Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Axuda domiciliaria : Profesionais para os maiores

O 80% dos coidadores de anciáns traballan sen contrato e contan cunha formación deficiente

Provedores do servizo

A axuda a domicilio é competencia das administracións públicas, por regra xeral dos concellos, que a prestan cos seus propios servizos ou de maneira concertada. Neste caso, os concertos asínanse con empresas privadas, cooperativas de traballo asociado e organizacións non gobernamentais como Cáritas e Cruz Vermella. Para solicitar este servizo o habitual é recorrer ao concello da localidade de residencia, onde facilitan información sobre as condicións en que se presta o servizo e sobre os requisitos que cómpre reunir para ter dereito a el. Condicións que teñen que ver coa situación económica, co grao de dificultade para valerse por si mesmo, coa existencia ou non de familiares que poidan prestar a axuda, etc. Ás veces o servizo facilítase de modo gratuíto, pero outras veces o beneficiario debe pagar unha cantidade variable, dependendo da contía da súa pensión ou situación económica. Se se recorre a unha empresa privada págase unha tarifa fixa por hora de asistencia.

A prestación deste servizo parte tanto das entidades públicas como de empresas privadas. No caso destas últimas, polo feito de ser un servizo orientado a persoas maiores, deben estar en posesión da autorización administrativa outorgada pola comunidade autónoma correspondente.

Malia a regularización e control do servizo, son moitas as persoas que por intentaren aforrar uns cartos, contratan os servizos de particulares que lles son, na maioría dos casos, descoñecidos. Estes a miúdo ofrécense para coidaren do ancián e para lle faceren compañía baixo a aparencia de asistencia domiciliaria. Os datos son contundentes: estímase que o 80% dos coidadores de anciáns traballan sen contrato e sen cualificación profesional.

Un sector en continuo crecemento

O mercado de servizos asistenciais a domicilio experimentou nos últimos anos un forte crecemento, paralelo ao aumento do número de persoas maiores dependentes e ao crecente interese das administracións públicas en incrementar o grao de cobertura dos servizos de axuda a domicilio e teleasistencia.

Segundo o estudo “Servizos Asistenciais a Domicilio”, realizado no 2006 por DBK, empresa especializada na elaboración de estudos de análise sectorial e da competencia, o valor do mercado dos servizos asistenciais a domicilio alcanzou os 740 millóns de euros, o que supuxo un aumento do 16% con respecto ao ano anterior, favorecido polo incremento no número de usuarios. Por tipo de servizo, o de axuda a domicilio rexistrou un crecemento do 16%, alcanzando un valor de 655 millóns de euros. Este segmento continuou sendo o de maior importancia, cunha participación do 88% do mercado total. Pola súa banda, o de teleasistencia representou o 12% restante, cunha cifra de 85 millóns de euros no 2006. Este segmento amosou o maior dinamismo e rexistrou un crecemento do 21%.

A finais do 2006 o sector atopábase integrado por unhas mil empresas, na súa maioría de pequeno tamaño cun ámbito de actuación provincial ou local, e organismos sen ánimo de lucro. Os cinco primeiros operadores en termos de facturación -Cruz Vermella, Eulen Servizos Sociosanitarios, Mapfre Quavitae, Clece e ASISPA- rexistraron unha cota conxunta do valor do mercado do 30%.

Para 2008 prevese un incremento do número total de usuarios situado arredor do 16-17%, o que permitirá achegarse á cifra de 985.000 usuarios de servizos asistenciais a domicilio.

Consellos para contratar a mellor axuda

  • Consulte varias empresas para poder establecer comparacións, e dar co mellor servizo.
  • Formúlelles todas cantas cuestións considere oportunas.
  • Non dubide en acudir aos especialistas en materia de asuntos sociais e terceira idade para que o asesoren e para que lle indiquen as alternativas das que dispón en materia de asistencia domiciliaria (públicas e mais privadas). Pídalle asesoramento ao traballador social do seu distrito ou centro de saúde sobre as empresas de axuda a domicilio que figuran nos rexistros.
  • Teña en conta que a axuda a domicilio non é un servizo de fogar. A súa principal función é atender o maior. Non obstante, algunhas empresas ofrecen ambas as dúas opcións. Consulte todos estes detalles para deixar claro que tipo de servizo necesita.
  • Asegúrese de que o persoal está cualificado e de que ten a experiencia suficiente para atender a unha persoa maior. Se dubida da profesionalidade do auxiliar, esixa o seu título de capacitación.
  • Verifique que a empresa que lle vai prestar os seus servizos está autorizada e rexistrada pola consellaría de Servizos Sociais da súa comunidade autónoma.
  • Desconfíe de empresas que non faciliten un enderezo e/ou teléfono fixo.
  • Lea polo miúdo o contrato para evitar problemas posteriores. Comprobe que prestacións concretas están incluídas no servizo e cales non. Insista para que lle estipulen por escrito os servizos que lle van prestar, con horarios e orzamentos.
  • Esixa unha factura que inclúa o seu número, CIF e domicilio social da empresa.
  • Desconfíe dos particulares que se ofrecen para vivir cun maior para atendelo e para lle facer compañía baixo a aparencia de asistencia domiciliaria. Teña en conta que a axuda a domicilio require unha preparación profesional. Non se pode deixar en mans de calquera. Está en xogo que os maiores se atopen a gusto e protexidos dentro do seu fogar.
  • Saiba que os auxiliares de axuda a domicilio non poden administrar inxeccións, facer curas nin manipular sondas.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións