Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

: RADIOGRAFÍA DA GALLETA

É UN CAPRICHO PARA OS MÁIS PEQUENOS E UN PECADO PARA OS MAIORES. PERO COIDADO AO ESCOLLER. UNHA ELECCIÓN ACERTADA DEBE CONSIDERAR A CANTIDADE DE AZUCRES QUE ACHEGAN, O SEU PERFIL LIPÍDICO E OUTROS ASPECTOS COMO O SAL OU A FIBRA.

GRAXA: CANTIDADE E CALIDADE

As graxas son unha das fontes calóricas máis importantes. Moitas veces, con moi mala fama. Pero algúns tipos resultan fundamentais para a saúde: teñen ácidos graxos esenciais (para un correcto funcionamento do organismo), son un vehículo de vitaminas liposolubles (A, D, E e K) e precursores de moléculas con importantes funcións biolóxicas. Distinguimos tres tipos en función dos ácidos graxos que as integran: saturadas (relacionadas cun peor perfil lipídico), insaturadas (monoinsaturadas e poliinsaturadas, con efectos beneficiosos) e trans (relacionadas con enfermidades cardiovasculares).

En xeral, asóciase a inxesta de ácidos graxos saturados cun peor perfil lipídico (colesterol total e colesterol LDL, é dicir, o colesterol malo) e, xa que logo, a maior risco de enfermidades do corazón. O tipo de graxa que contén unha galleta é tanto ou máis relevante que a súa cantidade. Á hora de comprar, debemos fixarnos, sobre todo, nas saturadas, e elixir as que teñen unha menor cantidade.

Entre os fabricantes, o valor por ración móvese nun amplo espectro, polo que se pode elixir unha opción máis responsable que outra. Algunhas das galletas analizadas combinan altas cantidades de graxas saturadas e de graxas totais, o que redobra a súa carga calórica. Por exemplo, as galletas Chips Ahoy suman un total de 12 g de graxa por cada ración de 50 g, o que supón nada menos que un 24 % de graxa total. No outro extremo atopariamos La Buena María de Fontaneda, que ten menos da metade: 5,3 g.

É un problema a cantidade de graxa saturada que proporcionan as galletas ou algunhas delas? Fagamos cálculos. Sabemos que a inxesta de referencia de graxa saturada ascende a un máximo recomendado de 20 g por persoa ao día (algo inferior para os nenos), polo que comer habitualmente produtos procesados ricos nestas graxas provocará que ese límite máximo se exceda con facilidade. Pensemos, ademais, que non todas as graxas saturadas son iguais; estudos recentes indican, por exemplo, que as graxas do leite e os seus derivados ou os ovos son nutricionalmente mellores que as presentes noutros alimentos procesados como bolaría ou galletas.

Hai que recordar que moitos alimentos habituais e necesarios nunha dieta saudable son tamén portadores de ácidos graxos saturados, ademais doutros nutrientes de interese, como proteínas de calidade. Algúns exemplos: un vaso de leite enteiro ten ao redor de 5,5 g; 10 ml de aceite de oliva (a cantidade con que aliñamos unha ensalada), 1,4 g; un iogur natural de 125 g, 2,3 g; un filete de 150 g de carne de tenreira, 4,5 g; un par de ovos cocidos, 4 g, e 100 g de anchoas, ao redor de 3 g. É moi fácil chegar a sumar os 20 g de graxa saturada diarios case sen darnos conta, e facelo con produtos cuxa presencia na nosa dieta debe priorizarse sobre as galletas. Dito doutro xeito: nunha dieta saudable non hai sitio para a inxesta cotiá deste produto. Esta é una das razóns polas que as galletas deben consumirse só de xeito ocasional.

Marcas con máis e menos graxas saturadas da mostra

  • María integral EROSKI: 3,3%
  • OREO bañadas chocolate blanco: 36,5%
  • Media de graxas saturadas: 12,6%

% Graxas saturadas por ración.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións