.

Por tanto, o SCIRI utilízase para comunicar información sobre riscos relacionados cos alimentos. Os tipos de notificacións clasifícanse de forma similar ao sistema do RASFF: alerta, información, rexeitamento e varios.

Info gl